Andrés Díaz de Rábago
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de outubro de 1917 A Pobra do Caramiñal, España |
Morte | 15 de xuño de 2022 (104 anos) Taiwán |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | misioneiro |
Membro de | |
Orde relixiosa | Compañía de Xesús |
Andrés Díaz de Rábago Pérez, nado na Pobra do Caramiñal o 3 de outubro de 1917 e finado en Xinzhuang (Nova Taipei, Taiwán) o 15 de xuño de 2022, foi un médico, frade xesuíta e misioneiro galego.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun armador e empresario da Pobra, Andrés Díaz de Rábago Aguiar, e neto de Joaquín Díaz de Rábago, estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo e rematou o bacharelato en Portugal. En 1933 accedeu a estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, pero interrompeu os estudos á chegada da Guerra Civil para participar como soldado.[4] Nos tempos de estudante en Santiago acompañou a Valle-Inclán, que era amigo e compadre do seu pai, nos seus últimos días.[5]
Loitou na Guerra no bando nacional, e a súa familia foi unha importante contribuínte económica ao soporte do exército franquista, como testemuña por exemplo El Eco de Santiago do 1 de agosto de 1936.[6] Ao remate da contenda acabou a súa licenciatura e ingresou na Compañía de Xesús (1940). A súa formación relixiosa fíxoa en Salamanca, e trasladouse a Santander para rematar a súa tese.[7]
Como misioneiro católico chegou á China en novembro de 1947, logo de facer escala en Filipinas.[2] Na China estudou teoloxía e traballou nas cidades de Xanghai e Beixín. Na primeira das cidades ordenouse como sacerdote católico en 1952. Coa vitoria do comunismo logo da Guerra Civil Chinesa, Díaz marchou ás Filipinas, onde se estableceu en Manila. Alí continuou a súa formación, ata doutorarse en Teoloxía.
Despois marchou ao Timor Leste, daquela unha colonia portuguesa, onde deu clase a Ximenes Belo e a Xanana Gusmão. De alí finalmente, en 1969, foi para Taiwán, onde traballou como misioneiro católico, como doutor e como profesor de Latín na Universidade Nacional de Taiwán. Continuou activo como relixioso ata superados os cen anos.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Cruz de oficial da Orde de Isabel a Católica (2000).
- Medalla de Bronce de Galicia (2001).[8]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Foi curmán de Carmela Arias Díaz de Rábago, empresaria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Díaz de Rábago, un misionero de 96 años poseedor de una fe que mueve montañas". La Opinión de A Coruña (en castelán). 18/6/2014.
- ↑ 2,0 2,1 Muñoz Romeo, Héctor E. (2013). Historia de vida de Andrés Díaz de Rábago (1947-57). Universitat Oberta de Catalunya.
- ↑ "Muere en Taiwán a los 105 años el padre jesuita de A Pobra Andrés Díaz de Rábago". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-06-15. Consultado o 2022-06-15.
- ↑ USC (13/10/2017). "Estes días recibimos a Andrés Díaz de Rábago, licenciado en Medicina pola USC que aos seus 100 anos segue a traballar activamente en Taiwánpic.twitter.com/UbUd8EFbEA". @UniversidadeUSC. Consultado o 24/12/2018.
- ↑ "Diles que no tengo suelto". La Opinión de A Coruña (en castelán). 10/7/2018.
- ↑ "Suscripción popular para las fuerzas armadas". El Eco de Santiago (16514): 2. 1/8/1936.
- ↑ Vilaseca, Montserrat (Novembro-decembro 2017). "Andrés Díaz de Rábago, un misionero gallego de 100 años en Taiwán". SuperGesto (132).
- ↑ "Resolución do 14 de xuño de 2001 pola que se concede a Medalla de Galicia nas súas categorías de prata e bronce." Diario Oficial de Galicia.