Apolinar Torres
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de xuño de 1894 Pontevedra, España |
Morte | 27 de agosto de 1936 (42 anos) Vigo, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | mestre, sindicalista, pedagogo |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Apolinar Torres López, nado en Pontevedra o 23 de xuño de 1894 e finado en Vigo o 27 de agosto de 1936, foi un mestre, pedagogo e activo sindicalista da Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE), executado vítima da represión na zona franquista durante a guerra civil.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Traballou como mestre en Vigo e destacou polos seus traballos pedagóxicos, chegando a dirixir a Página Pedagógica do diario El Pueblo Gallego. Colaborou en El Despertar Gallego. Foi un dos fundadores da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza, organización sindical que, agrupada con outras e integrada na Unión General de Trabajadores (UGT), constituíu máis tarde a Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE), da que foi presidente desde 1936. Presentou con Fernando Barcia Veiras e Eligio Núñez o relatorio "Misión de los trabajadores de la enseñanza en el actual momento histórico de la cultura gallega" ao Congreso de Trabajadores de la Enseñanza de Galicia de maio de 1936.[4] A súa militancia socialista levouno a presidir, tamén en 1936, a agrupación socialista viguesa.
Como moitos outros líderes socialistas galegos, co golpe de estado de xullo de 1936 que deu lugar á Guerra Civil, houbo de ocultarse para evitar a represión dos sublevados triunfantes en Galicia, pero foi descuberto na illa de Toralla. Detido e condenado á morte o 22 de agosto de 1936, foi executado cinco días despois no Cemiterio de Pereiró, xunto ao alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, o alcalde de Lavadores, José Antela Conde, Ramón González Brunet, Waldo Gil Santóstegui, Manuel Rey Gómez e os deputados socialistas Ignacio Seoane, Enrique Heraclio Botana Pérez e Antonio Bilbatúa Zubeldía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lo más selecto" de Vigo en 1936, El País, 28 de agosto de 2008, consultado o 25 de xuño de 2011.
- ↑ Primeira entrada Arquivado 03 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., no Dicionario biográfico del socialismo español.
- ↑ Segunda entrada Arquivado 16 de outubro de 2019 en Wayback Machine., no Dicionario biográfico del socialismo español.
- ↑ El Pueblo Gallego, 22-5-1936, p. 7.