Saltar ao contido

Abreviatura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha abreviatura[1] é a representación escrita dunha ou varias palabras mediante unha ou varias das súas letras, a fin de que a palabra ou as palabras resulten máis curtas no texto. Créanse eliminando algunhas das letras ou sílabas finais ou centrais.

Calquera escritor pode crear unha abreviatura para o seu uso particular. No entanto moitas abreviaturas teñen unha forma convencional de uso xeral. Debido a esta facultade do escritor, adoita ser unha norma de estilo que as abreviaturas particulares ou as de uso específico sexan recollidas nun glosario ao principio ou o final da obra (especialmente cando esta é extensa e ten formato de libro).

Métodos para abreviar

[editar | editar a fonte]

Habitualmente considéranse dúas formas normais de abreviación: truncamento e contracción. A primeira implica a eliminación da parte final da palabra (por exemplo, "av." por avenida). As abreviaturas obtidas por truncamento nunca poden rematar en vogal (por exemplo, aínda que en inglés é moi habitual, a abreviación "ave." por avenida é incorrecta en galego). Na construción de abreviaturas por contracción, elimínanse as letras centrais da palabra e déixanse só as letras máis representativas (por exemplo, "avda." por avenida). Neste segundo método, é habitual o uso dunha letra ou letras finais voadas (por exemplo, "adm.or" por administrador ou "n.º" por número). Estas letras voadas poden escribirse subliñadas ou sen subliñar.

Como se indica máis arriba, a norma é que as abreviaturas sempre finalicen nun punto, excepción feita dos símbolos e os acrónimos. Tamén se exceptúan a esta regra aquelas abreviaturas en que o punto se substitúe por unha barra diagonal "/" coma nos casos de rúa ("r/") ou conta corrente ("c/c"). Como se observa no anterior exemplo, cando a abreviatura se compón de dúas palabras, o segundo punto e o espazo que separa a ambas palabras tamén se eliminan. Outro caso de excepción á regra do punto é o das abreviaturas que se escriben entre parénteses (por exemplo "(a)" por alias). Por contra, si se debe escribir o punto antes das letras voadas (por exemplo, "Sr.ª" por señora ou "art.º" por artigo), e isto inclúe o uso do mesmo en abreviaturas con numerais (por exemplo, "3.º" por terceiro). Por outra banda, cando a abreviatura sexa a última palabra da oración, o punto que sinala o final da mesma substitúe ao correspondente punto da abreviatura (por exemplo en "trouxo martelo, chaves etc."). No entanto, se a oración terminase con algún outro signo de puntuación (tipicamente o signo de interrogación ou os puntos suspensivos), o uso do punto si se considera necesario.

Outra cuestión interesante, é que as abreviaturas manteñen os tiles das súas palabras de orixe (por exemplo, "páx." por páxina ou "admón." por administración). Ata nas súas formas voadas (por exemplo en "C.ía").

Polo xeral, o uso de maiúsculas nas abreviaturas corresponde ao contexto en que aparecen. Por exemplo, "a. C." (non "A.C.") por antes de Cristo ou "a. D. g." por a Deus grazas. Así a todo, hai situacións nas cales esta regra non se segue. Por exemplo: os tratamentos ("D.", "Sr.") sempre se escriben con maiúsculas e algunhas abreviaturas moi comúns (como "P. V. P." ou "D. E. P.") sempre se escriben en maiúsculas.

As formas plurais das abreviaturas dependen da súa forma de construción. Se a abreviatura se obtivo polo procedemento de truncamento, a forma normal de usala en plural é mediante a adición dun -s ao final (por exemplo "páxs."). Se o truncamento só deixou unha letra (truncamento máximo), o plural exprésase duplicando dita letra (por exemplo "EE. UU." por Estados Unidos). Nas abreviaturas obtidas por contracción, as regras habituais de formación de plurais en galego son aplicables: -s se a abreviatura termina en vogal e se remata en consoante. Hai, no entanto, algunhas excepcións; como a forma habitual abreviada do plural da palabra vostede que é "Vds." e a forma habitual abreviada do plural da palabra peseta que é "pts." (e non "ptas"). As letras voadas utilizadas na formación de plurais tamén deben representar concordancia de número, de maneira que a forma correcta abreviada do plural de número é "n.os".

Cando a abreviatura se constrúe polo procedemento de contracción, o xénero das abreviaturas (nas palabras con dobre terminación) pode reflectirse engadindo un "o" ou unha "a" segundo sexa masculino ou feminino (por exemplo "Avg.do" por avogado e "Avg.da por avogada). No caso das palabras cuxa forma en xénero masculino termina en consoante e que son obtidas por truncamento, a forma normal de escribilas é engadindo un "a" voado ao final da abreviatura (por exemplo, "Prof.ª", profesora), aínda que non é infrecuente detectar casos nos que o "a" agregado non ten forma voada (derivados da dificultade no uso de caracteres voados que había nas máquinas de escribir antigas). As palabras que terminan en consoante e son obtidas por contracción poden utilizar calquera das posibilidades anteriores.

