Batallón Literario
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/83/Estandarte_do_Batall%C3%B3n_Literario.jpg/250px-Estandarte_do_Batall%C3%B3n_Literario.jpg)
O Batallón Literario foi unha compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela en diversos períodos históricos, sendo o máis famoso o formado durante a francesada, para loitar contra a invasión francesa dirixida por Napoleón.
O Batallón Literario na guerra da Independencia[editar | editar a fonte]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/9f/Almanaque_Gallego%2C_1898%2C_p._32%2C_L%C3%A1pida_en_honor_del_Batall%C3%B3n_Literario_de_1808.jpg/220px-Almanaque_Gallego%2C_1898%2C_p._32%2C_L%C3%A1pida_en_honor_del_Batall%C3%B3n_Literario_de_1808.jpg)
En 1808, nunha reunión celebrada nos claustros da Universidade de Santiago, presidida por Rafael de Murquiz, arcebispo de Compostela, acordouse a colaboración da Universidade co movemento popular a prol de liberar o país. Constituíuse un Batallón cos estudantes e procedeuse a buscar alguén con experiencia militar para dirixilo. O elixido foi Juan Ignacio de Armada, IV marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Obtívose financiamento mediante achegas populares, e outras como as do propio marqués. Para que este puidese mandar sobre os alumnos universitarios, foi necesario facelo doutor de tódalas facultades, título concedido con carácter hereditario. O batallón formouse en 42 días, dándoselle ordes para a súa incorporación a filas, tralo acto de bendición da bandeira, no que tivo lugar unha arenga do arcebispo. Esta bandeira aínda se conserva na biblioteca da universidade: coa cor branca[1] da bandeira histórica de Galiza, presenta ademais dous escudos: o do antigo Reino de Galiza, e o escudo de armas da Universidade, ambos cubertos por unha coroa real, ademais da seguinte inscrición:
AUSPICE DEO: PRO LIBERTATI REGIS PALLADIS LEGIO: ANNO MDCCCVIII.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/cc/Himno_da_Guerra_da_Independencia_composto_para_o_Batall%C3%B3n_de_Literarios.png/440px-Himno_da_Guerra_da_Independencia_composto_para_o_Batall%C3%B3n_de_Literarios.png)
O Batallón contaba cunha marcha propia de combate.[2] No ano 1888 foi publicada por José Inzenga na epígrafe galegos dos seu cancioneiro 'Cantos y bailes populares de España', onde aparece como "Himno da Guerra da Independencia composto para o Batallón de Literarios".[3] O himno foi pasando de gaiteiro en gaiteiro e empregado durante anos nos diferentes movementos políticos de Galicia.[4]
Os soldados portaban ademais unha cinta, cun breve poema, que aludía á unión entre a cultura e o mundo militar en prol da defensa nacional:
"Por rescatar a Fernando (el Rey Fernando VII) y acabar con Bonaparte unióse Minerva a Marte".
O 18 de xullo de 1808 o batallón saíu a incorporarse ás tropas do xeneral Blake, onde formaron a vangarda xunto ós voluntarios navarros. Un dos múltiples episodios recordados foi o de entrar de incógnito á Coruña a recoñecer as baterías, malia estar tomada a cidade polo Mariscal Ney. En 1810 o xeneral Castaños deu a orde de disolución do Batallón Literario, outorgando ós poucos sobreviventes o rango de oficiais nos corpos militares.
O Batallón de estudantes universitarios volveu a formarse en Compostela, de xeito efémero, durante a fracasada Revolución galega de 1846.
Notas[editar | editar a fonte]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/95/Heroes1020737.jpg/220px-Heroes1020737.jpg)
- ↑ Os Símbolos de Galicia (1 reimp ed.). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. reimp. 2008. ISBN 978-84-96530-46-1. OCLC 1025546431.
- ↑ USC (09/2022). Acto institucional de apertura de curso 2022-2023 no SUG (Himno do batallón de literarios) (Youtube).
- ↑ Inzenga, Jose (1910). "Cantos y bailes de Galicia". bibliotecavirtualmadrid.comunidad.madrid (en castelán). Consultado o 2023-01-19.
- ↑ Gago Mariño, Manuel. "Un tópico: pensar que a identidade de Galicia -os seus símbolos nacionais- foi 'inventada' no romantismo do XIX.". Twitter (fio). Consultado o 2023-01-19.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Barreiro Fernández, Xosé Ramón (´2003). Historia de la Universidad de Santiago de Compostela. Siglo XIX 2. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-269-8.
- Tettamancy Gastón, Francisco (1910). Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (en castelán). A Coruña: Imprenta y Fotograbado de Ferrer.
- Tettamancy Gastón, Francisco (1911). Britanos y galos: páginas de la Guerra de la Independencia, 1808-1809 (en castelán). A Coruña: Impr. y fotograbado de Ferrer.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Honor y gloria a los héroes del Batallón Literario Arquivado 27 de setembro de 2011 en Wayback Machine. Diario El Correo Gallego, 16/09/2007.