Saltar ao contido

Hunos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Imperio Huno estendíase das estepas da Asia Central até a actual Alemaña, e do mar Negro até o mar Báltico.

Os hunos (latín vulgar: huni; tamén como chuni; grego medieval: Oúnnoi / Οὕννοι) eran unha confederación de pobos formada a partir dun feixe de tribos de diferentes orixes que, na súa maior parte, proviñan das estepas de Asia Central e na que foron incluíndo a outros pobos conquistados ou asimilados do leste de Europa, segundo se producía o seu avance cara a occidente.

Eran nómades (non tiñan vivenda fixa e vivían percorrendo campos e bosques) e eran excelentes criadores de cabalos. Como non construían casas, vivían nos seus carros e tamén en barracas que armaban nos camiños que percorrían. A principal fonte de renda dos hunos era a práctica do saqueo dos pobos dominados. Cando chegaban a unha rexión, espallaban o medo, pois eran extremadamente violentos e crueis cos inimigos. O principal líder deste pobo foi Atila, o líder huno responsábel de diversas conquistas, guerras e batallas.

Desde que foron criados os primeiros cabalos fortes dabondo para seren montados, a historia da Asia e da Europa foi interrompida, periodicamente, por conquistadores bárbaros, cabalgando pola planicie e criando imperios.

A vida na estepa da Asia Central é extremadamente dura; homes e mulleres dependen para case todo dos seus rabaños e do comercio coas nacións civilizadas á súa volta. As temperaturas no inverno descenden a -40 °C, e a auga é un recurso precioso. Simplemente sobrevivir nese ambiente é un éxito.

Atila o Huno, foi considerado un dos responsábeis da caída do Imperio Romano. As tribos xermánicas que conquistaron grandes anacos do Imperio estaban na verdade fuxindo de Atila, coñecido como o Flaxelo de Deus.

Moi pouco se sabe da vida de Atila antes del, por volta de 433 e con máis ou menos 25 anos, subir ao trono de rei dos Hunos, xuntamente co seu irmán Bleda, a quen asasinou en 445. Segundo a lenda, Atila tería morto o seu primeiro inimigo aos seis anos de idade e levaba a espada do deus da guerra. Tiña, segundo os cronistas, 1,20 metros de altura. No 447, Atila invadiu o Imperio Romano, derrotando todos os exércitos romanos e deixando só de conquistar Constantinopla grazas ás murallas da cidade.

O emperador pasa a pagar un imposto de 900 quilos de ouro anual aos hunos. No ano 450, o novo emperador rexeita pagar o tributo. En vez de invadir o Imperio de Oriente, Atila invade o lado occidental do Imperio; non soamente era este máis feble, ademais el tiña unha desculpa: a irmá do emperador, Honoria, fora aprisionada, sospeitosa de traizón. Da prisión, ela enviou o seu anel a Atila, pedíndolle que servise de campión. Atila declarou que consideraba o xesto unha oferta de casamento, e pediu a metade do Imperio como dote. No 451, xunto con Xeiserico, rei dos vándalos, invade o imperio cun exército con, segundo os cronistas da época, 600.000 homes. (O número real probábel, segundo historiadores modernos, achegábase máis a 150.000, aínda así enorme para o século V.). Na batalla de Châlons, Atila é derrotado polo xeneral romano Aecio, mais este non ten tropas dabondo para impedir que o exército huno atravese o Danubio de volta, máis ou menos intacto. No ano seguinte, Atila invadiu novamente o Imperio, sen que desa vez ningún exército se opuxese a el. Ás portas de Roma, dá a volta, sen que ata hoxe se saiba exactamente por que. Dous anos despois, Atila morreu dun derramo. Cando a noticia chegou a Roma e Constantinopla, rezáronse misas en todas as Igrexas agradecéndollo a Deus.

Época post-Atila

[editar | editar a fonte]

Despois da morte de Atila, irromperon varias disputas entre os seus fillos polo poder. De resultas diso, os pobos dominados polos hunos aproveitáronse e conseguiron liberarse do seu xugo.

Novecentos anos despois, as armas de fogo marcaban o comezo da fin dos cabaleiros nómades. Con elas, a civilización á fin dominaría todos os pobos da estepa.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Asimov, Isaac (1983). La Alta Edad Media: Las edades oscuras (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420618944. 
  • Homo, León (1971). Nueva historia de Roma (en castelán). Barcelona: Editorial Iberia.