Saltar ao contido

Hititas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imperio hitita»)
Modelo:Xeografía políticaHititas
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua usadaLingua hitita
Lingua luvita
Lingua palaíta Editar o valor en Wikidata
RelixiónRelixión hitita e Relixión hitita Editar o valor en Wikidata
CreaciónII milenio Editar o valor en Wikidata

A Porta dos leóns en Hattusa.
Imperio hitita.
Localización dos principais xacementos da Anatolia hitita.

Os hititas foron un pobo indoeuropeo que habitou a Asia Menor durante a Antigüidade. Invadiron a Asia Menor central sobre o 2500 a.C.. Someteron o pobo autóctono, os hattis, dos que tomaron prestados varios deuses, mitos e ritos e parte da súa lingua.

A historia deste pobo pódese dividir en varias fases:

Xénese do pobo hitita e migración a Anatolia

[editar | editar a fonte]

Os hititas, e os pobos indoeuropeos relacionados, non son orixinarios de Asia Menor. Semella que o pobo autóctono sexa o hatti: civilización urbana moi evolucionada da que subsisten numerosos vestixios (Hacilar, Çatal Hüyük ou Alisar).

Os hititas provirían de Europa. A súa xénese é aínda moi confusa, pero a hipótese comunmente admitida é a seguinte: no Neolítico (VII milenio a.C.), desenvólvese unha civilización florecente nos Balcáns e a conca do Danubio. Esta civilización, cuxa continuidade non se pon en dúbida, desenvólvese ata o IV milenio a.C. Moi refinada, parece ter mesmo creado unha especie de escrita, probabelmente un silabario. Paralelamente, no V milenio a.C., un pobo máis rudo, que falaba moi probabelmente unha lingua próxima do indoeuropeo orixinal, esténdese nas chairas entre o Dniéper e o Volga. Esta civilización caracterízase principalmente polas tumbas das súas elites: foxas recubertas de pequenos túmulos, chamadas en ruso kurgán. Elas deron nome a esta civilización: a cultura dos Kurgáns. Ás veces, un pouco impropiamente, xa que unha cultura non é un pobo, chámaselles pobo dos kurgáns.

Certos membros da cultura dos kurgáns van emigrar, en tres ondas, entre o Vº e o III milenio a.C., cara a civilización danubiana e hana destruír. Numerosos pobos, por asimilación recíproca, van resultar deles.

Non se sabe se os hititas xurdiron da primeira vaga dos kurgáns (4400 a.C.- 4200 a.C.) que, tras teren chegado aos Balcáns, se viron obrigados a emigraren cara Anatolia baixo a presión da segunda onda de migracións ou se xurdiron desta segunda migración (3400 a.C. - 3200 a.C. pero a arqueoloxía non testemuña movementos de poboación desde os Balcáns ata Anatolia ata o final do IIIº milenio antes da nosa era. Algunhas poboacións de lingua luvita parecen instalarse sobre os anos 2300 a.C.- 2200 a.C.: numerosas cidades de Asia Menor, entre as cales está Troia, son devastadas. Unha segunda onda, cara ao 2000 a.C.-1900 a.C. semella terse instalado máis lentamente, son as poboacións que falaban o hitita-nesita, esencialmente na curva do río Halys.

Os hititas atópanse agora no territorio dos hatti e ten lugar unha simbiose cultural das dúas culturas. O dialecto hitita da vila de Nesa (ou Kanesh) imponse na vida cotiá, mentres que a lingua hatti se converte nunha lingua litúrxica.

Esta simbiose efectuouse pouco e pouco: en efecto, entre a chegada dos indoeuropeos e a constatación da fusión das dúas civilizacións no momento da instalación dos asirios, pasan de dous a tres séculos.

Convén notar que esta tese sobre a orixe dos hititas, sendo a máis común, non ten o aplauso unánime. Así, algúns hititólogos estiman que os hititas entraron en Anatolia polo leste, outros, como Colin Renfrew, estiman mesmo que este pobo é autóctono da Asia Menor e é un descendente das culturas de Çatal Hüyük e dos primeiros cultivadores da rexión.

A época dos emporios asirios (séculos XX a.C. – XVIII a.C.)

[editar | editar a fonte]

Ao inicio do II milenio a.C., os asirios instalan unha vintena de emporios en Anatolia. Ao contrario que os hititas, os asirios chegan en reducido número e cada emporio consiste nunha colonia asiria separada da poboación local.

Cada unha destas colonias, chamadas karum, conserva a organización asiria tradicional e fica baixo a autoridade do karum de Kanesh, controlado pola metrópole. Os asirios, como testemuñan as numerosas taboíñas cuneiformes atopadas, controlaban toda a economía da Asia Menor, en particular o comercio do cobre.

