Saltar ao contido

Frederico II Hohenstaufen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFrederico II Hohenstaufen

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(de) Friedrich von Staufen Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento26 de decembro de 1194 Editar o valor en Wikidata
Jesi, Italia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte13 de decembro de 1250 Editar o valor en Wikidata (55 anos)
Fiorentino, Italia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedisentería Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCatedral de Palermo Editar o valor en Wikidata
Rei de Xerusalén
1225 – 1228
Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico
22 de novembro de 1220 –
Rei de Sicilia
17 de maio de 1198 –
Rei dos Romanos
1196 –
Duque de Suabia
26 de decembro de 1194 – Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaPalermo Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca, poeta, escritor, monarca Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoSexta Cruzada (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloDuque Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía Hohenstaufen Editar o valor en Wikidata
CónxuxeBianca Lancia (1244–1244)
Isabel da Inglaterra (1235, 1235 (Gregoriano)–1241)
Iolanda de Xerusalén (1225, 1225 (Gregoriano)–1228)
Constança de Aragão (1209, 1209 (Gregoriano)–1222) Editar o valor en Wikidata
ParellaBianca Lancia
Adelaide di Urslingen
Ruchina von Beilstein Editar o valor en Wikidata
FillosCaterina da Marano
 ()
Henrique II de Suabia
 () Constança de Aragão
Frederico de Pettorano
 ()
Frederico de Antioquia
 ()
Enzio da Sardenha
 () Adelaide di Urslingen
Richard von Chieti
 ()
Selvaggia of Staufen
 ()
Conrado IV da Germânia
 () Iolanda de Xerusalén
Margherita de Svevia
 () NN
Ana de Hohenstaufen
 () Bianca Lancia
Manfredo de Hohenstaufen
 () Bianca Lancia
Violante di Svevia
 () Bianca Lancia
Jordan of Germany Hohenstaufen
 () Isabel da Inglaterra
Agnes of Germany Hohenstaufen
 () Isabel da Inglaterra
Margarida da Sicília
 () Isabel da Inglaterra
Henry of Hohenstaufen
 () Isabel da Inglaterra Editar o valor en Wikidata
PaisHenrique VI Editar o valor en Wikidata  e Constanza de Hauteville Editar o valor en Wikidata
ParentesFrederico I do Sacro Imperio Romano Xermánico, avó
Roxerio II de Sicilia, avó
Ezzelino III da Romano, xenro Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
1245Excommunication in the Catholic Church (en) Traducir
1239Excommunication in the Catholic Church (en) Traducir
1228-1230Excommunication in the Catholic Church (en) Traducir
29 de setembro de 1227Excommunication in the Catholic Church (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteHamburgische Biografie
Allgemeine Deutsche Biographie (pt) Traducir
Biblioteca dixital BEIC Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1122495 WikiTree: Staufer-52 Find a Grave: 13565904 Editar o valor en Wikidata

Frederico II de Hohenstaufen,[1] nado o 26 de decembro de 1194 en Iesi, na Pentápole, Sacro Imperio Romano Xermánico, e finado o 13 de decembro de 1250 en Castel Fiorentino, Sacro Imperio Romano Xermánico, foi rei de Sicilia, rei de Alemaña (fomalmente, Rei de romanos) e de Xerusalén, e emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Era neto de Frederico Barbarroxa e de Roxerio II de Hauteville, e foi unha das figuras máis interesantes da historia universal polas súas cualidades extraordinarias e o seu carácter excéntrico, distinto ao dos homes da súa época e adiantado a eles en máis dun sentido.

A súa personalidade, pouco convencional, levábao a romper de continuo cos usos e costumes do seu tempo, razón pola cal alcumárono xa en vida co adxectivo stupor mundi 'asombro do mundo'. Tamén foi alcumado como puer Apuliae 'fillo da Puglia', novo Mesías, redentor e principe da paz. E, polas súas continuas desavinzas co papado, foi chamado o Anticristo, perseguidor da Igrexa e herexe.[2] Foi tamén un dos escritores máis representativos da escola siciliana, escola que el fundou.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Nacemento de Frederico II.

Frederico de Hohenstaufen neceu o 26 de decembro de 1194 en Iesi (actualmente na provincia de Ancona, Italia).

Era fillo de Henrique VI, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e de Constanza I de Sicilia, filla de Roxerio II, primeiro rei de Sicilia.

Segundo algunhas fontes o seu nacemento foi público, e ocorreu nunha tenda, en plena praza principal de Iesi, mentres a súa nai era arroupada por algúns nobres de Henrique VI; segundo parece, a avanzada idade de Constanza, que durante os oito anos previos se mostrara estéril, suscitaban dúbidas sobre a lexitimidade de Frederico, polo que o nacemento se tería celebrado dese modo, a fin de establecer garantías sobre a orixe do neno.

