Arcos, Ponteareas
Arcos | |
---|---|
![]() Igrexa parroquial de San Breixo de Arcos. | |
Concello | Ponteareas[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°10′53″N 8°28′47″O / 42.1812794, -8.47978049 |
Poboación | 484 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 11[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Breixo de Arcos é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 848 habitantes (238 homes e 246 mulleres), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón un lixeiro aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 445 habitantes.
Xentilicio
[editar | editar a fonte]O seu xentilicio é arcoso[3].
Historia
[editar | editar a fonte]En 991 foi doada polo rei Vermudo II á Igrexa compostelá. Nela existiu un mosteiro de cabaleiros templarios. En 1377 o bispo tudense Juan de Castro entregoulle á súa igrexa varias terras, algunhas situadas nesta parroquia, para que puidesen ter capeláns.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa parroquial de San Breixo de Arcos data de 1762, pero sufriu diversas ampliacións posteriores. No lugar da Serra hai unha pequena ermida dedicada á Virxe das Angustias, construída en 1684 e ampliada séculos despois.
Arcos na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]En Arcos sitúase a Pena dos Namorados, con abundantes lendas, e a Pedra do Capón ou Pena do Equilibrio. A Pena dos Namorados está formada por tres grandes pedras: unha a modo de base, unha segunda sobre esta, máis pequena, e unha terceira que asenta sobre as dúas anteriores. A tradición conta que se utilizou dentro de ritos fecundatorios, para asegurar a procreación de parellas que non tiñan fillos [4].
Cóntase tamén que os señores do castelo de Sobroso (en Vilasobroso, Mondariz) mandaron botar desde o alto da Pena dos Namorados a un mozo, campesiño, que se namorara dunha filla daqueles. Cando quixeron obrigala a casar con outro mozo, noble, a moza prefiriu morrer antes que faltarlle á promesa de fidelidade que lle fixera.
E tamén corre a lenda que recolle os amores desgraciados entre Aldina, unha filla de Álvaro de Sarmiento, señor do castelo de Sobroso, e un campesiño, Tristán de Abarca. O señor de Sarmiento rexeitaba esas relacións e, enterado de que os mozos acodían a verse na Pena dos Namorados, mata a Tristán. Aldina espera inutilmente a chegada do seu mozo e ó terceiro día achégase un home a cabalo, que resulta ser Tristán que vén despedirse, mentres ó lonxe tocan a morto. Cando Aldina se decata de que Tristán está morto, péchase no castelo e morre ó cabo doutros tres días. Outra versión di que se pecha nun convento de Baiona e unha terceira asegura que foi o pai quen se meteu a frade no mosteiro de Santa María de Oia, arrepentido do que fixera.
A Pena dos Namorados ten tamén propiedades adiviñatorias. Se unha moza quer casar debe coller tres pedriñas e, posta de costas á Pena, lanzalas sobre os seus ombros cara a atrás. Se as tres pedras quedan sobre a superficie da Pena [5], é seguro que o home da súa vida chegará ese mesmo ano. Se só quedan dúas pedras, o noivo aparecerá ós dous anos, e se só queda unha, casará, efectivamente, pero non se sabe cando. Pero se non consegue colocar ningunha pedra sobre a Pena, mellor que esqueza a idea de casar [6].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Pena dos Namorados.
-
Pena do Equilibrio.
-
Cruceiro.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Arcos
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Arcos no concello de Ponteareas (Pontevedra) | |
---|---|
A Camba | O Correlo | A Estibada | A Gándara | A Igrexa | O Monte | Novexil | Ponte Alta | A Serra | Valverde | Veasque |
Parroquias de Ponteareas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.
- ↑ "Xentilicios_0.pdf" (PDF). p. 29. Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ Tal como a cama de San Guillerme, en Fisterra ou o berce da Virxe, ó pé da ermida da Virxe da Lanzada.
- ↑ A superficie superior da pedra máis alta, claro.
- ↑ Un ritual semellante practícase na capela de Santo Alberte, en Ribeira, onde as mozas lanzan tres anacos de tella e intentan que queden na soleira dunha pequena xanela na ábsida.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s. v. penas dos namorados.