Adolfo Rodríguez Ansias
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de agosto de 1908 ![]() Brasil ![]() |
Morte | 27 de xuño de 1982 ![]() Ourense, España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | mestre, político ![]() |
Membro de |
Adolfo Rodríguez Ansias, nado no Brasil o 11 de agosto de 1908[1] e finado en Ourense o 27 de xuño de 1982, foi un mestre e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Digna Ansias Camba, orixinaria de San Cibrao das Viñas, e Adriano Rodríguez Cordeiro, de Allariz. A nai finou por complicacións no parto dun novo fillo, e Adolfo foi enviado a Galicia a vivir coa súa tía materna Victoria Ansias Camba en Ourense. Estudou Maxisterio na Escola Normal de Ourense e aprobou a oposición de mestre en 1928. Exerceu no Rañadoiro (Muíños), na Escola Anexa de Ourense e en Bóveda de Amoeiro.
Foi un dos fundadores da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense e administrador da súa revista Escuela del Trabajo. De ideoloxía radical-socialista, era coñecido polo seu activismo anticlerical. Foi detido o 28 de outubro de 1934 con Ignacio Herrero Fuentes acusados de inxurias ao réxime, pero a causa foi sobresida,[2] e puxéronlle unha multa de 2.000 pesetas.[3] Volveu ser detido en decembro.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi cesado e destituído como mestre a principios de agosto por ser un dos dirixentes da ATEO.[4] Foi perseguido, pero eludiu a súa detención manténdose agochado durante 28 anos na Loña, Mariñamansa, San Cibrao e fundamentalmente nun zulo construído na propia vivenda de planta baixa do edificio dos seus tíos na praza de San Cosme de Ourense. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en 1941.[5] O 1 de novembro de 1964 solicitou a reiconporación ao maxisterio. Foi reposto como mestre en Ferreira de Pantón. En 1965 foi mestre en Requiás (Muíños) e ao ano seguinte trasladouse a Marce (Pantón).[6] Despois foi mestre en Viveiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Primer escalafón de maestros de escuelas nacionales existentes en 31 de diciembre de 1933. Madrid: Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes. 1934. p. 114.
- ↑ La Región, 3-1-1934, p. 3.
- ↑ Hace 75 años... Multados por una comida en honor a un detenido
- ↑ El Pueblo Gallego, 4-8-1936, p. 7.
- ↑ BOE, 3-10-1941, p. 3630.
- ↑ La Voz de Galicia, 24-7-1966, p. 3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chillón Iglesias, Xoán C. (2024). Adolfo Rodríguez Ansias (1908-1982). Mestre republicano. Ourense.
- Fernández Mazas, Armando (1990). Política y Pedagogía. Memoria teórica de un maestro de la ATEO. Ourense.