Alimento funcional
Alimentos funcionais[1][2] (na literatura especializada adóitase abreviar como AF) son aqueles alimentos que son elaborados non só polas súas características nutricionais senón tamén para cumprir unha función específica como pode ser o mellorar a saúde e reducir o risco de contraer doenzas. Para isto engádenselles compoñentes bioloxicamente activas, como minerais, vitaminas, ácidos graxos, fibra alimentaria ou antioxidantes etc. A esta operación de engadir nutrientes esóxenos denomínaselle fortificación. Este tipo de alimentos é un eido emerxente da ciencia dos alimentos que ve unha posibilidade moi ampla de pescuda alimentaria. Entre os logros máis mencionados na literatura científica e na mercadotecnia dos produtos alimenticios atópase a mellora das funcións gastrointestinais, a achega de sistemas redox e antioxidante, así como a modificación do metabolismo de macronutrientes.[3]
Existe, porén, unha preocupación crecente desde finais do século XX por parte das autoridades sanitarias no que respecta á educación do consumidor sobre o consumo e as propiedades atribuídas a este tipo de alimentos.[4] As autoridades alimentarias e sanitarias de todo o mundo reclaman aos consumidores que o consumo destes alimentos sexa parte dunha dieta equilibrada e en caso ningún coma un substituto da mesma. Malia o crecemento ba demanda, a comunidade científica mundial está aínda a avaliar a idoneidade para a saúde humana do consumo deste tipo de alimentos, especialmente se se consideran consumos a longo prazo. Este tipo de alimentos cobre un amplo espectro de posibilidades que poden ir desde simples cereais e os seus produtos, lácteos diversos até pasar por alimentos de deseño.
Historia
[editar | editar a fonte]Malia ser moi antiga a idea e uso de alimentos funcionais, e estar fundamentada na visión do alimento como unha menciña, o concepto 'per se' nace en Corea do Sur nos anos 80 do século XX cando as autoridades alimentarias coreanas tomaron conciencia de que para controlar os gastos globais en saúde compría desenvolver alimentos que mellorasen a calidade de vida da poboación, cubrindo certas 'deficencias pandémicas'. Nesta época establécese por vez primeira no Xapón o concepto nutricional de "Alimentos soamente naturais" (en inglés Foods for Only Natural, cuxo acrónimo é: FON).[5] A demanda deste tipo de alimentación ten medrado espectacularmente neste país asiático desde finais do século XX.
Aos poucos foi aparecendo en divesos países europeos a necesidade de regular este tipo de alimentación.[6] Nacen proxectos específicos dentro da área de alimentación funcional baixo o auspicio do ILSI (International Life Sciences Institute).[7] Aos poucos a preocupación sobre este tipo de alimentación fíxose internacional a finais do século XX. A aparición de patentes relativas ao deseño de alimentos funcionais e o seu beneficio económico (caso do benecol) disparou o interese por parte da industria alimentaria.
Definicións
[editar | editar a fonte]Non existe unha definición nin lexislación mundialmente consensuada para catalogar este tipo de alimentos; incluso hai variacións no termo utilizado para se referir aos mesmos dependendo do país e o contexto. Isto deu lugar a multitude de acepcións como alimentos de deseño, nutracéuticos, alicamentos e farmalimentos. Estas definicións poden considerarse o mesmo a efectos prácticos, mais con matices distintos.[8]
No entanto algunhas das axencias internacionais e organismos gobernamentais dalgunhos países encargados de vixiar a saúde alimentaria redactaron pequenas definicións xenéricas. Un exemplo é Food Information Council (FIC) que os define como aqueles alimentos que proporcionan beneficios para a saúde máis alá da nutrición básica.[9] A definición da FUFOSE recalca por exemplo a demostración científica no alimento de mellorar nunha ou varias funcións no organismo. Así mesmo o sétimo programa marco da UE fai fincapé na necesidade de accións de investigación, desenvolvento tecnolóxico e demostración científica.[10]
Organismos reguladores
[editar | editar a fonte]En Europa existe a organización denominada FUFOSE (Functional Food Science in Europe) que ten como obxectivo desenvolver e establecer un único enfoque científico acerca das probas necesarias no apoio de produtos alimenticios que poidan ter un efecto beneficioso sobre unha función fisiolóxica do corpo humano e mellorar con isto o estado de saúde e benestar dos individuos, así como reducir o risco de aparición de doenzas. Un organismo sen ánimo de lucro e de ámbito internacional é o International Life Sciences Institute (ILSI) que dende o ano 1978 intenta avanzar na comprensión dos temas científicos relacionados coa nutrición, a seguranza alimentaria, toxicoloxía e medio ambiente, unha das ramas desta organización traballa en conxunción co FUFOSE en Europa no establecemento de novas guías e recomendacións acerca deste tipo de alimentos.
