Angrois, Sar, Santiago de Compostela
Angrois | |
---|---|
Panorámica de Angrois. | |
Parroquia | Sar |
Concello | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°51′35″N 8°31′41″O / 42.859722222222, -8.5280555555556 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Angrois é un barrio de Sar, situada ao leste do concello de Santiago de Compostela.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O topónimo aparece por vez primeira nun documento de 1147 como Angroy[1], Dieter Kremer propuxo que fora adaptado do termo angrox.[2] A aparición do mesmo termo angrois en francés (co significado de cuña, recuncho e o tecnicismo pequena cuña dentro do ollo do martelo para asegurar a empuñadura), o arredado enclave da aldea e a súa proximidade ó Camiño de Santiago suxire[Cómpre referencia] a hipótese dun estranxeirismo importado polos peregrinos galos.[3] Con todo, María Fernández López sostén a tese de Aníbal Otero de que o nome deriva do latín scrobis (foso, burato), relacionando deste xeito Angrois co seu castro, referíndose ao número de fosos defensivos cos que contaba.[4][5]
Por outra banda, na Carta prehistórica de Santiago Angrois vincúlase co nome da etnia dos ambróns.[6]
Nos dicionarios toponímicos galegos Angrois non ten significado, pero o nome levou á formación de frases e expresións sobre un presunto pobo imaxinario de persoas rudas. Así, Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, cita como exemplos as expresións ¿coidas que son de Angrois? (pensas que eu son parvo?), non veño de Angrois (eu non son un inocente), parece que vés de Angrois (o abobado ou falto de comprensión) e seica somos de Angrois, ou que? (tómasme por torpe?), todas elas, curiosamente, amplamente utilizadas na bisbarra de Ribadeo, moi lonxe da aldea de Santiago.[7][8]
A raíz do comportamento solidario dos veciños de Angrois tralo accidente do Alvia en 2013, amplamente recoñecido polos medios de comunicación social e as institucións [9][10], Ferro Ruibal propuxo un cambio do significado semántico da expresión Ser de Angrois e paralelas, que agora adopta o valor de xente solidaria, xenerosa, comprometida na axuda a quen a necesita [11].
Xeografía
[editar | editar a fonte]Angrois é adxacente ás parroquias do Castiñeiriño, Santa Lucía, O Eixo, Marrozos e San Martiño de Aríns. A aldea está encravada no oco do val que atravesa o seu río, do mesmo nome, que se conecta ao de Aríns en Santa Lucía.
A vila está rodeada de montes (Viso, Gaiás, Estivadiña, Penalada, O Castro), dándolle moitos regatos, nacentes, fontes e vexetación. Abundan nas ladeiras fragas de árbores autóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros), esenciais para a subsistencia e economía no pasado. Moitas delas foron substituídas por eucaliptais, máis rendíbeis. A flora está composta principalmente de uzais e toxais, revestindo de amarelo as terras non cultivadas. Estas fragas escondían unha rica fauna (coellos, lebres, teixos, raposos, xabarís etc.) e aínda serven como refuxio para pegas, merlos e parellas de miñatos. Aínda hoxe a caza e a pesca son moi practicadas polos veciños de Angrois.
Ao redor da aldea, aproveitando chairas baixas, o home foi roubando pequenos anacos ao bosque para cultivo, onde aínda sobreviven os campos de millo, patacas e grelos.
Historia
[editar | editar a fonte]A orixe de Angrois atópase na prehistoria, como o evidencian os vestixios arqueolóxicos que permanecen no Monte do Castro e nas murallas que foron encontradas en 2008 para a construción do ferrocarril Galicia-Madrid de alta velocidade. O Monte do Castro é un promontorio estratéxico dende o cal se domina todo o val do río Ulla, o Pico Sacro, ao leste, e as chairas onde hoxe está Compostela, ao oeste, polo tanto dotado das características de vixilancia e defensa dos castros galegos. Pouco se sabe sobre estes primeiros colonos, mesmo aínda segue viva entre os estudosos atribuírlles a súa etnia. En calquera caso, foran celtas ou ambróns vivirían a partir dos recursos que a natureza lles prestaba, que, no caso de Angrois, non eran poucos (caza, pesca, recolección de froitos silvestres).
