Glándula sebácea
As glándulas sebáceas son un tipo de glándula exócrina situada na derme media da pel, que producen unha secreción sebácea chamada sebo, de composición lipídica, que serve para lubricar e protexer a superficie da pel.[1] Son glándulas acinares formadas por células cheas de lípidos que se desenvolven embrioloxicamente no cuarto mes de xestación, como unha xemación epitelial do folículo piloso.
Nos humanos estas glándulas encóntranse en toda a pel, agás nas palmas das mans e plantas dos pés[2], variando en tamaño e número segundo a localización: na face e coiro cabeludo son grandes e numerosas (400 a 900 por cm²), no tronco son pequenas e menos abundantes, incrementándose na parte anterior do tórax e liña media das costas. Nas beiras das pálpebras, existen unha glándulas sebáceas especiais chamadas glándulas de Meibomio, que verten unha secreción sebácea especial no ollo, que se mestura coas bágoas e fai máis lenta a súa evaporación.
Hai varias condicións médicas relacionadas coas glándulas sebáceas, como a acne, quistes epidermoides (ás veces chamados sebáceos), hiperplasia sebácea, adenoma sebáceo e carcinoma de glándula sebácea.
Modo de secreción
[editar | editar a fonte]As glándulas sebáceas segregan o sebo de forma continua, pero especialmente na fase de crecemento (anaxénica) do ciclo do folículo piloso. A secreción de cada lóbulo da glándula é de carácter holócrino, é dicir, con rotura das células, e drenaxe desde os acinos ao conduto sebáceo principal, que desemboca no canal piloso.
Ao microscopio electrónico obsérvase que as células periféricas glandulares conteñen tonofilamentos, o que indica a súa orixe epidérmica, e escasos lípidos. A medida que se forman máis lípidos, vaise consumindo o glicóxeno, os tonofilamentos son desprazados e o citoplasma énchese de vacúolos. Na célula os vacúolos fusiónanse provocando un aumento de tamaño de ata cen veces o normal, adquirindo un aspecto de célula de corpo estraño. Nun estadio posterior desorganízase a membrana e a célula rompe eliminando o seu contido ao canal sebáceo.
Localización
[editar | editar a fonte]Nos humanos aparecen por toda a pel menos as palmas e plantas de mans e pés. Hai glándulas sebáceas nas área cubertas por pelos, onde están conectadas aos folículos pilosos, e depositan o sebo nos pelos, e este chega á superficie da pel ao longo do talo do pelo. A estrutura formada polo pelo, folículo piloso, músculo erector do pelo, e a glándula sebácea denomínase unidade pilosebácea. Tamén se poden encontrar glándulas sebáceas en áreas sen pelo da pel (glabras) como as pálpebras, nariz, pene, labios menores e mamilas.
Sebo
[editar | editar a fonte]As glándulas sebáceas segregan unha substancia oleosa e cerosa chamada sebo, que está composta por triglicéridos aceitosos, ceras, escualeno, e metabolitos das células produtoras de graxa.[3][4] Nas glándulas o sebo prodúcese en células especializadas e libérase cando ditas células estoupan, polo que a secreción é holócrina. A seborrea é o nome dunha condición na que a pel é moi graxenta polo exceso de sebo.[5]
O sebo mantén o cabelo e a pel flexibles. O sebo é inodoro, pero a súa degradación polas bacterias pode producir cheiros. A produción abondosa de sebo é o causante de que as persoas sintan ás veces o seu cabelo "aceitoso",[6] A cera dos oídos en parte está composta por sebo.
Composición
[editar | editar a fonte]A composición do sebo varía nas distintas especies. Nos humanos, o contido lipídico é o seguinte:[7]
Composición porcentual | Substancia |
25% | ceras (monoésteres) |
41% | triglicéridos |
16% | ácidos graxos libres |
12% | escualeno |
O sebo producido polas glándulas sebáceas está composto principalmente por triglicéridos, ésteres de ceras, e escualeno.[8] Os ésteres de ceras son compoñentes exclusivos do sebo e non se producen en ningunha outra parte do corpo.[9] O ácido sapiénico é un ácido graxo exclusivo do sebo humano.
