Saltar ao contido

Acino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración dunha sección de páncreas de can a 250 aumentos. Cada agrupación arredondada de células é un acino pancreático (sinalado na imaxe como alveolus).

Enténdese por acino (do latín acinus, gran de uva) unha agrupación de células secretoras nun órgano excretor, que forman unha cavidade epitelial máis ou menos arredondada, que descarga as secrecións por un ducto, que desemboca no canal excretor dunha glándula. O adxectivo que se aplica aos acinos é acinoso ou acinar.

Glándulas exócrinas acinosas

[editar | editar a fonte]

Unha glándula exócrina acinosa complexa está dividida en lóbulos vistos a simple vista, constituídos por lobuliños microscópicos, que, á súa vez, están formados polos acinos ou túbulos secretores. A glándula ten ademais un sistema de ductos máis ou menos complexo por onde se evacúa a secreción [1] .

Moitos órganos conteñen glándulas acinosas, entre eles os seguintes:

Os folículos da glándula tiroide poden considerarse tamén unha formación acinosa, pero neste caso os folículos teñen función endócrina, xa que funcionan como un depósito hormonal.

Células humanas acinosas.

Tipos de acinos

[editar | editar a fonte]

Segundo a natureza da secreción que porducen, os acinos poden clasificarse en dous grupos: serosos e mucosos. As glándulas con acinos serosos chámase glándulas serosas, por exemplo o páncreas exócrino, formado por acinos pancreáticos. As que están formadas por acinos mucosos son glándulas mucosas. Hai tamén glándulas, que teñen tanto acinos mucosos coma serosos, chamadas glándulas mixtas ou sero-mucosas, como as glándulas salivares submandibulares [1].

Acinos serosos

[editar | editar a fonte]
  • A súa secreción é de aspecto acuoso e contén moitos encimas.
  • Conteñen células de forma piramidal con núcleo arredondado e central.
  • O retículo endoplasmático rugoso das células está moi desenvolvido (para producir as secrecións) e o citoplasma é basófilo.
  • As súas células presentan gránulos de secreción no polo apical da célula. A célula segrega os produtos de modo merócrino (por exocitose).
  • A luz ou cavidade interna das glándulas con estes acinos é estreita.

Acinos mucosos

[editar | editar a fonte]
  • Secretan un material viscoso con funcións protectoras ou lubrificantes.
  • Formados por grandes células máis ou menos cúbicas con núcleo basal.
  • A maioría dos orgánulos das células están en posición basal e o citoplasma é claro.
  • Presenza de moitas gotiñas mucíxenas na célula do acino, polo que nos cortes histolóxicos a célula aparece moi vacuolada.
  • A luz das glándulas con estes acinos é grande.

Acinos de alvéolos pulmonares

[editar | editar a fonte]

O termo acino tamén se utiliza con outro significado para designar a agrupación de alvéolos pulmonares, os sacos do final das vías respiratorias onde se realiza o intercambio de gases entre o sangue e o aire atmosférico durante a respiración pulmonar. Estes acinos non teñen función secretora.

  1. 1,0 1,1 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 94-98. ISBN 84-7605-361-4
  2. OklahomaHistology - 51_07 imaxe. Glándulas pilóricas.
  3. OklahomaHistology - 46_03 imaxe - Glándula sublingual
  4. BUHistology - 10405loa imaxe Acinos pancreáticos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]