O poder político polo contrario estaba nas mans dos príncipes hititas que reinaban sobre a multitude de principados dos que estaba composta Anatolia:

Pero ao principio do século XVIII a.C., os trastornos do Próximo-Oriente provocaron a ruína, por veces violenta, destas colonias. Isto permite un primeiro movemento de unificación da rexión no século XVIII a.C.: o príncipe de Kussar, Pithanas, apodérase de Nesa, o antigo centro económico, e establécese alí. O seu fillo Anittas continúa a súa obra e unifica unha parte de Anatolia. Na súa Proclamación de Anitta, toma o título de Gran Rei que ha ser empregado por numerosos soberanos do Medio Oriente durante os dous milenios seguintes.

Anittas foi o único rei da súa dinastía. Tras el, a Anatolia atravesa un período escuro de guerras e de fames que dura unha centena de anos. O uso da escrita desaparece case totalmente.

Reis de Kushara, reis de Kanish, reis de Hattusa

[editar | editar a fonte]

O antigo reino (sobre 1680 a.C./1495 a.C.)

[editar | editar a fonte]

Labarnas I foi o primeiro verdadeiro rei dos hititas. Case non hai documentos ou vestixios do seu reinado e, a parte do Edito de Telibinus, apenas aparece mencionado nos documentos. Algúns historiadores din que se podería tratar dun rei lendario. Todos os reis que o sucederon no trono hitita utilizaron o título de Labarnas, segundo un método semellante ao dos emperadores romanos que empregaron os títulos de César e Augusto por Xulio César. Do mesmo xeito, probabelmente para marcaren a continuidade coa efémera dinastía de Anittas, Labarnas I, e todos os seus sucesores ata a caída do Imperio, toman os títulos de Gran Rei e o de home de Kussar, vila de orixe de Pithanas, pai do primeiro rei, Anittas.

O seu sucesor foi Hattusilis I, igualmente chamado Labarnas II. Os seus vínculos de parentesco co seu predecesor son pouco claros: algúns pensan que este foi o seu neto, o seu sobriño ou mesmo o seu fillo adoptivo. Rei conquistador, o seu nome indica que establecera a súa capital en Hattusa. Con el, o reino hitita esténdese polo norte ata o mar Negro (Zalpa), polo sur ata Arzawa e polo leste ata o Éufrates. É o primeiro rei hitita que atravesou os Montes Taurus que separan a Anatolia da Siria actual. Alí destruíu Alalah, vasalo do reino de Iamkhad, cuxa capital era Alepo.

Mursilis I sucede ao seu avó á fronte do reino hitita. Como o seu avó foi un gran guerreiro. Destrúe o poder de Iamkhad, onde destrúe a súa capital Alepo, logo, en 1594 a.C. leva un ataque sobre Babilonia, que captura, provocando a caída da dinastía fundada por Hammurabi.

Pero guerreando lonxe da súa capital, o reino hitita vólvese fráxil e cando Hantilis I, cuñado de Mursilis, o sucede tras asasinalo, é o inicio dun longo período de problemas. Tras a revolta de Karkemish, os hurritas do Éufrates subleváronse e venceron ao soberano. Os Gasgas fixeron as súas primeiras incursións nas provincias do Norte. O seu sucesor, Zidantas I, é coñecido ante todo pola súa falla de escrúpulos: para acceder ao trono, non dubidou en asasinar ao fillo e ao neto de Hantili. El tamén ha ser asasinado por Ammunas, o seu propio fillo, que o vai suceder.

Baixo o seu reinado a situación empeora e o reino hitita perde varias provincias, entre elas Arzawa e Adana. Á súa morte, tras o asasinato dos seus herdeiros lexítimos, foi Huzziyas, moi probabelmente un dos seus descendentes ilexítimos, quen o sucede, pero é eliminado rapidamente por Telibinus, xenro de Ammunas, que envía ao exilio a el e mailos seus irmáns. Telibinus, principalmente coñecido polo Edito de Telibinus, que establece unha lei sucesoria que fica en vigor ata o fin do Imperio, consegue igualmente consolidar o reino hitita por diferentes accións militares e por un tratado co rei de Kizzuwatna.

Soberanos hititas do antigo reino

[editar | editar a fonte]

Os sucesores de Telibinus son aínda mal coñecidos. Só se coñecen os seus nomes e a orde de sucesión: Alluwamnas, Hantilis II, fillo do anterior, Tahurwailis, Zidantas II, Huzziyas II e Muwatallis I. Con todo, este período correspóndese cun período de debilitamento do estado hitita, e isto facilita a aparición de dúas novas ameazas exteriores:

  • os kaskas, que fixeran as súas primeiras aparición baixo o reinado de Hantilis I, vólvense máis ameazadores. Obrigan a Hantilis II a reforzar as defensas da capital e das cidades próximas ás fronteiras do reino.
  • os hurritas, que se unifican e forman o reino de Mitanni, cuxo poderío aumenta rapidamente. Este estado anexa ou converte en vasalos os reinos de Alepo, de Alalah e de Kizzuwatna.

