Batalla de Clavijo
A batalla de Clavijo, é un mítico enfrontamento que se considerou durante moito tempo unha das máis célebres batallas da Reconquista, dirixida polo rei Ramiro I contra os musulmáns.
A batalla teríase producido no denominado Campo da Matanza, nas proximidades de Clavijo, A Rioxa, o 23 de maio do ano 844.[1] As súas características míticas (a intervención milagrosa do apóstolo Santiago), a súa condición de xustificación do Voto de Santiago, e a revisión que desde o século XVIII supuxo a crítica historiográfica de Juan Francisco Masdeu, fixeron que hoxe en día sexa considerada máis ben unha batalla lendaria, cuxa inclusión nas crónicas se debería ao arcebispo Rodrigo Jiménez de Rada, e que incluiría, mesturando e mitificando, datos doutras batallas de diferentes momentos e lugares,[2] aínda que é en grandes trazos, a mitificación da segunda batalla de Albelda.[3] Segundo o Diccionario de Historia de España, "a existencia desta batalla nin sequera expresase a un historiador serio".[4] Porén, a batalla seguiu sendo celebrada como un elemento de conformación da historia nacional española.[5] O que si sabemos, polas Crónicas Najerenses, é de campañas de Ramiro contra os árabes, mentres que as crónicas de Abderramán II falan de campañas mouras en Áraba, pero unhas e outras coinciden nas fortes loitas na área rioxana. Máis concretamente, as fontes asturleonesas contan que Ordoño I, o fillo de Ramiro I, cercou a cidade de Albelda e estableceu a súa su base no Monte Laturce, é dicir, o mesmo lugar onde a lenda sitúa a batalla de Clavijo. E os achados arqueolóxicos non deixan lugar a dúbidas: en Albelda combateuse, e moito. Tamén é a referencia histórica que Henrique IV de Castela e posteriormente o resto de monarcas empregaron para a creación e confirmación de privilexios ao Antigo e Ilustre Solar de Tejada, único señorío que mantívose desde entón ata a actualidade.
Descrición
[editar | editar a fonte]A falsa batalla tería a súa orixe na negativa de Ramiro I a seguir pagando tributos aos emires musulmáns, con especial incidencia no tributo das cen doncelas. Por iso as tropas cristiás, capitaneadas por Ramiro I, irían en busca dos musulmáns, con Abderramán II ao mando, pero ao chegar a Nájera e Albelda veríanse rodeados por un numeroso exército árabe formado por tropas da península e por levas provenientes de Marrocos, tendo os cristiáns que refuxiarse no castelo de Clavijo en Monte Laturce. Alí cóntase que Ramiro I tivo un soño no que aparecía o Apóstolo Santiago, asegurando a súa presenza na batalla e a vitoria. Segundo a lenda, ao día seguinte os exércitos de Ramiro I, xunto coa presenza do Apóstolo montado nun corcel branco, venceron aos seus opoñentes.
De acordo coa invención, o día 25 de maio na cidade de Calahorra o rei supostamente ditaría o voto de Santiago, comprometendo a todos os cristiáns da península a peregrinar a Santiago de Compostela portando ofrendas. Como demostrou Sánchez Albornoz, detalles e eventos da documentada batalla de Albelda foron incorporados ao mito polo arcebispo Radal.
Iconografía
[editar | editar a fonte]Para o historiador Jean Mitchel-Lanham, "aínda que apenas unha lenda, este evento ten producido unha das máis robustas iconas ideolóxicas da identidade nacional española"[6], o Santiago ecuestre ou "Matamouros".
A batalla xerou numerosa iconografía relacionada, non só no reino de Galiza e no Camiño de Santiago, tamén en diversos lugares dos reinos de Castela e Portugal.[7] Segundo Manuel Gago Mariño, as esculturas na base da Escaleira Maximiliana da Catedral de Santiago, construídas por Maximiliano de Austria (neto bastardo de Maximiliano I de Habsburgo), tamén están relacionadas con Clavijo.[8]
Durante a Idade Media, Hungría xunto coa Península Itálica e o Sacro Imperio Romano Xermánico foi unha das terras das que máis xente partiu para Compostela, sendo coñecido o culto ao apóstolo desde principios do século XII, e atopáronse paralelismos entre a figura do Matamouros e o culto ao rei Santo Ladislau I de Hungría. Floris Holik sinalou a sorprendente analoxía entre os poemas de Santiago e San Ladislau, engadindo que os destes últimos puideron ser froito da imitación consciente dos cantos na honra do apóstolo, o que facilitaría a memorización dos peregrinos. Sándor Bálint tamén destacou que ambos os santos son personaxes que loitan contra os "infieis", o que podería levar á súa eventual asociación posterior.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Martínez Díez, Gonzalo (2005). El Condado de Castilla (711-1038): la historia frente a la leyenda I. 2 volames. Valladolid. p. 143. ISBN 84-9718-276-6.
Referíndose á batalla de Albelda, o historiador Martínez Diez dí: 'Esta sería la única, auténtica e histórica batalla de Albelda, la que dio lugar más tarde a la legendaria batalla de Clavijo con aparición del apóstol Santiago y otros episodios maravillosos'.
- ↑ Batalla de Clavijo Arquivado 16 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. en Enciclopedia Libre Universal en Español. Cita como fontes Juan Francisco Masdeu.-Historia Crítica de España; Valladares Seminario Erudito; Don Francisco Rodríguez de Ledesma Diploma de Ramiro I, Madrid, 1805; e Memoria de la Academia de la Historia, Tomo 4º.
- ↑ J.J. Sayas Abengochea y L.A. García Moreno, 1981, Historia de España dirigida por Manuel Tuñón de Lara II. Romanismo y Germanismo: el despertar de ls pueblos hispánicos. Labor, Madrid.
- ↑ Ed. Germán Bleiberg, 2ª ed., Madrid, Alianza, 1981, ISBN 84-206-5298-9.
- ↑ "1121 Aniversario de la batalla de Clavijo año 1965". Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2014. Consultado o 04 de maio de 2016.
- ↑ Mitchel-Lanham, Mitchel (2015). The Lore of the Camino de Santiago: A Literary Pilgrimage. p. 12.
- ↑ "Santiago Mata Mouros". Aldeias Históricas de Portugal (en portugués). Consultado o 2023-01-30.
- ↑ Mariño, Manuel Gago (2023-01-23). "É posible que teñas pasado centos de veces por esta praza.". Twitter. Consultado o 2023-01-30.
- ↑ Anderle, Ádám. (2007). Hungría e España. Relacións milenarias. Szegedi Egyetemi kiadó. Szeged, Hungría. (páx. 16)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- JIMÉNEZ DE RADA, Rodrigo. Historia de los hechos de España. Introdución, tradución, notas e índices de Juan Fernández Valverde, Madrid, Alianza Editorial, 1989.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Clavijo |