Saltar ao contido

Arthur Purves Phayre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaArthur Purves Phayre

Retrato de Arthur Purves Phayre
por Colesworthey Grant (1855)

Biografía
Nacemento7 de maio de 1812
Shrewsbury, Shropshire, Inglaterra.
Morte14 de decembro de 1885 (73 anos)
Bray, Wicklow, Irlanda.
Cargos
Comisionado xefe da Birmania británica
Período1862 – 1867
SucesorAlbert Fytche
Gobernador de Mauricio
Período1874 – 1878
AntecesorArthur Hamilton-Gordon
SucesorGeorge Bowen
Datos persoais
País de nacionalidade Británica
EducaciónShrewsbury School Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPolítica, ciencias naturais, numismática.
Ocupaciónnaturalista, numismático, coleccionismo de moedas, zoólogo, político Editar o valor en Wikidata
Membro de
Real Sociedade Asiática de Gran Bretaña e Irlanda.
Sociedade Académica Indo-Chinesa.
Carreira militar
Rango militarXeneral
tenente xeneral Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
1882. Coins of Arakan, of Pegu, and of Burma.
1883. History of Burma, including Burma Proper, Pegu, Taungu, Tenasserim, and Arakan.
Familia
PaisRichard Phayre Editar o valor en Wikidata  e María Ridgway. Editar o valor en Wikidata
IrmánsRobert Phayre; Richard Phayre. Editar o valor en Wikidata
Premios
Compañeiro da Orde do Baño (1863).
Comendador da Orde da Estrela da India (1867).
Gran Cruz da Orde de San Miguel e San Xurxo (1877).

Virtute Tutus

Descrito pola fonteDictionary of National Biography Editar o valor en Wikidata

Arthur Purves Phayre, nado en Shrewsbury, Shropshire, Inglaterra o 7 de maio de 1812 e finado en Bray, Wicklow, Irlanda, o 14 de decembro de 1885, foi un oficial do exército indio británico, primeiro comisionado da Birmania británica (1862-1867), gobernador de Mauricio (1874-1878), numismático e escritor.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Arthur Phayre naceu en Shrewsbury en 1812,[1] no seo dunha familia de militares de orixe irlandesa, fillo de María Ridgway e de Richard Phayre,[2] e irmán do reverendo Richard Phayre e do tenente xeneral Robert Phayre (1820-1897), destinado no exército británico en Bombai.[3][4]

Logo de recibir a súa primeira educación nunha escola local, en 1928, con só 17 anos, marchou á India como cadete.[1][4] Alí chegou o 3 de febreiro de 1829 e aos catro meses foi destinado no sétimo rexemento da Infantaría Nativa de Bengala. [3]

Na India supliu a súa escasa instrución da súa infancia con frecuentes lecturas de diversas temáticas e a participación en coloquios.[5]

Carreira militar e civil na India

[editar | editar a fonte]

En 1834 foi proposto para un destino militar nos territorios británicos de Birmania e trasladouse a Mawlamyine, xa como oficial, para traballar no establecemento dun corpo local na rexión de Tanintharyi . Ao pouco tempo regresou a Bengala, onde, logo dun curto servizo na Infantaría Lixeira de Assam, foi nomeado para un posto civil: asistente superior do o capitán Bogle, Comisionado de Arakan –máximo representante da Administración británica na zona–.[5] Durante os anos que pasou nesta zona illada cultivou o estudo da cultura e da lingua birmanas.[6]

En 1846 foi trasladado á oficina do Comisionado das Provincias de Tenasserim, John Russell Colvin.[6]

Ao se declarar en 1848 a segunda guerra Sikh, ordenouse que todos os oficiais do sétimo rexemento de Infantaría se incorporasen aos seus postos para acudir á fronte, e como recompensa polo seu bo servizo nesa campaña, ao seu remate, o 10 de abril de 1849, concedéuselle ao tenente coronel Phayre o cargo de Comisionado de Arakan, que deixara vacante Bogle. Ocupou este posto ata decembro de 1852, cando foi nomeado Comisonado da nova provincia de Pegu –que fora anexionada logo da segunda guerra Sikh a principios dese ano–, subordinado directamente ao Gobernador Xeral, con sede en Rangún. Mantívose neste posto durante unha década.[7]

En 1862, as provincias de Arakan, Pegu, Martaban e Tenasserim pasaron a ter a consideración administrativa de divisións da nova Provincia Unida da Birmania Británica, á cabeza da cal se nomeou a Phayre como primeiro xefe-comisionado –un posto case ao nivel de gobernador.[7]

Regreso a Europa

[editar | editar a fonte]

Phayre ocupou ese cargo ata marzo de 1867, ano en que decidiu abandonar Birmania e regresar ao Reino Unido, onde recibiu o título de Cabaleiro da Orde da Estrela da India.[8]

En 1869 viaxou á India e percorreu territorios como Caxemira e Peshawar, onde visitou diversos monumentos budistas, e á súa volta en barco cara a Londres en setembro de 1870 visitou tamén Saigón e varias cidades portuarias da China e do Xapón, California e outros lugares de América do Norte. Pouco despois do seu regreso instalouse en Bray, preto de Dublín, en Irlanda, onde se dedicou aos seus escritos e desde onde organizou numerosas novas viaxes.[8]