O nacemento do fillo de Constanza foi importante para a sucesión do Reino de Sicilia, pero estivo rodeado de moitos dixomedíxomes e especulacións:

Frederico foi considerado por algúns detractores como o Anticristo, xa que unha lenda medieval sustentaba que nacería dunha monxa vella, e Constanza de Sicilia no momento do parto tiña 40 anos e, antes da voda, dicíase que vivira nun convento.

Tamén, debido á súa avanzada idade, moitos non crían na preñez da raíña. Por estas razóns construíuse un baldaquino no centro da praza baixo o que Constanza pariu publicamente co fin de disipar calquera dúbida sobre o nacemento do futuro emperador. Giovanni Villani, na súa Crónica, escribiu:[3]

Cando a emperatriz Constanza estaba preñada de Frederico, sospeitábase en Sicilia e en todo o Reino da Puglia que, debido á súa avanzada idade, non podería estar preñada; por iso, cando ía parir, fixo colocar unha tenda na praza de Palermo e emitiu un bando para que todas as mulleres que quixesen fosen vela; e moitas foron, pero aínda así non acabou a sospeita.
Giovanni Villani
Henrique VI e Constanza de Sicilia, pais de Frederico II.

Henrique VI, nun primeiro momento, parece aceptar a elección da súa muller e, co nome de Constantino, no verán de 1196, o pequeno foi elixido Rei de romanos polos príncipes alemáns na Dieta Imperial de Frankfurt. Algúns meses máis tarde, chegado o tempo da cerimonia bautismal, celebrada en Asís, o nome do futuro soberano foi cambiado polo pai que, respectando a prioridade da casa paterna en aplicación da lei sálica, decidiu asignarlle o nome in auspicium cumulande probitatis, de Friedric Roger Constantine: "Frederico" para indicalo na futura guía dos príncipes alemáns como neto de Frederico Barbarroxa, "Roger" para subliñar a lexítima pretensión á coroa do Reino de Sicilia como descendente de Roxerio II de Sicilia, e "Constantino" para congraciarse coa Igrexa de Roma, que no medioevo era a fonte da propia autoridade terreal. Aquela foi a segunda e última ocasión en que Henrique VI viu ao seu fillo.

Frederico nacía xa pretendente de varias coroas: aínda que a imperial non era hereditaria, Frederico era un válido candidato a Rei de romanos (o título electivo dos sucesores elixidos do Sacro Emperador) que comprendía tamén as coroas do Reino de Italia e do Condado de Borgoña. Estes títulos aseguraban dereitos e prestixio, pero non daban un poder efectivo, xa que faltaba neses Estados unha sólida estrutura institucional controlada polo soberano. Estas coroas daban poder só se o sobedrano era forte, do contrario sería imposíbel facer valer os dereitos do rei sobre os feudatarios e sobre as comunas. Á parte, por vía materna herdaría a coroa de Sicilia, onde en cambio si existía un aparato administrativo ben estruturado para garantir que a vontade do soberano fose aplicada, segundo a tradición de goberno centralizado.

Ao morrer seu pai Henrique VI en 1197, Frederico encontrábase en Italia coa intención de cruzar cara a Alemaña. Ao chegar a noticia, o gardián de Frederico, Conrado de Spoleto, suspendeu a expedición e levou ao neno a Palermo canda a súa nai, onde permaneceu até terminar a súa educación. A súa nai Constanza era, por dereito propio, herdeira do Reino de Sicilia, e para asegurar os dereitos do seu fillo nomeouno publicamente herdeiro do trono de Sicilia nada máis chegar este a Palermo. A educación en Sicilia foi un elemento fundamental para formar a súa personalidade, debido á civilización normando-árabe-bizantina propia da illa.

Porén, a unión dos reinos de Alemaña e de Sicilia non era vista con bos ollos nin polos normandos, nin polo papa que, cos territorios que por diverso título compoñían os Estados Pontificios, posuía unha liña que interrompía a unidade territorial do gran reino, facéndoo sentir, en consecuencia, rodeado.

Á morte da súa nai, Frederico foi coroado rei de Sicilia o 17 de maio de 1198. Como queira que os dereitos imperiais do neno podían comprometer a súa propia vida, a súa nai nomeara no seu testamento como titor do neno ao papado. Así, o papa Inocencio III encargouse da tutela de Frederico até que foi maior de idade. A fin de protexer ao inexperto rei contra os seus inimigos, o papa induciuno a que casara en 1209 con Constanza de Aragón e Castela, viúva do rei Emerico de Hungría.

