Certame de Teatro do Miño
Tanto a representación de O Incerto Señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958) como as obras dramáticas xurdidas pinga a pinga na década de 1950, valeron de antecedentes para a creación do Certame de Teatro do Miño, celebrado en Lugo no ano 1960. A el concorreron un número significativo de obras, entre as cales o xurado seleccionou as seguintes:
- A Noite Vai como un Río, de Álvaro Cunqueiro.
- Nicolás Flamel, de Daniel Cortezón.
- A Volta de Ulises, de Xosé Luís Franco Grande.
- O Auto do Labrego, de Manuel María.
- Orestes, de Arcadio López-Casanova.
- Os Homes Poden ser Deuses, de Juan María Gallego.
Precisamente un dos membros do xurado, Ricardo Carvalho Calero, narra en 1982 o proceso de selección das obras nun artigo de prensa (o cal foi incluído en Ricardo Carvalho Calero (2000): Escritos sobre Teatro, A Coruña: Biblioteca-Arquivo “Francisco Pillado Mayor” da Universidade da Coruña). En dito artigo, Carvalho sinala un trazo cumún a todas as obras escollidas: tratábase dun teatro evasivo e elitista, acorde co Teatro de Cámara.
Tamén clasificou Ricardo Carvalho Calero nese mesmo traballo as obras arriba refenciadas, as cales se poderían dividir en tres grupos:
- Obras simbolistas: as cales serían A Noite Vai como un Río, de Álvaro Cunqueiro; e Nicolás Flamel, de Daniel Cortezón).
- Primeiras mostras no teatro galego da fabula palliata, sendo estas: A Volta de Ulises, de Xosé Luís Franco Grande; Orestes, de Arcadio López-Casanova e Os Homes Poden ser Deuses, de Juan María Gallego.
- Concepción tradicional do teatro galego como dramática de tema rural: O Auto do Labrego, de Manuel María.
O Certame do Miño contou cunha única edición, mais a súa importancia é incuestiónabel. Sendo un produto da recuperación cultural (agromada en Galiza na década de 1960), valeu para que aparecesen novos autores, e achou continuidade nos Premios de Teatro Castelao (1963-1965).