Soberanos hititas do reino de Hatta

[editar | editar a fonte]

O Imperio Medio (1465 a.C./1380 a.C.)

[editar | editar a fonte]

Sobre 1465 a.C., a dinastía fundada por Labarna é expulsada. É a consecuencia dos problemas dos reinados anteriores e o novo rei, Tudhaliyas I, ten devanceiros hurritas e de Kizzuwatna. Aproveitando as accións do faraón Thutmose III contra Mitanni, que vence a unha coalición mitanno-cananea na batalla de Megiddo, obtén distintas vitorias contra os hurritas, cousa que lle permite volver a poñer Kizzuwatna baixo o dominio de Hattusa e destruír Alepo. Ademais da era de boas relacións con Exipto que inaugura a nova dinastía, Tudhaliyas renova profundamente as elites do país: desde o seu reinado, ao lado da aristocracia tradicional, numerosos personaxes con nomes de orixe hurrita ocuparon postos importantes.

Soberanos hititas do Imperio Medio

[editar | editar a fonte]

O Imperio Novo (1380 a.C./1190 a.C.)

[editar | editar a fonte]
Os imperios hitita e exipcio.

Tras o asasinato do herdeiro do trono, o novo e enérxico príncipe Suppiluliumas I reforma completamente o reino hitita. É a verdadeira creación do Imperio Hitita.

Suppiluliumas restablece igualmente o reino no seu papel de peza importante no taboleiro de xadrez do Oriente Próximo. Loita contra Mitanni e reduce o seu poder, e logo lanza unha campaña contra Kizzuwatna, que se anexiona.

O renacer do poder hitita rompe o equilibrio do Oriente Próximo: os hititas e os exipcios exercían nel unha loita de influencias co fin de controlar o corredor comercial que pasa entre a Siria e a Palestina. Pero os faraóns exipcios reaccionan debilmente ás conquistas hititas que anexionan ou converten en vasalos aos Estados aliados de Mitanni, tamén aliado de Exipto: Alalah, Nuhase e mesmo Qadesh, chave do val do Orontes, son controladas por Suppiluliumas durante o reinado de Akhenaton; os reinos de Amurru, de Aziru e de Ugarit convértense en vasalos durante o reinado de Tutankhamon. Finalmente, os últimos aliados de Mitanni ceden e Karkemish, que controla o paso do Éufrates, intégrase no Imperio.

Rompendo coa tradición, Suppiluliumas consolida as súas conquistas ao facer tratados cos seus vasalos, que elixe con coidado. Nomea así aos seus dous fillos reis de Alepo e de Karkemish. Esta cidade, unha das máis antigas do Oriente Próximo, convértese na segunda cidade do imperio. Alí reside o vicerrei, controlando desde esta cidade os diferentes reinos sirios que foron converténdose progresivamente en vasalos do imperio hitita. Suppiluliumas reforza a súa posición ao casar as súas fillas con diferentes reis sirios.

Mentres que as tropas exipcias son rexeitadas en Qadesh, o faraón Tutankhamon morre subitamente sen herdeiro. A súa esposa Ankhesenamon, convence a Suppiluliumas para lle enviar un dos seus fillos, para volver casar. Suppiluliumas envía finalmente ao príncipe Zannanzach que é asasinado antes de chegar a Exipto. Este feito é un dos factores desencadeador das guerras que enfrontaron as dúas potencias durante varias xeracións.

Suppiluliuma morre precozmente dunha peste, posiblemente traída de Exipto, cuxa propagación se vira favorecida polas numerosas deportacións do seu reinado. O seu sucesor, Arnuwandas II desaparece igualmente pouco despois, da mesma enfermidade.[1] Pero a obra de Suppiluliumas dá sobrevivido. Os reis de Alepo e de Karkemish os seus fillos(o de Kaskemish, é Piyasilis que foi confirmado como rei por Arnuwandas, seu irmán),[1] así como o rei do Mitanni, o seu xenro, están vencellados por lazos moi fortes á dinastía: ficarán fieis aos reis hititas ata a caída do Imperio.

Así, un fillo máis novo de Suppiluliumas sobe ao trono: Mursilis II.[1] A situación é difícil: non só a peste asola o país, senón que Mursilis debe antes que nada vencer a rebelión dalgúns vasalos. O rei abandona por un tempo a capital Hattusa. Conquista Arzawa e destrúe o reino de Azzi. Ugarit e o Amurru vense obrigados a renovaren os seus tratados de vasalaxe. Finalmente, a loita contra os gasgas é igualmente necesaria: libera as provincias do norte e reforza a fronteira sobre as montañas que se elevan sobre o Mar Negro.