Emperador

[editar | editar a fonte]

Otón de Brunswick foi coroado emperador como Otón IV polo papa Inocencio III en 1209, coa esperanza de acabar coa hexemonía da casa de Hohenstaufen; a inimizade do papado co pai de Frederico, Henrique VI, e co seu avó, Frederico Barbarroxa, era notoria, ao chocaren as pretensións imperiais dos Hohenstaufen coas papais, que pasaban por crear en Europa un goberno teocrático central co papa á cabeza. Porén, Otón IV non se mostrou como o campión papal esperado e, en setembro de 1211 a Dieta Imperial de Núremberg decidiu confirmar a Frederico como Rei de romanos, isto é, candidato electo para suceder a Otón IV. Otón desaviuse cos tres arcebispos electores do Sacro Imperio (os de Maguncia, Colonia e Tréveris) e, ao pretender retomar, agora para a casa de Brunswick, o proxecto imperial dos Hohenstaufen, o papado sinalárao como inimigo, e Inocencio III excomungouno. Así e todo puido manter a súa posición até que foi derrotado na batalla de Bouvines no mes de xullo de 1214 polas forzas do rei Filipe II de Francia. Otón foi deposto en 1215.

Frederico foi de novo elixido en 1212 e coroado Rei de romanos o 9 de decembro dese ano en Maguncia. Unha nova cerimonia de coroación tivo lugar ao ser deposto Otón IV en 1215. A autoridade de Frederico en Alemaña era débil, como o demostran as continuas confirmacións da súa elección. Só o sur de Alemaña, onde se encontraban os seus territorios patrimoniais (Suabia) recoñecíao, aínda así só con algún grao de adherencia á súa causa; no norte de Alemaña, centro neurálxico do poder güelfo, Otón seguía ostentando o poder real e imperial pese á súa excomuñón. Porén, a súa derrota na batalla de Bouvines obrigouno a retirarse ao núcleo güelfo, onde, practicamente sen ningún apoio, foi asasinado en 1218. Os príncipes electores alemáns, apoiados por Inocencio III, volveron a confirmar unha vez máis a Frederico como Rei de romanos en 1215, como quedou dito, e o propio papa coroouno rei en Aquisgrán o 23 de xullo de 1218. A política papal, por aquel entón, pretendía facer de Frederico un vasalo fiel á súa causa; Porén, Inocencio III non se sentía o suficientemente cómodo defendendo a candidatura imperial de Frederico, quen ao fin e ao cabo era membro da familia Hohenstaufen, unha estirpe de víboras, que era apoiada por moitas faccións xibelinas contrarias aos intereses papais.

Mapa político do Próximo Oriente en 1135, entre a primeira e a segunda cruzada. As cruces vermellas indican os Estados dos cruzados.
O castelo de Melfi, onde Frederico II promulgou as Constitucións.

Non foi até 1220 cando, tras arduas negociacións con Inocencio III e o seu sucesor Honorio III -que sucedeu a aquel en 1216, e que fora profesor do propio Frederico-, Frederico foi coroado Sacro Emperador Romano en Roma por Honorio III, o 22 de novembro de 1220. Ao mesmo tempo, seu fillo máis vello, Henrique, foi coroado como Rei de romanos. As condicións prometidas a cambio da coroación foron duras e incluían condonar a débeda pontificia, renunciar á condición de legado apostólico (representante do papa) no Reino de Sicilia, socorrer ao Imperio Latino de Constantinopla e embarcarse nunha cruzada a Terra Santa para recuperar os Santos Lugares. Frederico, unha vez coroado, non se mostrou moi disposto a cumprir estas promesas, aínda que falou de preparar unha cruzada. Pola súa parte, casou unha filla súa co emperador de Nicea, feito que demostrou ás claras o seu pouco interese en socorrer ao seu rival o Imperio Latino de Constantinopla.

Frederico non daba signos de querer abdicar ao Reino de Sicilia, pero mantiña a firme intención de ter separadas as dúas coroas. Alemaña deixábaa ao seu fillo Henrique pero, en canto emperador, conservaba a suprema autoridade. Dado que medrara e se educara en Sicilia, é probábel que se sentise máis italo-normando que alemán, pero, sobre todo, coñecía ben o potencial do reino siciliano, cunha florecente agricultura, cidades grandes e con bos portos, ademais da súa extraordinaria posición estratéxica no centro do Mediterráneo.

A diferenza da maioría dos emperadores do Sacro Imperio, Frederico pasou pouco tempo en Alemaña. En 1218 axudou a Filipe II de Francia e ao duque de Borgoña, Eudes III, a acabar coa guerra de sucesión no Condado de Champaña, ao invadir o Ducado de Lorena, tomando e queimando Nancy, onde fixo prisioneiro a Teobaldo I de Lorena obrigándoo a que retirara o seu apoio ao pretendente champañés Erard de Brienne. Tras a súa coroación en 1220, Frederico apenas volveu a saír de Italia até 1236, salvo para a Sexta Cruzada. En 1236 fixo unha viaxe dun ano a Alemaña e, ao seu regreso en 1237, pasou o resto da súa vida, 13 anos, nas súas posesións do sur de Italia ou en Sicilia.

