Dólar Peace
Dólar Peace [1][2] | |
---|---|
A/: Cabeza da Liberdade cara á esquerda, cun diadema de raios.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. Data |
R/: Aguia en pé cara á dereita sobre unha rocha, coas ás pegadas e unha póla de oliveira nas gadoupas; raios ao fondo.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM /ONE DOLLAR / PEACE. |
O dólar Peace ou dólar da paz é unha moeda con valor facial dun dólar estadounidense cuñada entre 1921 e 1928, e novamente en 1934 e 1935, pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, en conmemoración da paz acadada logo da primeira guerra mundial.[2]
O deseño deste dólar, obra de Anthony de Francisci, foi o resultado dun concurso para achar un símbolo emblemático da paz. O seu anverso representa a cabeza de perfil da personificación da Liberdade, e o reverso amosa unha aguia calva en repouso agarrando unha póla de oliveira, coa palabra PEACE ("Paz") no exergo. Foi a derradeira moeda de prata dos Estados Unidos posta en circulación.[2]
Coa aprobación da Lei Pittman en 1918, a US Mint estaba obrigada a cuñar millóns de dólares de prata e comezou a facelo en 1921 utilizando para iso o antigo deseño do dólar Morgan. Os numismáticos comezaron a facer presión na Casa da Moeda para que emitise unha nova moeda en conmemoración da paz acadada logo da primeira guerra mundial. O "dólar da paz" foi aprobado polo secretario do Tesouro, Andrew Mellon, en decembro de 1921, completando así o redeseño do sistema monetario estadounidense, que comezara xa en 1907.
Amplos sectores da poboación crían que o deseño inicialmente previsto e anunciado, que incluía unha espada rota, era ilustrativo da derrota, e a Casa da Moeda actuou axiña para o modificvar, eliminando o motivo da espada. O dólar Peace comezou a súa cuñaxe o 28 de decembro de 1921, cunha produción de pouco máis dun millón de exemplares coa data dese ano. Cando se cumpriron os requisitos da Lei Pittman en 1928, a Casa da Moeda dos EEUU deixou de fabricalas, aínda que durante 1934 e 1935 se retomou a súa produción como resultado de novas disposicións legais.
En 1965, no marco dunha gran controversia, a Casa da Moeda de Denver cuñou máis de 316.000 exemplares do dólar Peace con data de 1964, aínda que non chegaron a entrar en circulación e, segundo a versión oficial, todos eles foron refundidos. Finalmente, en 2021, con motivo do centenario da creación desta moeda, realizouse unha cuñaxe especial de carácter conmemorativo, non circulante, na Casa da Moeda de Filadelfia.
Antecedentes e preparativos
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dólar Morgan.
A Lei Bland-Allison, aprobada polo Congreso dos EEUU o 28 de febreiro de 1878, obrigaba o Tesouro a comprar un mínimo de dous millóns de dólares mensuais de prata extraída de minas nacionais para a utilizar na produción de moedas dun dólar de prata.[3] A Casa da Moeda utilizara daquela un deseño do gravador George T. Morgan e cuñou o que despois se coñeceu como "dólar Morgan". Moitas destas pezas foron parar axiña ás cámaras acoirazadas dos bancos para disporen delas como apoio financeiro do papel moeda trocable por moeda de prata, coñecido como "certificados de prata". En 1890, as compras requiridas pola Lei Bland-Allison incrementáronse enormemente cos termos da Lei Sherman de compra de prata. Malia a derrogación da Lei Sherman en 1893, non foi ata 1904 cando o Goberno transformou en moedas dun dólar a última prata comprada e, logo de facer tales cuñaxes, cesou a produción desta moeda.[4]
Durante a primeira guerra mundial, o Goberno alemán esperaba desestabilizar o dominio británico sobre a India mediante a difusión de rumores de que os británicos non podían trocar por prata todo o papel moeda que emitiran. Estes rumores, aos que se sumaba o acaparamento de prata, provocaron que o prezo da prata subise e se correrse o risco de que o esforzo bélico británico resultase danado.[4] Os británicos recorreron entón ao seu aliado de guerra, os Estados Unidos, a quen lle solicitaron comprar prata para aumentar a oferta e baixar, consecuentemente, o prezo. Como resposta, o Congreso dos EEUU aprobou a Lei Pittman, o 23 de abril de 1918. Esta norma outorgoulle autoridade ao Goberno dos Estados Unidos para lle vender metal ao Goberno británico por un valor de ata 350 millóns de dólares de prata a un dólar a onza de prata, mais o valor do cobre das moedas e os gastos de manipulación e de loxística. Só se fundiron 270.232.722 moedas para vender aos británicos, pero iso representaba o 47 % de todos os dólares Morgan cuñados ata o momento.[5] Os termos da lei obrigaban o Tesouro a cuñar novos dólares de prata para substituír as moedas que se fundiran, así como a cuñalas con prata comprada ás compañías mineiras estadounidenses.[6]
Idea e aprobación da lexislación
