Óbolo das Illas Xónicas
Óbolo das Illas Xónicas | |
---|---|
A/ BRITANNIA. Britannia sedente cara á esquerda. | R/ ΙΟΝΙΚΟΝ ΚΡΑΤΟΣ
1819. León de estilo veneciano |
Óbolo. 1819. Ceca: Royal Mint. CU. 9,47 g. 28 mm.[1] |
O óbolo (do grego: ὀβολός, obolos; plural oboli) das Illas Xónicas ou óbolo xónico, foi a moeda oficial dos Estados Unidos das Illas Xónicas desde 1819 ata a súa integración en Grecia en 1863.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O óbolo foi establecido como unidade monetaria das Illas Xónicas pola Administración británica en 1819 para substituír as series de moedas con contramarcas sobre as antigas gazetas xónicas, que amosaban o seu valor facial en kurus turcos.[3]
Ata 1834, un óbolo dividíase, pola súa vez e catro lepta (singular lepton), e a partir desa data pasou a dividirse en cinco lepta. Durante todo o período da súa existencia, o valor do óbolo foi equivalente ao medio penique inglés.[2]
30 lepta (6 óbolos) das Illas Xónicas | |
---|---|
A/ BRITANNIA. Britannia sedente cara á esquerda. | R/ ΙΟΝΙΚΟΝ ΚΡΑΤΟΣ
1819. León de estilo veneciano |
30 lepta (6 óbolos). 1862. Ceca: Royal Mint. AG. 1,41 g. 17 mm.[4] |
Cuñáronse moedas de cobre con valores de 1 lepton e 2 lepta, e dun óbolo e 2 óbolos. Entre 1834 e 1862 emitiuse tamén unha pequena moeda de prata (17 mm e 1,41 g) co valor infrecuente de 30 lepta ou, o que é o mesmo, 6 óbolos.[5][6][7]
Estas moedas foron cuñadas na Royal Mint, de Londres, e o seu deseño foi obra de William Wyon (1795-1951), gravador xefe da ceca real londiniense.[6][8]
Finalmente, en 1863 os británicos cederon a soberanía das Illas Xónicas a Grecia como agasallo co gallo do acceso ao trono de Xurxo I de Grecia (1863-1913), o que motivou que o óbolo xónico fose substituído polo dracma grego, cunha taxa de cambio de 20 óbolos por cada dracma.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "1 Obol - George III". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 "Information about currency: Ionian Obol". OnlineCoin.Club
- ↑ "Gazeta, Coin Type from Septinsular Republic". OnlineCoin.Club
- ↑ "1 Obol - George III". Numista.com
- ↑ "Ionian Islands • Obol (1819-1863)". Numista.com
- ↑ 6,0 6,1 "Coins: Ionian Obol". OnlineCoin.Club
- ↑ "Νομίσματα περιόδου 1801-1862". Coinsmania.gr
- ↑ "Νομίσματα περιόδου 1801-1862". Coinsmania.gr
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Óbolo das Illas Xónicas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Λάμπρου, Π. (1844). Νομίσματα και μετάλλια της Επτανήσου πολιτείας. [Lambrou, P. (1844). Moedas e medallas do Estado das Sete Illas]. Reedición faximilar pola editora Καραβία, Δ. Ν. en 2007. ISBN 978-960-258-102-5
- Cuhaj, G. S. (ed.). (2009). Standard Catalogue of World Coins 1801 - 1900. Sixth edition. Krause Publications. Páxinas 774-775. ISBN 9780896899407