No Reino de Sicilia (usualmente chamado naquel tempo o Regnum), que entón comprendía tamén o sur de Italia, até a Campania, realizou un intenso e ás veces impopular labor de reformas. Modificou as leis do seu avó Roxerio II de Sicilia, promulgando as Constitucións de Melfi en 1231; nelas reorganizábase o Reino de Sicilia como unha monarquía autoritaria, cun goberno centralizado, renegando do feudalismo.[4] Estas leis continuaron sendo, cunhas mínimas reformas, as leis básicas de Sicilia até 1819, unha vez integrado este Reinio no das Dúas Sicilias. Por certo, algunhas destas novas leis contradicían a súa promesa ao papa de renunciar á legación apostólica sobre o Reino, a cal lle daba dereito a controlar os asuntos eclesiásticos e a depoñer e nomear clérigos e bispos. De feito, as súas continuas disputas co papado, no marco das loitas entre güelfos (a prol do papa) e xibelinos (a prol do emperador), sobre todo no norte e no sur de Italia, levárono a promulgar novos impostos e a elevar os antigos no Regnum, o que aumentou a súa impopularidade.

En xeral, os seus asuntos afastábano da súa capital, Palermo, preferindo Frederico pasar os momentos de lecer cazando na Campania ou na Puglia. Durante este período fixo construír, como pavillón de caza, Castel del Monte e, como padrón das letras fundou en 1224 a Universidade de Nápoles, agora chamada Università Federico II na súa honra.

Confederación cos Príncipes Eclesiásticos

[editar | editar a fonte]
Confoederatio cum principibus ecclesiasticis.

O Tratado da Igrexa co Príncipe, ou Confoederatio cum principibus ecclesiasticis, do 26 de abril de 1220, foi dado por Frederico II como unha concesión aos bispos alemáns para obter a súa colaboración na elección do seu fillo Henrique como rei de Alemaña (rei de Romanos). Este documento representa unha das máis importantes fontes lexislativas do Sacro Imperio Romano Xermánico no territorio alemán. Con este acto Frederico II renunciou a un certo número de privilexios rexios en favor dos príncipes-bispos. Foi un verdadeiro cambio no equilibrio do poder, un novo deseño que debía levar a maiores vantaxes no control dun territorio vasto e afastado.

Entre os moitos dereitos adquiridos, os bispos asumiron o de cuñar moeda, decretar impostos e construír fortificacións. Ademais obtiveron tamén a facultade de instituír tribunais nos seus señoríos e de recibir a asistencia do rei ou do emperador para facer respectar os xuízos emanados nos territorios en cuestión. A condena dun tribunal eclesiástico significaba automaticamente unha condena e unha punición por parte do tribunal real ou do imperial. Aínda máis, unha excomuñón traducíase, tamén de maneira automática, nunha sentenza como criminal por parte do tribunal do rei ou do emperador. A ligazón entre os tribunais do Estado e os locais dos príncipes-bispos cosolidouse indisolubelmente.

A promulgación desta lei relacionouse directamente coa posterior Statutum in favorem principum, que establecía similares dereitos para os príncipes laicos. O poder dos señores aumentaba, pero crecía tamén a capacidade de control sobre o territorio do imperio e sobre as cidades. Deste xeito, Frederico II sacrificou a centralización do poder para asegurar unha maior tranquilidade na parte continental do Sacro Imperio, de modo que puido volver a centrar a súa atención na parte meridional e mediterránea.

Frederico puido entón dedicarse a consolidar as institucións do Reino de Sicilia, establecendo dous grandes asentamentos en Capua e Mesina (1220-1221). Nesas ocasións reivindicou que cada dereito rexio que fora confiscado no pasado por calquera causa aos feudatarios debería reintegrase inmediatamente ao soberano. Introduciu ademais o Dereito romano, coa accesión de Xustiniano reelaborada pola Universidade de Boloña. En Nápoles fundou a Universidade en 1224, como quedou escrito arriba, da que saíron a maioría dos funcionarios para o seu servizo, sen que os seus partidarios tiveran que ir até Boloña para estudar. Favoreceu tamén a antiga e gloriosa Escola médica salernitana (Schola Salernitana).

A Escola salernitana

[editar | editar a fonte]
Pacientes mostrando a súa urina a Constantino o Africano.