Características
[editar | editar a fonte]A principal tarefa dunha dieta é fornecer nutrientes de abondo como para cumprir os requirimentos metabólicos que manteñanla saúde ao mesmo tempo que se poida proporcionar ao consumidor unha sensación de satisfacción e de benestar. As pescudas realizadas en nutrición durante a segunda metade do século XX empezaron a achegar datos acerca da posibilidade de modular certas funcións da saúde mediante o consumo de alimentos fortificados ou enriquecidos con elementos activos como poden ser o uso de certos micronutrientes[11] Como definición de traballo pódese dicir que un alimento é funcional se contén algún compoñente (sexa ou non un nutriente) que beneficia unha ou un número limitado de funcionalidades no corpo proporcionando saúde (entendida como redución de risco de enfermidade) e benestar.[12] Un alimento funcional pode ser un macronutriente se este posúe efectos fisiolóxicos específicos (como pode ser o emprego dun amidón resistente aos zumes gástricos o un ácido graxo) ou incluso un nutriente esencial que o seu consumo é superior á Cantidade Diaria Recomendada. Pode referirse a un compoñente alimenticio que malia posuír un valor nutritivo, non é esencial (como por exemplo os oligosacáridos) ou incluso pode carecer de valor nutritivo (como poden ser os organismos vivos ou compostos químicos de plantas).
Enténdese por Alimentos Fortificados aqueles alimentos nos que a proporción de proteínas e/ou aminoácidos e/ou vitaminas e/ou substancias minerais e/ou ácidos graxos esenciais é superior á do contido natural medio do alimento corrente, por ter sido suplementado significativamente (entre un 20 e un 100 %). No caso dos produtos“enriquecidos” son aqueles que por políticas sanitarias ou alimentarias deben ser adicionados con cantidades específicas de determinados nutrientes, segundo a lexislación o explicite, atendendo ás necesidades dun grupo en particular ou unha carencia de poboación xeneralizada.[13]
Procesado de alimentos funcionais
[editar | editar a fonte]Un alimento pode acabar sendo funcional se durante o seu procesado realizóuselle calquera destas operacións:
- Eliminación dun compñnente alimenticio coñecido como causante ou determinante dunha doenza. Exemplos poden ser as proteínas alerxénicas de certos alimentos, a eliminación da lactosa de certos produtos lácteos.
- Incremento na concentración dun compoñente alimenticio. Esta operación de fortificación, ou engadidura dun compoñente activo, fai que a dose diaria do mesmo se achegue ás recomendacións dos organismos reguladores, o que a longo prazo redundará nunha diminución de riscos de enfermidade.
- Engadido dun compoñente que non está presente na maioría dos alimentos. Non necesariamente debe ser un macronutriente ou un micronutriente.
- Substitución de macronutrientes. Por regra xeral un macronutriente (como pode ser a graxa).
- Incrementando a biodispoñibilidade ou estabilidade dun compoñente coñecido co obxecto de producir un efecto funcional ou reducir a aparición de doenzas.
Algúns obxectivos dos alimentos funcionais
[editar | editar a fonte]Algúns dos alimentos funcionais deseñáronse para cubrir certos aspectos como:
- Funcións gastrointestinais. Estas funcións inclúen aquelas que están asociadas á microflora bacteriana no colon, mediar na actividade endócrina do tracto gastrointesinal, actuar sobre a actividade imune do tracto, control da biodispoñibilidade (especialmente de minerais), control do tempo de tránsito.
- Sistemas redox e antioxidante. Estes sistemas cómpren dun insumo balanceado de antioxidantes e (pro-) vitaminas así como de compoñentes alimentarios tales como os polifenois e outros antioxidantes naturais de orixe vexetal. As actividades redox e maila protección antioxidante son moi importantes para as células e tecidos e o seu desequilibrio asóciase coa aparición de diversas enfermidades. Malia existiren estas hipóteses fundadas existen aínda problemas na comunidade científica á hora de demostrar os efectos beneficiosos dos antioxidantes nos alimentos funcionali.[14]
- Metabolismo de macronutrientes - Este obxectivo é específico do metabolismo de glícidos, metabolismo de aminoácidos, e ácidos graxos.
