Bóveda de aresta
A bóveda de aresta[1] é o elemento arquitectónico abovedado que se emprega para cubrir espazos cuadrangulares; resulta da intersección de dúas bóvedas de canón, que se cruzan de xeito perpendicular.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Fórmase por dúas superficies semicilíndricas ortogonais cuxas liñas de intersección, ou arestas, son arcos de elipse que se cruzan no vértice superior.
Os enxeñeiros e arquitectos romanos espallárona polo Imperio utilizándoa como alternativa aos sistemas alintelados e as cubertas planas para espazos pequenos.
Mantida durante a alta idade media pola súa facilidade de construción, convértese nun dos sistemas máis estendidos da arte románica. Salvo notables excepcións -Santa Madalena de Vezelay, no Camiño francés de peregrinación a Santiago- o seu desenvolvemento circunscríbese ás naves laterais e ás cubertas da tribuna. As grandes igrexas de peregrinación a Santiago como a de Santa Fe de Conques, San Martiño de Tours, San Sernin de Tolosa ou a propia Igrexa catedral de Santiago de Compostela son excelentes exemplos do seu desenvolvemento técnico.
Abandonada pola bóveda de crucería no Gótico, recupérase con nova forza e brío construtivo no Renacemento, sobre todo no Quattrocento italiano onde Brunelleschi é firme defensor das súas posibilidades construtivas e decorativas. O Barroco compatibilízaa con outras cubricións ata que a modernidade e as súas novas solucións arquitectónicas relégana ao carácter de solución artesanal tradicional.
Bóveda de aresta nervada
[editar | editar a fonte]Unha bóveda de aresta nervada é a bóveda de aresta que ten nervios ou arcos de reforzo nos puntos de intersección das dúas bóvedas[2].