Sucédeo no trono o seu fillo Muwatallis II. Como no caso dos seus predecesores, o seu reinado foi a ritmo de guerras. Muwatallis vence ao reino de Wilusa, ao noroeste do Imperio, que se converte en vasalo del. Logo ha de enfrontarse aos gasgas que atravesan a fronteira, pillando e destruíndo as cidades hititas. A capital Hattusa é destruída e o rei e a súa corte refúxianse en Tarhuntassa, unha cidade do sur. Para restablecer a súa autoridade sobre o norte do país, nomea ao seu irmán Hattusilis administrador das provincias do norte. Ao mesmo tempo, a ameaza asiria faise patente: Mitanni é vencido e vólvese vasalo do imperio mesopotámico.

Mentres que Hattusilis pacifica o norte e o rei asirio Adad-Nirari se converte en soberano de Mitanni, o rei Muwatallis concéntrase sobre a veciña Siria. O conflito con Exipto non tarda en recomezar, os seus faraóns Seti I, e logo Ramsés II, que desexan recuperar as posesións sirias perdidas baixo Akhenatón e Tutankhamon, en particular o reino de Amurru e a clave da ruta comercial que unía o Mediterráneo e Mesopotamia, a cidadela de Qadesh, na fronteira entre as zonas de influencia dos dous imperios. Ramsés obtén nun principio unha vitoria diplomática ao unir o soberano de Amurru á súa causa. A guerra acadará o seu paroxismo tras a segunda batalla de Qadesh, verdadeira partida en branco que vai restablecer o statu quo ao volver a poñer o reino de Amurru baixo a soberanía hitita. Este foi o fin do conflito entre os imperios hitita e exipcio: os dous estarán en diante preocupados pola ameaza asiria.

Muwatallis II morre en 1270 a.C. e o seu fillo ilexítimo, Mursilis III, sucédeo baixo a rexencia do seu tío Hattusilis. Este logo se rebela e envía ao exilio a Mursilis, que se refuxia na illa de Chipre. Hattusilis III sobe ao trono e asina un tratado de paz con Exipto. Tras reconquistar os territorios ocupados polos gasgas e vencer unha rebelión dos luvitas, que non recoñecían a súa usurpación, Hattusilis III ten un reinado un pouco máis pacífico. Estabiliza a situación en Siria pola paz con Exipto e unha alianza con Babilonia permítelle vixiar a ameaza asiria. Pero esta ameaza medra: Mitanni cae diante dos asirios en 1260 a.C..

O sucesor de Hattusilis III é, conforme coa lei sucesoria, o seu fillo, Tudhaliyas IV. Este loita nun principio para manter a unidade do imperio, contra os reinos de Ahhiyawa e de Arzawa. Durante este conflito, asegura a súa retagarda ao asinar un pacto con Asiria a cambio do recoñecemento das súas conquistas. Pero logo volve Asiria a pasar á ofensiva e ataca a beira oeste do Éufrates, en mans hititas. Tudhaliyas reacciona, pero o seu contraataque remata en fracaso na batalla de Nihiriya en 1230 a.C..

Tudhaliyas dedícase entón a impoñer un bloqueo marítimo a Asiria. Coa axuda do rei de Karkemish, convence aos reinos sirios, en particular a Amurru, para respectar o bloqueo. Estes rexeitan os barcos de Ahhiyawa. Tudhaliyas desembarca igualmente no reino de Alasiya, o actual Chipre, que lle envía un tributo en cobre. O bloqueo funciona: Asiria asina un tratado de paz e restitúe os territorios obtidos en detrimento do reino de Karkemish.

Pero Tudhaliyas non só marcou a historia hitita polos seus feitos guerreiros: verdadeiro reformador relixioso, reorganizou o culto, modificou as festas e agrandou o santuario de Yazilikaya.

Se a paz se mantén aínda baixo os sucesores de Tudhaliyas, Arnuwandas III e logo o seu irmán Suppiluliumas II, o imperio hitita, minado por de longas fames que provocaron numerosos movementos de poboación que desestabilizaron completamente o Estado, vai debilitarse aínda máis baixo os golpes dos Pobos do Mar que arrasan toda a rexión. O Imperio Hitita dá sobrevivido a estes, ao contrario que os reinos aqueos e Micenas, pero en -1190 o Imperio derrúbase baixo os golpes dos gasgas. Hattusa e as principais cidades hititas son destruídas e nunca máis se habían levantar.

Soberanos hititas do Imperio Novo

[editar | editar a fonte]

Os reinos neohititas (1190 a.C./700 a.C.)

[editar | editar a fonte]

É nesta mesma época cando os frixios, outro pobo indoeuropeo, invaden a meseta central de Anatolia e establecen alí o seu reino e as súas cidades.

A civilización hitita sobrevive á caída do seu centro. No sur de Anatolia así como en Siria varios reinos de lingua luvita son fundados e Karkemish, onde reinan os descendentes da dinastía de Suppiluliumas I, retoma o papel de capital cultural do mundo hitita abandonado por Hattusa.