Función
[editar | editar a fonte]O sebo contén un 45% de ácidos graxos insolubles en auga que teñen unha ampla actividade antimicrobiana.[10][11] Ademais, as glándulas sebáceas proporcionan vitamina E ás capas superiores da pel facial.[12] Os lípidos sebáceos contribúen a manter a integridade de barreira da pel, e teñen propiedades proinflamatorias e antiinflamatorias.[13][14][15] Investigacións recentes indican que o sebo podería ser un sistema de liberación de antioxidantes, lípidos antimicrobianos, feromonas e hidratación do estrato córneo da pel.[10] Durante o último trimestre da xestación, as glándulas sebáceas producen a vernix caseosa, que protexe á pel do embrión do líquido amnniótico.[16] As secrecións sebáceas, xunto coas glándulas apócrinas, desempeñan tamén un importante papel termorregulatorio. En condicións cálidas, as secrecións emulsifícanse e fomentan a formación de suor e impiden a perda das pingas de suor que están sobre a pel. En condicións máis frías, o sebo repele a chuvia da pel e pelo.[15] O incremento da secreción facial superficial de sebo está asociada co desenvolvemento da acne.[14]
Cambios durante o desenvolvemento
[editar | editar a fonte]As glándulas sebáceas do feto humano in utero secretan unha substancia chamada vernix caseosa, que é unha substancia branca translúcida cerosa que cobre a pel do feto e dos neonatos.
A actividade das glándulas sebáceas no macho increméntase en todo o corpo durante a puberdade porque se elevan os niveis de andróxenos, producindo no pene o esmegma. Nos machos, as glándulas sebáceas empezan a aparecer no pene, no talo do pene e arredor da beira da cabeza do pene durante e despois da puberdade. Nas femias, aparecen predominantemente nos labios menores.
Patoloxía
[editar | editar a fonte]As glándulas sebáceas están implicadas en diversos problemas cutáneos como a acne e a queratose pilaris. Nos poros da pel, o sebo e a queratina poden orixinar un tapón hiperqueratótico. O fármaco isotretinoína reduce significativamente a cantidade de sebo producido polas glándulas sebáceas, e utilízase para tratar a acne.
O uso excesivo de esteroides anabolizantes que ás veces fan os que practican o culturismo para gañar musculatura, pode causar acne. A glándula sebácea é estimulada porque algúns destes esteroides se converten en dihidrotestosterona.
Os quistes na pel que se denominan comunmente quistes sebáceos en realidade non implican ás glándulas sebáceas, senón que son un conxunto de queratina e queratinocitos mortos, que se desenvolve dentro da capa epidérmica da pel, e que habería que chamar mellor quistes epidermoides. O material con aspecto de graxa que se acumula neles non é graxa senón principalmente queratina. Os esteatocistomas son quistes que si que acumulan graxa.
Unha condición da pel que se debe ao agrandamento das glándulas sebáceas denomínase hiperplasia sebácea.
O carcinoma de glándula sebácea é unha rara e agresiva forma de cancro que afecta ás glándulas sebáceas. O adenoma sebáceo é un neoplasma máis benigno das glándulas sebáceas.
O sebo pode acumularse arredor de perforacións (piercings) feitas no corpo.[17]
O exceso de produción de sebo é a seborrea.
Control
[editar | editar a fonte]Os seguintes tratamentos demostraron reducir a produción de sebo:
- Isotretinoin[18]
- SMT D002[19]
- Spironolactone[20] (axeitado só para mulleres).
Importancia noutros animais
[editar | editar a fonte]Nas aves acuáticas as glándulas sebáceas producen unha graxa, que, polas súas propiedades hidrófobas, evita en grande medida que se mollen as plumas. O animal recolle a secreción sebácea co seu peteiro e esténdea polas plumas. Nos mamíferos, a secreción sebácea dos pelos tamén exerce unha función similar, entre outras.
As glándulas prepuciais de ratos e ratas son grandes glándulas sebáceas modificadas, que producen feromonas.
Certas especies de ácaros do xénero Demodex viven como parasitos nas glándulas sebáceas alimentándose do sebo. Son comúns nos mamíferos, incluíndo o home, no cal as especies D. foliculorum e D. brevis se encontran nas glándulas de Meibomio das pálpebras, pero tamén pode haber Demodex noutras áreas da pel, e poden causar certas doenzas da pel.[21]
Outras imaxes
[editar | editar a fonte]-
Base dunha unidade pilosebácea.
-
Inserción das glándulas sebáceas no talo do pelo.
-
Glándula sebácea vista ao microscopio óptico a 10 aumentos.
-
Sección saxital dunha pálpebra superior humana.
-
Folículo piloso e estruturas asociadas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dellmann's textbook of veterinary histology (405 pages), Jo Ann Coers Eurell, Brian L. Frappier, 2006, p.29, [1].
- ↑ James, William D.; Berger, Timothy; Elston, Dirk M. (2006). Andrews' diseases of the skin: clinical dermatology. Saunders Elsevier. p. 7. ISBN 978-0-7216-2921-6.
- ↑ "Exercise 15: Hair", VT.edu, 2008, webpage: Vetmed-lab15 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2000. Consultado o 25 de agosto de 2018..