En efecto, entre os séculos XI e XIII desenvolvérase unha escola médica de especial interese, a Escola de Salerno ou Escola Médica Salernitana. Para a obtención do título de médico e, por tanto, o dereito de exercicio desta práctica, Roxerio II de Sicilia estableceu un exame de graduación no que se incluían coñecementos de medicina e de cirurxía, o que dalgunha maneira rehabilitaba a especialidade cirúrxica a pesar do activo rexeitamento á mesma demostrado pola Igrexa católica e por unha parte do mundo árabe.

Algúns anos despois, en 1224, Frederico II reformou o exame para que este fora realizado de forma pública polo equipo de mestres de Salerno, e regulando para a práctica da medicina un período de formación teórico (que incluía cinco anos de medicina e cirurxía) e un período práctico dun ano.[5]

Unha figura de relevancia desta escola foi o monxe Constantino o Africano (1010-1087), médico cartaxinés que recolleu numerosas obras de medicina ao longo das súas viaxes e contribuíu ao desenvolvemento da medicina europea coa tradución do árabe de varios textos da Antigüidade clásica.[6]

O primeiro tratado europeo medieval de cirurxía ten a súa orixe nesta escola, a Practica chirurgiae de Roger Frugardi (1170), obra que se ocupa do tratamento das feridas e dos reumatismos.[7]

A título de curiosidade, e a modo de paliar a ausencia da práctica da disección en cadáveres humanos, Cofón o Mozo escribe en torno ao ano 1150 a súa Anatomía Porci, guía práctica de disección do porco utilizada polos estudantes.[8]

A Sexta Cruzada

[editar | editar a fonte]
Frederico II negocia con Al-Kamil.

Xa o papa Honorio III ordenara a Frederico que fora ás cruzadas como penitencia. O emperador asentira, pero fora demorando a súa partida para a Terra Santa, o que lle valeu a excomuñón en 1227. O novo papa, Gregorio IX, moito menos condescendente que o débil Honorio III, chegou a cualificar a Frederico de Anticristo, e predicou unha infrutuosa cruzada contra el, que foi rexeitada de plano polo resto dos monarcas europeos ao consideraren que, aínda que excomungado, Frederico seguía sendo cristián. A ruptura co papado era evidente, e as accións de Frederico en Sicilia confirmábano. En 1225, Frederico contraera un novo matrimonio, esta vez con Iolanda de Xerusalén, herdeira do trono do Reino de Xerusalén. A fin de facer valer os dereitos da súa esposa, conseguiu depoñer ao entón rei titular Xoán de Brienne e ser recoñecido el mesmo como rei de Xerusalén a partir de 1225.

Pese a iso, Frederico, que nunca dispuxo dun gran número de tropas, non se decidía a marchar a Terra Santa. Cando Gregorio IX o excomungou en 1227, aparentara a súa marcha cara a Palestina, pero cancelara a súa expedición no último momento aducindo que caera enfermo, algo que non convenceu ao papa. Finalmente, aproveitando un momento de debilitamento do poder musulmán en Oriente Próximo, Frederico partiu cara a Palestina en 1228 sen a bendición papal. Este acto foi visto polo papa como unha provocación, xa que se realizaba sen o seu consentimento e ademais por parte dun excomungado; por todo iso, volveuno a excomungar.

En Terra Santa, o sultanato exipcio dos aiúbidas encontrábase nunha posición política comprometida: os seus parentes e rivais de Siria e Mesopotamia ameazaban cunha guerra, polo que consideraba perigoso comezar unha nova contenda coas potencias occidentais. Por iso, Frederico, cun reducido exército, conseguiu reconquistar o Reino de Chipre, que se encontraba nun estado de anarquía tras o colapso do poder cruzado. En Terra Santa, e grazas á axuda do seu conselleiro, o maestre da Orde Teutónica, Hermann von Salza, asinou unha tregua de dez anos co sultán aiúbida Al-Kamil a cambio da posesión, en realidade de modo nominal, dos Santos Lugares Cristiáns, entre eles Nazaret, Belén e Xerusalén, exceptuando os lugares santos para o islam. Tras asinar este armisticio de dez anos co sultán, foi coroado rei de Xerusalén o 18 de marzo de 1229.

Isto, de novo, foi unha provocación para o papado, posto que no ínterim, a súa esposa e lexítima raíña, Yolanda, morrera, deixando o Reino ao seu único fillo, Conrado. Así, Gregorio IX non respondeu a estes éxitos coa absolución de Frederico, senón que declarou que as accións do emperador en Terra Santa non podían cualificarse como guerra santa ao continuar excomungado, e procedeu a liberar os cruzados do voto de obediencia ao emperador. Os logros de Frederico II en Terra Santa foron bastante precarios, e dependían máis da conxuntura política árabe que do poderío cristián; non puido evitar os enfrontamentos entre as Ordes Militares e os baróns locais, nin entre venecianos e xenoveses, que asolaban a costa do Oriente Próximo.

