Ana de Mendoza de la Cerda
![]() ![]() | |
Nome orixinal | (es) Ana de Mendoza de la Cerda, princesa de Éboli, condesa de Mélito y duquesa de Pastrana ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de xuño de 1540 ![]() Cifuentes, España (pt) ![]() ![]() |
Morte | 2 de febreiro de 1592 ![]() Pastrana, España (pt) ![]() ![]() |
Actividade | |
Ocupación | política, cortesá ![]() |
Outro | |
Título | Duke of Francavilla (en) ![]() Príncipe de Éboli (pt) ![]() Princesa ![]() |
Familia | Casa de Mendoza (pt) ![]() ![]() |
Cónxuxe | Rui Gomes da Silva, príncipe de Éboli (1553 (Gregoriano)–) ![]() |
Fillos | Ana Gómez de Silva y de Mendoza, Diego de Silva y Mendoza ![]() |
Pais | Diego Hurtado de Mendoza y de la Cerda ![]() ![]() |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario enciclopédico de escritorio ![]() |
![]() ![]() |
Ana de Mendoza de la Cerda y de Silva y Álvarez de Toledo, nada en Cifuentes o 29 de xuño de 1540 e finada en Pastrana o 2 de febreiro de 1592, foi unha nobre española que tivo os títulos de II duquesa de Francavilla, II princesa de Mélito, II condesa de Aliano e II marquesa de Algecilla por dereito propio, así como princesa de Éboli, duquesa de Estremera, duquesa de Pastrana e marquesa de Diano, polo seu matrimonio con Ruy Gómez de Silva, nobre portugués e valido do rei Filipe II de España, polo que é coñecida coloquialmente como a Princesa de Éboli.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Ana de Mendoza pertencía a unha das familias castelás máis poderosas da súa época: a casa de Mendoza. Foi a filla única do primeiro dos dous matrimonios que tivo Diego Hurtado de Mendoza y de la Cerda, I duque de Francavilla e I príncipe de Mélito e vicerrei de Aragón, e a súa primeira esposa María Catalina de Silva y Álvarez de Toledo, filla dos condes de Cifuentes.
Á idade de doce anos, en 1553, Ana asinou as capitulacións de voda con Ruy Gómez de Silva, por recomendación do príncipe Filipe, futuro Filipe II de España. O seu home era príncipe de Éboli, denominación da cidade localizada no reino de Nápoles, e ministro do rei. Os compromisos de Ruy motivaron a súa presenza en Inglaterra, polo que nos cinco primeiros anos de matrimonio os cónxuxes apenas estiveron tres meses xuntos.
Foi unha das mulleres de máis talento da súa época, e foi considerada unha das damas máis fermosas da corte española. Entre as teorías sobre a causa da perda do seu ollo dereito, a máis aceptada é a que asegura que a princesa foi danada pola punta dun florete manexado por un paxe durante a súa infancia. Con todo, este dato non é claro; quizais non fose chosca senón estrábica, aínda que hai poucos datos que mencionen ese defecto físico. En calquera caso, o seu defecto non quitaba beleza ao seu rostro; o seu carácter altivo e o seu amor polo luxo convertéronse na súa mellor etiqueta de presentación, e exerceu unha grande influencia na corte.
Conflito con Tareixa de Xesús
[editar | editar a fonte]
Ana solicitou xunto co seu home dous conventos da orde relixiosa das carmelitas descalzas en Pastrana.
Entorpeceu os traballos porque quería que se construísen segundo os seus ditados, o que provocou numerosos conflitos con monxas, frades, e sobre todo con Tareixa de Xesús, fundadora das carmelitas descalzas. Ruy Gómez de Silva puxo paz, mais cando este faleceu volveron os problemas, xa que a princesa quería ser monxa e que todas as súas criadas tamén o fosen. Foille concedido con desgana por Tareixa de Xesús e localizouse nunha cela austera. Pronto cansou da cela e foi a unha casa no horto do convento coas súas criadas. Alí tería armarios para gardar vestidos e xoias, ademais de ter comunicación directa coa rúa e poder saír a vontade. Ante isto, por mandato de Tareixa, todas as monxas marcharon do convento e abandonaron Pastrana, deixando soa a Ana. Esta volveu de novo ao seu palacio de Madrid, non sen antes publicar unha biografía terxiversada de Tareixa, o que produciu o alzamento de escándalo da Inquisición, que prohibiu a obra durante dez anos.