- ↑ Lampe, M.A.; A.L. Burlingame, J. Whitney, M.L. Williams, B.E. Brown, E. Roitman, and M. Elias (1983). "Human stratum corneum lipids: characterization and regional variations". J. Lipid Res. 24: 120–130.
- ↑ OED. 2nd edition (1989). Online version (November 2010). Oxford University Press Retrieved 2011-02-28.
- ↑ "Hair Care: An Illustrated Dermatologic Handbook", Zoe Diana Draelos, Zoe Kececioglu Draelos, 2005, p.26, web:Books-Google-5QC: oily hair & detergents.
- ↑ Cheng JB, Russell DW (2004). "Mammalian Wax Biosynthesis: II. EXPRESSION CLONING OF WAX SYNTHASE cDNAs ENCODING A MEMBER OF THE ACYLTRANSFERASE ENZYME FAMILY" (PDF). The Journal of Biological Chemistry 279 (36): 37798–807. PMC 2743083. PMID 15220349. doi:10.1074/jbc.M406226200. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2006. Consultado o 04 de outubro de 2013.
- ↑ Thody, A. J.; Shuster, S. (1989). "Control and Function of Sebaceous Glands". Physiological Reviews 69 (2): 383–416. PMID 2648418. Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 04 de outubro de 2013.
- ↑ Smith, K. R.; Thiboutot, D. M. (2007). "Thematic Review Series: Skin Lipids. Sebaceous Gland Lipids: Friend Or Foe?". Journal of Lipid Research 49 (2): 271–281. PMID 17975220. doi:10.1194/jlr.R700015-JLR200.
- ↑ 10,0 10,1 Mackenna, R. M. B.; Wheatley, V. R.; Wormall, A. (1950). "The Composition of the Surface Skin Fat ('Sebum') from the Human Forearm". Journal of Investigative Dermatology 15 (1): 33–47. PMID 14774573. doi:10.1038/jid.1950.69.
- ↑ "Thematic Review Series: Skin Lipids. Antimicrobial lipids at the skin surface". 10/5/2011.
- ↑ Thiele, Jens J.; Weber, Stefan U.; Packer, Lester (1999). "Sebaceous Gland Secretion is a Major Physiologic Route of Vitamin E Delivery to Skin". Journal of Investigative Dermatology 113 (6): 1006–1010. PMID 10594744. doi:10.1046/j.1523-1747.1999.00794.x.
- ↑ Porter, Alan M. W. (10/5/2011). "Why do we have apocrine and sebaceous glands?". Journal of the Royal Society of Medicine (en inglés) (94): 236–237. PMC 1281456.
- ↑ 14,0 14,1 Youn, S. W. (2010). "The Role of Facial Sebum Secretion in Acne Pathogenesis: Facts and Controversies". Clinics in Dermatology 28 (1): 8–11. PMID 20082943. doi:10.1016/j.clindermatol.2009.03.011.
- ↑ 15,0 15,1 Zouboulis, C. C. (2004). "Acne and Sebaceous Gland Function". Clinics in Dermatology 22 (5): 360–366. PMID 15556719. doi:10.1016/j.clindermatol.2004.03.004.
- ↑ Zouboulis, Christos C.; et al. , Jens Malte; et al. (2008). "Frontiers in Sebaceous Gland Biology and Pathology". Experimental Dermatology 17 (6): 542–551. PMID 18474083. doi:10.1111/j.1600-0625.2008.00725.x.
- ↑ Playe, Stephen J (2002). "Infectious Complications of Body Art: Infection is reported in about 1% of tattoos and in up to 45% of piercings, depending on the technique employed, body location, and after care". Emergency Medicine News 24 (7): 10–3. doi:10.1097/01.EEM.0000334232.52899.06.
- ↑ Farrell LN, Strauss JS, Stranieri AM (1980). "The treatment of severe cystic acne with 13-cis-retinoic acid. Evaluation of sebum production and the clinical response in a multiple-dose trial". Journal of the American Academy of Dermatology 3 (6): 602–11. PMID 6451637. doi:10.1016/S0190-9622(80)80074-0.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xullo de 2011. Consultado o 04 de outubro de 2013.
- ↑ Goodfellow A; Alaghband-Zadeh J; Carter G; et al. (1984). "Oral spironolactone improves acne vulgaris and reduces sebum excretion". The British Journal of Dermatology 111 (2): 209–14. PMID 6235834. doi:10.1111/j.1365-2133.1984.tb04045.x.
- ↑ http://medicine.academic.ru/19095/Demodex
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- BUHistology 08801loa "corte do coiro cabeludo"