Accesibilidade
A accesibilidade ou accesibilidade universal é o acceso en igualdade das persoas con ou sen discapacidade a calquera espazo, movemento, información ou comunicación.
Refírese ao conxunto de medidas e disposicións que permiten que calquera recurso ou contorno (como páxinas web, caixeiros automáticos, edificacións etc.) sexa accesible e utilizable por todas as persoas, con independencia da súa condición. Significa que unha persoa con discapacidade debería poder utilizar un produto ou servizo para acceder á sociedade ao mesmo nivel que unha persoa sen discapacidade, e considérase un dereito fundamental, garantindo que as persoas teñan igualdade de oportunidades e poidan vivir de forma autónoma.[1]
Eidos
[editar | editar a fonte]O concepto de accesibilidade aplícase en moitos campos, como a arquitectura, o urbanismo, a medicina, a administración pública, os transportes, entre outros. En todos estes casos, enténdese como un dereito democrático que permite o acceso igualitario a servizos e oportunidades para todas as persoas. Esta reivindicación ten a súa base na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, especialmente no artigo 9, aprobada en 2006, que entrou en vigor o 3 de maio de 2008 tras a sinatura de vinte países.[2]
Exemplos
[editar | editar a fonte]Entre as moitas medidas que se toman para mellorar a accesibilidade encóntranse as ramplas de acceso para persoas en cadeira de rodas ou outros vehículos motorizados; software e hardware adaptados para persoas cegas ou con discapacidade visual severa; subtítulos para persoas que non poden escoitar; lingua de sinais que permite ás persoas xordas comunicarse; braille para persoas cegas entre outros.
Barreiras arquitectónicas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Barreira arquitectónica.
Existen moitos tipos de barreiras que impiden a accesibilidade, pero as máis coñecidas son as barreiras arquitectónicas, xa que están presentes no contorno físico e son as máis evidentes na sociedade. Impiden ou dificultan a mobilidade de todas as persoas, pero afectan especialmente a certos grupos, como as persoas máis vellas, as que están doentes, as mulleres embarazadas, aquelas que precisan cadeiras de rodas.[3]
Páxinas web accesibles
[editar | editar a fonte]A accesibilidade nas páxinas web significa que as persoas con algunha discapacidade, limitación ou dificultade poidan acceder á información sen barreiras. Moitas persoas acceden ás páxinas web desde contextos moi diversos:
- con problemas de audición, visión ou mobilidade;
- con dificultades para ler ou comprender;
- sen capacidade para utilizar un teclado ou un rato...
A atención á accesibilidade non só beneficia ás persoas con discapacidades, senón que tamén facilita a usabilidade e o acceso xeral ás páxinas web.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fundación ONCE: Accesibilidad Universal y Vivienda[Ligazón morta]. Consultado o 12 de agosto de 2024.
- ↑ Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade - ONU. Consultado o 12 de agosto de 2024.
- ↑ Instituto de Mayores y Servicios Sociales (IMSERSO): La eliminación de barreras arquitectónicas[Ligazón morta]. Consultado o 12 de agosto de 2024. (en castelán)
- ↑ "How to Meet WCAG (Quickref Reference)". www.w3.org. Consultado o 2024-08-12.