A peu per Galícia
A peu per Galícia. De la Ulloa a Val de Camba | |
---|---|
Título orixinal | A peu per Galícia |
Autor/a | Josep Maria Espinàs |
Orixe | Cataluña |
Lingua | Catalán |
Xénero(s) | Libro de viaxes |
Editorial | Edicions La Campana |
Data de pub. | 2002 |
Formato | Tapa branda con lapelas |
Páxinas | 264 |
ISBN | 9788495616114 |
Precedido por | A peu per Extremadura |
Seguido por | A peu per la Costa da Morte |
[ editar datos en Wikidata ] |
A peu per Galícia. De la Ulloa a Val de Camba é un libro de viaxes do escritor catalán Josep Maria Espinàs, publicado en lingua catalá por Edicions La Campana en 2002.
Relato
[editar | editar a fonte]Esta é a primeira visita de Espinàs a Galicia, quen desde 1957 xa publicara diversos libros de viaxes ambientados inicialmente en Cataluña e despois tamén en Castela, o País Vasco e Estremadura. En 2004, logo da catástrofe do Prestige en novembro de 2002, publicou A peu per la Costa da Morte.
Espinàs buscaba evitar zonas urbanas turistificadas e o camiño de Santiago, e un coñecido recoméndalle visitar Santa Mariña do Castro de Amarante, e a partir de aí deseña unha ruta circular desde Palas de Rei pasando por Agolada, Rodeiro, Chantada, Taboada, Monterroso, Antas de Ulla e Santa Mariña de novo. A viaxe foi feita en xullo de 2001. Espinàs vai acompañado do seu amigo Sebastià, e a metade de camiño uniuse a eles Isabel Martí, a editora de Espinás.
O xoves 19 de xullo chegan en avión até o aeroporto da Lavacolla, e van en taxi a Palas de Rei. O venres pola mañá saen cara a Santa Mariña pola Ponte Mercé, pasando por Albá e Coence até cruzar o río Ulla. Ao día seguinte saen cara a Agolada, onde visitan os pendellos. O domingo, de camiño a Rodeiro, pasan por Ventosa e O Az. O luns pola mañá, de camiño a Chantada, a muller que os hospeda en Rodeiro lévaos un anaco en coche pola subida do monte Faro. Despois seguen pola estrada vella, a LU-213 (tramo da antiga C-533), en paralelo ao CG-2.1. O martes seguen até Taboada, e a muller que os hospeda alí lévaos até o río Miño á altura do encoro de Belesar. O mércores 25 chegan a Monterroso pasando por Viloíde, Curuxás e Frameán. O xoves van cara a Antas de Ulla desvíanse por Verín, e despois pasan por Randulfe. O venres, último día da viaxe, van até Frádegas e baixan de novo até o Ulla, nas Augas. Seguen por Chorexe e Pidre até A Ponte Mercé, de regreso cara ao Castro de Amarante. Alí visitan o pazo e a igrexa, antes de que o taxi os leve de novo á Lavacolla.
Narración
[editar | editar a fonte]O autor describe decote as persoas, coas que procura establecer conversa. Amais fala dos lugares a través da arquitectura e a paisaxe. Visitan varios templos como a igrexa de San Tirso de Palas de Rei, a románica de Santiago de Albá, a de Amarante ou a de Frameán.
Fai referencia á toponimia, explicando ao lectorado en lingua catalá as semellanzas da etimoloxía de Agolada con Igualada e de Sabadelle con Sabadell. Porén, hai erros ao anotar topónimos, como *Gresulle por Gresulfe ou *Suciños por Buciños.
A obra, en lingua catalá, inclúe numerosos diálogos en castelán e galego. O autor preocúpase pola situación sociolingüística da lingua galega, con referencias a casos de diglosia.
No texto hai referencias literarias, con citas de Manuel María e Rosalía de Castro e mencións a Celso Emilio Ferreiro, Julio Camba, Antón Losada, Álvaro Cunqueiro e Camilo José Cela entre outros autores.