Bandeira da Bretaña
Bandeira da Bretaña | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 2:3 |
Adopción | 1923 |
Cores | Negro Branco |
A bandeira da Bretaña chamada Gwenn-ha-du que quere dicir branco e negro en bretón é a bandeira que representa á Bretaña, hoxe rexión de Francia. É tamén utilizada (aínda que non de xeito oficial) no departamento francés do Loira Atlántico, que aínda que se atopa na rexión dos Países do Loira, é territorio tradicional bretón.
Gwen-ha-du
[editar | editar a fonte]As dimensións da bandeira non están fixadas, e van de 9:14 cm a 8:12 m. A bandeira non é unicamente utilizada por asociacións culturais e autonomistas senón por todos en xeral. Durante moitos anos, a administración consideraba á bandeira un símbolo separatista, mais esta actitude trocou e actualmente a bandeira xa non inclúe esas connotacións e aparece en tódolos sitios, até en moitos edificios públicos bretóns xunto coas outras bandeiras oficiais. Debido á falta de lexislación sobre as bandeiras rexionais en Francia, a bandeira tamén ondea nos barcos. O deseño dos armiños (os símbolos con forma cruz na parte superior esquerda da bandeira) pode variar, mais a súa aparencia máis habitual é a mostrada na imaxe superior.
Tradicionalmente, é unha das poucas bandeiras que nos desfiles se leva sobre a cabeza.
A bandeira foi creada en 1923 por Morvan Marchal, inspirada nas bandeiras dos Estados Unidos e de Grecia, xa que estes dous países eran vistos respectivamente coma símbolos de liberdade e democracia.
As nove barras horizontais representan ás nove dioceses tradicionais nas que historicamente estivo dividido o Ducado da Bretaña. As cinco barras negras representan as comunidades onde se fala francés e galó (Dol-de-Bretagne, Nantes, Rennes, Saint-Malo E Saint-Brieuc). As catro barras brancas representan á súa vez as dioceses onde se fala bretón (Bro-Dreger, Léon, Cornouaille e Vannes). Os armiños fan referencia ao Ducado da Bretaña.
Kroaz du
[editar | editar a fonte]A Kroaz du é a bandeira tradicional bretoa. Foi a bandeira e insignia do Exército bretón, entre os séculos XIV e XVI. Historicamente, os bretóns utilizaran unha cruz negra sobre fondo branco, inversamente ao pendón de San Piran, a bandeira de Cornualla.
Foi concedida en 1188 polo Papa aos cruzados bretóns como un signo de recoñecemento. Este modelo é defendido fronte á nova bandeira polos grupos tradicionalistas fronte aos nacionalistas, por ter unhas raíces históricas e non ser de inspiración estadounidense.