Saltar ao contido

Antígona (Sófocles)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antígona (Frederic Leighton, 1830-1896).

Antígona é o título dunha traxedia de Sófocles, baseada no mito de Antígona e representada por primeira vez en -442.

En Antígona enfróntanse dúas nocións do deber: a familiar, caracterizada polo respecto ás normas relixiosas e que representa Antígona, e a civil, caracterizada polo cumprimento das leis do Estado e representada por Creonte. Ademais establécese unha oposición entre o xeito en que as dúas irmás, Antígona e Ismene, se enfrontan a un mesmo problema.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Espazos Físicos

[editar | editar a fonte]
  • O Palacio de Tebas: Palacio onde o rei Creonte vive e goberna. Lugar de maxestoso tamaño e riqueza. Neste lugar tamén vive Hemón, fillo de Creonte e aí reúnense os conselleiros do rei.
  • Fóra da cidade de Tebas: Lugar onde ten lugar a batalla e onde o corpo de Polinices xace sen sepultura nin honores ata que Antígona desobedece a lei e enterra o seu corpo.
  • Praza pública: Este é o lugar onde Antígona planea o plan para poder sepultar o corpo do seu irmán neste sitio e aquí tamén é onde o mensaxeiro lle di á xente o que lle pasa ao seu rei Creonte.
  • A cova de Tebas: Aquí é onde Antígona é condenada a permanecer por desobedecer a lei. Ela mátase e, ao sabelo Hemón, morre xunto a ela.

Argumento

[editar | editar a fonte]

O defunto rei de Tebas, Edipo, tivo dous fillos homes: Polinices e Eteocles. Ambos os dous acordaron alternarse anualmente no trono tebano, pero, tras o primeiro ano, Eteocles non quixo ceder a quenda ao seu irmán, polo que o primeiro levou un exército foráneo contra Tebas. Os irmáns déronse morte mutuamente, pero son os defensores de Tebas os que vencen no combate.

Prohibición de sepultar a Polinices

[editar | editar a fonte]

Antígona, filla de Edipo, conta á súa irmá Ismene que Creonte, actual rei de Tebas, impón a prohibición de facer ritos fúnebres ao corpo de Polinices, como castigo exemplar por traizón á súa patria. Antígona pide a Ismene que a axude a honrar o cadáver do seu irmán, pese á prohibición de Creonte. Esta négase por temor ás consecuencias de quebrantar a lei. Antígona reprocha á súa irmá a súa actitude e decide seguir co seu plan.

Antígona desobedece a lei

[editar | editar a fonte]

Creonte anuncia ante o coro de anciáns a súa disposición sobre Polinices, e o coro comprométese a respectar a lei. Posteriormente, un gardián anuncia que Polinices foi enterrado, sen que ningún gardián soubese quen realizou esa acción. O coro de anciáns cre que os deuses interviñeron para resolver o conflito de leis, pero Creonte ameaza coa morte aos gardiáns porque cre que alguén os subornou. O corpo de Polinices é desenterrado. Pronto descóbrese que Antígona era quen enterrara ao corpo, pois intenta unha vez máis enterrar ao corpo e realizar os ritos funerarios, pero é capturada polos sentinelas. Antígona é levada ante Creonte e explica que desobedeceu porque as leis humanas non poden prevalecer sobre as divinas. Ademais móstrase orgullosa diso e non teme as consecuencias. Creonte incrépaa pola súa acción, sospeita que a súa irmá Ismene tamén está implicada e, a pesar do parentesco que o une a elas, disponse a condenalas a morte.

Ismene, chamada a presenza de Creonte, a pesar de que non desobedeceu a lei, desexa compartir o destino coa súa irmá e confésase tamén culpábel. Porén, Antígona, resentida contra ela porque preferiu respectar a lei promulgada polo rei, négase a que Ismene morra con ela. Finalmente, é só Antígona a condenada a morte. Será encerrada viva nunha tumba escavada en rocha.

Antígona fronte á morte

[editar | editar a fonte]

O fillo de Creonte, Hemón, vese prexudicado pola decisión do seu pai, xa que Antígona é a súa prometida. Sinala ao seu pai que o pobo tebano non cre que Antígona mereza a condena a morte e pide que a perdoe. Creonte négase a iso e manda traer a Antígona para que morra en presenza do seu fillo. Hemón négase a vela e sae precipitadamente.

Antígona vai camiño da súa morte e, aínda que non se arrepinte da súa acción, perdeu a altivez e resolución que mostraba antes, ao dar mostras de temor ante a súa morte. A humanización de Antígona resalta o dramatismo do momento.

Intervención de Tiresias

[editar | editar a fonte]

O adiviño e cego Tiresias intervén nese momento para sinalar a Creonte que os corvos e os cans arrincan anacos do cadáver de Polinices e déixanos nos altares e os fogares, proba de que os deuses mostran sinais de cólera. Acusa a Creonte de imprudente e vaticina que alguén do sangue de Creonte pagará os seus erros coa súa morte. O coro de anciáns tamén aconsella ao rei que cambie de actitude. Creonte, ante as profecías de Tiresias, cede e disponse a rectificar as súas faltas.

Morte de Hemón e de Eurídice

[editar | editar a fonte]

Un mensaxeiro explica a Eurídice, a esposa de Creonte, como o seu esposo, tras suplicar perdón aos deuses, lavou e honrou o cadáver de Polinices, erixíndolle un túmulo funerario. A continuación dispúñase, canda os gardiáns, a liberar a Antígona do sepulcro onde fora encerrada, pero esta foi achada esganada e Hemón suicidárase cravándose unha espada tras encontrar á súa prometida morta. Quedou abrazado a ela mentres morría.

Creonte aínda ten que soportar outra desgraza máis, pois ao volver a palacio co seu fillo morto en brazos, recibe a noticia de que a súa esposa Eurídice tamén se suicidara ao coñecer as noticias.

O coro finaliza cun chamado a obrar con prudencia e respectar as leis divinas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]