[editar | editar a fonte]Descoñécese con certeza a orixe da idea de utilizar unha moeda dos EEUU para conmemorar a paz tras a primeira guerra mundial. Xeralmente atribúeselle a un artigo publicado por Frank Duffield no número da revista The Numismatist de novembro de 1918. Duffield suxeriu que «se emitise unha moeda da vitoria en tales cantidades que nunca chegase a ser escasa».[7] En agosto de 1920, na convención da American Numismatic Association (ANA) que tivo lugar en Chicago, leuse un documento do numismático Farran Zerbe.[8] Neste documento, titulado Commemorate the Peace with a Coin for Circulation ("Conmemorar a paz cunha moeda circulante"), Zerbe avogaba pola emisión dunha moeda para celebrar a paz, e declaraba:[9]
“ | Non quero que se me malinterprete como partidario do dólar de prata para a moeda da paz, mais, se se retoma a cuñaxe de dólares de prata nun futuro inmediato, é probable e desexable que haxa un novo deseño. Estanse a proporcionar lingotes de prata para este propósito; existe a lei para a cuñaxe e o límite da cantidade está fixado; todos son factores que axudan a facilitar o camiño para quen avoga pola moeda da paz. Xa que logo: demos os nosos dólares de prata para axudar a gañar a guerra; restaurémolos agora en conmemoración da vitoria e a paz. | ” |
A proposta de Zerbe levou ao nomeamento dun comité que transmitise a proposta ao Congreso e que o instase á súa adopción.[8] Segundo o historiador numismático Walter Breen, «aparentemente, esta foi a derradeira vez que un coleccionista de moedas exerceu suficiente poder político como para influír non só na axencia da US Mint, senón tamén no Congreso». O comité contou co reputado coleccionista de moedas e congresista William A. Ashbrook (demócrata por Ohio), que presidira o Comité de Moedas, Pesos e Medidas da Cámara ata que os republicanos conseguiron o control nas eleccións de 1918.[10]
Ashbrook foi derrotado para a reelección nas eleccións de 1920; daquela, os períodos de mandato do Congreso non remataban ata o 4 de marzo do ano seguinte. Ashbrook amosouse colaborador co presidente do comité Albert Henry Vestal (republicano por Indiana) e persuadiuno para programar unha sesión sobre a proposta da moeda da paz para o 14 de decembro de 1920. Malia non se presentar proxecto de lei ningún, o comité escoitou os delegados da ANA, dialogou sobre o asunto e favoreceu o uso do dólar de prata, que como moeda importante tiña máis marxe para un deseño artístico.[11] O comité non actuou de xeito inmediato. En marzo de 1921, logo de que o Goberno de Warren G. Harding asumise o cargo, Vestal reuniuse co novo secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, e co director da Casa da Moeda dos EEUU, Raymond T. Baker, para falar sobre o tema, e estes ofreceron o seu apoio unánime, sempre que o redeseño non levase consigo gasto ningún.[12]
O 9 de maio de 1921, a Casa da Moeda de Filadelfia retomou a cuñaxe do dólar Morgan en resposta á petición de reimpresión da Lei Pittman. Ese mesmo día, o congresista Vestal presentou como resolución conxunta o proxecto de lei de autorización do dólar da paz.[13] Vestal colocou o seu proxecto de lei no Calendario de Consentimento Unánime, pero o Congreso adiou a sesión cun longo receso sen tomar ningunha medida.[8] Cando o Congreso regresou, Vestal pediu o consentimento unánime para que o proxecto de lei se aprobase o 1 de agosto de 1921. No entanto, o representante e ex-líder republicano por Illinois James R. Mann opúxose. En relación con isto, o historiador numismático Roger Burdette suxire que a relevancia de Mann na Cámara de Representantes era unha garantía de que o proxecto de lei non se aprobaría. Non obstante, Vestal reuniuse coa ANA e transmitiulle que esperaba que o Congreso reconsiderase a súa decisión cando se reunisen de novo en decembro de 1921.[14]
Concurso para o deseño
[editar | editar a fonte]Tempo despois da sesión de decembro de 1920 solicitada pola ANA, o presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, Charles Moore, soubo da acción proposta polo Congreso e decidiu investigar.[12] Moore, xunto co membro da Comisión e deseñador da moeda de cinco centavos Buffalo, James Earle Fraser, reuniuse con Baker o 26 de maio de 1921 e acordaron que sería acaído celebrar un concurso de deseño para o dólar proposto baixo os auspicios da Comisión. Este acordo formalizouse o 26 de xullo coa recomendación escrita da Comisión á Casa da Moeda da organización dun concurso para seleccionar deseños ao que tivesen acceso só os escultores invitados.[15] O gañador do concurso recibiría un premio de 1.500 dólares en efectivo, en tanto que os demais participantes recibirían 100 dólares.[16] O 28 de xullo, o presidente Harding emitiu o Decreto lei 3524, no que se requiría que os deseños da moeda fosen presentados á Comisión antes de que o secretario do Tesouro dese a súa aprobación.[17] A principios de setembro, logo do fracaso do proxecto de lei, Baker púxose en contacto con Moore e deixou a un lado o asunto á espera da acción do Congreso.[15]
