Anthony de Francisci
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de xullo de 1887 Palermo, Italia |
Morte | 20 de outubro de 1964 (77 anos) Manhattan, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | Saint Raymond's Cemetery (en) |
Outros nomes | Francisci, Anthony de |
Educación | Art Students League of New York (pt) Cooper Union (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Nova York |
Ocupación | escultor, medallista |
Período de actividade | 1907 - 1964 |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Teresa de Francisci |
Anthony de Francisci (chamado orixinalmente Antonio), nado en Palermo, Sicilia, o 13 de xullo de 1887 e finado en Nova York o 20 de agosto de 1964, foi un medallista, deseñador de moedas e escultor italo-estadounidense, coñecido principalmente por ser o creador da moeda dun dólar Peace, cuñada por primeira vez en 1921.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Antonio de Francisci naceu o 13 de xullo de 1887, fillo de Maria Liberante e de Benedetto de Francisci, a quen axudou desde neno no seu labor como cortador de mármore. Xunto coa súa familia, emigrou desde a súa Sicilia natal aos Estados Unidos na súa xuventude, en 1905. En 1913 acadou a naturalización como estadounidense e nese momento cambiou o seu nome a Anthony.[1][2]
Asentado en Nova York, cursou estudos artísticos na Cooper Union, en Manhattan, e posteriormente na Art Students League, onde desenvolveu o seu talento como artista e perfeccionou as súas habilidades como escultor, modelista e gravador. Durante toda esta etapa formativa, De Francisci contou entre os seus profesores a escultores como MacNeil, Weinman, e Fraser, cos que colaborou como axudante, eminentes medallistas e deseñadores dalgunhas das moedas estadounidenses máis populares do momento. Estes artistas tiñan contacto estreito coa Casa da Moeda dos Estados Unidos, o cal puido servir para facilitar o futuro profesional de De Francisci como deseñador de moedas.[1][2]
A súa admiración por Adolph A. Weiman viuse reflectida nunha das primeiras creacións de De Francisci, unha placa co retrato do seu mestre, realizada en 1915.[1]
Carreira artística
[editar | editar a fonte]Logo de concluír a súa formación, en 1915 foi contratado como instrutor pola Universidade Columbia, posto que ocupou durante un tempo, e en 1917 abriu o seu propio estudio-taller de arte e escultura, na mesma cidade de Nova York. En 1920, a Casa da Moeda comezou a encargarlle a conversión en modelos en xeso de deseños para posibles novas moedas, e nese mesmo ano un destes deseños, creado por el, foi escollido para a emisión da moeda de medio dólar conmemorativa do centenario do estado de Maine. Un ano despois, en 1921, creou o dólar Peace, co que acadou sona internacional. Estas dúas foron as únicas moedas deseñadas por De Francisci.[1][2]
Consagrado xa como artista, as súas creacións artísticas centráronse a partir de entón fundamentalmente en medallas, insignias, emblemas e algúns contados casos de estatuas.[1][2][4][5]
De Francisci expuxo periodicamente a súa obra na Academia Nacional de Deseño dos Estados Unidos entre 1912 e 1949.[4]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Anthony estivo casado con Teresa Cafarelli, protagonista dun baixorrelevo que el creou en 1920, que tamén foi modelo do retrato do anverso do dólar Peace.[2] Teresa finou na mesma data que o seu home mais en 1990, cando ela tiña 92 anos.[1][6][7]
Anthony de Francisci faleceu en Manhattan, Nova York, o 20 de agosto de 1964, aos 77 anos.[1][2] Os seus restos repousan no cemiterio vello de Saint Raimond, no Bronx, Nova York.[8]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1927): Premio Sanford Saltus de Medalla, da American Numismatic Society, de Nova York.[9]
- (1932): Premio Lindsey Morris Memorial, da Sociedade Nacional de Escultura.[8]
- (1938): Medalla de ouro Widener, da Academia de Belas Artes de Pensilvania.
Obras
[editar | editar a fonte]Dólar Peace
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dólar Peace.