Pola súa parte, en 1229 tivo noticia de que o papa, xunto á Liga Lombarda, de maioría güelfa, planeaba invadir o Reino de Sicilia; o seu propio fillo Henrique, rexente seu en Alemaña, proclamárase Rei de romanos co consentimento papal, e reclamaba os dominios de seu pai. Frederico abandonou a cruzada e regresou apresuradamente a Italia.

Loitas contra o papado

[editar | editar a fonte]

Tras desembarcar en Brindisi, Frederico logrou derrotar ás forzas pontificias e lombardas, expulsándoas dos territorios imperiais. Asinou en 1230 o tratado de San Xermano, polo que o emperador aseguraba á Igrexa as súas posesións territoriais a cambio de que o papa revogase a súa excomuñón. Tras esta contenda, Frederico, co apoio das cidades xibelinas da Toscana (Pisa e Siena) e a Lombardía (Verona e Piacenza) conseguiu un certo dominio de Italia.

Esta paz foi, porén, efémera. Pola diferente forma de concibir o papado e o pontificado Gregorio IX e Frederico II, un novo enfrontamento era ineludíbel. Así, cando en 1237 as tropas imperiais derrotaron á Liga Lombarda, o papa encontrou a excusa para volver a excomungar a Frederico en 1239. Inmediatamente ordenou unha cruzada contra o emperador, e intentou infrutuosamente que os príncipes alemáns elixiran un novo rei e convocou un concilio en Roma en 1241.

Frederico anunciou, pola súa parte, a súa oposición total á celebración dun concilio que non tiña outra motivación que a da súa deposición e substitución, polo que ordenou ás súas tropas que apresaran a todos os que viaxaran a Roma coa intención de participar no concilio. A detención e encarceramento de máis de cen clérigos impediu a celebración do sínodo. Pouco despois falecía Gregorio IX.

Elixido Inocencio IV como novo papa, Frederico enviou emisarios para acordar a paz, pero sen renunciar ao seu poder e influencia nas decisións eclesiásticas. Inocencio IV exixiu de Frederico o recoñecemento do dano que causara á Igrexa. Finalmente chegaron ambas as partes a un acordo o 31 de marzo de 1244. Nel se restituían á Igrexa as súas posesións, especialmente os Estados Pontificios, e liberaba aos prelados favorábeis ao papa que mantiña presos. Anínda que asinara a paz con el grazas á mediación do rei de Francia, o papa sentiuse incómodo en Italia pola presenza da milicia imperial e decidiu refuxiarse en Lión co apoio dos xenoveses.

Inocencio IV convocou, nada máis chegar á cidade francesa o 3 de xaneiro de 1245, o I Concilio de Lión, pese á oposición do emperador. Sentíndose forte, Inocencio procedeu a acusar a Frederico de usurpar e oprimir os bens da Igrexa, e terminou por excomungalo o 17 de xullo do mesmo ano, por non organizar unha nova cruzada.

A batalla de Parma, e morte de Frederico

[editar | editar a fonte]
Sarcófago de Frederico II
Catedral de Palermo.

Frederico organizou tropas para enfrontarse ao papado. Inocencio IV, pola súa parte, pretendeu organizar unha cruzada contra o propio emperador mobilizando aos príncipes alemáns. Nese camiño pretendedu a elección de Henrique Raspe e, aínda que este foi proclamado emperador o 22 de maio de 1246, nunca foi recoñecido como tal. Ao mesmo tempo provocou un alzamento contra o emperador de moitas cidades do norte de Italia. Obtivo unha importante vitoria o 18 de febreiro de 1248 na batalla de Parma, ao capturaren por sorpresa as tropas papais o campamento imperial.

Pero o emperador no tomou parte nesta última campaña. Frederico estivera enfermo e probabelmente sentíase cansado. Uns anos máis tarde, en Castel Fiorentino, cerca de Lucera, na Puglia, e en presenza de numeosos dignatarios, o 7 de decembro de 1250 ditou o seu testamento, e morreu pacificamente o 13 de decembro, vestindo o hábito de monxe cisterciense e despois de recibir a absolución e a extrema unción polo arcebispo de Palermo Berardo de Castagna. O seu corpo foi trasladado a Palermo e depositado nun sarcófago de pórfiro na Catedral.[9]

