Aneis de Urano
Os aneis de Urano configuran un sistema de aneis de complexidade media que se pode situar a medio camiño entre sistemas máis extensos –coma os aneis de Saturno– e máis sinxelos –coma os de Xúpiter e os de Neptuno. Os aneis de Urano foron descubertos o 10 de marzo de 1977 por James L. Elliot, Edward W. Dunham e Douglas J. Mink. Hai máis de 200 anos William Herschel tamén anunciara que vira aneis, pero os astrónomos modernos son escépticos que os puidese ver, xa que son moi escuros e tenues. A sonda Voyager 2 descubriu dous aneis máis en 1986, e descubríronse dous aneis exteriores mediante fotografías do Telescopio espacial Hubble entre o 2003 e o 2005.
O sistema de aneis de Urano está formado por 13 aneis diferentes. En orde crecente de distancia respecto do planeta desígnanse 1986U2R/ζ, 6, 5, 4, α, β, η, γ, δ, λ, ε, ν e μ. Os seus raios varían entre 38 000 km (anel 1986U2R/ζ) e 98 000 km (anel μ). Poderían existir bandas tenues de po e arcos incompletos entre os aneis principais. Os aneis son moi escuros -de feito, o albedo de Bond das partículas dos aneis non supera o 2%-. Probablemente están compostos de xeo de auga e algúns compostos orgánicos procesados pola radiación.
A maioría dos aneis de Urano son opacos e de poucos quilómetros de ancho. O sistema de aneis contén, en xeral, pouco po; consiste principalmente de grandes corpos cun diámetro de entre 0,2 e 20 m. Ademais, algúns aneis son ópticamente delgados: os amplos e tenues aneis 1986U2R/ζ, μ e ν están feitos de pequenas partículas de po, mentres que o anel estreito e tenue λ tamén contén corpos meirandes. A relativa falla de po no sistema de aneis é por mor da resistencia aerodinámica da parte externa da exosfera uraniana: a coroa.
Crese que os aneis de Urano son relativamente novos: non teñen máis de 600 millóns de anos. O sistema de aneis de Urano orixinouse probablemente a partir dos anacos resultantes das colisións de antigos satélites que tiña o planeta. Despois de colidir, probablemente os satélites se separaron en diversas partículas, que sobreviviron como aneis estreitos e opticamente densos só en zonas estritamente confinadas de estabilidade máxima.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aneis de Urano |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Aneis de Urano no Solar System Exploration da NASA
- Uranus Rings Fact Sheet
- Hubble Discovers Giant Rings and New Moons Encircling Uranus – Hubble Space Telescope news release (22 de decembro de 2005)