Un número importante de pequenos reinos ve a luz: en Capadocia, unha decena de príncipes alíanse na confederación do Tabal, mentres que ao leste, ao longo do Éufrates, aparecen outros principados: Milid, Kummuhu, Gurgum. Ao sur, atópanse os estados seguintes: Cilicia, os reinos de Ya'diya e de Karkemish, Pattina, Arpad, o reino de Alepo, o principado de Til Barsid e finalmente o reino de Hama.

Estes reinos non desempeñan certamente papel político maior ningún, pero prosperan do século XII a.C. ao IX a.C. Os derradeiros non han desaparecer ata entre 745 a.C. e 708 a.C., un tras do outro baixo os golpes dos asirios. O máis poderoso de entre eles, o reino de Karkemish, desaparece en 717 a.C.. É a fin da civilización hitita.

Relixión

[editar | editar a fonte]

Ao revés das outras grandes civilizacións orientais, os sacerdotes non tiñan grande importancia na vida relixiosa hitita, pois o seu papel era máis ben modesto.

O Gran Templo (templo 1) Hattusa, Turquía, século XIII a.C.}

Era unha relixión profundamente politeísta, ata tal punto que os mesmos hititas falaban dos seus «mil deuses». A súa relixión caracterizábase por tres fenómenos fundamentais:

  • A relixión hitita é o resultado dun sincretismo entre a relixión orixinal deste pobo e a practicada polos hatti autóctonos.
  • Nunca houbo panteón oficial; cada rexión, cada localidade, tiña o seu propio panteón, que variaba a medida das conquistas e das defeccións.
  • Os deuses adorados polos hititas variaron considerabelmente no curso dos séculos pola asimilación das divindades dos pobos veciños, por veces identificándoas con outras semellantes do panteón anterior.

Malia a ausencia de panteón oficial, baixo o Imperio fíxose un esforzo de identificación dos deuses: cada cidade conservaba os nomes dos seus deuses propios, pero os deuses similares de cada cidade eran consideradas como únicos, aínda que levasen nomes diferentes.

Teshub, o Deus da Tempestade

[editar | editar a fonte]

No cumio deste panteón tronaba o deus da Tempestade. Chamado Teshub en hurrita ou por veces Tarhunt: está simbolizado polo touro. Era tamén, e sobre todo, o deus da guerra, máis concretamente contra os estranxeiros.

Telebinu, o deus agrícola

[editar | editar a fonte]

No panteón hitita, Telibinus é o deus da fertilidade. É o fillo de Teshub, o deus da Tempestade. A súa cólera tradúcese en malas colleitas.

O templo contén, como noutros sitios en Oriente, a estatua que ten dereito a coidados definidos polos rituais. As festas principais teñen lugar na primavera e no outono; nesta ocasión o deus sae do templo. Con frecuencia é levado a un santuario fóra da cidade; os ritos propios a cada divindade acompáñanse entón de sacrificios que dan a ocasión para unha comida en común. Rematan estas festas xogos en forma de competición deportiva e de simulacros de combates, prácticas certamente de orixe indoeuropea, cousa que os relaciona co mundo grego. O culto popular énos practicamente descoñecido. A adiviñación e a maxia desempeñan un papel importante. Os hititas adoptan a práctica da lectura das entrañas, practicada desde tempo atrás en Mesopotamia. Atopouse un templo, cuxo titular era un adiviño, en Emar, cos seus arquivos e a súa biblioteca. O Éufrates foi a vía de expansión natural das prácticas culturais da Mesopotamia cara a Siria do Norte e o mundo hitita, e de aí cara ao Mediterráneo.

Na historia do reino hitita faláronse numerosas linguas. Pobo indoeuropeo, os hititas falaban o nesita (ou hitita-nesita), principal representante da rama das linguas anatolias. Este foi a lingua oficial do Imperio.

Ao seu lado atópanse principalmente outras dúas linguas emparentadas: o luvita proveniente do sur de Anatolia (Reino de Kizzuwatna) que será a lingua principal dos reinos neohititas do Norte de Siria e o palaíta, falada no noroeste do Hatti. Téñense atopado vestixios doutras linguas anatolias en toda a actual Turquía: o lidio na costa do mar Exeo, o cario na costa suroeste, o pisidio e o sidético na costa sur.

A case totalidade destas linguas indoeuropeas han desaparecer ao mesmo tempo có Imperio. O luvita sobrevivirá algúns séculos e será o antecesor do licio.

Pero, ao lado das linguas indoeuropeas faladas polos invasores hititas, atopamos na Anatolia dos hititas outros tipos de linguas. Primeiro de todo, a lingua autóctona previa: o hatti, lingua aglutinante que se converteu en lingua morta á chegada dos hititas da que o hitita tomou prestadas numerosas palabras, en particular no eido cultural e relixioso, pois foi lingua litúrxica ao longo do II milenio.

