Auguste Comte
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2016.) |
Isidore Marie Auguste François Xavier Comte, coñecido como Auguste Comte, nado en Montpellier o 19 de xaneiro de 1798 e finado en París o 5 de setembro de 1857, foi un pensador francés, considerado creador do positivismo e da disciplina da socioloxía, aínda que hai correntes sociolóxicas que só lle atribúen o pórlle o nome.
Legado
[editar | editar a fonte]Comte viu dúas leis universais na actividade de todas as ciencias, a "Lei dos tres estadios" e a "Lei enciclopédica". Combinando estas leis, Comte desenvolveu unha clasificación sistemática e xerárquica de todas as ciencias, inclusive a física inorgánica (astronomía, xeoloxía e química) e a física orgánica (bioloxía) e, por primeira vez, a física social posteriormente renomeada "socioloxía".
Esta idea dunha ciencia especial centrada no social foi prominente no século XIX e non unicamente para Comte. A ambición -algúns dirían grandiosidade- coa que Comte a concibiu foi, con todo, extraordinaria.
Comte viu esta nova ciencia, a socioloxía, como a última e a máis grande de todas a ciencias, unha ciencia que incluiría todas as ciencias as cales integrarían e relacionarían os seus achados nun todo cohesionado.
Aínda que foi influente durante a súa vida e durante algún tempo despois, o traballo de Comte caeu rapidamente no descrédito. Comte acuño o termo "socioloxía" e considéraselle o primeiro sociólogo moderno. A súa énfase na interconectividade dos elementos sociais converteuno nun precursor do funcionalismo moderno. No entanto, con poucas excepcións, o seu traballo considérase hoxe en día excéntrico e acientífico, e a súa gran visión da socioloxía como a raíña de todas as ciencias nunca chegou a callar.
O pensamento de A. Comte
[editar | editar a fonte]A filosofía de Comte entronca coa revolta moderna contra os antigos que iniciou Francis Bacon e estendeu L'encyclopédie francesa e que consistiu, a grandes liñas, na asunción da razón e a ciencia como únicas guías da humanidade capaces de instaurar a orde social sen apelar a escurantismos teolóxicos ou metafísicos.
A evidente intención de reforma social da súa filosofía adhírese, con todo, a unha postura conservadora e contrarrevolucionaria en claro enfrontamento coas propostas ilustradas de Voltaire e Rousseau.
Tomando como contexto a Revolución Francesa, Comte acusa a estes dous autores de xerar utopías metafísicas irresponsables e incapaces de outorgar unha orde social e moral á humanidade.
Os problemas sociais e morais han de ser analizados desde unha perspectiva científica positiva que se fundamente na observación empírica dos fenómenos e que permita descubrir e explicar o comportamento das cousas en termos de leis universais susceptibles de ser utilizadas en proveito da humanidade.
Comte afirma que unicamente a ciencia positiva ou positivismo poderá achar as leis que gobernan non só a natureza, senón a nosa propia historia social, entendida como a sucesión e o progreso de determinados momentos históricos chamados estados sociais.
A lei dos tres estados e a idea de progreso
[editar | editar a fonte]A humanidade no seu conxunto e o individuo como parte constitutiva, está determinado a pasar por tres estados sociais diferentes que se corresponden con distintos graos de desenvolvemento intelectual: o estado teolóxico ou ficticio, o estado metafísico ou abstracto e o estado científico ou positivo.
Este tránsito dun estado a outro constitúe unha lei do progreso da sociedade, necesaria e universal porque emana da natureza propia do espírito humano. Segundo a devandita lei, no estado teolóxico o home busca as causas últimas e explicativas da natureza en forzas sobrenaturais ou divinas, primeiro a través do fetichismo e, máis tarde, do politeísmo e o monoteísmo. A este tipo de coñecementos correspóndelle unha sociedade de tipo militar sustentada nas ideas de autoridade e xerarquía.
No estado metafísico cuestiónase a racionalidade teolóxica e o sobrenatural é substituído por entidades abstractas radicadas nas cousas mesmas (formas, esencias etc.) que explican o seu por que e determinan a súa natureza. A sociedade dos legistas é propia este estado que é considerado por Comte como unha época de tránsito entre a infancia do espírito e a súa madurez, correspondente xa ao estado positivo. Neste estado o home non busca saber que son as cousas, senón que mediante a experiencia e a observación trata de explicar como se comportan, describíndoas fenomenicamente e intentando deducir as súas leis xerais, útiles para prever, controlar e dominar a natureza (e a sociedade) en proveito da humanidade. A este estado de coñecementos correspóndelle a sociedade industrial, capitaneada por científicos e sabios expertos que asegurarán a orde social.
Características da filosofía positiva
[editar | editar a fonte]A filosofía positiva como tipo de coñecemento propio do último estado da sociedade, defínese por oposición á filosofía negativa e crítica de Rousseau e Voltaire á que Comte atribúe os males da anarquía e a inseguridade social que caracterizan ao período post-revolucionario.
O termo positivo fai referencia ao real, é dicir, o fenoménico dado ao suxeito. O real oponse a todo tipo de esencialismo, refugando a procura de propiedades ocultas características dos primeiros estados.
O positivo ten como características o ser útil, certo, preciso, construtivo e relativo (non relativista) no sentido de non aceptar ningún absoluto.
Obras principais
[editar | editar a fonte]- Cours de Philosophie Positive (Curso de Filosofía Positiva) - 1842 (en 6 volumes)
- Système de Politique Positive (Sistema de Política Positiva) - 1851 (en 4 volumes)
- Discurso sobre o espírito positivo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Auguste Comte |
A Galicitas posúe citas sobre: Auguste Comte |