Saltar ao contido

Asubión común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asubión común


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anatinae
Xénero: Anas
Subxénero: Mareca
Especie: M. penelope
Nome binomial
'Mareca penelope'
Linnaeus, 1758

O asubión común[2] (Mareca penelope) é unha ave da orde dos anseriformes e da familia dos anátidos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os asubións miden entre 41 e 51 cm, teñen unha envergadura de ás de 75 a 86 e pesan de 500 a 900 gramos. A plumaxe reprodutora dos machos é agrisada, coa área da barriga branca ou crema. As ás amosan unha banda branca. A cabeza é moi característica, marrón, cunha mancha branca na testa que lles chega ata a base do bico, que é gris coa punta negra. As femias teñen unha coloración discreta, de tons acastañados. A cor das patas en ambos os sexos vai do castaño escuro ata tons case negros.

Están activos de día, no crepúsculo e pola noite. A estrutura dos seus ollos, cunha capa posterior que reflicte a luz, permítelles ver sorprendentemente ben pola noite. Son aves sociais, que se moven sempre en grupos grandes.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Macho coa plumaxe reprodutora (Anas penelope)

Os asubión crían no norte de Europa, norte de Asia e parcialmente no norte de Norteamérica. Viven en lagos e estanques con vexetación abundante e, ocasionalmente, vense tamén en ríos de curso lento. A comezos do inverno emigran cara ó sur, para pasa-lo inverno no centro e sur de Europa, onde se poden ver tamén en terras de cultivo, o que causa en ocasións problemas cos agricultores.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Son aves vexetarianas estritas, que se alimentan tanto de plantas acuáticas coma terrestres. Precisan comer entre 300 e 400 g de vexetais ó día, polo que dedican ata 15 horas diarias a buscar alimento.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os asubións maduran sexualmente cando teñen uns dous anos. As parellas fórmanse, en xeral, pouco despois de acaba-lo inverno. A reprodución ten lugar entre maio e xullo. Fan os niños no chan, agachados entre a vexetación da beira da auga, e cóbrenos cunha capa de penuxe. As femias poñen de 4 a 9 ovos, duns 50 mm de lonxitude, que precisan uns 24 días de incubación. Os polos son capaces de voaren cando teñen uns 45 días.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. BirdLife International (2012). "Anas penelope". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Chuck Hagner: Guide to ducks and geese. Stackpole, Mechanicsburg 2006. ISBN 0-8117-3344-0
  • P. W. Mayhew: The feeding ecology and behaviour of wigeon (Anas penelope). Glasgow 1985.
  • Hendrik Brunckhorst: Ökologie und Energetik der Pfeifente (Anas penelope L. 1758) im schleswig-holsteinischen Wattenmeer. Kovac, Hamburg 1996. ISBN 3-86064-454-8

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]