- Axudas ao feto - O alimento da nai e do feto son obxectivos nalgúns alimentos funcionais, un exemplo é o ácido fólico.
- Metabolismo xenobiótico e a súa modulación mediante compoñentes non-nutritivos, tal e como algúns fitoquímicos.
- Modificar o humor e a capacidade psicolóxica
Algúns exemplos son:
- Ovos enriquecidos con ácidos graxos esenciais omega-3, axudan a reducir o risco de afeccións cardíacas.
- Leite e iogures fermentados con cultivos probióticos facilitan a dixestión.
- Cereais con ácido fólico, que axudan a reducir o número de nenos que nacen con espiña bífida
- Margarinas con fitosterois (benecol) que reducen o colesterol e diminúen o risco de padecer afeccións cardiácas
A polémica
[editar | editar a fonte]A aparición dos alimentos funcionies creou dende o seu comezo unha grande esperanza entrelos consumidores que procuran con afán produtos máis saudábeis, produtos que melloren a súa calidade de vida e doenzas que os afectan. Téñense publicado numerosos estudos científicos acerca da eficiencia dos alimentos funcionais e da necesidade real de incorporar probióticos en diversos alimentos por parte da industria. Os resultados son variábeis, van desde os que demostran éxito, tales como os que verifican que o consumo de probióticos mellora cadros de diarrea, ou os que incorporan o seu consumo logo de longos tratamentos con antibióticos de amplo espectro. Tamén se encontran publicados estudos que fallan en atopar diferenzas para a saúde despois do consumo de probióticos e critican o seu emprego.
Existe porén confusión respecto dos resultados, xa que en moitos casos considérase como probióticos a cepas bacterianas que non o son. Para evitar isto disponse hoxe dun conxunto de estritas probas biolóxicas e tecnolóxicas que deben ser cumpridas antes de etiquetar a unha ou máis cepas bacterianas como realmente probióticas.
Só cando exista unha estrita supervisión por parte dun ente externo poderase ter certeza respecto dos resultados.
Tendencias futuras
[editar | editar a fonte]Existe unha grande actividade de investigación por mor fundamentalmente da cantidade de preguntas sen resposta que existe en boca de moitos dietistas. Téntase pescudar se os alimentos funcionais proporcionan un substrato axeitado para a absorción de nutrientes funcionais, se melloran substancialmente a saúde.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "alimento funcional". TERGAL. Consultado o 04/06/2019.
- ↑ González González, Manuel (coord.) (2012). Dicionario de alimentación e restauración (galego-castelán-inglés). Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 978-84-453-5056-0.
- ↑ "Concepts and strategy of functional food science: the European perspective", Marcel B Roberfroid, Am J Clin Nutr 2000;71(suppl):1660S–4S.
- ↑ European Commission Community Research (2000) Project Report: Functional food science in Europe, Volume 1; Functional food science in Europe, Volume 2; Scientific concepts of Functional Foods in Europe, Volume 3. EUR-18591, Office for Official Publications of the European Communities, L-2985, Luxembourg.
- ↑ "Functional Foods: Designer Foods, Pharmafoods, Nutraceuticals", Israel Goldberg; 1994; Springer; Series: Diet therapy; ISBN 0-8342-1688-4
- ↑ "Functional Food Science in Europe". (1998). British Journal of Nutrition, 80(1):S1-S193.
- ↑ Información das actividades alimentarias en: https://web.archive.org/web/20090822045739/http://europe.ilsi.org/
- ↑ J. M. Culebras, A. García de Lorenzo y M. González-Gross (2004). "Alimentos funcionales". Nutrición Hospitalaria (Madrid) 19 (1). ISSN 0212-1611.
- ↑ Alimentación y nutrición: Manual teórico-práctico", Clotilde Vázquez Martínez; 2005; Ediciones Díaz de Santos ISBN 84-7978-715-5
- ↑ sétimo programa marco da UE
- ↑ "Scientific concepts of functional foods in Europe: consensus document", Diplock AT, Aggott PJ, Ashwell M, et al.; Br J Nutr 1999; 81(suppl):S1–27.
- ↑ "Functional food science in Europe", Bellisle R, Diplock AT, Hornstra G, et al.; Br J Nutr 1998;80(suppl):S3–193.
- ↑ Código Alimentario Arxentino, Cap. XVII
- ↑ "Functional food science and defence against reactive oxidative species", A. T. Diplock, British Journal of Nutrition (1998), 80, Suppl. 1, S77–S112