Saltar ao contido

Aliivibrio finisterrensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aliivibrio finisterrensis
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Vibrionales
Familia: Vibrionaceae
Xénero: Aliivibrio
Especie: A. finisterrensis
Nome binomial
'Aliivibrio finisterrensis'
Beaz-Hidalgo et al. 2010
Sinonimia

"Vibrio finisterrae" Beaz-Hidalgo et al. 2007 [1]

Aliivibrio finisterrensis sp. nov.[2] é unha nova especie de bacterias gramnegativas da familia Vibrionaceae[3], que foi descuberta en diversas partes da costa galega vivindo en ameixas polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Roxana Beaz-Hidalgo, Alejandra Doce, Sabela Balboa, Juan L. Barja e Jesús L. Romalde.[4] O seu nome fai referencia a finisterra (o fin da terra en latín), xa que Galicia na antigüidade romana era considerada o fin do mundo.

Descubrimento

[editar | editar a fonte]

Nunha serie de estudos comezados en 2004 e 2005 da flora bacteriana da costa galega, illáronse da ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum) cultivada en Galicia catro cepas de bacterias coas características das vibrionáceas, e moi relacionadas con outras especies do xénero Aliivibrio, pero diferentes delas, polo que se propuxo en 2010 a creación da nova especie A. finisterrensis. As análises de hibridación ADN-ADN coas outras especies do xénero confirmaron que os valores estaban por debaixo do 70%, o que xustificaba a creación da nova especie.[5]

Características

[editar | editar a fonte]

A especie ten forma de bacilo de 1,36–2,15 microns de lonxitude e 0,80–1,05 microns de largura, e as células poden aparecer soas, en pares ou en agregados de moitas células. Ten un flaxelo polar e é anaerobia facultativa. Forma colonias arredondadas de marxes lisas. Fermentan a glicosa sen produción de gas e son oxidase e catalase positivas. Algunhas cepas reducen os nitratos. Viven optimamente a concentracións do 1 ao 3% de NaCl e o seu rango de temperaturas vai de 4 a 35 °C. A diferenza doutras vibrionáceas, esta especie non é bioluminescente. Son urease positivas e fermentan a xentiobiosa.[5]

  1. UniProt Taxonomy Aliivibrio finisterrensis
  2. Global Catalogue os Microorganisms Aliivibrio finisterrensis Arquivado 03 de setembro de 2014 en Wayback Machine.
  3. All microbes Aliivibrio finisterrensis species Arquivado 03 de setembro de 2014 en Wayback Machine.
  4. LPSN Aliivibrio
  5. 5,0 5,1 Roxana Beaz-Hidalgo, Alejandra Doce, Sabela Balboa, Juan L. Barja and Jesús L. Romalde. Aliivibrio finisterrensis sp. nov., isolated from Manila clam, Ruditapes philippinarum and emended description of the genus Aliivibrio. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology (2010), 60, 223–228. DOI 10.1099/ijs.0.010710-0. PMID 19648323. [1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]