Bandada mixta de alimentación
Unha bandada mixta de alimentación ou bandada de especies mixtas de alimentación, tamén chamada partida mixta de caza, é unha bandada de aves xeralmente insectívoras de diferentes especies que se xuntan para moverse xuntas polo seu hábitat mentres procuran alimento.[1] Son diferentes das agrupacións para a alimentación, que son congregacións de varias especies de aves en áreas de alta dispoñibilidade de alimento.
Unha bandada de especies mixtas de alimentación ten normalmente unha especie "nuclear" que parece ser central para a súa formación e movemento. As especies que as seguen denomínanse "asistentes". Os asistentes tenden a unirse á bandada de alimentación só cando a bandada entra no seu territorio.[2]
Investígase como se inician este tipo de bandadas. En Sri Lanka, por exemplo, o mimetismo vocal do paxaro drongo Dicrurus paradiseus podería ter un papel clave na iniciación das bandadas de especies mixtas de alimentación,[3] mentres que en certas partes dos trópicos americanos as ruidosas bandadas de alimentación de Basileuterus culicivorus poderían desempeñar o mesmo papel.[4] A estrutura forestal pénsase que tamén é un factor importante decisivo para determinar a propensión a formar bandadas.[5] Nos bosques tropicais, as aves que rebuscaban o seu alimento na follaxe eran as especies máis abondosas en bandadas de especies mixtas.[6]
Unha bandada mixta de alimentación do Neotrópico típica móvese polo bosque a uns 0,3 km/h, con diferentes especies alimentándose nos seus nichos preferidos (no chan, sobre troncos, na alta ou baixa follaxe etc.). Algunhas especies seguen a bandada todo o día, mentres que outras, como o Ramphocaenus melanurus[7], reúnense só a condición de que cruce os seus propios territorios.[8]
Custos e beneficios
[editar | editar a fonte]Propuxéronse varios mecanismos evolutivos para explicar a formación de bandadas de especies mixtas. Estes xeralmente descríbense en termos de custos e beneficios para os individuos. Os beneficios clave que se suxeriron son unha redución no risco de predación por medio dun incremento da vixilancia, que é a maior cantidade de ollos que poden vixiar os depredadores e dar a alarma, e o incremento da eficiencia na procura de alimentos.[9] Os custos poderían incluír o risco de cleptoparasitismo.[10]
No Holártico
[editar | editar a fonte]Na zona temperada norte, as bandadas son lideradas tipicamente por páridos (carboeiros),[9] a miúdo unidos a gabeadores,[11] cértidos, petos (como o Dryobates pubescens e o Dryobates minor),[12] regúlidos, e en Norteamérica os parúlidos,[13] todas aves comedoras de insectos. Este comportamento é particularmente común fóra da estación reprodutora.[9]
As vantaxes deste comportamento son incertas, pero as probas suxiren que lles dá certa seguranza ante os predadores, especialmente para as aves menos vixiantes como os vireos e petos e tamén mellora a eficiencia de alimentación, quizais porque as presas artrópodos que conseguen escapar dunha ave son apañados por outra.[9]
No Neotrópico
[editar | editar a fonte]As bandadas alimenticias insectívoras chegan ao seu maior desenvolvemento en bosques tropicais, onde son unha característica típica da vida aviaria. Nos Neotrópicos os líderes ou membros "nucleares ou centrais" poden ser Lanio aurantius no sur de México, ou Basileuterus tristriatus noutras partes en América Central. En Suramérica, as especies nucleares poden ser Thamnophilidae como Thamnomanes, Furnariidae como o Philydor rufum ou o Sittasomus griseicapillus, ou Parulidae como os Basileuterus culicivorus.[4] No hábitat do "cerrado" aberto, poden ser os Cypsnagra hirundinacea ou os Neothraupis fasciata.[14] As especies nucleares a miúdo teñen unha plumaxe rechamante e vocalizacións que atraen outras aves; xeralmente son tamén sentinelas moi activas, que dan a voz de alarma ante a presenza de predadores.[14][8]
Pero mentres que esas especies de aves doadas de localizar serven como punto focal para os membros da bandada, non necesariamente inician a formación das bandadas. Nunha bandada de especies mixtas neotropical que se alimentan de térmites, observouse que os Poospiza lateralis eran as aves máis visibles.[15] Como esta especie non é un insectívoro aéreo, é improbable que realmente iniciase a bandada e máis ben pasaba por alí e uniuse a ela. E aínda que as especies de Basileuterus son iniciadoras e tamén especies nucleares das bandadas, as bandadas mixtas de especies de Tangara, en especial o T. cynocephala, T. desmaresti e T. seledon, a miúdo inician a formación dunha bandada de alimentación maior e máis diversa, da cal eles son só un compoñente menos significativo.[4]
