Saltar ao contido

Beguinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grabado dunha beguina de Des dodes dantz, impreso por Matthäus Brandis en Lübeck en 1489.

As beguinas[1] eran unha asociación de mulleres, de diferentes clases, contemplativas e activas, que dedicaban a súa vida a axudar ás persoas sen fogar, enfermos, mulleres, nenos e anciáns, e tamén ao traballo intelectual. Organizaban axuda para os pobres e os enfermos nos hospitais ou para os leprosos. Traballaron para permanecer baixo a súa propia vontade e, como non facían votos perpetuos de castidade nin de claustro, podían abandonar a asociación en calquera momento para casar.[2][3]

Organización[editar | editar a fonte]

Non había casa nai, nin unha norma común nin unha orde xeral. Establecían as súas casas preto de hospitais ou igrexas, en cuartos sinxelos onde podían rezar e facer traballos manuais. Cada comunidade ou beguinaxe era autónoma e organizaba o seu propio modo de vida co propósito de rezar e servir como Cristo na súa pobreza.[4][5]

Unha carta de 1065 menciona a existencia dunha institución semellante á beguinaxe en Vilvoorde (Bélxica). Dende o século XII o movemento estendeuse rapidamente desde a rexión de Liexa ata os Países Baixos, Alemaña, Francia, Francia, Italia, España e Austria. Algunhas beguinaxes, como as de Gante e Colonia, tiñan miles de membros. O amplo renacemento relixioso que orixinaron as beguinaxes xerou sociedades semellantes para os homes: os Begards.

Literatura[editar | editar a fonte]

Vivenda de beguinas no barrio de Bad Cannstatt, Stuttgart, Alemaña.

A beguina mística máis famosa é, sen dúbida, Hadewych de Anveres (c. 1240), autora de varias obras en poesía e prosa.

En Alemaña, Matilde de Magdeburgo (1207-1282)[6] mal considerada pola xerarquía eclesiástica, tivo que buscar refuxio no convento de Helfta.

Entre as beguinas máis ilustres atópanse María de Oignies, Lutgarda de Tongres, Xiana de Lieja e Beatriz de Nazaret, autora de Os sete graos de amor.[7] Considérase que as beguinas, xunto cos trobadores e os Minnesänger, fundaron a lingua literaria neerlandesa, francesa e alemá. Participaron na apertura dos coñecementos teolóxicos aos laicos, que tomaron do latín clerical e verteron nas linguas vulgares. A tradución de obras do místico alemán Johannes Eckhart e a difusión da súa propia obra levou a Margarita Poretea á fogueira en 1310.

Persecución[editar | editar a fonte]

A condena de Margaret reforzou os inimigos das beguinas. A petición do papa Clemente V, o Concilio de Vienne condenounas en 1312. Decretou que "o seu modo de vida debe ser definitivamente prohibido e excluído da Igrexa de Deus".[8] En 1318, Xoán XXII estableceu mediante a Bula Gloriosam Ecclesiam que se castigasen tanto as beguinas como os franciscanos espirituais, especialmente aqueles que foran refuxiados polo emperador Frederico II en Sicilia.[3] En 1321 Xoán XXII mitigou esta sentenza e permitiu que as beguinas continuaran co seu estilo de vida, xa que "emendaran as súas formas".[9] Porén, xa en febreiro de 1317 o Concilio de Taragoña establecera a pena de excomuñón para todas as beguinas que vivían en comunidade, vestían mantos e outras vestimentas características das súas comunidades, lían libros teolóxicos en lingua vulgar e predicaban sen o permiso das autoridades eclesiásticas.[3]

Máis tarde as autoridades eclesiásticas tiveron frecuentes roces coas beguinas e os begards. Durante o século XIV os bispos alemáns e a Inquisición condenaron aos begards e emitiron varias bulas para sometelos á disciplina papal.[10]

Porén, a pesar de toda esta persecución, moitas beguinas continuaron sendo fieis á ortodoxia da Igrexa católica, especialmente en Bruxas, Gante e outras cidades neerlandesas, aínda que moitas delas se uniron á Orde Terceira de San Francisco de Asís, recoñecida polo papado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para beguina.
  2. SWAN, Laura. (2014) The wisdom of the beguines. The forgotten story of a Medieval Women’s Movement. New York: Bluebridge, p.11
  3. 3,0 3,1 3,2 Santonja, Pedro (2007). "Mujeres religiosas: beatas y beguinas en la Edad Media. Textos satíricos y misóginos" (14): 209–227. ISSN 0212-2480. doi:10.14198/medieval.2003-2006.14.08. Consultado o 2020-12-18. 
  4. "Las beguinas: libertad en relación". Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  5. Press, Europa (13 de maio de 2015). "¿Quiénes eran las beguinas?". europapress.es (en castelán). Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  6. "La luz que fluye de la divinidad". Herder. Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  7. "Los siete modos de amor de Beatriz de Nazareth : Caleidoscopio estético – místico del deseo de Dios". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2017. Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  8. Coruña, La Opinión de A. "La última beguina". Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  9. Rodríguez, José Ignacio de la Torre (25 de marzo de 2014). Breve historia de la Inquisición (en castelán). Ediciones Nowtilus S.L. ISBN 9788499675688. Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  10. "Begardos y beguinas" (en castelán). Consultado o 20 de marzo de 2017.