A sombra de Orfeo
A sombra de Orfeo | |
---|---|
Título orixinal | A sombra de Orfeo |
Autor/a | Ricardo Carballo Calero |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1971 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A sombra de Orfeo. Comedia en tres lances é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero. Foi escrita en 1948 en Esteiro (Ferrol) e publicada pola Editorial Galaxia en 1971[1]. Foi reeditada en 1982[2].
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Rafael
- Mariana
- Magdalena
- Luísa
- Fermina
- Elvira
- Antonia
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Lance Primeiro. Estancia dunha casa rústica habilitada para estudio de músico e pintor.
- Escena I
Mariana le unha carta de Rafael Golpe, famoso músico, na que acepta a proposta dela de lle facer dous retratos. A cambio pídelle que lle deixe unha cabana para ir alí con Luísa compoñer. Logo a pintora Mariana dialoga con varias discípulas e sabemos que el é o seu marido, pero xa non hai amor.
- Escena II
Marchan as discípulas e antes quedan para iren á cabana ver o pintor.
- Escena III
Rafael e a discípula Luísa dialogan xa na cabana, acaban de chegar, ela é case unha escrava do xenio sen vida propia e asume ese traballo con gusto.
- Escena IV
A moza Magdalena, discípula de Mariana, entra na cabana á noite, dialoga co pintor. Vai quedar a durmir na cama e el no sofá.
Lance segundo. A mesma decoración ca no primeiro.
- Escena I
Á mañá entra Luísa e dille ao pintor que apure, que vai chegar a súa muller. Estráñase de atopalo durmindo no diván. Magdalena, a “laverca”, di el, xa marchou.
- Escena II
Entra Mariana e mentres Luísa prepara o almorzo dialogan sobre o traballo desta sempre ao dispor do mestre e sen intereses propios, negando a súa valía musical.
- Escena III
Chegan as discípulas desexosas de coñeceren a Rafael.
- Escena IV
Breve escena na que as mulleres seguen nerviosas por veren o músico.
- Escena V
Mariana preséntalle as discípulas a Rafael. Coméntanlle que a mellor é Magdalena (ignorando que Magdalena xa estivo alí a durmir).
- Escena VI
Comeza a pintora os retratos e vaille falando das discípulas, sobre todo de Magdalena.
- Escena VII
Entra Magdalena, preséntanse, dialogan longamente sobre como deben ou deberían ser os retratos. Mariana dille que xa non é discípula, é tanto coma ela. Acaban acordando que cada unha delas fará un retrato do músico: “¿Vestiríalo de Orfeo, Magdalena?... !Por Deus, Mariana! De Orfeo só a luz infernal”.
Lance terceiro. A mesma decoración ca nos anteriores. Os retratos están rematados.
- Escena I
Rafael rematou a obra musical e agradécelle a Luísa as moitísimas suxestións e correccións, ela coma sempre agradecida de que llas tivera en conta. Rematados os retratos, para Rafael o de Magdalena: “son verdadeiramente Orfeo. Transfiguroume”. Sobre o de Mariana pensa el: “pintou un monstro”.
- Escena II
Entra Magdalena e conversa con Rafael sobre o cadro e unha sinfonía que lle vai dedicar. O pintor considera que Luísa é como un ninguén, con ela diante considérase coma se estivese só.
- Escena III
Rafael, Magdalena, Luísa, Mariana, Fermina. Elvira. Antonia.
Chegou o momento de que as discípulas vexan os cadros e opinen. Eloxian o bo retrato de Magdalena e do de Mariana: “¿Que quixeches facer, Mariana, unha caricatura?”. E entón Mariana toma unha decisión inesperada.
- Escena IV
Rafael dítalle a Luísa dúas cartas de despedida para Mariana e Magdalena. E el tamén toma unha decisión inesperada.
Características
[editar | editar a fonte]Na edición de 1971 dise:
... aborda problemas de psicoloxía erótica e profesional tratados cunha especial atención aos puntos de cruce de ambas liñas de comportamento humán, nun tono en que se elide a formulación específica do drama, só estoirante afinal nunha súpeta esplosión –e enganosamente- neutralizada por un desenlace epigonal con aparencia de anticlímax[3]
Segundo Sindo Villamayor:
... é unha comedia psicolóxica en tres lances. Ademais da recreación do mito de Orfeu, nesta obra hai un drama de mulleres; así, os eixos nucleares da acción dramática serían o (des)amor e a arte, tratados por Carvalho dentro das normas do teatro realista, respecto das esixencias de verosimilitude e das unidades de acción e de espacio[4]
O mesmo autor deixou dito sobre a obra:
... é realista no seu desenrolo, pero tamén responde a un pensamento. É, sobre todo, unha comedia psicolóxica... Tamén é un drama de mulleres, porque hai drama, non comedia, "A sombra de Orfeo", onde a única personaxe masculina é o músico e ao redor del xiran unha constelación de mulleres, todas elas, desde logo, dalgunha maneira, eroticamente relacionadas con el: a súa propria muller, a discípula da súa muller, a secretaria, coa cal non ten relación algunha erótica expresa, pero que, ao parecer, supón unha devoción por parte dela que, se non é atracción amorosa, non sei como chamarlle. En fin, hai unha serie de mulleres que xiran ao redor dun home, o cal sen embargo non se entrega en definitiva a nengunha, porque é un artista e considera que a muller é un elemento perturbador na súa creación artística[5].
Segundo Henrique Rabuñal:
A sombra de Orfeu, unha comedia psicolóxica de mulleres artistas con evidente substrato mítico e que predica moito do noso autor. Rafael accede a posar polas mañás para Mariana, de quen está separado, dedicando as tardes á música. A experiencia é seguida con interese por outras pintoras e en particular por Magdalena, quen vai facer un retrato antitético do de Mariana. O amor é incompatíbel coa arte.[6].
E engade o mesmo autor:[7] É unha comedia psicolóxica con unidade de lugar (unha estancia dunha casa rústica habilitada para estudio de músico e pintores). É unha peza de mulleres artistas con evidente substrato mítico e que predica moito do autor.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1971). Catro pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. Editorial Galaxia.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3.
- ↑ Carballo Calero 1971, p. lapela.
- ↑ Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1040. ISBN 84-89679-05-3.
- ↑ Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260-261. ISBN 84-7154-654-X.
- ↑ Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018.
- ↑ Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 147, 148. ISBN 978-84-9151-436-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castelao, Manuel (1910). Elucidacións na sombra. Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-196-5.
- Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. p. 260.