Bedřich Hrozný
Bedřich Hrozný, nado en Lysá nad Labem o 6 de maio de 1879 e finado en Praga o 12 de decembro de 1952, foi un lingüista, orientalista e arqueólogo checo, que destacou por ser o primeiro en descifrar o hitita e a recoñecela como lingua indoeuropea.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación e primeiros estudos
[editar | editar a fonte]Nado en Lysá nad Labem, en Bohemia central, estudou hebreo e árabe en Kolin e en 1904 participou nalgunhas escavacións na Palestina setentrional. A continuación, especializouse en asirioloxía, linguas orientais e escritura cuneiforme na Universidade de Viena, onde foi profesor do 1905 ao 1919[1].
O desciframento do hitita
[editar | editar a fonte]Chamado a filas na Primeira guerra mundial, tivo ocasión de estudar as taboíñas cuneiformes ata o daquela sen descifrar atopadas en Boğazköy, no asentamento que despois habería ser identificado como Ḫattuša, a capital do Imperio hitita. Aplicando o método combinatorio deu deducido, partindo dos ideogramas xa coñecidos, o senso das outras palabras que constituían unha determinada frase. Illou e descifrou así diferentes elementos, entre os que estaban unha desinencia -an con función de acusativo singular, unha raíz verbal ad- / eza- co significado de "comer", nas formas ezateni ("vós comeredes") e adanzi ("eles comerán"); vadar co significado de "auga"[2].
A aplicación do método comparativo propio da indoeuropeística permitiulle inmediatamente a Hrozný establecer estreitas conexións entre a lingua que viña de descifrar, o hitita, e outras linguas indoeuropeas: ad- / eza- era inmediatamente comparábel co latín edo, ao alemán essen, ao checo jìsti; vadar ao inglés water, ao alemán Wasser, ao checo voda. A primeira frase descifrada por Hrozný en hitita foi unha fórmula litúrxica: «Agora vós comeredes pan, despois beberedes auga»[2].
Os resultados dos seus estudos, publicados en 1917, revolucionaron a indoeuropeística e conduciron progresivamente ao abandono de diversos paradigmas elaborados pola disciplina no curso do século XIX, da reconstrución "greco-sanscritista" proposta pola escola neogramática alemá á existencia dunha isoglosa dialectal que tería dividido as linguas indoeuropeas en occidentais e orientais (isoglosa centum-satem)[2].
A docencia en Praga
[editar | editar a fonte]Do 1919 ao 1952, ano da súa morte, Hrozný detentou a Cátedra de Historia do Oriente Antigo na Universidade Carolina de Praga, onde foi Reitor entre o 1939 e o 1940. En 1925 dirixiu unha expedición checoslovaca a Kültepe (a hitita Neš ou Kaneš), sempre en Anatolia, onde atopou un milleiro de taboíñas en asirio[1].
Obras
[editar | editar a fonte]- Sumerisch-babylonische Mythen von dem Gotte Ninrag (Ninib), Berlín, Wolf Peiser, 1903
- Obilí ve staré Babylónií, Vienna, Hölder in Komm., 1913
- Die Lösung des hethitischen Problems in "Mitteilungen der Deutschen Orient-Gesellschaft" n° 56, pp. 17–50, 1915
- Die Sprache der Hethiter, ihr Bau und ihre Zugehörigkeit zum indogermanischen Sprachstamm, Leipzig, J.C. Hinrichs, 1917. Agora en Dresde, TU Dresden, 2002 ISBN 3-86005-319-1
- Hethitische Keilschrifttexte aus Boghazköi, in Umschrift, mit Übersetzung und Kommentar, Leipzig, J.C. Hinrichs, 1919
- Über die Völker und Sprachen des alten Chatti-Landes. Hethitische Könige, Leipzig, J.C. Hinrichs, 1920
- Keilschrifttexte aus Boghazköi, in "Autographien", Leipzig, J.C. Hinrichs, 1921, vol. V-VI. Agora en Osnabrück, Zeller, 1970
- Les inscriptions hittites hiéroglyphiques: essai de déchiffrement; suivi d'une grammaire hittite hiéroglyphique en paradigmes et d'une liste d'hiéroglyphes, Praga, Orientální Ústav, 1933
- Über die älteste Völkerwanderung und über das Problem der proto-indischen Zivilisation. Ein Versuch, die proto-indischen Inschriften von Mohendscho-Daro zu entziffern, Praga, 1939
- Die älteste Geschichte Vorderasiens und Indiens, Praga, Melantrich, 1940-1943
- Inscriptions cunéiformes du Kultépé, Praga, 1952, vol. I
- Ancient history of Western Asia, India and Crete, Nova York, 1953
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Artigo Bedřich Hrozný na Enciclopedia Treccani". Consultado o 21 de novembro de 2009. (en italiano); "Artigo Bedřich Hrozný na Encyclopædia Britannica". Consultado o 21 de novembro de 2009. (en inglés)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Francisco Villar, Los indoeuropeos y los orígenes de Europa, pp. 346-347.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Villar, Francisco (1991). Los Indoeuropeos y los orígenes de Europa: lenguaje e historia. Madrid: Gredos (en español). ISBN 84-249-1471-6.
- Watkins, Calvert (1995). "El proto-indoeuropeo". En Anna Giacalone Ramat, Paolo Ramat. Las lenguas indoeuropeas. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1348-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Indoeuropeística
- Indoeuropeo
- Lingua hitita
- Linguas anatólicas
- Linguas indoeuropeas
- Lingüística comparativa
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Artigo Bedřich Hrozný na Enciclopedia Treccani". Consultado o 21 de novembro de 2009. (en italiano)
- "Artigo Bedřich Hrozný na Encyclopædia Britannica". Consultado o 21 de novembro de 2009. (en inglés)
- "Obras de e sobre Bedřich Hrozný no catálogo da Deutsche Nationalbibliothek". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 21 de novembro de 2009. (en alemán)
- "Ficha Bedřich Hrozný na páxina do Proxecto Titus". Consultado o 21 de novembro de 2009. (en alemán)
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bedřich Hrozný |