Bandera Legionaria Gallega
A Bandera Legionaria Gallega foi unha milicia falanxista galega creada ao comezo da Guerra Civil, en xullo de 1936, polo comandante Juan Barja de Quiroga. Marchou á fronte o 28 de agosto de 1936 desde a cidade da Coruña; participou no asedio de Donostia e estivo en Huesca. Volveu á Coruña o 14 de novembro de 1936.
Historia
[editar | editar a fonte]Iniciativa do comandante retirado Juan Barja de Quiroga, foi aprobada polo mando da VIII División o 9 de agosto de 1936. Recibido o seu mando, ao día seguinte, o comandante iniciou unha campaña de recrutamento dos seus integrantes, primeiro cun chamamento radiofónico aos coruñeses, e despois percorrendo a provincia visitando dezaoito vilas. Os voluntarios foron concentrados na praza de touros da Coruña, onde tres tenentes de infantaría se ocuparon da súa instrución militar. A mediados de agosto xa había máis de medio milleiro de mozos e de falanxistas para incorporarse. Para aloxalos habilitáronse os locais da Falange, da Escola Normal e de Comercio, o edificio dos Salesianos e os pavillóns da nova praza de San Agustín. O 13 de agosto comezou a concentración e o 17 iniciouse un período intensivo de instrución militar mentres se completaba o equipamento, composto polo uniforme de Falanxe, unha funda e un gorro caqui para os servizos de campaña.
A Bandeira partiu de Burgos en dirección a Andoain, na fronte guipuscoana, onde recibiu o seu bautismo bélico. Trala ocupación de Urnieta o 6 de setembro, a Bandera participou na conquista de Santiago Mendi e a toma do forte de Santa Bárbara en colaboración coa columna mandada polo coronel Iruretagoyena, o día 12. A segunda actuación bélica da Bandera foi na fronte de Huesca, o 18 de setembro, para colaborar coas forzas do coronel Beorlegui na defensa da cidade. Ocuparon Tiers. Pola dureza da campaña producíronse numerosas baixas e a principios do mes de outubro a Bandera só dispuña de 350 soldados.
Unha circular do xeneral Mola do 25 de setembro de 1936, dirixida a evitar o sobredimensionamento das milicias falanxistas e a afirmar a hexemonía castrense, significou o final da Bandera. Retornada a Galicia, foi despedida en Huesca o 9 de novembro, e saudou á Pilarica ao seu paso por Zaragoza. Foi recibida de forma apoteótica na Coruña o 14 de novembro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Artiaga, Aurora (2008). "«Todo por España y España para Dios». A Bandera Legionaria Gallega de Falange Española na Guerra Civil" (PDF). A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela: Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela. pp. 21–48. ISBN 978-84-9887-000-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de agosto de 2020. Consultado o 16 de maio de 2020.
- Fernández, Carlos (1988). La Guerra Civil en Galicia. A Coruña.
- Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Xerais.