Os oscines de nove primarias (con 9 plumas remeiras primarias nas ás) constitúen gran parte de case todas as bandadas de especies mixtas de alimentación neotropicais. Concretamente, estas aves son de familias como a Cardinalidae, Parulidae, e especialmente Emberizidae e Thraupidae. Outros membros de bandadas mixtas de alimentación dos Neotrópicos poden proceder da maioría das familias locais de aves insectívoras diúrnas máis pequenas, e poden tamén incluír picos, tucanos e trogons. A maioría dos Furnariidae non participan nas bandadas mixtas, aínda que hai excepcións como os Synallaxis e algunhas especies da subfamilia dos Dendrocolaptinae, por exemplo as mencionadas anteriormente ou o Xiphorhynchus fuscus, son comúns ou mesmo membros "nucleares". Entre os Tyrannidae hai tamén algunhas especies que se unen a bandadas mixtas de forma bastante regular, incluíndo o Leptopogon amaurocephalus, o Myiornis auricularis, o Platyrinchus mystaceus e o Phylloscartes oustaleti.[4][14][15]
Porén, incluso en familias que comunmente participan nas bandadas, non todas as especies se unen a bandadas mixtas. Hai xéneros como Vireo nos cales algunhas especies non se unen a bandadas mixtas, mentres que outras (por exemplo o xuruviara de ollos vermellos) fano incluso nos seus cuarteis de inverno.[4] Dos tres grupos de subespecies de Setophaga coronata, só unha (Setophaga coronata auduboni) normalmente o fai. E mentres que a importancia de certos Thraupidae na iniciación e mantemento da unión das bandadas mixtas xa foi mencionada, por exemplo o Trichothraupis melanops é unha especie que se alimenta de forma oportunista e pode aparecer por alí pero sempre mantendo certa distancia de calquera molestia que se poida dar (como unha bandada mixta de alimentación, unha columna de formigas ou un grupo de monos) e capturan as presas que tratan de escapar da bandada.[4]
Os Conopophagidae son notables pola súa ausencia destas bandadas,[7] mentres que os cirrios e anduriñas raramente se unen a elas, pero fano se hai por exemplo unha agrupación de formigas ou térmites que se pode depredar.[15][16][17][16] Os Cotingidae son principalmente asociados oportunistas que raramente se unen a bandadas durante moito tempo ou nunca o fan; o mesmo ocorre coa maioría dos Muscicapoidea, aínda que algúns túrdidos (tordos, merlos) poden particiapr máis a miúdo.[4] E aínda que a maioría dos Tityridae raramente se unen a bandadas mixtas, os Pachyramphus se o fan regularmente.[4] Os Rhinocryptidae raramente se ven en bandadas mixtas, pero o Melanopareia torquata, dubidosamente asignado a esta familia, pode ser un membro habitual.[14] Os Icteridae tampouco aparecen normalmente nas bandadas, aínda que os caciques como o Cacicus chrysopterus ou Cacicus haemorrhous, únense ás bandadas con certa frecuencia.[4] Os Cuculiformes (cucos e aliados) están xeralmente ausentes de bandadas de alimentación mixtas, pero, por exemplo, o Piaya cayana, pode encontrarse nelas de cando en vez.[4]
Algunhas especies parecen preferir que outras estean presentes: aos Cyanolyca gústalles formar bandadas con Aphelocoma unicolor e o complexo de especies do Aulacorhynchus prasinus). Moitos ictéridos asócianse só con especies relacionadas, pero as subespecies do oeste do Icterus chrysater asócianse a certos gaios e aos Campylorhynchus zonatus.[18]
Outras especies participan en diversa medida nas bandadas dependendo da localización ou a altitude, e probablemente as diferentes composicións de especies das bandadas mixtas en varias localidades permiten que estes membros irregulares máis ou menos oportunistas se unan a elas para conseguir alimento. Entre tales especies o Mionectes rufiventris ou o Dysithamnus mentalis e o Habia rubica rexístranse a miúdo en bandadas das terras baixas pero raramente se unen a elas, polo menos nalgunhas rexións montañosas.[4]
Nos trópicos do Vello Mundo
[editar | editar a fonte]As bandadas no Vello Mundo están a miúdo ligadas de maneira máis laxa que nos neotrópicos, e moitas son só asociacións casuais que duran o tempo no que a bandada da especie nuclear ou central pasa no territorio das especies asistentes. As bandadas máis estables obsérvanse en Asia tropical, e especialmente en Sri Lanka. As bandadas alí poden constar de varios centos de aves que pasan todo o día xuntas, ata o punto de que un observador na selva pode non ver virtualmente ningunha ave excepto cando se atopa cunha bandada. Por exemplo, a medida que unha bandada se aproxima na Reserva Forestal de Sinharaja en Sri Lanka, o típico día tranquilo da selva é interrompido polas ruidosas chamadas dos Turdoides rufescens e Dicrurus paradiseus, aos que se unen especies como o Garrulax cinereifrons, Ficedula subrubra e Sitta frontalis.
