21 Lutetia
Descubrimento | |
---|---|
Descuberto por | Hermann Mayer Salomon Goldschmidt |
Lugar do descubrimento | París |
Descuberta no | 15 de novembro de 1852 |
Designación do CPM | 21 |
Designación alternativa | |
Procedencia do nome | París |
Características orbitais | |
Periapse | 2,036 UA |
Apoapse | 2,834 UA |
Excentricidade | 0,164 |
Período orbital | 1387,902 d |
Inclinación | 3,064° |
Anomalía media | 75,393° |
Lonxitude do nodo ascendente | 80,917° |
Argumento da periapse | 250,227° |
Características físicas | |
Albedo | 0,208 |
Magnitude absoluta | 7,29 |
21 Lutetia é un asteroide pertencente ó cinto de asteroides e dun tipo espectral infrecuente. Mide uns 100 km de diámetro (aproximadamente 130 km no seu eixo máis longo). Foi descuberto en 1852, e o seu nome provén da denominación latina de París. É o asteroide máis grande visitado por unha sonda, a nave Rosetta.
Descubrimento e exploración
[editar | editar a fonte]Lutetia foi descuberto o 15 de novembro de 1852 por Hermann Goldschmidt desde o balcón do seu apartamento en París.[1][2] Entre novembro e decembro de 1852 o astrónomo alemán Georg Rümker e outros calcularon unha órbita preliminar.[3] En 1903 foi fotografado en oposición por Edward Pickering desde o observatorio de Harvard, calculándolle unha magnitude na oposición de 10,8.[4]
Hai rexistros de dúas ocultacións estelares de Lutetia, observadas desde Malta en 1997 e Australia en 2003, cunha única franxa observada en cada unha, e producindo resultados que máis ou menos coinciden coas medicións do satélite IRAS.
O 10 de xullo de 2010 a sonda espacial Rosetta, da ESA, aproximouse a Lutetia a unha distancia mínima de 3168 ± 7.5 km a unha velocidade de 15 km/s mentres ía de camiño ó seu encontro co cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko.[5] O achegamento proporcionou imaxes cunha resolución de ata 60 metros por píxel[6]. Entre os instrumentos de medida tamén se atopaban espectrómetros e experimentos de campo magnético, plasma, po e radio[6]. Os datos recollidos axudarán a determinar se Lutetia é un asteroide indiferenciado de clase C ou un asteroide de tipo M[6]. Antes de Lutetia, o asteroide máis grande visitado fora 253 Mathilde.
Características
[editar | editar a fonte]Masa
[editar | editar a fonte]O sobrevoo de Rosetta desmostrou que a masa de Lutetia é de 1,7x1018 quilogramos[6], menor que os 2,57x1018 kg estimados antes do sobrevoo.[7]
Composición
[editar | editar a fonte]A composición de Lutetia foi un enigma para os científicos durante un tempo, aumentando as investigacións en anticipación do sobrevoo de Rosetta. Aínda que foi clasificado como un asteroide de tipo M[8], a maior parte dos cales son metálicos, Lutetia é un dos membros anómalos e non mostra grande evidencia de metal na súa superficie. De feito hai indicios dunha superficie non metálica: un espectro plano e de baixa frecuencia, similar ó das condritas carbonáceas e asteroides de tipo C e distinto do espectro dos meteoritos metálicos, un baixo albedo de radar a diferenza dos altos albedos de asteroides metálicos como 16 Psyche, evidencia de materiais hidratados na superficie, abundancia de silicatos e unha capa máis grosa de regolito que na maioría de asteroides. Sospéitase que a densidade de Lutetia é alta, da orde de 5 g/cm3.
A sonda Rosetta descubriu que Lutetia está cuberto por unha capa de regolito duns 600 m de espesor, que suaviza as formas de moitos grandes cráteres.
Forma e inclinación axial
[editar | editar a fonte]As fotografías tomadas por Rosetta confirmaron os resultados da análise de 2003 da curva de luz que describía Lutetita como aproximadamente unha esfera con trazos irregulares. Un estudo levado a cabo por I. N. Belskaya et al entre 2004 e 2009 propoñía que "Lutetia ten unha forma non convexa, probablemente debido a un gran cráter"; aínda non está claro se as observacións de Rosetta apoian esta afirmación. A análise da curva de luz tamén indicou que os polos de Lutetia apuntan cara ás coordenadas eclípticas (β, λ) = (3°, 40°) ou (β, λ) = (3°, 220°), con 10º de incerteza, implicando unha inclinación axial de 85º ou 89º, respectivamente, o que significa que o eixo de rotación está aproximadamente paralelo á eclíptica, de forma parecida ó planeta Urano.
Nomenclatura
[editar | editar a fonte]En marzo de 2011 o grupo de traballo para a nomenclatura planetaria da Unión Astronómica Internacional acordou un esquema para nomear os trazos xeográficos de Lutetia. Dado que Lutetia (que tamén lle deu nome ó elemento químico Lutecio) era unha cidade romana (París), os cráteres dos seus asteroides levarían nomes de cidades do Imperio Romano e das partes adxacentes de Europa durante o tempo no que Lutetia existiu. As súas rexións serán nomeadas segundo o descubridor de Lutetia (Goldschmitt) e segundo as provincias do Imperio Romano do tempo de Lutetia. Outros trazos serán nomeados en base a ríos do Imperio Romano e das partes adxacentes de Europa no momento de existencia de Lutetia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dionysius Lardner (1867). Handbook of astronomy. James Walton.
- ↑ Goldschmidt, H. (1852). "Discovery of Lutetia Nov. 15". Monthly Notices of the Royal Astronomical Society 12: 213.
- ↑ Leuschner, A. O. (1935). "Research surveys of the orbits and perturbations of minor planets 1 to 1091 from 1801.0 to 1929.5". Publications of Lick Observatory 19: 29.
- ↑ Pickering, Edward C. (1930). "Missing Asteroids". Harvard College Observatory Circular 69: 7 e 8.
- ↑ Barucci, M. A.; Fulchignoni, M.; Rossi, A. (2007). "Rosetta Asteroid Targets: 2867 Šteins and 21 Lutetia". Space Science Reviews 128 (1-4): 67–78.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Amos, Jonathan (4 October 2010). "Asteroid Lutetia has thick blanket of debris". BBC News.
- ↑ Jim Baer (2008). "Recent Asteroid Mass Determinations". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2013.
- ↑ "JPL Small-Body Database Browser: 21 Lutetia". 13 de xuño de 2010.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Modelo da forma deducida da curva de luz Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
- Simulación orbital do JPL (Java) / Efemérides
- Blog de Rosetta Arquivado 07 de xullo de 2010 en Wayback Machine.
- Fotos de Lutetia tomadas por Rosetta Arquivado 12 de xullo de 2010 en Wayback Machine.
- Comparación do tamaño de asteroides e cometas visitados por sondas espaciais Arquivado 13 de marzo de 2011 en Wayback Machine. (Artigo do que procede a imaxe, da Planetary Society Arquivado 18 de marzo de 2012 en Wayback Machine.)
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: 21 Lutetia |