O seguinte vestixio de poboación é a calzada romana de Sar, cuxo treito preservado (e restaurado en 2010) vai dende o Camiño Real de Angrois ata a ponte románica de tres arcos que cruza o río Sar, xunto á colexiata de Santa María a Real do Sar. O seu primitivo mosteiro agostiño remóntase ao século XII, no momento da loita contra os musulmáns. A presenza e participación da Orde de Santo Agostiño na promoción da Ruta Xacobea está subliñada e documentada, e este de Sar, o seu primeiro mosteiro galego, tivo encomendada a asistencia aos peregrinos que chegaban a Compostela pola Ruta da Prata, que atravesa Angrois dun lado a outro. Esta ruta, que une a península do sur ao norte, comezou a ser percorrida a partir do Século IX, como forma de fuga ou de peregrinación para os cristiáns que vivían en territorio musulmán (polo que tamén é coñecida co nome de Camiño Mozárabe de Santiago).[12]
O mosteiro agostiño de Sar foi xenerosamente apoiado por doazóns, exencións, privilexios reais e anexións de cenobios rurais, dominando todo o territorio ao leste de Compostela, dende o río Sar ata máis alá do Pico Sacro.[12] Así naceu a vila de Angrois, as súas primeiras casas medievais, ao pé do Camiño de Santiago, onde as persoas reciben a protección do convento a cambio do pago do décimo de todo o que producen e gañan. Os peregrinos, despois da longa marcha, queren catre, pan, sandalias e ferraduras novas para os seus cabalos, polo que a economía da aldea prospera rápido e necesítanse máis terras para sementar trigo e centeo, atopar pastos para o gando e abrir tendas de artesáns.[13] Grazas ao éxito do Camiño Xacobeo e á súa proximidade con Santiago, Angrois desenvolveuse, alcanzando o seu pico entre os séculos XVI e XVIII. A aldea é mencionada no famoso libro de cabalería Amadís de Gaula referíndose á coraxe dos seus habitantes. A finais do século XVIII son datadas (nos escritos preservados e nos linteis esculpidos), algunhas das súas casas de pedra de coidada fábrica de cantaría.
A proximidade á cidade e á Catedral permite aos seus habitantes, totalmente dedicados á agricultura, gandería e artesanía, obter grandes beneficios no mercado de Compostela, necesitado de pan, carne, leite, queixo, patacas, legumes e outros vexetais para alimentar tanto aos peregrinos como aos veciños, que tamén reivindican zocos, saias e ferramentas, cando non carpinteiros, albaneis e bos canteiros.[14]
As desamortizacións de Madoz e Mendizábal a comezos do século XIX desvinculan Angrois e as súas terras da colexiata do Sar e o clero, sacando as súas propiedades a pública poxa, o que leva á clase campesiña á decadencia e á opresión, dando orixe á chamada obriga, unha peculiar sindicación voluntaria que durou ata o final do século XX.[15][16]
Angrois non foi incluída nos plans de concentración parcelaria, polo que o minifundio seguiu perdurando. A improdutividade económica levou ao abandono e á agonía das leiras ao longo da segunda metade do século XX, así como a conflitos sociais polas extremas das terras. En relación á gandería, a implantación das cotas leiteiras pola Unión Europea foi pechando as cortes. Imperceptiblemente foi producíndose unha transformación social da súa poboación e hábitat, trocando o tractor polo camión de obras, o xugo pola vasoira nunha casa estraña. Só pequenas hortas preto da aldea aínda están a ser traballadas no propio beneficio e para o lecer. Durante as últimas tres décadas Angrois foi, como moitas outras áreas urbanas periféricas, un lugar dormitorio. Con todo, a actual crise económica e o desemprego masivo xerado no sector servizos está provocando un retorno ao pasado.[17].