O uso de abreviaturas está fortemente ligado á presentación impresa do escrito. Así, debe evitarse o uso dunha abreviatura cando sexa a única palabra que aparece nunha liña do texto (nese caso debe substituírse pola palabra non abreviada) e non se admite o seu uso para expresións que abrevian varias palabras cando a abreviatura completa non pode escribirse na mesma liña do texto. Por suposto, isto deixa entrever que non se permite a división dunha abreviatura ao final dunha liña.

Abreviaturas convencionais

[editar | editar a fonte]

Moitas abreviaturas teñen unha forma convencional tan estendida, que o seu uso é case universal. Neste tipo de abreviaturas, é importante fixarse nas letras das que constan (por exemplo, "Av." ou "Avda.") e na forma en que se escriben (en maiúsculas ou en minúsculas; singular ou plural; con ou sen punto).

Estes son algúns exemplos de abreviaturas convencionais:

  • antes de Cristo: a. C.
  • Anno Dómini: A. D.
  • administración: admón.
  • etcétera: etc.

En realidade sería demasiado prolixo detallar neste artigo tódalas abreviaturas convencionais (a lista ofrecida pola RAE contén case 350 abreviaturas deste tipo). De feito, hai moitas máis. Moitas se usan a diario e acaban incorporadas ata na linguaxe falada e no dicionario (como o caso de fax forma abreviada de facsímile).

As abreviaturas dos ordinais tamén seguen un convenio normalizado: escríbese o numeral correspondente e logo engádese a terminación en forma voada (en función de que a palabra termine en "-er" ou "-a" ou "-ou").

  • primeiro: 1.º
  • segunda: 2.ª
  • terceiro: 3.eiro
  • vixésimo quinto: 25.º

Uso das abreviaturas

[editar | editar a fonte]

O seu uso non debe ser indiscriminado e debe ser eficaz. Por exemplo, calquera abreviatura debe suprimir polo menos dúas letras da palabra abreviada, aínda que hai algunhas abreviaturas de uso xeral que non cumpren esta norma. Tampouco é adecuado utilizalas con cantidades cando estas están expresadas en letra. Por exemplo, é incorrecto escribir "cincuenta eur.", sendo máis adecuado utilizar a palabra completa: "cincuenta euros". Outra norma de estilo é non utilizar abreviaturas de tratamento cando a palabra abreviada non precede ao nome propio. Por exemplo, é incorrecto o seu uso en "...un Sr. estaba...", sendo neste caso necesario o uso da forma non abreviada. Esta norma tamén é aplicable ao uso de abreviaturas que se refiren ao tipo de vía.

Símbolos, siglas e acrónimos

[editar | editar a fonte]

Como antes se indicaba, existen algunhas abreviaturas e abreviacións que seguen unhas regras propias de uso, como son os símbolos, as siglas e os acrónimos:

Os símbolos son abreviacións de carácter científico técnico. Non levan punto ao final, nin poden cambiarse por maiúsculas, nin se pluralizan:

  • Os símbolos do sistema métrico decimal como o de quilogramo (kg), sendo incorrectas as formas: *kg. / *Kg / *kgs.
  • Os símbolos dos puntos cardinais: N, S, L, O, SO,... sendo incorrectas as formas *L. terminada en punto, *W do inglés ou *E do español.
  • Os símbolos monetarios como o do euro (€) ou o do dólar ($).
  • Os símbolos do sistema periódico: He, Fe, Cu.

Un exemplo evidente do que ocorre cando utilizamos maiúsculas nun símbolo é o cambio de significado que pode darse ao símbolo: a diferenza que existe entre os milímetros ("mm") e os megámetros ("Mm") -aínda que non é unha unidade habitual un Mm é equivalente a mil quilómetros-.

As siglas son palabras que están compostas de cada unha das letras iniciais (tamén chamadas siglas) dunha expresión complexa e adoitan facer referencia a nomes de organismos, institucións, entidades, conceptos, obxectos etc. A súa característica diferencial é que, mentres a lectura doutras abreviaturas impón a pronunciación da palabra ou palabras sen abreviar, as siglas poden pronunciarse soletreando cada unha das siglas que a compoñen. Outra característica das siglas (esta compartida cos símbolos) é que, a diferenza doutras abreviaturas, adoitan escribirse sen puntos entre as letras e que os tiles se eliminan. Exemplos de siglas serían: "FBI", "CSIC", "OEA", "ADN".

Os acrónimos son abreviacións formadas pola concatenación de elementos de dúas ou máis palabras. Por exemplo "teleserie" ou "Inserso". Tamén son acrónimos as siglas que se poden pronunciar como unha palabra como "OTAN" ou "ovni". Moitos acrónimos doutras linguas son incorporados como palabras ao galego, como: radar ou láser; e algúns se formaron da tradución dos correspondentes acrónimos de devanditas linguas, como: sida.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para abreviatura.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]