Falado no leste de Kizzuwatna, sobre o Éufrates (en particular Mitanni) e nos países vasalos en Siria, o hurrita, outra lingua aglutinante será cada vez máis empregada polos hititas, en particular no ámbito administrativo e relixioso: isto provén da campaña de hurritización posta en marcha por Suppiluliuma tras a súa profunda reforma ao principio do Imperio.

Finalmente tamén está testemuñado o acadio, lingua diplomática da época, máis concretamente tras o ataque contra Babilonia de Mursilis I. Trátase porén dun uso na correspondencia que non se corresponde probabelmente cun uso da lingua na vida corrente.

Os sistemas de escrita

[editar | editar a fonte]

Os hititas non tiñan escrita cando chegaron a Anatolia. Adoptaron naturalmente o sistema usado localmente, a escrita cuneiforme, que adaptaron á súa lingua. En efecto, a escritura cuneiforme, creada inicialmente para a transcrición do sumerio, lingua aglutinante, fora adaptado á transcrición das linguas semíticas, pero non acaía ben á escritura dunha lingua indoeuropea. Porén, a escrita cuneiforme utilizouse bastante tardiamente, probabelmente tras as expedicións a Mesopotamia, pois o silabario empregado é diferente do utilizado anteriormente nas colonias asirias e máis próximo ao empregado en Babilonia.

Ao lado da escrita cuneiforme, os hititas utilizaron, principalmente para as inscricións monumentais, unha escrita xeroglífica. Os símbolos desta escritura son chamados impropiamente escritura xeroglífica hitita, pois so en raras ocasións transcriben a lingua hitita: a meirande parte das inscricións monumentais son, en efecto, inscricións en luvita.

Durante os milenios III, II e I, o pergamiño era raro e caro, como a vitela. O sistema de notación da época era unha taboíña, que se presentaba baixo a forma dunha caixiña chea de barro fresco e humidificado por unha esponxa pousada na superficie. Coa axuda dunha pequena ferramenta, do tipo dun estilo en metal ou unha pluma de cana tallada, o cálamo, inscribíase sobre a superficie da taboíña o que se quixese anotar, e podíase conservar cocéndoa no forno. Os signos cuneiformes trazábanse apoiando verticalmente o estilo sobre a superficie da taboíña, e logo arrastrándoo para formar o trazo.

Os textos

[editar | editar a fonte]

As campañas de investigación arqueolóxicas que continúan aínda hoxe permitiron descubrir preto de 31.000 taboíñas, das que a maioría son fragmentarias. Coñécense na actualidade máis de 750 textos hititas diferentes, de lonxitude moi desigual, dalgunhas liñas a un cento de páxinas en versión impresa. Estímase que estes textos representan sobre o 15% dos textos producidos, cifra avanzada de acordo coa lectura das taboíñas ficheiros dunha biblioteca hitita.

  • Os textos máis antigos son de tipo histórico, crónicas e anais, nos que un soberano expuña como se desenvolvera o seu reinado. Aínda sendo as fontes principais de información sobre a época, convén abordalos baixo un ángulo crítico.
  • O segundo tipo de textos máis frecuentemente atopados son xurídicos; son códigos de leis hititas, que contan máis de 200 artigos de lei en diversos ámbitos. Estes textos permítenos determinar os fundamentos da sociedade hitita, sen podermos confirmar a súa aplicación real. Quizais se trate de exemplos escolares destinados ao adestramento dos xuristas.
  • Unha terceira categoría de textos que se atopan en gran número son os tratados internacionais e as instrucións administrativas, que os hititas consideraban como similares. Tratábase, de feito, de instrucións enviadas aos delegados locais representantes do poder central (gobernadores das cidades ou soberanos dos reinos feudatarios), ou instrucións militares e de alfándegas. Estas últimas, dirixidas aos gardas de fronteira, permitiron delimitar as fronteiras do Imperio Hitita ao longo do tempo. Os tratados internacionais atinxen as relacións coas potencias veciñas: isto permítenos calibrar a importancia deste reino en toda a Asia Menor. Téñense atopado así intercambios diplomáticos entre o imperio hitita e o Exipto redactados en acadio. Esta correspondencia amósanos a existencia de relacións, en xeral cordiais por distantes, e en particular no século - XIV tras o asasinato de Tutankhamon.
  • A gran maioría dos 750 textos hititas atopados son relixiosos: unha primeira parte deles son de tipo ritual, empregados en todas as situacións, para pedir a protección dun deus. Son relativamente curtos e compóñense dunha descrición contextual do ritual e unha serie de instrucións. Hai rituais para todo tipo de situacións e o seu número non tería cesado de aumentar no curso da historia. Unha segunda parte destes textos relixiosos son de tipo mitolóxico, baixo a forma de relatos. Están moito menos desenvolvidos que os da Grecia Antiga, e describen o panteón hitita dominado polo deus da Tempestade, e logo unha serie de deuses importantes encargados da agricultura, a guerra etc., e finalmente, os deuses locais ou menores. Unha terceira parte destes textos atinxe a maxia, que engloba tamén a medicina, pois a noción mesma de medicina fai uso de prácticas máxicas que se basean na adiviñación. Estes poderes son patrimonio de mulleres, de bruxas na súa maioría luvitas, encargadas de interpretaren os presaxios. Mesmo hoxe, continúase a atopar documentos hititas en Anatolia.