A paisaxe e a orografía de Angrois tamén sufriron cambios e transformacións visibles a partir dos anos cincuenta en diante. Nesa década RENFE constrúe a liña ferroviaria Ourense-Santiago, acceso á estación de Santiago de Compostela, para a que expropia e desmantela terras da aldea separándoa en dúas partes comunicadas só por unha pequena ponte. A finais dos anos setenta constrúese a AP-9 (Autoestrada do Atlántico), principal eixe de comunicación entre o norte e o sur de Galicia. O treito Santiago-norte/Santiago-sur foi aberto en 1988, sendo necesario para a súa construción o levantamento do Viaduto de Angrois, que, cunha lonxitude de aproximadamente un quilómetro, salva e transforma o seu val enteiro. Está planificada a súa expansión para cinco pistas en cada sentido.[18] Estas obras desenvolvéronse o longo do 2018. O 11 de xaneiro de 2001, tras dez anos de construción, foi inaugurada no Monte Gaiás, ao norte de Angrois, a Cidade da Cultura, singular complexo arquitectónico contemporáneo, deseñado polo norteamericano Peter Eisenman que requiriu novas expropiacións de terras e domina a cara norte da paisaxe. No 2018 constrúese ó acceso dende a AP-9 ó complexo. Finalmente, entre 2007 e 2012 son realizadas as obras do tren de alta velocidade Madrid-Galicia, sección de acceso á estación de Santiago de Compostela. O impacto da infraestrutura na aldea de Angrois foi grande, acometéndose a demolición da antiga ponte, casas, terreos, bosques etc. Ao leste, para salvar o cumio de Aríns, construíuse o chamado túnel de Compostela. A aldea estivo case tres anos dividida en dous, ata que Adif, a finais de 2011, abriu a nova ponte sobre a Vía da Prata. As demandas dos veciños e das asociacións de barrio (Sar, Castiñeiriño, Conxo) para soterrar a vía non foron tidas en conta pola administración [19], polo que lonxe de ser unha mellora para Angrois, a nova liña ferroviaria ocasionou unha considerable deterioración estrutural, especialmente nas súas estradas, e social, xa que divide a aldea en dúas áreas remotas separadas por un declive de profundidade.[20] O 12 de outono de 2012 constituíuse a "Asociación de Veciños de Angrois"[21]
Accidente ferroviario
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Accidente ferroviario de Angrois de 2013.
O 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, tivo lugar o accidente de tren máis grave da historia de Galicia, con 81 vítimas mortais e 140 feridas, e o segundo máis grave da historia de España despois do de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. As 20:41 horas, un tren Alvia operado por Renfe con dirección Ferrol e procedente de Madrid-Chamartín, que transportaba 218 pasaxeiros, descarrilou á altura da ponte da Vía da Prata. Circulaba a 190 km/h nunha zona limitada a 80.[22] A pesar do terrible suceso os veciños do barrio de Angrois demostraron o seu valor e solidariedade arriscando as súas propias vidas para axudar as vítimas do accidente converténdose nuns auténticos heroes recoñecidos en todo o mundo. Entre os numerosos recoñecementos, foilles concedida a "Real Orden do Mérito Civil" [23], a "Medalla de Ouro da Cidade de Santiago" [24] e a "Medalla de Ouro de San Fernando".[25][26][27], e mesmo se pediu que lle fose outorgado o Premio Príncipe de Asturias da Concordia de 2014[28]
Arquitectura e urbanismo
[editar | editar a fonte]Angrois mantén moitas casas de arquitectura tradicional galega, algunhas delas construídas nos séculos XVII e XVIII. Son casas acondicionadas ó clima e ás necesidades da agricultura e gandería. As vivendas están construídas con sólidos muros de pedra e barro de case un metro de ancho, reservándose a pedra tallada en granito para portas e ventás. A estrutura típica é de dous andares.