Unha bandada mixta na Cordilleira Central de Luzón en Filipinas estaba composta principalmente por Coracina striata, Irena cyanogastra e Corvus violaceus. Os Penelopides manillae tamén se rexistraron nestas bandadas. Os Corvus só se unen tardiamente e os Penelopides probablemente só son asistentes oportunistas en vez de especies nucleres da bandada, polo que estas bandadas probablemente son iniciadas por algunha das especies anteriores, probablemente o destemido e moi vocal Coracina en vez dos máis reservados Irena, os cales son coñecidos por buscar oportunidades na procura de alimentos.[19]
As selvas africanas tamén albergan bandadas de especies mixtas, con especies nucleares como Pycnonotidae e Nectarinidae, e asistentes tan diversos como o Lophoceros camurus e o Pholidornis rushiae, a ave máis pequena de África. Os Dicruridae e os Monarchidae descríbense ás veces como as sentinelas da bandada, pero sábese que rouban presas a outros membros da bandada.
Os Acanthizidae son membros centrais típicos en Nova Guinea e Australia; en Australia, os Maluridae son tamén significativos. Ás especies centrais asócianse aves doutras familias como os Pericrocotus.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Graves, G. R.; Gotelli, N. J. (15 February 1993). "Assembly of avian mixed-species flocks in Amazonia" (PDF). Proceedings of the National Academy of Sciences 90 (4): 1388–1391. ISSN 0027-8424. JSTOR 2361195. PMC 45878. PMID 8433996. doi:10.1073/pnas.90.4.1388.
- ↑ Faaborg, John; Chaplin, Susan B. (January 1988). Ornithology: an ecological approach. Englewood Cliffs, N.J: Prentice-Hall. pp. 219–221. ISBN 978-0-13-642877-0.
- ↑ Goodale, Eben; Kotagama, Sarath W. (August 2006). "Vocal mimicry by a passerine bird attracts other species involved in mixed-species flocks" [Mixed flocks of birds in Atlantic Rain Forest in Serra de Paranapiacaba, southeastern Brazil] (PDF). Animal Behaviour (en Portuguese) 72 (2): 471–477. ISSN 0003-3472. doi:10.1016/j.anbehav.2006.02.004. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2008. Consultado o 29 de novembro de 2017.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 Machado, C. G. (February 1999). "A composição dos bandos mistos de aves na Mata Atlântica da Serra de Paranapiacaba, no sudeste brasileiro". Revista Brasileira de Biologia [Brazilian Journal of Biology] 59 (1). ISSN 0034-7108. doi:10.1590/S0034-71081999000100010.
- ↑ Sridhar, Hari; Sankar, K. (January 2008). "Effects of Habitat Degradation on Mixed-Species Bird Flocks in Indian Rain Forests". Journal of Tropical Ecology 24 (2): 135–147. ISSN 0266-4674. JSTOR 25172907. doi:10.1017/S0266467408004823.
- ↑ Thiollay, Jean-Marc (January 1999). "Frequency of Mixed Species Flocking in Tropical Forest Birds and Correlates of Predation Risk: An Intertropical Comparison". Journal of Avian Biology 30 (3): 282–294. ISSN 0908-8857. JSTOR 3677354. doi:10.2307/3677354.
- ↑ 7,0 7,1 Perrins 2003, "Gnateaters".
- ↑ 8,0 8,1 Perrins, 2003 & Antbirds.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Ehrlich, Paul R.; Dobkin, David S.; Wheye, Darryl. "Mixed-Species Flocking".
- ↑ Chilton, Glen; Sealy, Spencer G. (January 1987). "Species Roles in Mixed-Species Feeding Flocks of Seabirds". Journal of Field Ornithology 58 (4): 456–463. ISSN 0273-8570. JSTOR 4513268.
- ↑ Perrins 2003, "Nuthatches".
- ↑ Perrins 2003, "Woodpeckers".
- ↑ Backhouse, Frances (January 2005). "Chapter 7: Relationships with Other Species". Woodpeckers of North America. Richmond Hill, Ontario: Firefly Books. ISBN 978-1-55407-046-6.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Ragusa-Netto, J. (August 2000). "Raptors and "campo-cerrado" bird mixed flock led by Cypsnagra Hirundinacea (Emberizidae:Thraupinae)". Revista Brasileira de Biologia 60 (3): 461–7. ISSN 0034-7108. PMID 11188872. doi:10.1590/S0034-71082000000300011.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Olson, Storrs L.; Alvarenga, Herculano M.F. (September 2006). "An extraordinary feeding assemblage of birds at a termite swarm in the Serra da Mantiqueira, São Paulo, Brazil" (PDF). Revista Brasileira de Ornitologia 14 (3): 297–299. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 29 de novembro de 2017.
- ↑ 16,0 16,1 Perrins 2003, "Swallows".
- ↑ Perrins 2003, "Swifts".
- ↑ Howell, Steve N. G.; Webb, Sophie (January 2010). A Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America (Repr ed.). Oxford: Oxford Univ. Press. ISBN 978-0-19-854012-0.
- ↑ Nuytemans, H. (January 1998). "Notes on Philippine birds: interesting records from northern Luzon and Batan Island" (PDF). Forktail 14: 39–42.
- ↑ Perrins 2003, "Cuckoo-shrikes".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Perrins, Christopher M., ed. (2003). Firefly Encyclopedia of Birds. Buffalo, N.Y: Firefly Books. ISBN 978-1-55297-777-4.