No seu testamento Frederico designou a Conrado herdeiro do Imperio e do Reino; antes da chegada de Conrado de Alemaña, o seu fillo ilexítimo Manfredo, tido con Bianca Lancia, actuou como rexente en Italia. Frederico tamén ordenou a restitución dos seus dereitos á Igrexa romana, coa reserva da restauración dos dereitos imperiais, os da Igrexa siciliana e os dalgunhas Ordes de cabalaría. Tendo en conta os gravosos impostos do Reino, estableceu que os tributos volveran ao nivel que tiñan na época do rei Guillerme II.[9]

Matrimonios e descendencia

[editar | editar a fonte]
  • Margarida (novembro de 1226 - agosto de 1227).
  • Conrado IV, Rei de romanos.
  • Xordán (nado na primavera de 1236, non logrou sobrevivir un ano). A este neno se lle deu o nome de pila de Xordán porque foi bautizado con auga traída para tal efecto desde o río Xordán.
  • Inés (n. e m. en 1237).
  • Henrique Otto (18 de febreiro de 1238 - maio de 1253), en honor de Henrique III de Inglaterra tío seu, foi nomeado gobernador de Sicilia e comprometeu a ser o rei de Xerusalén despois da morte de seu pai, pero el morreu tres anos despois que aquel e nunca foi coroado. Comprometeuse con varias sobriñas do papa Inocencio IV, pero non casou con ningunha.
  • Frederico (1239-1240)
  • Margarida de Sicilia (1 de decembro de 1241 - 8 de agosto de 1270), casada con Alberte II de Meissen.
  • Frederico tiña unha relación con Bianca Lancia (ca. 1200/10-1230/46), posibelmente a partir de 1225. Unha fonte afirma que durou 20 anos. Outras, que casou co emperador en articulo mortis. Bianca deulle tres fillos:

Mateo de París relata a historia dun matrimonio en artículo mortis (no leito de morte) entre eles cando Bianca estaba morrendo, pero este matrimonio nunca foi recoñocido pola Igrexa. Porén, os nenos de Bianca foron considerados segundo parece por Frederico como lexítimos, evidenciándose isto polo matrimonio da súa filla Constanza co emperador de Nicea, e porque nomeou a Manfredo príncipe de Taranto e rexente de Sicilia.

Amantes e descendencia ilexítima

[editar | editar a fonte]
  • Cunha condesa siciliana de nome descoñecido. Foi a primeira amante coñecida de Frederico II, rei nese tempo de Sicilia. A súa filiación exacta descoñécese, pero no Thomas Tusci Gesta Imperatorum et Pontificum dise que era unha «nobre condesa herdeira, do Reino de Sicilia». Deulle un fillo:
  • Frederico de Pettorana, que fuxiu a España coa súa esposa e os seus fillos en 1240, pero os seus dous fillos morreron alí á idade de dous e un anos.
  • Adelaida de Urslingen (c. 1184 - c. 1222). A súa relación con Frederico II levouse a cabo durante o tempo que Frederico estivo en Alemaña (entre 1215 e 1220). De acordo con algunhas fontes, Adelaida estaba relacionada coa familia Hohenburg baixo o nome de Alayta de Vohburg (en italiano: Alayta di Marano), pero a teoría máis aceptada indica que era a filla de Conrado de Urslingen, conde de Asís e duque de Spoleto.
  • Cunha dama de nome descoñecido, da familia dos duques de Spoleto. Algunhas fontes din que Catalina era unha irmá de Enzo e, en consecuencia, tamén filla de Adelaida de Urslingen.
  • Catarina de Marano (1216/18 - 1272), que casou en primeiro lugar cun descoñecido e en segundo lugar con Giacomo del Carretto, marqués de Noli e Finale.
  • Matilda ou María de Antioquía.
  • Manna, irmá do arcebispo de Mesina.
  • Con damas de nome descoñecido:
  • Selvaggia (1223-1244), casada con Ezzelino III de Roma
  • Blanca Flor (1226-1279), monxa dominicana en Montargis, Francia.
  • Xerardo (morto despois de 1255).

A idea imperial de Frederico

[editar | editar a fonte]
Frederico II no anverso dun augustal da ceca de Messina, coa aparencia dun emperador romano

Coa morte de Frederico terminou o seu grande Imperio, o proxecto que concibira desde a súa primeira viaxe, chea de incerteza, a Alemaña e que cultivara até o seu fin, co favor da sorte, cunha actividade continua e con non menor enerxía, a pesar das derrotas e as oposicións irredutíbeis que despertaban. A súa morte foi tamén o final da idea imperial e do dominio dos suabos, que con Fededrico e os seus inspiradores literarios e intelectuais de Palermo a Aquisgrán, e de Roma a Xerusalén, gañaran forza e consistencia. Da tradición imperial de Roma e das culturas orientais do soberano tamén derivou o principio da deificación do príncipe, que provocou igualmente a súa veneración, e que as xeracións posteriores foron capaces de repetir só parcialmente como unha ideoloxía do poder. Se a concepción imperial baseada nunha nova sacralización da acción de goberno e dun retorno aos antigos conceptos dunha monarquía universal non sobreviviu a Frederico como principio político autónomo, por outra parte a posición deste emperador, partidario dunha concepción laica do Estado fronte á supremacía papal, baseada na supremacía espiritual, estaba destinada a prevalecer: para as futuras xeracións Frederico representaría un precursor do concepto de Estado moderno e emancipado da Igrexa.[9]

