Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense
Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense | |
---|---|
Tipo | asociación profesional |
Data de fundación | 1931 |
Sede | Ourense |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO) foi unha asociación profesional de mestres creada en Ourense en 1931.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Fundada o 31 de maio de 1931, posteriormente incorporouse á FETE (Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza). O primeiro presidente foi Albino Núñez Domínguez. En marzo de 1932 comeza a editar a revista Escuela del Trabajo. Caracterizouse pola mestura de correntes galeguistas e de esquerda republicana, pero máis adiante definiuse pola súa pluralidade. Albino Núñez presentou a súa dimisión irrevogable en setembro de 1932, o que dá orixe a unha nova etapa da vida societaria. Foi substituído na Presidencia da Asociación por Evaristo Suárez Alberte de forma provisional, e na Asemblea ordinaria de 29 de decembro resultou elixido Luís Soto Fernández. O seu crecemento foi moi rápido e en 1935 contaba con 250 afiliados. Algúns dos seus membros foron: Luís Soto, Baltasar Vázquez, Antonio Caneda Rodríguez, Rafael Alonso Rodríguez, Armando Fernández Mazas, Adolfo Rodríguez Ansias, Amadeo López Bello, Ignacio Herrero Fuentes, Celso Vila Rodríguez, José Camilo Soto Losada, José Pérez Levices, Patricio Arce Susilla, María Bouzas Pérez, Luis Bazal Rodríguez, Argimiro Quintairós Baliñas, Leonardo Darriba Conde, Manuel Seijo Failde e Eligio Núñez. Moitos deles foron tamén colaboradores do periódico La República. Constituíuse como un foro onde se debatían novos modelos educativos procurando a renovación pedagóxica.