Luís Soto
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de decembro de 1902 Podentes, España |
Morte | 12 de novembro de 1981 (78 anos) Cidade de México |
Actividade | |
Ocupación | político, xornalista |
Familia | |
Pai | José Camilo Soto Losada |
Luís Soto Fernández, nado en Podentes (A Bola) o 7 de decembro de 1902 e finado en Cidade de México o 12 de novembro de 1981, foi un político e xornalista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dos mestres José Camilo Soto Losada e Sara Fernández. Con catro irmáns, estudou o Bacharelato en Celanova e despois emigrou a Arxentina. Regresou e fíxose mestre, e deu clase en Buscalque (Lobios),[1][2] Penosiños e Mondariz (1934-1936). Comezou a súa traxectoria política no PCE durante a República. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi suspendido durante tres meses de emprego e soldo pola Comandancia Militar de Tui.[3][4] Foi reclamado polo xuíz militar de Vigo mediante requisitoria xunto con Manuel Martínez Alonso, Francisco Bouzas Sánchez, Celso Collazo Álvarez e José Troncoso Faro o 8 de outubro de 1936.[5] Requisitoria que volveu repetir o 26 de outubro,[6] e o 19 de novembro xunto con F. José Carballo e Francisco Bouza.[7] Agochouse disfrazado de crego en Vilanova dos Infantes. Despois pasou a Tourém (Portugal), e de aí a Lisboa e despois a Francia. Logo no exilio foi secretario de Castelao durante a súa viaxe aos Estados Unidos de América. Despois exiliouse en México, arribando a Nuevo Laredo o 18 de xullo de 1939.[8] Tivo unha pequena participación na Revolución Cubana ao enviar o primeiro material médico os guerrilleiros de Serra Maestra. En 1960 autorizaron a súa entrada en España, pero en 1966 foi expulsado e non puido regresar ata a morte de Franco.
Foi un dos fundadores da UPG en 1964, marchando dela en 1976 xunto con outros militantes para fundar a UPG-liña proletaria logo rebautizada como Partido Galego do Proletariado, partido marxista-leninista e independentista galego.
Actividade xornalística
[editar | editar a fonte]Con 17 anos publicou na Arxentina El Eco, de tendencia socialista. En Galicia dirixiu o periódico El Soviet en 1931, e colaborou en Escuela del Trabajo e Ateo. En México colaborou en España Popular, Nuestra Bandera, Loita, Boletín Galego de Información, Saudade e foi o principal animador da revista Vieiros, xunto a Carlos Velo, Arturo Souto e Florencio Delgado Gurriarán.
Obras
[editar | editar a fonte]- Castelao, a UPG e outras memorias, 1983.
Homenaxes
[editar | editar a fonte]- Dedicóuselle unha rúa no concello de Celanova.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Celanova conquista Lobios". 20/09/2014. Consultado o 19/04/2023.
- ↑ "Lobios se suma al camino que homenajea a Luís Soto". 20/09/2014. Consultado o 19/04/2023.
- ↑ El Ideal Gallego, 13-8-1936, p. 2.
- ↑ "Maestros pontevedreses suspendidos", La Voz de Galicia, 13-8-1936, p. 6.
- ↑ El Pueblo Gallego, 9-10-1936, p. 3.
- ↑ El Pueblo Gallego, 27-10-1936, p. 4.
- ↑ El Pueblo Gallego, 21-11-1936, p. 2.
- ↑ Ficha en Departamento de Migración de México
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Xurxo Martínez González (2011). Luís Soto. A xeira pola unidade galega. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9914-314-9.
- Pérez Poza, Roxelio: "Ateo. A represión dun ideal" en Claridade Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine. Fundación Luís Tilve, setembro de 2007. Especial homenaxe.