Trala morte de Ruy Gómez de Silva
[editar | editar a fonte]Trala repentina morte de Ruy Gómez de Silva en 1573, Ana viuse obrigada a manexar o seu amplo patrimonio e durante o resto da súa vida tivo unha existencia problemática.
Grazas aos seus influentes apelidos conseguiu unha posición desafogada para os seus fillos. A súa filla máis vella, Ana, casou con Alonso Pérez de Guzmán el Bueno y Zúñiga, VII duque de Medina Sidonia; o seguinte, Rodrigo, herdou o ducado de Pastrana; Diego foi duque de Francavilla, vicerrei de Portugal e marqués de Allenquer. Ao seu fillo Fernando, ante a posibilidade de chegar a cardeal, fixérono entrar en relixión, mais escolleu ser franciscano e cambiou o seu nome polo de frei Pedro González de Mendoza (como o seu tataravó o Gran Cardeal Mendoza), e chegou a ser arcebispo.
A corte de Filipe II e as súas intrigas
[editar | editar a fonte]Debido á posición de Ana de Mendoza na corte española, mantiña relacións próximas co entón príncipe e logo rei Filipe II, o que animou a catalogala como amante do rei, principalmente durante o matrimonio deste coa moza Isabel de Valois, da cal foi amiga.
O que si parece seguro é que, unha vez viúva, en 1573, sostivo relacións con Antonio Pérez, secretario do rei. Antonio tiña a mesma idade ca ela e non se sabe realmente se o seu foi simplemente unha cuestión de amor, de política ou de busca dun apoio que lle faltaba dende que finara o seu marido. Estas relacións foroon descubertas por Juan de Escobedo, secretario de Xoán de Austria, fillo natural do rei Carlos I de España, quen ademais mantiña contactos cos rebeldes dos Países Baixos españois. Antonio Pérez, temeroso de que revelase o segredo, denunciouno ante o rei de graves manexos políticos e Escobedo apareceu morto a estocadas, do que a opinión pública acusou a Pérez; porén, pasou un ano ata que o rei dispuxo a súa detención.
Os motivos da intriga que levaron ao asasinato de Escobedo e á caída da princesa non son claros. Parece probable, xunto á posible revelación da relación amorosa entre Ana e Antonio Pérez, tamén a existencia doutros motivos, como unha intriga complexa de ambos sobre a sucesión ao trono vacante de Portugal e contra Xoán de Austria no seu intento de casar con María I de Escocia, da casa de Estuardo.
O encerro
[editar | editar a fonte]

A princesa de Mélito e viúva do príncipe de Éboli foi encerrada por orde do rei Filipe II de España en 1579, primeiro no Torreón de Pinto, logo na fortaleza de Santorcaz e privada da tutela dos seus fillos e da administración dos seus bens, para ser trasladada en 1581 ao seu Palacio Ducal de Pastrana, onde estivo acompañada e atendida pola súa filla máis nova, Ana de Silva (chamada Ana como a filla máis vella da Princesa, que tivo dúas fillas do mesmo nome, logo fíxose monxe) e tres criadas.
É moi coñecido no palacio o balcón enreixado que dá á praza da Hora, chamada así porque era onde se permitía á princesa asomarse unha hora ao día. Trala fuga de Antonio Pérez a Aragón en 1590, Filipe II mandou poner reixas en portas e xanelas do Palacio Ducal.
Non está tampouco moi claro a causa da actitude cruel de Filipe II con Ana, quen nas súas cartas chamaba "primo" ao monarca e pedíalle nunha delas "que a protexese como cabaleiro". Filipe II referíase a ela como "a hembra". É salientable que, mentres que a actitude de Filipe cara a Ana era dura e desproporcionada, sempre protexeu e cuidou dos fillos desta e do seu antigo amigo Ruy Gómez de Silva. Filipe II nomeou un administrador dos seus bens e máis adiante levou as contas ao seu fillo frei Pedro ante a ausencia dos seus irmáns.
Faleceu en devandita localidade en 1592. Ana e Ruy están enterrados xuntos na Colexiata de Pastrana.
Matrimonio e fillos
[editar | editar a fonte]Durante o período do seu matrimonio, a vida de Ana foi estable. Con Ruy Gómez de Silva tivo dez fillos:
- Diego (ca. 1558-1563), morto de neno.