En novembro, os defensores da moeda da paz decatáranse de que nonera precisa a aprobación do Congreso. Segundo unha lei de 1890, dado que o dólar Morgan se cuñara durante máis de 25 anos, era susceptible de ser substituído segundo o criterio do secretario do Tesouro.[18] O deseño de George T. Morgan estaba a utilizarse para grandes cantidades de dólares de prata, posto que a Casa da Moeda cuñaba moedas para substituír as que se fundiran consonte a Lei Pittman.[19] Aínda que o Congreso non volvera reunirse, Baker contactou con Fraser a principios de novembro para discutir os detalles do concurso de deseño. Segundo Burdette, o entusiasmo renovado de Baker xurdía do feito de que o presidente Harding estaba a piques de declarar formalmente a fin da guerra con Alemaña, unha declaración necesaria porque os Estados Unidos non ratificaran o Tratado de Versalles. Ademais, convocaríase axiña a Conferencia de Washington sobre desarmamento, na que a Administración tiña depositadas grandes esperanzas.[20] O 19 de novembro, Fraser mandou unha carta persoal aos participantes do concurso; catro días despois envioulles as regras e os requisitos oficiais, coa obriga de contestaren antes do 12 de decembro. Entre os participantes do concurso estaban Hermon MacNeil, Victor D. Brenner e Adolph Weinman, cada un dos cales eran xa autores doutras moedas estadounidenses.[21]
Aos artistas indicóuselles que debían representar a cabeza da Liberdade no anverso «tan fermosa e tan chea de carácter como fose posible». No reverso, en principio debía representarse unha aguia, segundo o descrito pola Lei de cuñaxe de moedas de 1792, pero, contrariamente, deixouse a criterio do artista. A peza tamén tiña que levar indicación do seu valor facial, o nome do país, os lemas E pluribus unum e In God We Trust, e a palabra Liberty.[22]
O 13 de decembro, a comisión reuniuse para revisar os deseños presentados, así como un conxunto realizado por Morgan, o gravador xefe da Casa da Moeda, a petición de Baker, e un conxunto, non solicitado, dunha persoa apelidada Folio, da cidade de Nova York. Descoñécese como lles presentaron ou expuxeron os deseños á Comisión. Logo dunha ardua deliberación entre Fraser, Moore e Herbert Adams (escultor e ex-membro da Comisión), seleccionouse por unanimidade un deseño de Anthony de Francisci.[23]
O deseño gañador
[editar | editar a fonte]De Francisci, de 34 anos, era o máis novo dos concursantes; tamén era dos menos experimentados no ámbito do deseño de moedas. Aínda que case todos os demais deseñaran moedas ordinarias ou conmemorativas para a Casa da Moeda, a única experiencia de De Francisci fora a conversión dos debuxos do medio dólar conmemorativo de Maine de 1920 no deseño final. De Francisci tivera pouca marxe nese proxecto, e máis tarde dixo acerca desa obra: «non a considero moi favorablemente».[24]
O escultor baseou o deseño do anverso da Liberdade nos trazos da súa muller, Teresa Cafarelli.[25] Por mor da curta duración do concurso, carecía de tempo para contratar unha modelo coas características que imaxinaba.[26] Teresa nacera en Nápoles, Italia; nalgunhas entrevistas, relatou que cando tiña cinco anos, ao pasar coa súa familia inmigrante a carón da Estatua da Liberdade ficara abraiada pola estatua e chamou a súa familia para que ollasen como imitaba a súa pose. Máis tarde escribiu ao seu irmán Rocco:[25]
“ | Lembras como eu estaba sempre posando como a Liberdade, e o mal que me sentía cando algunha outra cativa era seleccionada para representar ese papel nas actividades patrióticas da escola? Con frecuencia, mentres estaba sentada como modelo para o deseño de Tony, pensei neses días e agora véxome como a señora Liberdade na nova moeda. Parece que o meu soño infantil máis desexado se fixo realidade.[27] | ” |
Breen escribiu que a coroa irradiada que leva a cabeza da Liberdade non é diferente da de certas moedas romanas, pero está «máis explicitamente destinada a lembrar a da Estatua da Liberdade».[13] Anthony de Francisci recordou que abriu a fiestra do estudio e deixou que o vento soprase sobre o cabelo da súa muller en tanto que traballaba.[25] Porén, sentía que o deseño non a representaba a ela en exclusiva. Sinalou que «o nariz, a plenitude da boca, son moi semellantes ás da miña esposa, aínda que toda a cara se alongou».[16] De Francisci presentou dos deseños do anverso; un amosaba unha aguia bélica que rompía agresivamente unha espada; o outro, unha aguia en repouso que sostiña unha póla de oliveira. Este último deseño, que sería a base para o reverso do dólar Peace, lembrou a proposta pouco exitosa de De Francisci para a medalla da cidade de Verdún. O anverso presentado era case idéntico á moeda tal e como se cuñou, excepto por certos detalles da face e porque o deseño presentado utilizou números romanos no canto dos arábigos para a data.[29]