A sociedade

[editar | editar a fonte]

O mundo hitita está dividido en dous: A corte — formada por membros da familia real, por un certo número de familias aristocráticas e membros das familias dos soberanos veciños, ligados ao Imperio hitita por tratados, por altos sacerdotes así como por persoal do palacio — vive illada, e só se lles pode aplicar a xustiza real.

O pobo baixo está dividido en homes libres, servos e escravos:

  • os homes libres son esencialmente os artesáns, os comerciantes e os labregos.
  • os servos están formados polas poboacións deportadas como consecuencia das guerras: estes servos, ligados á terra onde son establecidos, non se poden desprazar libremente. Estas deportacións tiñan como finalidade repoboar as rexións devastadas.
  • o escravo ten un verdadeiro estatuto xurídico, cousa excepcional para a época. O seu amo pódeo vender ou castigar, pero os escravos poden apelar á xustiza, casar cunha muller libre ou mesmo posuír bens de seu.

A realeza

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lista dos reis hititas.

A realeza hitita era moi diferente dalgunhas monarquías contemporáneas, en particular da monarquía exipcia: en efecto, ao contrario do faraón, o rei non era considerado como un deus mentres vivía. As terras hititas pertencían aos deuses, o rei era o seu representante e xestionábaas no seu nome. Só despois da súa morte o rei era divinizado, a súa estatua uníase á dos seus devanceiros. Ademais, o termo empregado para indicar a morte do rei significaba tamén «converterse en deus».

Así, en tanto que representante dos deuses, investido polo deus da Tempestade Tarhunt, a función de gran sacerdote predominaba sobre as outras. Así, aínda que era comandante en xefe dos exércitos hititas permanentes, o rei non dubidaba en interromper campañas, mesmo afastadas, para exercer o seu papel na liturxia.

A parte destes dous papeis, o rei era igualmente o xefe do poder xudicial, e neste ámbito é o último recurso en xustiza e o responsábel da diplomacia.

Empréganse numerosos termos nos textos hititas para designar o monarca. A pronunciación dalgúns deles non nos é coñecida, pois os hititas, ao empregaren a escrita cuneiforme, usaron os sumerogramas e os acadogramas sen modificalos para representar as súas propias palabras.

  • LUGAL designa os reis de importancia media: os xefes dos reinos vasalos ou os das cidades que forman parte do Imperio.
  • LUGAL GAL, «Gran Rei», designa o rei hitita, o rei dos reis. Designa tamén os grandes soberanos estranxeiros (exipcios, babilonios ou ás veces mesmo aqueos).
  • labarna (prehitita) ou tabarna (hitita), «solar», «do deus sol», título honorífico atribuído aos reis.
  • hassu
  • UTU

A Asemblea

[editar | editar a fonte]

Se ben a existencia dunha asemblea está testemuñada polos documentos hititas, porén temos poucos certezas a este respecto. Os textos atopados utilizan dous termos para falar da asemblea, non se sabe se porque había dúas distintas ou se era unha soa con dúas posíbeis denominacións. Tamén ignoramos a súa composición (tratábase de delegados, nobres, de personaxes influentes como altos funcionarios, de relixiosos?) e o modo de designación dos seus membros. Os poderes que tiña esta asemblea son igualmente débiles. Moitos cren que se limitaban a un mero papel consultivo. A frecuencia das súas reunións, máis elevada ao inicio do período monárquico, levou a formular a hipótese de que a asemblea era un vestixio da cultura hatti, na que a monarquía tería sido electiva.

O exército

[editar | editar a fonte]

A xefatura do exército correspondíalle ao rei, moi frecuentemente en persoa, pois a sociedade hitita orixinal era de tipo militar. Este pode, porén, delegar o seu poder, ben porque teña cometidos relixiosos que presidir, ben por enfermidade. O exército hitita, composto normalmente por cerca de trinta mil homes, estaba formado polos que tiñan obrigas militares, por mercenarios e por continxentes fornecidos polos estados vasalos. A organización do exército é decimal: a unidade de base comprende 10 homes mandados por un oficial saído da pequena nobreza. O agrupamento superior xunta 100 homes, e o seguinte 1000. Non hai dúbida de que non existía soldo para os homes que se enrolaban de xeito normal e estes cobraban en xeral co botín. En repouso, o exército vive seguramente do país, pero hai un servizo de aprovisionamento dos exércitos que está equipado con carros de bois e burros. As armas son a lanza, a espada recta ou curva, o puñal, a machada e o arco acompañado dunha alxaba cunha trintena de frechas, empregado sobre todo pola infantaría lixeira. O guerreiro protéxese cunha armadura de escamas, un casco e un escudo.