- Ana de Silva y Mendoza (1560-1610), esposa de Alonso Pérez de Guzmán el Bueno y Zúñiga, VII duque de Medina Sidonia.
- Ruy II Gómez de Silva y Mendoza, II duque de Pastrana (1562-1596), quen casou con Ana de Portugal y Borja.
- Pedro de Silva y Mendoza (ca. 1563), morto de neno.
- Diego de Silva y Mendoza, III duque de Francavilla e I marqués de Alenquer (1564-1630). Matrimonios: Luisa de Cárdenas e María Ana Sarmiento Villandrano de Ulloa, condesa de Salinas.
- Ruy de Silva y Mendoza, I marqués de la Eliseda (1565- 1616). Matrimonios: Ana de Aguilar, Jerónima Fernández de Fillar e Antonia Manrique de Lara, XI condesa de Castañeda.
- Fernando de Silva y Mendoza, logo frei Pedro González de Mendoza, (1570-1639), arcebispo de Zaragoza.
- María de Mendoza e María de Silva (ca. 1570), xemelgas, mortas de nenas.
- Ana de Silva y Mendoza (1573-1614), foi a última filla do matrimonio e quen acompañou á súa nai nos anos de encerro.[1]
Na ficción
[editar | editar a fonte]Na obra de Schiller Don Carlos, Infant von Spanien e na ópera de Verdi Don Carlos, hai unha personaxe chamada Princesa Eboli, baseada en Ana de Mendoza.[2] É tamén o tema da novela de Kate O'Brien That Lady,[3] e da adaptación ao cinema da novela de O'Brien, That Lady, dirixida por Terence Young e protagonizada por Olivia de Havilland. La Tuerta é unha obra de teatro interpretada no Bedlam Theatre como parte de The Edinburgh Fringe Festival en agosto de 2008.
En 2008 estreouse o filme La conjura de El Escorial, dirixido por Antonio del Real e que narraba, con relativa fidelidade, as intrigas de Antonio Pérez e a Princesa de Éboli. Esta última personaxe foi interpretada pola actriz británica Julia Ormond.
Ademais, para televisión, a personaxe foi interpretada pola actriz Marisa de Leza no episodio titulado La tumultuosa Princesa de Eboli, da serie Mujeres insólitas, e que se emitiu por TVE o 15 de febreiro de 1977. Para a serie Teresa de Jesús, dirixida por Josefina Molina e emitida en 1984, a actriz que encarnou en dous dos episodios a Princesa de Éboli foi Patricia Adriani. En 2010 estreouse unha miniserie de dous episodios titulada La princesa de Éboli en Antena 3, con Belén Rueda á fronte do elenco no papel da princesa.
En 2018, no episodio da serie Arthur titulado "The Princess Problem", Lydia presenta a personaxe a D.W. como exemplo de princesa discapacitada, dicindo que foi cegada na súa infancia nunha pelexa de espadas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ares (2005), páx. 122
- ↑ Friedrich Schiller (2000). Don Carlos and Mary Stuart. Oxford University Press. ISBN 0-19-283985-3.
- ↑ O'Brien, Kate (1949). That Lady: A Romantic Drama. Harper.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alegre Carvajal, Esther (2014). "Ana de Mendoza y de la Cerda, princesa de Éboli, duquesa de Pastrana (Cifuentes, 1540-Pastrana, 1592". Damas de la Casa de Mendoza: Historias, leyendas y olvidos. Madrid: Polifemo. pp. 578–617. ISBN 978-84-16335-00-8.
- Ares, Nacho (2005). Éboli: secretos de la vida de Ana de Mendoza. Algaba. ISBN 84-961-0757-4.
- Fernández Álvarez, Manuel (2009). La princesa de Éboli. Espasa Calpe. ISBN 978-84-670-3034-1.
- Herrera Casado, Antonio (2000). La princesa de Éboli: una guía para descubrirla: un manual para seguir sus pasos por Castilla. Aache. ISBN 84-95179-39-3.
- O'Brien, Kate (1946; trad. de María José Rodellar, 1986). "That Lady" Esa Dama - La historia de la princesa de Éboli. Edhasa. ISBN 84-350-0525-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web de la Princesa de ÉboliArquivado 18 de decembro de 2014 en Wayback Machine.
- Documentos relativos a doña Ana de Mendoza y de la Cerda, princesa de Éboli, na colección de documentos inéditos para la historia de España, vol. LVI.