Baker, De Francisci e Moore reuníronse en Washington o 15 de decembro. Naquel momento, Baker, que esperaba comezar a produción do dólar da paz en 1921, sinalou o axustado que era o horario para que o proxecto tivese éxito e solicitou certos cambios de deseño. Entre eles, estaba a inclusión da espada rota do deseño alternativo do anverso do escultor, que se colocaría baixo a aguia, no cumio da montaña na que se acha, ademais da póla de oliveira. Baker aprobou os deseños, suxeitos a estes cambios.[30] Os deseños revisados presentáronselle ao presidente Harding o 19 de decembro. Harding insistiu en que se eliminase unha pequena característica da cara da Liberdade que lle parecía suxerir unha fochiña na fazula, algo que non consideraba indicativo de paz, e o escultor así o fixo.[31]
Controversia
[editar | editar a fonte]O Tesouro anunciou o novo deseño o 19 de decembro de 1921. Nos xornais apareceron diversas fotografías de Baker e de Francisci examinando o modelo final de xeso, xunto coas descricións escritas dos deseños, xa que o Tesouro naquel momento estimaba ilegal que saísen impresas na prensa fotografías dunha moeda dos Estados Unidos. O secretario Mellon aprobou formalmente o deseño o 20 de decembro. Como á Casa da Moeda a produción de moldes lle levaría varios días, a primeira cuñaxe das novas moedas programouse para o 29 de decembro.[32]
O novo deseño foi amplamente recollido nos xornais e tivo unha gran repercusión pública. Un comunicado de prensa da US Mint describía o reverso como «unha gran figura dunha aguia pousada sobre unha espada rota, sostendo unha póla de oliveira coa palabra "paz"».[33] No entanto, o 21 de decembro, o New York Herald publicou un editorial moi incisivo contra o novo deseño:[34]
“ | Se o artista envaiñase a folla o a desafiara, non podería haber obxección. A funda é un símbolo de paz, por suposto; a espada desafiada implica misericordia. Pero unha espada rota leva consigo só asociacións desagradables. Unha espada rompe cando o seu dono caeu en desgraza. Rompe cando se perde unha batalla e romper é a alternativa a renderse. Unha espada rompe cando o home que a leva xa non pode amosar lealdade ao seu soberano. Pero os Estados Unidos non romperon a súa espada. Non foi destituída nin golpeada; non perdeu a lealdade a si mesma. A folla é brillante, aguda e totalmente fiable. É lamentable que o artista cometese tal erro no simbolismo. A espada é un emblema da Xustiza e da Forza. Non deixen que este novo dólar engane o mundo. O esforzo estadounidense para limitar o armamento e previr a guerra o polo menos reducir o seu horror non significa que a nosa espada estea rota. | ” |
Naquel momento, segundo Burdette, debido aos traumas da Gran Guerra, os estadounidenses eran moi sensibles aos seus símbolos nacionais, e non estaban dispostos a permitir aos artistas ningunha liberdade de interpretación.[34] A Casa da Moeda, o Tesouro e a Comisión de Belas Artes comezaron a recibir un gran número de cartas do público opóndose ao deseño.[35] De Francisci intentou defender o seu deseño, afirmando, «coa espada está a póla de oliveira da paz e a combinación de ambas fai imposible concibir a espada como un símbolo da derrota».[36] Baker saíra de Washington para visitar a Casa da Moeda de San Francisco, unha longa viaxe de tres días. A directora interina Mary Margaret O'Reilly envioulle un telegrama o 23 de decembro no que procuraba urxentemente a súa aprobación para quitar a espada do reverso, tal e como recomendaran Moore e Fraser nunha reunión a tarde anterior. Debido á estreita liña de tempo para as cuñaxes do dólar de 1921, non foi posible esperar a resposta de Baker, polo que baixo a autoridade do subsecretario do Tesouro, Seymour Parker Gilbert, a quen se achegou O'Reilly, a Casa da Moeda procedeu a redeseñala. Para satisfacer a orde executiva de Harding, a Comisión de Belas Artes aprobou axiña o cambio, e cando Baker enviou o telegrama coa súa aprobación, o 24 de decembro, sen poder ver as revisións, Gilbert xa aprobara o deseño revisado en ausencia do secretario Mellon.[37] Emitiuse un comunicado de prensa con atraso o 24 de decembro, no que se indicaba que a espada rota que aparecera no reverso alternativo de De Francisci non aparecería na moeda emitida.[38] Na súa edición do 25 de decembro, o Herald adxudicouse a eliminación da espada rota do deseño da moeda.[39]
Farran Zerbe, cuxo escrito na convención da ANA axudou a lanzar a proposta do dólar, viu a defensa de De Francisci e o comunicado de prensa, e suxeriu que o escultor pensara erroneamente que o seu deseño alternativo fora aprobado.[40]
Produción
[editar | editar a fonte]Lanzamento
[editar | editar a fonte]A supresión da espada dos cuños, que xa se producira nos modelos de xeso, logrouse grazas a un traballo minucioso do gravador xefe da Casa da Moeda, Morgan, mediante ferramentas de gravado extremadamente finas. Morgan fixo o traballo o 23 de decembro en presenza de De Francisci, quen fora convocado á Casa da Moeda de Filadelfia para asegurar que o traballo se levase a cabo coa súa aprobación. Eliminar a espada resultaba insuficiente, xa que cumpriría tamén axustar o resto do deseño. Morgan tivo que disimular a supresión, e fíxoo estendendo a póla de oliveira, que anteriormente quedaba medio oculta pola espada, pero tivo que quitar unha pequena extensión do talo que aparecía á esquerda das poutas da aguia. Morgan tamén reforzou os raios e mellorou o aspecto da pouta do aguia. O gravador principal fixo o seu labor con tal habilidade que o traballo no dólar non chegou a ser coñecido durante máis de 85 anos.[41]
