Saltar ao contido

Uniformismo

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Actualismo»)

O Principio do uniformismo é considerado como a base da xeoloxía e a paleontoloxía modernas. O Uniformismo é un termo establecido polo xeólogo escocés James Hutton, que o denominou Uniformitarianism, autor de Theory of the Earth (Teoría da Terra) en 1795, reformulado posteriormente como Principio do actualismo, que determina que as leis físicas, químicas e biolóxicas que actuaron no pasado son as mesmas que as que actúan no presente; é dicir, os procesos que dan forma ó noso planeta hoxe en día son os mesmos que actuaron no pasado. Esta idea pódese simplificar dicindo que "o presente é a clave do pasado".

O Uniformismo en Hutton

[editar | editar a fonte]

O Uniformismo mantén que a Terra non se formou súbita e violentamente, senón por procesos semellantes ós actuais, o que implica que o planeta ten unha longa historia. Antes de Hutton, ninguén demostrara que os procesos xeolóxicos operan durante longos períodos de tempo. Así, sostivo que forzas aparentemente pequenas producen, durante intervalos prolongados de tempo, efectos similares ós provocados por sucesos catastróficos súbitos. A diferenza cos seus predecesores atópase en que citou observacións verificables para darlles consistencia ás súas ideas. Non obstante, o estilo de Hutton era difícil e pesado, polo que a súa obra non foi comprendida, e non tivo moito éxito. Uns anos máis tarde, en 1802, un compañeiro seu, John Playfair, publicou un libro no que presentaba as ideas de Hutton de maneira moito máis clara, Illustrations of the Huttonian Theory. A pesar de que este libro impulsou a Xeoloxía moderna, o mérito de divulgar os principios básicos desta atribúeselle a Sir Charles Lyell, quen retomou a idea de Hutton sobre a formación da Terra, a desenvolveu e posteriormente, en 1830-1833, a popularizou no seu libro Principios de Xeoloxía.

O Uniformismo en Lyell

[editar | editar a fonte]

O Uniformismo postulado por Lyell considera que tódolos feitos xeolóxicos que se desenvolven na superficie da Terra prodúcense mediante procesos físicos, químicos e biolóxicos que actúan de forma lenta, gradual e continua ó longo dos tempos xeolóxicos. Así, o Uniformismo no que cría Lyell supoñía que en tódalas épocas actuaran as mesmas causas xeolóxicas, coa mesma intensidade con que teñen lugar no presente. Lyell rexeitaba que o rexistro paleontolóxico mostrara unha tendencia cara ao desenvolvemento gradual progresivo.

O Uniformismo é un sistema que practicamente carecía de representantes afíns ós seus preceptos fóra de Gran Bretaña, e autores coma Thomas Henry Huxley dicían que esta era unha doutrina británica.

Na conclusión dun artigo publicado en 1788 nas Transations of the Royal Society of Edingburgh, atopamos unha cita clásica relacionada coa natureza en continuo cambio da Terra: "Por conseguinte, o resultado da nosa presente investigación é que non atopamos vestixios dun principio; nin perspectivas dun fin".

O Uniformismo de Lyell, a pesar de ser considerado coma unha única idea, comprendía varios conceptos metodolóxicos relacionados entre si pero non idénticos:

  1. A uniformidade das leis físicas. As leis da natureza son invariables no tempo e no espazo.
  2. A uniformidade dos procesos. Sempre que sexa posible, débense interpretar os procesos antigos como resultado de causas que aínda operan na Terra.
  3. A uniformidade do ritmo (Gradualismo). As causas dos procesos sempre actuaron co mesmo grao de enerxía que hoxe.
  4. A uniformidade de condicións. A Terra cambia constantemente pero a pesar disto, ten sempre igual aspecto.

Porén, os coñecementos xeolóxicos actuais reflicten varias descontinuidades espaciais e temporais a tódalas escalas.

A partir do Uniformismo, achegáronse algunhas bases para a formulación d'A orixe das especies, de Darwin, en 1859, e para a teoría do Sinclinal de James Hall.

Uniformismo e catastrofismo

[editar | editar a fonte]

O Principio do Uniformismo contraponse ó Catastrofismo, o cal pon de manifesto que os caracteres xeolóxicos que existen na actualidade orixináronse repentinamente en épocas pasadas por procesos xeolóxicos completamente diferentes ós que se dan no presente. Georges Cuvier foi un dos paleontólogos que o defendeu e o primeiro en presentar probas convincentes da extinción coma un acto frecuente na historia da vida.

A pesar das diferenzas Uniformismo-Catastrofismo, hoxe en día acéptase que a historia da Tierra sufriu procesos catastróficos (como tsunamis, impactos de meteoritos etc.) que afectan ó proceso gradual conxunto. Desta forma, non se anula a ocorrencia de catástrofes locais dentro do marco actualista. Por outra parte, o Uniformismo é un termo relacionado co Gradualismo, que di que os procesos xeolóxicos operaron no pasado na mesma intensidade que na actualidade. Agora sabemos que isto non é así, e o Principio do Uniformismo é reformulado a Principio do Actualismo.

Na actualidade, o concepto de Uniformismo difire lixeiramente do descrito orixinalmente por Hutton. Os xeólogos hoxe en día asumen que tanto os principios como as leis da natureza son constantes, aínda que debe terse en conta que a velocidade e intensidade dos procesos xeolóxicos varían ó longo do tempo. É máis, dito Principio do Uniformismo non debe tomarse tan ó pé da letra, xa que algúns procesos que se sabe ocorreron no pasado, non poden observarse na actualidade. A aceptación do uniformismo significou a aceptación dunha historia moi longa da Terra.