Álvaro Pais
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1275 O Salnés, España |
Morte | 5 de xullo de 1353 (77/78 anos) Sevilla, España |
Bispo | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | teólogo, sacerdote |
Orde relixiosa | Ordes franciscanas |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Católica |
Frei Álvaro Pais (tamén coñecido en latín Alvarus Pelagius, e en castelán Álvaro Pelayo ou Álvaro Pelagio), nado no Salnés, c. 1275, e finado en Sevilla o 25 de xaneiro de 1352, foi un teólogo franciscano galego e bispo de Silves (1334-1352).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu arredor de 1275.[1] Crese que Álvaro fose fillo ilexítimo do trobador galego Paio Gómez Chariño[2]. Estudou primeiramente na corte de Sancho IV de Castela, partindo despois para Italia, co obxectivo de estudar dereito en Boloña e Perugia. En Boloña, tendo por mestre a Guido de Baisio, obtivo o grao de doutor nos dous dereitos (o civil e o canónico).[1]
En 1304, contactando cos Frades Menores reunidos en capítulo en Assis, e en particular co seu Mestre-Xeral, Gonçalo de Balboa, ingresou naquela orde mendicante, renunciando aos seus bens e doándoos ós pobres.[1] Estivo envolto nas disputas internas da orde, achegándose ós espirituais, que defendían unha interpretación máis rigorosa das palabras de San Francisco no que tocaba á pobreza.[1] Porén, por obediencia ó Papa (Xoán XXII), acabou por se afastar desa corrente.
Permaneceu en Italia, primeiro en Perugia, despois en Assis, e mudándose finalmente a Roma, estabelecéndose na Igrexa de Santa María de Aracoeli. Gran defensor do primado do Papa sobre o poder dos príncipes, tornouse legado do Papa Xoán XXII no conflito que o opuña xunto do Emperador, Lois IV de Baviera. Cando o Emperador fixo coroar o seu representante, Pietro Rainalducci, como Antipapa (baixo o nome de Nicolao V), Álvaro fuxiu para Anagni (1328), setenta quilómetros ó suroeste de Roma.
Dende alí partiu para Aviñón (1330), onde se atopaba o Papa coa súa corte, exercendo o cargo de penitenciario apostólico.[1] En 1332, o Papa liberouno da súa condición de bastardo, o que lle permitía o acceso a cargos eclesiásticos, sendo nomeado bispo titular da diocese de Corona, en Grecia. Porén, non chegou a tomar posesión.
O 9 de xuño de 1333, o Papa nomeouno bispo de Silves,[1] regresando por fin á Península Ibérica. Estivo envolto no conflito co rei portugués Afonso IV, por non o apoiar na guerra que este declarara ó monarca castelán Afonso XI, así como por non concordar cos impostos extraordinarios lanzados sobre os bens eclesiásticos para poder manter o conflito. Chegou a ser atacado por sicarios do rei, fuxindo para Sevilla, cidade dende onde continuou a rexer a súa diocese até á súa morte.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Burns, James Henderson, ed. (1988). The Cambridge History of Medieval Political Thought C.350-c.1450. Cambridge University Press. p. 658. ISBN 9780521423885.
- ↑ Filgueira Valverde, J. (1990). Fr. Álvaro Pelagio. Museo de Pontevedra.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gómez Ledo, A. (maio de 1932). "Alvar Sampaio, bispo, e penitenciario do papa Xohán XXII". Logos (17): 77-78.