O 28 de decembro, o superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, Freas Styer, enviou un telegrama a Baker, que estaba en San Francisco, no que lle confirmaba a primeira cuñaxe do dólar Peace. A Casa da Moeda informou máis tarde de que durante 1921 se cuñaron 1.006.473 pezas, unha taxa de produción durante os catro días que quedaban para terminar o ano que Burdette cualificou como «asombrosa». El conxectura que a cuñaxe de dólares da paz de 1921 continuou en 1922.[39] A primeira moeda que se cuñou íaselle enviar ao presidente Harding, pero o que ocorreu foi dalgún xeito misterioso: O'Reilly indicou que ela enviara a moeda a Harding, pero o inventario patrimonial deste, preparado logo do falecemento no cargo do presidente menos de dous anos despois, non o menciona, nin hai alusión ningunha á moeda nos papeis de Harding.[42] Breen, na súa obra anterior sobre moedas estadounidenses, declarou que a moeda lle foi entregada a Harding polo mensaxeiro o 3 de xaneiro de 1922, pero non indica a fonte da súa información.[13] Algunhas probas da produción de 1921 foron cuñadas na fase previa, en acabamentos brillantes e mate, pero descoñécese exactamente cantas se produciron respectivamente en cada acabamento. Os historiadores numismáticos Leroy Van Allen e A. George Mallis estiman que o total de cuñaxes foi de vinte e catro do primeiro e cinco do segundo.[43]
O dólar da paz entrou en circulación o 3 de xaneiro de 1922.[43] Do mesmo xeito que todas as moedas dun dólar cuñadas desde 1840 ata 1978, independentemente do seu metal ou da súa aliaxe,[44] o dólar da paz tiña un diámetro de 1,5 polgadas (38 mm), polo que era máis grande cás moedas de dólar actuais.[45][46][47][48] A súa emisión completou o redeseño da moeda estadounidense que comezara coas emisións de 1907.[49] O día seguinte, formáronse longas colas en Nova York cando o Banco da Reserva Federal desa cidade recibiu as 75.000 moedas enviadas inicialmente pola Casa da Moeda, que chegaron a case esgotarse ao final do día. Os caixeiros dos bancos contradixeron os rumores de que as moedas non se amoreaban correctamente, e afirmaron a The New York Times que o facían tan ben como os dólares Morgan.[50] De Francisci pagáralle a Morgan 50 dos novos dólares; o 3 de xaneiro, Morgan envioulle as pezas. Segundo a súa muller, de Francisci apostara con varias persoas a que perdería o concurso de deseño, e utilizou esas moedas para pagar as apostas, polo que non gardou ningunha.[51]
Segundo un xornal de Filadelfia:[52]
“ | A Liberdade é cada vez máis nova. No novo «dólar Peace», posto en circulación onte, a rapaza que estivo adorando a moeda de prata durante moitos anos nunca lucira tanto como na 'roda de carro' que a Casa da Moeda de Filadelfia acaba de empezar a producir. A moza, ademais, perdeu o seu perfil grego. A beleza helénica parece que foi substituída polo anovador estilo de muller 'anos 20'. | ” |
Modificación e produción
[editar | editar a fonte]Desde o principio, a Casa da Moeda descubriu que cumpría aplicar unha presión excesiva para resaltar o deseño da moeda, polo que os moldes rompían de contado. O 10 de xaneiro de 1922 e en ausencia de Baker, O'Reilly, que aínda era directora interina da Casa da Moeda, ordenou deter a produción do dólar. Os cuños enviáranse ás Casas da Moeda de Denver e de San Francisco antes de que alí comezase a cuñaxe, e ordenóuselles que non comezasen a traballar ata que se arranxasen as dificultades. Pediuse á Comisión de Belas Artes que emitise un ditame acerca dos cambios que poderían arranxar os problemas. Tanto Fraser como De Francisci foron chamados a Filadelfia e, tras repetidos intentos errados para resolver o problema sen reducir o relevo, de Francisci aceptou modificar o seu deseño para reducir o relevo. Os modelos de xeso que preparou reducíronse ao tamaño dunha moeda mediante o torno redutor Janvier da Casa da Moeda. No entanto, mesmo despois de dispor deste dispositivo pantográfico desde había 15 anos, entre o cadro de persoal da Casa de Moeda non había ningún experto no seu manexo e, segundo Burdette, «se chamasen un técnico de Tiffany's ou da empresa Medallic Art, as moedas de baixo relevo de 1922 poderían ser notablemente mellores do que foron».[53]
En xaneiro de 1922 cuñáronse aproximadamente 32.400 moedas, nas que Morgan intentara manter un maior relevo. Aínda que se cría que todas se fundiran, apareceu na circulación un exemplar.[54] Ademais, ocasionalmente aparecen no mercado dólares en acabamento especial proof 1922 con relevo alto, e crese que en total poden existir entre seis e dez exemplares.[55] As novas moedas de relevo alto que Fraser aceptou en nome da Comisión, aínda que baixo protesta, tiveron series de produción limitada en Filadelfia a principios de febreiro. Cando os resultados se consideraron satisfactorios, o 13 de febreiro a Casa da Moeda de San Francisco comezou a cuñar os seus primeiros dólares Peace co deseño de relevo baixo. A Casa da Moeda de Denver iniciou a produción o 21 de febreiro e a de Filadelfia o 23 de febreiro.[56] As tres casas de moeda xuntas cuñaron en 1922 máis de 84 millóns de pezas.[57]
