Anatoli Papanov
Anatoli Dmitrievich Papanov (en ruso Анато́лий Дми́триевич Папáнов), nado en Viazma o 31 de outubro de 1922 e finado en Moscova o 5 de agosto de 1987, foi un actor e director de teatro ruso da época soviética.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seu pai, Dmitri Filippovich Papanov era un militar[1] destinado no cruzamento ferroviario de Viazma, entón parte da gubernia de Smolesk. Súa nai, Elena Boleslavovna Roskovskaia era unha modista polaca que ao casar se converteu á fe ortodoxa[2]. Seu pai formaba parte dunha compañía teatral de afeccionados organizada por Nikolai Plotnikov e na que tamén actuaba Evgenia Luchesarskaia, antiga actriz nos teatros imperiais e dona do comandante da gornición de Viazma. Cando as pezas requirían nenos, Anatoli e súa irmá botaban unha man saíndo a escena.[3]
En 1930, a familia trasladouse a Moscova. De mozo traballou nunha fábrica e con 17 anos principiou a estudar na escola de teatro no club da fábrica Kauchuk que organizaron actores do Teatro Evgeny Vakhtangov e que dirixía Vasilii Kuza, a quen Papanov consideraba o seu primeiro mestre[4]. En 1937 apareceu por primeira volta nun filme, un pequeno papel como mariño en Lenin v oktyabre e logo aparecu noutros filmes como extra. En 1941 durante o inicio da guerra na URSS Papanov incorporouse á fronte como sarxento primeiro ao mando dun pelotón artillaría antiaérea. O 22 de marzo de 1942 nunha acción preto de Khárkiv cercárono as tropas inimigas e resultou ferido, con feridas graves na perna dereita e a perda de dúas dedas[4]. Pasou seis meses nun hospital, logo con 21 anos declárono discapacitado de terceiro grao e durante uns anos tivo que usar cachaba[2].
Teatro e cine
[editar | editar a fonte]En 1943 volveu a Moscova e ingresou no Instituto Estatal de Artes Teatrais Lunacharski[4], estudou so a guía de Vasili e Maria Orlov, do Teatro Artístico de Moscova. Entre as súas compañeiras de clase estaba Nadezhda Karataeva, con quen casou en 1945[5]. Tras rematar os estudos en 1946 marchou a Klaipeda coa súa muller e os seus antigos compañeiros de curso como a compañía estable do recentemente reaberto Teatro Dramático de Klaipeda[5], o primeiro papel que interpretou na cidade lituana foi o de Sergei Tyulenin da peza Molodaya gvardiya, baseada na novela homónima de Fadeyev. En 1948 volveu a Moscova para se integrar no elenco do Teatro Académico da Sátira por suxestión do director Andrei Goncharov, e alí actuou durante case corenta anos en cincuentas montaxes. Algunhas desas obras graváronse para a televisión.
En cine o seu primeiro grande éxito foi en 1964 no papel do xeneral Serpilin no filme Zhivye i myortvye de Aleksandr Stolper baseado nunha novela de Konstantin Simonov, quen gabou a súa interpretación[6]. En 1966 Eldar Ryazanov estreou Beregis Avtomobilya, no que Papanov compartía protagonismo co seu amigo Andrei Mironov, con Mironov como un moderno contrabandista, e Papanov como seu sogro, un veterano de guerra que se moquea del o tempo todo. A popularidade da parella levou en 1968 a Leonid Gaidai a elixilos para a comedia Brilliantovaïa rouka encarnando un par de contrabandistas que tentan quitarlle a "escaiola de diamantes" do heroe. O filme vírono máis de 76 millóns de espectadores no ano da súa estrea, converténdose no terceiro filme soviético máis popular de todos os tempos[7]. En 1971, Gaidai escolleu de novo á parella para a súa adaptación da novela de Ilf e Petrov 12 stulyev mais despois optou por outros actores[8] e foi na adaptación que realizou Mark Zakharov para a televisión da novela onde a parella se reuniu por derradeira volta.
Actuou en máis de setenta producións cinematográficas[9]. Tamén foi moi recoñecido o seu labor como actor de voz para animación, participando en máis de cen producións, en especial salienta o lobo, protagonista de Nu, pogodi!, que se converteu en emblema do propio actor [10].
En 1987 dirixiu unha montaxe da peza Posledniye, drama de Gorki, e como crente quixo completar a obra cunha pregraria, e para evitar posibles prohibicións inseriu unha gravación de radio co cantante de ópera Fedoror Chaliapin executando unha oración[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Анатолий Папанов: кем были родители талантливого советского актера" russian7.com
- ↑ 2,0 2,1 Татьяна Булкина (2011) Поклон советскому кино. Московия, pp. 87—96. ISBN 5-7151-0333-9.
- ↑ Крылов Ю. К. (2012) Анатолий Папанов. Снимайте шляпу, вытирайте ноги. Питер. ISBN 978-5-459-01169-2.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Острова. Анатолий Папанов". Культура. 2007. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2019. Consultado o 04 de setembro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 "Надежда Каратаева и Анатолий Папанов. Больше, чем любовь". tvkultura.ru. 2013. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2019. Consultado o 05 de setembro de 2019.
- ↑ С. И. Юткевич (1987) Кино: Энциклопедический словарь М.: Советская энциклопедия, pp. 81, 316
- ↑ "СССР: Самые кассовые фильмы". KinoPoisk
- ↑ Anna Veligzhanina. "Гайдай забраковал 22 Остапа". Komsomolskaya Pravda, 30 de xaneiro de 2003
- ↑ "Папанов в кино". Сайт памяти Анатолия Папанова. Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2019. Consultado o 06 de setembro de 2019.
- ↑ "Папанов и мультфильмы". Сайт памяти Анатолия Папанова. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2018. Consultado o 06 de setembro de 2019.
- ↑ Татьяна Булкина (2011). Поклон советскому кино. pp. 87—96. ISBN 5-7151-0333-9.