Na parte de atrás da vivenda está a horta, onde non falta o hórreo, todo de madeira (cabazo) ou mixto (granito máis madeira de castiñeiro), esencial para secar e conservar o millo. A horta da casa foi, e aínda é, unha fonte de recursos para a economía doméstica e tamén un espazo recreativo.[29] As antigas casas da aldea están pegadas unhas a outras, formando así un núcleo compacto no cal entrelázanse rúas e corredoiras. As rúas antigas de Angrois son estreitas, a medida dun carro de bois. Estaban totalmente emparradas, apoiando as viñas en estruturas de madeira e arame entre as casas enfrontadas. Aínda se conservan moitas destas vides altas, pero outras foron desaparecendo xa que poucos fan viño e augardente, ou por impedir o paso de tractores e vehículos.
Das moitas que había, consérvanse varias fontes e nacentes, entre elas a Fonte do Cancelo, de granito e tubo de ferro forxado, que nunca seca, e a Fonte da Cagalla, a cuxas augas atribúen propiedades de cura para os ollos.
A ermida de Santa Lucía, patroa da vista e dos cegos, está moi preto da aldea.
Angrois tamén conta á beira do seu río cun muíño, construído entre varias familias que facían quendas no seu uso.
Xerardo Estévez, alcalde de Santiago entre 1983 e 1998, promoveu o desenvolvemento da vila, dándolle auga, sumidoiros, iluminación pública, sinalización, cimentación e afastamento das rúas. O proxecto foi concibido polo arquitecto José Luís Pérez Franco e implicou un investimento de máis de 37 millóns de pesetas. Na apertura de tales melloras, Xerardo Estévez cualificou Angrois como a cidade xardín de Compostela.[30] Desde entón, houbo poucos investimentos e intervencións de desenvolvemento urbano. A deterioración progresiva das infraestruturas levou a consecuencias desastrosas (en agosto de 2001 un tren bateu nunha nena, houbo intentos de autólise e perda de gando na vella liña ferroviaria)[31] As numerosas reclamacións da veciñanza ó Concello e a súa aparición nos medios de comunicación demandando arranxos estruturais non foron tidos en conta. Os concelleiros do Partido Popular de Galicia, entón na oposición, chegaron a presentar en decembro de 2010 unha moción ó goberno[32] liderado polo alcalde Sánchez Bugallo, pedindo para Angrois melloras que non son caprichos nin luxos.[33] Por outra banda, o Plan Xeral de Ordenación Urbana,[34] aprobado en 2008 polo Concello de Santiago limitou o crecemento de Angrois, polo que son moi poucas as casas novas construídas na aldea.
As vivendas do Sandino e do grupo de vivendas no Camiño Real son unha excepción. Estes novos edificios, illados do núcleo e de ladrillos revestidos, non responden á tipoloxía tradicional da zona. A falta de programas e subvencións para a rehabilitación das antigas vivendas lévaas ao abandono e ruína, cando non ó feísmo, sendo excepción os casos de restauración arquitectónica respectuosa.
Celebracións, tradicións e costumes
[editar | editar a fonte]As festas de Angrois están ligadas á cultura agrícola, gandeira e a tradición cristiá. Como en toda España, cada 15 de agosto Angrois celebra a Asunción da Virxe participando na liturxia da colexiata do Sar, acompañada por bailes e música tradicional galega, danza e feira. O 13 de decembro, Santa Lucía, os veciños de Angrois van camiñando ata súa ermida, situada na ribeira do río Arins, e prestan homenaxe a mártir en romaría, ofrenda de candeas, lavado de ollos na fonte e poxa para levar unha réplica da imaxe para a súa casa, onde permanece durante seis meses. Na celebración non faltan mulleres e homes vestidos cos traxes tradicionais galegos, danzas ao son de gaitas e tambores. É típica a venda de rosquillas.