O dólar da paz de 1926 de todas as Casas da Moeda ten no anverso a palabra GOD ("Deus"), en letra lixeiramente grosa. As lendas do dólar da paz adoitaban gravarse indistintamente e Burdette suxire que o novo gravador xefe, John R. Sinnock (que sucedeu a Morgan logo da morte deste en 1925), puido comezar a traballar no centro do lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e, por razóns descoñecidas, soamente esa palabra se resaltou en letra grosa. Ningún rexistro da Casa da Moeda menciona esta cuestión, que non se descubriu ata 1999.[58]
O dólar Peace circulaba principalmente no oeste dos Estados Unidos, onde se prefería a moedas aos billetes, e tivo pouca circulación noutras zonas. Á parte deste uso, as moedas gardáronse tamén en cámaras acoirazadas como parte das reservas bancarias. Era frecuente adquirilas nos bancos como agasallo de Nadal, e a maioría destas eran depositadas alí novamente en xaneiro. Coa derradeira cuñaxe de prata en moeda de 1928 pola Lei Pittman, a Casa da Moeda deixou de producir dólares Peace.[13]
A produción de dólares da paz retomouse en 1934, debido a outra lei do Congreso; esta requiría que a Casa da Moeda comprase grandes cantidades de prata nacional, un produto cuxo prezo estaba no seu mínimo histórico. Esta lei asegurou aos produtores un mercado inmediato para o seu produto, coa ganancia dun gran beneficio para a Casa da Moeda grazas á monetización de prata comprada a baixo prezo. De feito, a Casa da Moeda pagou algúns envíos de lingotes de prata con dólares de prata.[59] Consonte esta autorización, cuñáronse máis de sete millóns de dólares Peace de prata entre 1934 e 1935.[60] Os funcionarios da Casa da Moeda consideraron a posibilidade cuñar dólares de prata en 1936 e, de feito, prepararon os moldes de traballo, mais ao non haber demanda comercial para eles, non se cuñou ningún.[61] Como o gravador xefe Sinnock pensaba que era pouco probable unha futura demanda desa unidade de valor, ordenouse a destrución das matrices en xaneiro de 1937.[62]
Cuñaxe dos dólares Peace con data 1964
[editar | editar a fonte]O 3 de agosto de 1964, o Congreso aprobou a lexislación que prevía a cuñaxe de 45.000.000 de dólares de prata. As moedas de prata, incluíndo o dólar, volvéranse escasas por mor do seu acaparamento á medida que o prezo da prata aumentaba ata o punto de que un dólar de prata tiña máis valor como metal precioso que como moeda. As novas moedas estaban destinadas a seren utilizadas nos casinos de Nevada e noutros lugares do Oeste, onde o chamado «diñeiro duro» era moi popular. Moita xente queixouse na prensa numismática de que os novos dólares de prata só satisfarían o interese específico duns poucos, e non contribuirían a aliviar a escaseza xeral de moedas.[57] Gran parte da presión para que se cuñasen as moedas estaba exercida polo líder da maioría no Senado, Mike Mansfield (demócrata por Montana), que representaba un estado que usaba moitos dólares de prata.[63] Os preparativos para a cuñaxe leváronse a cabo nunha oficina da Casa da Moeda que se amosaba renuente. Ficaban algúns cuños sobreviventes da orde de destrución de dada por Sinnock en 1937, pero considerouse que estaban en malas condicións, e o gravador asistente da Casa da Moeda (máis tarde gravador xefe) Frank Gasparro foi autorizado a producir uns novos. Os funcionarios da Casa da Moeda tamén consideraron a posibilidade de utilizar o deseño do dólar Morgan, mais esta idea non frutificou e Gasparro replicou os moldes do dólar Peace. Todos os reversos dos moldes levaban marcas de ceca de Denver (D); como as moedas estaban programadas para a súa circulación no Oeste, considerouse lóxico cuñalas nas proximidades.[64]
O secretario do Tesouro, C. Douglas Dillon, era contrario a retomar a cuñaxe do dólar Peace e, a principios de 1965, informou o presidente Lyndon Johnson da improbabilidade de que esas moedas circulasen en Montana nin en ningún outro lugar; simplemente serían acaparadas. Non obstante, Dillon concluíu que, vista a insistencia do senador Mansfield, terían que ser cuñadas.[65] Dillon dimitiu o 1 de abril e o seu sucesor, Henry H. Fowler, foi inmediatamente interrogado por Mansfield acerca dos dólares; este garantiulle ao senador que as cousas se resolverían para a súa satisfacción.[66] A directora da Casa da Moeda, Eva Adams, tamén estaba en contra de cuñar os dólares de prata, mais esperaba manter os 600.000 dólares destinados a ese gasto.[67] O senador Mansfield negouse a considerar calquera cancelación ou demora, e o 12 de maio de 1965 a Casa da Moeda de Denver iniciou o proceso de cuñaxe do dólar Peace con data 1964.[68] A Casa da Moeda obtivera a autorización do Congreso para continuar cuñando moedas con data de 1964 durante 1965.[69]
