Saudade (revista)
Saudade | |
---|---|
País | México |
Lugar | Cidade de México |
Lingua | lingua galega |
Primeira edición | 1942 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Saudade foi unha revista galega que se publicou en México entre 1942 e 1953. Estaba editada polo Grupo Saudade e Irmandade Galeguista de Cidade de México.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A publicación da revista Saudade desenvolveuse en dúas etapas. A primeira delas entre os anos 1942 e 1944, na que se publicaron os números 1 ó 5; a segunda entre 1952 e 1953, na que saíron os números 5 bis e 7. O número 6 non parece que fora publicado nunca.
Tivo como editor responsable nos dous primeiros números a Xosé Caridad Mateo, pasando a ocupar o posto Ramiro Illa Couto no terceiro número, e Ramón Cabanillas Álvarez nos números catro e cinco. A redacción estaba integrada por Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo, Ramiro Illa Couto e Ramón Cabanillas Álvarez, e con eles colaboraban Marcial Fernández Vázquez, Manuel Porteiro Viñas e Bieito Búa Rivas.
Na súa segunda etapa estivo dirixida por Marcial Fernández Vázquez, Luís Soto Fernández incorporouse á redacción e contou con colaboracións de galeguistas do interior.
Dentro da liña editorial de Saudade estivo sempre a defensa da lingua e o seu mantemento e difusión fóra de Galicia. No número 7 Ramón Cabanillas di que a lingua é a defensa e o máis transcendente signo de identidade do país. A lingua é unha bandeira ideolóxica que centra frases propagandísticas e textos doutrinais ao longo dos sete números da publicación. Mesmo con frecuencia os anuncios das páxinas publicitarias levan textos en galego. As achegas de colaboradores non galegos foron tamén traducidas ó galego. Hai poucos textos en castelán.
Saudade tomou como motivo principal a publicación de contidos relacionados co ámbito galego, máis concretamente os de interese para os exiliados galegos en México. Trátase de páxinas de carácter cultural, defensoras e divulgadoras da lingua en América, con atención particular á creación literaria. A súa orientación política é de signo galeguista e nacionalista, e a súa posición antifascista intensifícase nos dous derradeiros números.
Contidos
[editar | editar a fonte]Saudade caracterizouse como revista de contido poético, con máis do 30% dos textos publicados na revista. Os textos en prosa eran minoritarios e consistían en artigos de crítica e ensaio, narrativa e poética. A temática galega foi constante nas páxinas dedicadas a escritores, á emigración, historia, folclore, economía, música, lingua, política de Galicia, celtismo e atlantismo etc.
As ilustracións son relativamente escasas, sempre en branco e negro e normalmente de pequeno formato. Predominan as inspiradas en figuras, paisaxes e escenas galegas. A fotografía foi empregada en contadas ocasións. Colaboraron os ilustradores Arturo e Uxío Souto, Manuel Colmeiro, Zarzalejo, Carlos Maside, Cándido Sánchez Mazas ou Ramiro Illa Couto, que normalmente non asinaban as súas obras.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Saudade". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Saudade". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Alonso Girgado, L. et al. (eds.). Saudade (Verba galega nas Américas). México DF, 1942-1953.. CIRP, 2008, ISBN 978-84-453-4557-3.
- Peña Saavedra, Vicente (dir.) (1998). Repertorio da prensa galega da emigración. Santiago de Compostela: CCG. ISBN 84-87172-30-X.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.