O exército comprende dúas armas, a infantaría e os carros. A infantaría só ocupa o papel principal en terreos accidentados. Con todo, o seu papel no mantemento da orde nos países dominados é esencial. Está formada particularmente para lanzar ataques bruscos e, xa que logo, inesperados. O seu adestramento metódico e a súa disciplina fan dela unha moi boa arma. Se non, cando o terreo o permite, o carro é o elemento esencial do combate: lixeiro, manobrábel e rápido, asegura unha relativa rapidez no tiro. Está montado polo condutor, un combatente e un axudante encargado de protexer aos outros co seu escudo. Ao empregar máis a lanza que as frechas (usadas polos exipcios), os hititas fixeron dela unha arma ofensiva eficaz, encargada de se lanzar contra as fileiras inimigas, de rompelas e de sementar nelas o pánico.

Os hititas foron tidos tamén como mestres na arte da fortificación de cidades.

O dereito hitita é bastante mal coñecido. Éo esencialmente por coleccións de leis (dúas táboas atopadas en Hattusa) e carecemos de documentos da súa práctica, como os contratos. Semella ser un dos máis evolucionados da Antigüidade e é moi antigo, pois data do segundo milenio antes da nosa era. Ao datar do século XIV a.C., as leis están compostas por un fondo consuetudinario arcaico, por xurisprudencia e por leis reais de épocas diferentes.

A parte penal busca máis a reparación do prexuízo sufrido (como a reparación dunha plantación devastada) que vinganza. As disposicións lexislativas poñen o acento sobre a emenda do culpábel, e prevense numerosas compensacións pecuniarias. Prevense as incapacidades temporais de traballo, e o responsábel debe suplir a vítima, en persoa ou por un escravo e paga tamén o médico e unha indemnización. As compensacións pecuniarias son menos elevadas se o crime se comete contra unha persoa do común.

Baixorrelevo do rei Suppiluliumas II, cámara dos xeroglíficos, Hattusa, Turquía

Malia todo, existen penas de mutilación (orellas ou nariz) reservadas aos escravos nos casos de roubo ou incendio. A pena de morte tamén está prevista, pero cun campo de aplicación restrinxido para a época: rebelión contra o rei ou un dos seus altos representantes, rebelión dun escravo, adulterio da muller, violación e sortilexio dun escravo. Ademais, aplícase sen ir acompañada de suplicios. A pena é individual, agás en caso de responsabilidade colectiva dunha cidade, unha disposición patriarcal arcaica, cousa que testemuña unha débil represión xudicial. Para a época, o feito mesmo de prever casos onde se aplica a pena de morte ao escravo é un avance, pois en todos os dereitos contemporáneos, este é un ben sobre o cal o seu amo tes os mesmos dereitos que sobre un animal ou un obxecto.

Civilmente, a muller goza dun estatuto privilexiado para a época. É certo que o matrimonio se concertaba por compra ou rapto. Neste caso está ademais prevista unha indemnización á familia, pero o divorcio e a violación están recoñecidos, estando esta última castigada coa morte, e a raíña lexítima goberna na ausencia do rei. Con todo, a ausencia de documentos que proben a aplicación dos textos modera a análise que se pode facer destas disposicións.

No ámbito do dereito internacional, tras o resultado nulo da batalla de Qadesh, Ramsés II e Hattusilis III, os dous temerosos do aumento do poder de Asiria, asinan o primeiro tratado internacional coñecido da historia. Felizmente, chegaron ata nós as dúas versións deste documento e podemos descubrir nel un pacto de non agresión, de asistencia mutua e mesmo cláusulas mutuas de extradición de refuxiados.

En arquitectura, os templos hititas son pesados. As pedras da base das paredes están cubertas de pinturas e son xigantescas: son os ortóstatos.

  1. 1,0 1,1 1,2 Garelli (1978), p. 136.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Desti, M. (1998). Les civilisations anatoliennes. P.U.F.  Coll. Que sais-je?
  • Garelli, Paul (1978). El Próximo Oriente asiático: desde los orígenes hasta las invasiones de los pueblos del mar. Col. Nueva Clío. La historia y sus problemas, nº 2 (en castelán) (3ª ed.). Barcelona: Editorial Labor. ISBN 84-335-9310-2. 
  • Klock-Fontanille, I. Les Hittites. P.U.F. 
  • Les Hittites, Civilisation indo-européenne à fleur de roche, Les dossiers d'archéologie, n°193, Mai 1994
  • Klengel, H. (1999). Geschichte des Hethetische Reiches. 
  • Bryce, T. (1998). The Kingdom of the Hittites. Oxford. 
  • Beckman, G. (1996). Hittite Diplomatic Texts. Atlanta. ISBN. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]