As novas pezas anunciáronse publicamente o 15 de maio de 1965, e os vendedores de moedas ofreceron inmediatamente 7,50 dólares por cada unha, asegurándose así de que non circularían.[70] O anuncio público provocou unha treboada de obxeccións. Tanto a cidadanía como moitos congresistas entenderon o asunto como un mal uso dos recursos da Casa da Moeda en medio dunha grave escaseza de circulante, o que só beneficiaría os vendedores numismáticos. O 24 de maio, un día antes dunha sesión do Congreso convocada apresuradamente, Adams anunciou de súpeto que as pezas se consideraban probas de cuñaxe, nunca coa intención de as pór en circulación. A Casa da Moeda declarou máis tarde que se cuñaran 316.076 dólares; comunicouse que todos se fundiran en medio dunha forte seguranza. Para se asegurar de que non se repetiría, o Congreso introduciu unha estipulación na Lei de Cuñaxe de Moeda de 1965 pola que se prohibía a cuñaxe de dólares de prata durante cinco anos. Non se coñece que existan dólares da paz con data 1964 en mans públicas nin privadas.[71] En 1970, descubríronse dous exemplares nunha cámara acoirazada do Tesouro e foron inmediatamente destruídos. De camiño xurdiron os rumores e as especulacións sobre outras pezas que puidesen estar ilegalmente en mans privadas, e continúan producíndose de vez en cando.[72] Algunhas pezas que parecen ser dólares de data 1964 tamén se volveron cuñar de xeito privado usando cuños non oficiais, e en ocasións alteráronse dólares xenuínos de anos anteriores transformando a súa data pola de 1965.[73]
En 1970, en previsión da aprobación do dólar Eisenhower, cuñáronse a modo de ensaio algúns dólares Peace cunha composición experimental de metal base; consonte a versión oficial, todos eles foron destruídos.[74] A nova nova moeda de dólar, sucesora do dólar Peace, foi aprobada grazas a unha lei asinada polo presidente Richard Nixon o 31 de decembro de 1970, e amosa no anverso a cabeza do expresidente Dwight D. Eisenhower, falecido en marzo de 1969. Os dólares Eisenhower postos en circulación non contiñan xa nada de prata, aínda que algúns se cuñaron cun 40 % deste metal para o mercado do coleccionismo.[75]
O dólar Peace do centenario (2021)
[editar | editar a fonte]O 5 de xaneiro de 2021, o presidente Donald Trump asinou unha lei para autorizar a emisión de dólares Morgan e Peace en 2021, en conmemoración do centenario da transición entre os devanditos modelos, e con carácter non circulante, senón destinados ao comercio numismático.[76]
A US Mint publicou na primavera a información para a realización dos pedidos, a un prezo de 85 dólares a unidade. Estas moedas foron cuñadas co peso de 0,858 onzas troy en prata de 999 milésimas. Os dólares Peace estiveron dispoñibles a partir do 10 de agosto de 2021 e foron enviados aos compradores ao coñezo do seguinte ano fiscal, en outubro de 2021, cun máximo de tres exemplares por persoa. Estas moedas carecen de marca de ceca, como é habitual nas cuñadas na Casa da Moeda de Filadelfia.[77]
En novembro de 2021, a US Mint anunciou que estes dólares Morgan e Peace conmemorativos pasarían a ser unha emisión anual a partir de 2022. Prevese que os dólares Peace da emisión de 2022 teñan un acabamento especial (poof).[78]
Exemplares cuñados
[editar | editar a fonte]Ningunha das tiraxes anuais do dólar Peace é especialmente rara, e a guía A Guide Book of United States Coins (ou Red Book) recolle exemplares en estados se conservación modestos cuxo prezo no mercado numismático supera escasamente o valor do seu metal. No entanto, hai dúas excepcións; unha delas é o dólar Peace do primeiro ano de emisión (1921), cuñado unicamente na Casa da Moeda de Filadelfia e con relevo alto, e a outra é o dólar de 1928-P, cuñado en relevo baixo. Os prezos para este dólar de 1928 da Casa da Moeda de Filadelfia son moito máis baixos do que se esperaría dunha tiraxe de só 360.649 espécimes, debido a que a US Mint anunciara que se producirían cantidades limitadas, o que levou a que se gardasen moitas destas moedas en canto saíron, en condición non circulada. Pola contra, non se gardaron grandes cantidades de dólares de 1934-S, polo que, aínda que o seu prezo en estado de conservación medio é moi accesible, os espécimes nun estado excelente poden chegar a custar hoxe milleiros de euros.
Ano | Filadelfia | Denver | S. Francisco |
---|---|---|---|
1921 | 1,006,473 | ||
1922 | 51.737.000 | 15.063.000 | 17.475.000 |
1923 | 30.80.000 | 6.811.000 | 19.020.000 |
1924 | 11.811.000 | 1.728.000 | |
1925 | 10.198.000 | 1.610.000 | |
1926 | 1.939.000 | 2.348.700 | 6.980.000 |
1927 | 848.000 | 1.268.900 | 866,000 |
1928 | 360.649 | 1.632.000 | |
1934 | 954.057 | 1.569.500 | 1.011.000 |
1935 | 1.576.000 | 1.964.000 | |
2021 | 20.000 | ||
2022 | |||
Total | 111.430.179 | 27.061.100 | 52.286.000 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "1 Dollar "Peace Dollar"". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Orzano, M. "Peace dollar". En Coin World.
- ↑ Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 25.