Goberno de Mauricio

[editar | editar a fonte]

En 1874 foi nomeado polo secretario de Estado das Colonias, Henry Herbert, como gobernador de Mauricio, cargo que desempeñou ata o 31 de decembro de 1878. Durante eses catro anos, Phayre acadou importantes avances naquel territorio, como unha lei laboral que regulaba os dereitos dos inmigrantes indios; tamén se ocupou de solucionar asuntos como a situación dos ocupantes ilegais dos terreos públicos, e a construción de infraestruturas básicas para o desenvolvemento daquel territorio.[9]

Retiro en Irlanda

[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso a Europa instalouse novamente en Bray, con visitas frecuentes a Londres e outros lugares, e pasaba tamén longas estadías en Escocia. Nesta época continuou cos seus escritos e dedicou gran parte do seu tempo a recompilar os artigos que ata aquel momento fora publicando acerca da historia de Birmania[10] –un territorio ben coñecido por el, logo dos seus anos destinado alí– coa idea de publicalos compondo unha monografía, que finalmente saíu á luz en 1883.[11][9]

Outros dos seus artigos versaron sobre unha das grandes afeccións de Phayre, a numismática. Ao longo da súa traxectoria fora compondo unha colección de moedas asiáticas, moitas das cales se conservan no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico. Nestes derradeiros anos de retiro en Irlanda, compuxo tamén o outro dos seus grandes traballos monográficos, un estudo sobre as moedas de Arakan, Pegu e Birmania, que foi publicado en 1882.[12]

Entre outras sociedades eruditas, Phayre foi membro correspondente da Sociedade Académica Indo-Chinesa e membro da Real Sociedade Asiática.[13]

Na noite do 14 de decembro de 1885, Arthur Purves Phayre finou na súa casa de Bray, aos 73 anos, logo dunha repentina indisposición, e foi soterrado en Enniskerry, no condado irlandés de Wicklow, o día 19 dese mes.[1][10][14]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Arthur Purves Phayre é autor de diversos artigos en revistas e xornais especializados, sinaladamente Journal of the Asiatic Society of Bengal e Proceedings of the Asiatic Society of Bengal . Os seus dous traballos monográficos son os seguintes:[15]

A partir da súa obra sobre a historia de Birmania, o nome científico posterior de diversos animais que aparecen descritos nela rende homenaxe a Arthur Purves Phayre: Trachypithecus phayrei, Hylopetes phayrei, Hylopetes phayrei, Pitta phayrei, Manouria emys phayrei e Treron phayrei.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Sir Arthur Purves Phayre". En Encyclopaedia Britannica (Britannica.com).
  2. "Lt.-Gen. Sir Arthur Purves Phayre". Thepeerage.com
  3. 3,0 3,1 Yule, H. (1886). Páxina 103.
  4. 4,0 4,1 Broadfoot, W. (1896). Páxina 141.
  5. 5,0 5,1 Yule, H. (1886). Páxina 104.
  6. 6,0 6,1 Yule, H. (1886). Páxina 105.
  7. 7,0 7,1 Yule, H. (1886). Páxina 106.
  8. 8,0 8,1 Yule, H. (1886). Páxina 109.
  9. 9,0 9,1 Yule, H. (1886). Páxina 110.
  10. 10,0 10,1 Broadfoot, W. (1896). Páxina 142.
  11. Véxase "(1883)" en "Bibliografía".
  12. Véxase "(1882)" en "Bibliografía".
  13. Yule, H. (1886). "Royal Asiatic Society. Proceedings of the Sixty-Third Anniversary Meeting of the Society, Held on the 17th of May, 1886". En Journal of the Royal Asiatic Society of Great Britain and Ireland. Cambridge University Press. Vol. 18. Nº 4.
  14. Yule, H. (1886). Páxina 111.
  15. Yule, H. (1886). Páxina 111.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Beolens, B. et al. (2011). "Phayre" En The Eponym Dictionary of Reptiles. Johns Hopkins University Press, Baltimore. Páxina 205. ISBN 978-1-4214-0135-5
  • Broadfoot, W. (1896). "Phayre, Arthur Purves". En Dictionary of National Biography. Vol. 45. Smith, Elder & Co., Londres. Páxinas 141-142.
  • Herbert, P. (1975). “The Sir Arthur Phayre Collection of Burmese Manuscripts in the British Library.” En British Library Journal. Vol. 1. Nº 1. Páxinas 62-70.
  • Tinker, H. (1961). “Arthur Phayre and Henry Yule: Two Soldier-Administrator Historians.” Hall, D. (ed.). Historians of South-East Asia. Oxford University Press, Londres. Páxinas 267-278.
  • Yule, H. (1886). "Obituary: Lieut.-General Sir Arthur Phayre". En Proceedings of the Royal Geographical Society and Monthly Record of Geography. Vol. 8. Nº 2. Páxinas 103-112.