Logo do seu éxito como deseñador da moeda do centenario do estado de Maine, en 1921, a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos invitou a De Francisci e outros sete destacados escultores de Nova York a participar nun concurso no que se escollería o deseño dunha nova moeda dun dólar de prata, en substitución do anterior dólar Morgan. A premisa era que o tema central da moeda fose a paz, en homenaxe á vitoria na primeira guerra mundial, e que o anverso estivese caracterizado por unha cabeza feminina representativa da liberdade. Entre os participantes no concurso estaban tamén os seus amigos e mentores MacNeil e Weinman. Logo de entregadas as propostas dos participantes, o director da Casa da Moeda dos EEUU, Raymond T. Baker, anunciou que o deseño escollido por unanimidade do xurado era o presentado por Anthony de Francisci, e o presidente Harding amosouse satisfeito pola elección. Ademais do prestixio, De Francisci gañou tamén un premio en metálico de 1.500 dólares.[2][11][12]
Dado o apertado do calendario para a produción da moeda, De Francisci non tivo tempo de achar modelos profesionais para recrear a súa representación da Liberdade, polo que lle pediu á súa esposa, Teresa, que servise como modelo para a moeda.[2][11][12] Este novo dólar mantívose en produción ata 1964.[10]
Outros traballos
[editar | editar a fonte]Entre a restante produción artística de Anthony de Francisci pódense salientar as seguintes obras:[4][5]
- Plaqueta co retrato de Adolph Alexander Weinman (1915).[14]
- Escultura de escaiola La Bayadère (1917).[15]
- Moeda de medio dólar do Centenario de Maine (1920).[16]
- Baixorrelevo en latón dourado de Teresa de Francisci (1920).[17]
- Insignia da Oficina da Garda Nacional (1921).[18]
- Plaqueta co retrato de Alessandro L. Chiostergi (1922).[19]
- Medalla de ouro James Douglas (ca. 1922), para o Instituto americano de Enxeñeiros de Minas, Metalurxia e Petróleo.[20][21]
- Pin American Eagle (ca. 1922).[22]
- Medalla da Cabalaría de Texas (1925).[23][24]
- Medalla Creation - Fiat Vita (1935), en alpaca prateada. 12ª emisión da serie da Sociedade de Medallistas.[25][26]
- Botón de solapa do Servizo Honorífico na segunda guerra mundial (1939).[27]
- Medalla de Ouro do Congreso a George C. Marshall (1946).[28][29]
- Medalla de Ouro do Congreso ao xeneral Pershing (1946).[30]
- Medalla a Alfred P. Sloan (ca.1950-1960).[31]
- Medalla inaugural da Exposición Universal de Nova York (1964-1965).[32]
- Medalla a Lincoln (1963), producida pola Medallic Art Company.[33]
- Medalla a Peter Cooper (1964), producida pola Medallic Art Company.[34]
- Escultura Diana (data indeterminada), Museo Cape Ann, Gloucester, Massachusetts.
-
Plaqueta de A. A. Weinman (1915).
-
Escultura La Bayadère (1917).
-
½ dólar Centenariop de Maine (1920).
-
Baixorrelevo de Teresa de Francisci (1920).
-
Insignia da Oficina da Garda Nacional (1921).
-
Medalla da Cabalaría de Texas (1925).
-
Botón de solapa do Servizo Honorífico (1939).
-
Medalla de Ouro do Congreso a George C. Marshall (1946).
-
Medalla a Peter Cooper (1964).
-
Diana (n/d).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Hengeveld, D. (1914). "The Life and Work of Anthony de Francisci Arquivado 20 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine.". En CoinUpdate.com. 7 de febreiro.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Anthony de Francisci. US Coin Designer and Engraver". Usacoinbook.com
- ↑ "Anthony de Francisci in his studio". Photograph Study Collection, Smithsonian American Art Museum.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "de FRANCISCI, Anthony (1887-1964)". Medalartists.com
- ↑ 5,0 5,1 Obra de Anthony de Francisci no Smithsonian American Art Museum
- ↑ "Maria Teresa “Mary” Cafarelli DeFrancisci". Finagrave.com
- ↑ Howe, M. (1990). "Teresa De Francisci, Miss Liberty Model For Coin, Dies at 92". En The New York Times. 21 de outubro.
- ↑ 8,0 8,1 "Anthony De Francisci". Findagrave.com
- ↑ "The Saltus Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ 10,0 10,1 "1 Dollar "Peace Dollar"". Numista.com
- ↑ 11,0 11,1 Keane, M.; Quinn, B. (2010). "Controversial Coin: The Peace Dollar". En Collectors Weekly. 1 de abril.
- ↑ 12,0 12,1 Burdette, R. W. (2008). A Guide Book of Peace Dollars. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2669-7
- ↑ "Texas Cavalry Medal". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Adolph Alexander Weinman". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "La Bayadère". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "½ Dollar Maine Statehood Centennial". Numista.com
- ↑ "Teresa". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "United States Army Insignia". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Alessandro L. Chiostergi". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "James Douglas Award for Achievement in Non-ferrous Metallurgy (obverse)". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "James Douglas Award for Achievement in Non-ferrous Metallurgy (reverse)". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "American Eagle Pin". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Texas Cavalry Medal". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Texas Cavalry Medal". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Creation 1935". Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Fiat Vita". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Ruptured Duck. Honorable Discharge Lapel Pin". Medalsofamerica.com
- ↑ "George C. Marshall Medal (obverse)". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "George C. Marshall Medal (reverse)". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "General John J. Pershing Medal". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "Alfred P. Sloan". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ "The New York World's Fair Medal Process Set". En The E-Sylum. Vol. 24. Nº 13. 28 de marzo de 2021.
- ↑ "A beautiful Lincoln’s Medal". American Numismatic Association.
- ↑ "Peter Cooper". Yale University art Gallery.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anthony de Francisci |