Ademais, Angrois ten a súa propia festa, na honra de San Antonio, santo patrón dos animais, que tivo a súa orixe na obriga e agora organiza a comisión de festas da aldea cada primeiro domingo de xullo. Ao non contar con ningunha igrexa ou capela, o sacerdote de Sar sobe para o campo da festa de Angrois, onde celébrase a misa e antigamente bendicíanse os animais. Antes da eucaristía, unha banda de música percorre todas as rúas decoradas con bandeiras e luces e tíranse foguetes. O mediodía non faltan cancións e bailes tradicionais (muiñeira, pandeirada, alalás) e sesión vermú con orquestra. A tarde está dedicada aos nenos, con xogos e atraccións. A noite péchase co baile animado por outra orquestra e fogos de artificio.
O entroido de Angrois [35] ten orixes medievais. Eran a maneira de fuxir por uns días da ríxida moral cristiá do agostiño priorado de Sar. Desde entón, sobreviviron, aínda durante a ditadura de Francisco Franco, parando só uns anos por falta de medios. Curiosamente, a súa celebración está máis ligada a bisbarra do Ulla que a de Santiago, pois ao igual quen aquela en Angrois son os Xenerais [36] os protagonistas. Parece que este ritual vén da Guerra da Independencia, cando soldados franceses loitaron por estas terras. Outros investigadores, polas ricas vestimentas dos Xenerais e os seus cabalos, fixan a súa orixe nas guerras carlistas.[36] Estes días, as rúas da aldea se enchen dun grupo heteroxéneo enmascarado, liderado por Os Correos e seguido polos Xenerais montando cabalos engalanados. Paran en cada porta, onde o coro, vestido con traxes tradicionais canta cancións sarcásticas, acompañado polos músicos da parándoa. A continuación, os Xenerais dan as Vivas ao xefe da familia e un membro da comisión recolle a doazón desa casa. Despois da xira da aldea, continúa a festa cos altos ou atranques, enfrontamento dialéctico entre dous Xenerais de lados opostos que vai subindo de ton, sempre en clave xocosa, ata rematar facendo a paz e exaltado a amizade. Os Xenerais, seis ou oito, destacan polos seus traxes vistosos, chaquetas con bordados, bandas cruzadas galegas ou españolas, medallas, faixa e espada. Na súa cabeza levan un amplo sombreiro con longas plumas de pavón. Os seus cabalos portan un espello na testa e son adornados con plumas.[37]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fonte do Cancelo.
-
Parra sobre as rúas.
-
Entroido, Xeneral.
-
Arquitectura tradicional.
-
Corredoira a Santa Lucía na Ruta da Prata.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Sar
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Sar no concello de Santiago de Compostela | |
---|---|
Angrois | As Casas da Hedra | O Cruceiro de Sar | O Outeiro | Picaños | As Pontes do Viso | O Vieiro | O Viso |
Parroquias de Santiago de Compostela
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Xesús Ferro Ruibal Facerse de Angrois, parecer de Angrois, ser de Angrois Portal das palabras". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2013. Consultado o 06 de agosto de 2013.
- ↑ DIETER KREMER (1994). Galego: Evolución lingüística interna III. Onomástica. (PDF). Editorial Niemeyer (Tubinga). pp. p. 34–46. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de setembro de 2018.
- ↑ "Angrois". Diccionario francés Larousse (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013.
- ↑ FERNÁNDEZ LÓPEZ, María Concepción. Engrobia, groba, ect. ¿Angrois? ¿Grobe?: Etimología y toponimia. Reunión Gallega de Estudios Clásicos. Santiago de Compostela, 1981. (en castelán)
- ↑ OTERO ÁLVAREZ, Aníbal. Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués. En Cuadernos de Estudios Gallegos, 1951. (en castelán)
- ↑ Carta prehistórica de Santiago. Cuadernos de Estudios Gallegos, 1951.
- ↑ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio. Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Editorial Galaxia, Vigo, 1958-1961. (en castelán)
- ↑ Procura da palabra angrois como lema no Dicionario de Dicionarios da USC
- ↑ "Agora todo o mundo quere ser de Angrois" Arquivado 25 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., en El Correo Gallego, 29.07.2013.