- ↑ 4,0 4,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 30.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 3-4.
- ↑ Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 31.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 14.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 409.
- ↑ Zerbe, F. (1920). "Commemorate peace with a coin for circulation". En The Numismatist, 443-444.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 459.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 189-191.
- ↑ 12,0 12,1 Burdette, R. W. (2008). Páxina 17.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Breen, W. (1988). Páxina 460.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 192-193.
- ↑ 15,0 15,1 Burdette, R. W. (2008). Páxinas 21-22.
- ↑ 16,0 16,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 410.
- ↑ Stathis, S. (2009). Páxina 15.
- ↑ Richardson, W. A. (ed.) (1891). Páxinas 806-807.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 194-195.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 196-197.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 197-198.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxina 198.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 27-28.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 24-25.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Taxay, D. (1983). Páxina 355.
- ↑ De Francisci (1922). "Mr. de Francisci tells of his work upon the coin". En The Numismatist, 60.
- ↑ Taxay, Don (1983) [1966]. The U.S. Mint and Coinage (reprint ed.). New York, N.Y.: Sanford J. Durst Numismatic Publications. ISBN 978-0-915262-68-7.
- ↑ National Police Gazette. 4 de febreiro de 1922. Páxina 12.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 26-27.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 28.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxina 356.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 32.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxina 207.
- ↑ 34,0 34,1 Burdette, R. W. (2005). Páxina 208.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxina 209.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxina 358.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 208-211.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 35.
- ↑ 39,0 39,1 Burdette, R. W. (2005). Páxina s 213-214.
- ↑ Zerbe, F. (1922). "Mr. Zerbe comments on the new coin". En The Numismatist, 60-61.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 37-38.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxina 215.
- ↑ 43,0 43,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 411.
- ↑ Gilkes, P. (2012). "Eisenhower dollar". En Coin World.
- ↑ Gibbs, W. T. (2012). "Morgan dollar". En Coin World.
- ↑ Orzano, M. (2012). "Seated Liberty dollar". En Coin World.
- ↑ "Trade dollar". En Coin World.
- ↑ Orzano, M. (2012). "Anthony dollar". En Coin World.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 148.
- ↑ "Peace dollars popular". En The New York Times. 5 de xaneiro de 1922.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 215-216.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxinas 150-151.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 223-225.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 168-169.
- ↑ Bowers, Q. D. "1922 Peace Dollar". Silver Dollars & Trade Dollars of the United States - A Complete Encyclopedia. Professional Coin Grading Service.
- ↑ Burdette, R. W. (2005). Páxinas 226-227.
- ↑ 57,0 57,1 Breen, W. (1988). Páxina 461.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 220-221.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 62-63.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 460-161.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 63.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 64.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 78.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 78-81.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 82-83.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 84.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 85.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 86.
- ↑ Bardes, H. C. (1964). "Treasury to go ahead on '64 date freeze". En The New York Times. 13 de setembro. Páxina X32.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 87-88.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxinas 98-101.
- ↑ Hernández, J. (2012). "1964-D Peace Dollars - Do They Really Exist?". En Professional Coin Grading Service. 21 de maio.
- ↑ "Fantasy over-struck coins". Moonlight Mint.
- ↑ Burdette, R. W. (2008). Páxina 102.
- ↑ Haney, T. V. (1971). "Ike dollar to be last silver coin". En The New York Times. 24 de xaneiro. Páxina D29.
- ↑ Gilkes, P. (2021). "President Trump signs measure for centennial silver dollars". En Coin World. 8 de xaneiro.
- ↑ "Peace 2021 Silver Dollar Arquivado 21 de abril de 2021 en Wayback Machine.". United States Mint.
- ↑ Gilkes, P. (2021). "Morgan and Peace dollars will be back in 2022". En Coin World. 12 de novembro.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 461-462.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dólar Peace |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Highfill, J. W. (1988-1992). The Comprehensive U. S. Silver Dollar Encyclopedia. Highfill Press, Tulsa. ISBN 978-0962990007
- Burdette, R. W. (2005). Renaissance of American Coinage, 1916-1921. Seneca Mill Press, Great Falls. ISBN 978-0-9768986-0-3
- Burdette, R. W. (2008). A Guide Book of Peace Dollars. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2669-7
- Keane, M.; Quinn, B. (2010). "Controversial Coin: The Peace Dollar". En Collectors Weekly. 1 de abril.
- Richardson, W. A. (ed.) (1891). Supplement to the revised statutes of the United States. 1. US Government Printing Office, Washington.
- Stathis, S. (2009). Congressional Gold Medals, 1776-2009. Diane Publishing, Darby. ISBN 978-1-4379-2906-5
- Taxay, D. (1983) [1966]. The U.S. Mint and Coinage (reprint ed.). Sanford J. Durst Numismatic Publications, Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Comprehensive Catalog and Encyclopedia of Morgan & Peace Dollars. DLRC Press, Virginia Beach. ISBN 978-1-880731-11-6
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. The Belknap Press of Harvard University Press,Cambridge, Mass. ISBN 978-0-674-62840-3
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Moeda dun dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Casa da Moeda dos Estados Unidos
- Tesouro Redfield
Predecesor: Dólar Morgan |
Moeda dun dólar estadounidense 1921-1928 e 1934-1935 |
Sucesor: Dólar Eisenhower |