- ↑ Yo quiero ser de Angrois en Cinco días
- ↑ Xesús Ferro Ruibal: "Ser/ parecer/ facerse de Angrois. Relación de clase e caducidade fraseolóxica en estereotipos de ignorancia e indiferenza", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 141-182. Accesible en PDF; V. tamén [1]
- ↑ 12,0 12,1 "Colexiata do Sar". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2019. Consultado o 02 de xuño de 2019.
- ↑ Andrade Cernadas, José Miguel. Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. Santiago, 1995.
- ↑ CASTIÑEIRAS, Manuel. Os traballos e os días na Galicia medieval. Santiago, 2011.
- ↑ GARCÍA−LOMBARDERO, Jaime. La agricultura y el estancamento económico de Galicia en la España del Antiguo Régimen. Madrid, 1973.
- ↑ Estatutos da Obriga do Río Sar Arriba. Santiago, 1930.
- ↑ Ley 10/1985, de 14 de agosto, de Concentración Parcelaria para Galicia
- ↑ Viaduto de Angrois no BOE.
- ↑ El Correo Gallego, Angrois (hemeroteca); La Voz de Galicia, Angrois (hemeroteca).
- ↑ CASTAÑO, Isidoro. El AVE en Angrois.- El Correo Gallego, 25/01/2010. AVE carroñera.- El Correo Gallego, 08/06/2009. Expropiados del AVE.- El Correo Gallego, 24/07/2009. Angrois necesita arreglos.- La Voz de Galicia, 22 de xaneiro de 2010. El AVE corre demasiado. - La Voz de Galicia, decembro de 2011.
- ↑ Estatutos da Asociación de Veciños de Angrois. Rexistro de Asociacións Xunta de Galicia, 2012.
- ↑ "Tragedia ferroviaria en Santiago". El País. 25/07/2013. Consultado o 25 de xullo de 2013.
- ↑ Parlamento de Galicia, ed. (26 de setembro de 2013). "Pilar Rojo asistiu á entrega de placas de honra da Orde do Mérito Civil ás organizacións colaboradoras nas tarefas de auxilio de Angrois". parlamentodegalicia.es. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2014. Consultado o 29 de xaneiro de 2014..
- ↑ Atlántico Diario, 29.07.2013 Arquivado 01 de febreiro de 2014 en Wayback Machine..
- ↑ "De homenaje a los 'héroes de Angrois' a reivindicación de unidad". El Mundo. 26/10/2013. Consultado o 26 de outubro de 2013.
- ↑ "Vecinos de Angrois evocan a las víctimas al recibir la Medalla de Oro de Santiago". El País. 23/11/2013. Consultado o 23 de novembro de 2013.
- ↑ "Los vecinos de Angrois: «No fuimos héroes, fuimos seres humanos»". La Voz de Galicia. 12/10/2013. Arquivado dende o orixinal o 10/03/2016. Consultado o 12 de outubro de 2013.
- ↑ "Sign the Petition". Change.org (en inglés). Consultado o 26 de xuño de 2019.
- ↑ RODRÍGUEZ DACAL, Carlos, IZO, Jesús. El jardín de los pazos gallegos : espacio de recreo y fuente de recursos.- Santiago de Compostela, 1994.
- ↑ El Correo Gallego, 16 de xullo de 1989 ; La Voz de Galicia, 16 de xullo de 1989.
- ↑ La Voz de Galicia ; El Correo Gallego, 1 de setembro de 2001. CASTAÑO, Isidoro. In memoriam Vanessa. En El Correo Gallego, 5 de setembro de 2001.
- ↑ Concello de Santiago, Moción sobre Angrois (vídeo).
- ↑ El Correo Gallego; La Voz de Galicia, 30 de decembro de 2010.
- ↑ "Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de abril de 2012. Consultado o 26 de febreiro de 2012.
- ↑ Vídeo do entroido de Angrois en YouTube.
- ↑ 36,0 36,1 Xenerais
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Angrois, Sar, Santiago de Compostela |