Stupor mundi

[editar | editar a fonte]

Frederico II foi coñecido no seu tempo como stupor mundi (o pasmo do mundo) polo seu carácter excéntrico e heterodoxo e polos seus coñecementos. Del se dixo que falaba nove linguas e que escribía en sete (outras fontes reducen o as linguas faladas a seis: latín, siciliano, alemán, francés, grego e árabe),[10] a diferenza doutros monarcas da súa época, moitos deles analfabetos. A súa curiosidade intelectual levoluno a fundar a Escola siciliana de poetas, e a afondar na filosofía, a astronomía, as matemáticas, a medicina e as ciencias naturais. En 1224 fundou a Universidade de Nápoles.

Escribiu algúns libros: un dos máis coñecidos é De arte venandi cum avibus, que é un tratado de cetraría, e tamén un libro simbólico e filosófico. Tamén escribiu poemas.

Dise que, no seu interese por dilucidar cal fora a lingua orixinaria da humanidade, ordenou illar a un bebé de todo contacto verbal, esperándose que o neno, ao crecer sen sentir nunca falar a ninguén en ningún idioma, aprendería espontaneamente a falar na lingua orixinal da humanidade, que Frederico sostiña que era o hebreo. O experimento fracasou porque as aias do neno aprendérono a falar ás agachadas. O seu carácter foi cualificado de extravagante, desprezando todas as convencións sociais da época, tales como as relacións de vasalaxe, o concepto de honor etc. Isto, a longo prazo, causolle graves problemas políticos, ao ser visto como un posíbel socio pouco de fiar.

Estimando a fondo a célebre obra lexislativa de Frederico II, obsérvase, así e todo, que non é tan revolucionaria como parece e que se asenta de feito na obra dos seus predecesores normandos, especialmente de Roxerio II de Sicilia.

Frederico II, emperador dos últimos días

[editar | editar a fonte]

Segundo unha versión Frederico II cualificou a Cristo, Moisés e Mahoma como un trío de impostores (atribúese a Averroes un escrito sobre o tema) e descoñeceu abertamente a autoridade papal, sendo esta a verdadeira causa pola que foi excomungado por Gregorio IX e Inocencio IV, e polo primeiro concilio ecuménico de Lión (1245), que o depuxo como emperador por perxuro, herexe e perturbador da paz. A súa resposta foi crear unha nova relixión, da que el se proclamou o Mesías, reservando ao seu ministro Pietro della Vigna o rango de san Pedro.[11][12]

Frederico II foi obxecto de sorprendentes esperanzas escatolóxicas. De feito, todo o que os franceses esperaban de Carlomagno e dos Capetos, os alemáns esperábano del. Ao morrer Frederico Barbarroxa en 1190 comezaron a aparecer profecías en Alemaña que falaban dun futuro Frederico, emperador dos últimos días, que liberaría o Santo Sepulcro e prepararía o camiño para a segunda vinda de Xesucristo. A súa brillante personalidade favoreceu o nacemento dun mito mesiánico. Marchou á cruzada en 1229 e reconquistou Xerusalén, coroándose rei. Tivo conflitos encarnizados co papado, foi varias veces excomungado como herexe, perxuro e blasfemo, do que se vingaba tratando de despoxar á Igrexa da riqueza que supostamente era a orixe da súa corrupción.

Xoaquín de Fiore (1135-1202), abade, teólogo e escritor napolitano nado en Calabria, na súa Concordia tra il vecchio e il nuovo testamento e l'Esposizione dell'Apocalisse, comparaba a Xesucristo con Salomón, fillo predilecto do rei David, e equiparaba a Frederico II con Abxalom, fillo rebelde daquel. Para todos os xoaquinistas, Frederico II era considerado como o Anticristo, ou polo menos un dos seus precursores. Xoaquín de Fiore profetizara o seu nacemento de Constanza, esposa de Henrique VI de Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e dicía del que sería o futuro e máis perigoso inimigo da Igrexa. Posteriormente, cando os protoespiritualistas franciscanos retomaron os seus escritos, terxiversáronos até o infinito. No pseudoxoaquinista Comentario sobre os últimos días, escrito en 1241, prognosticábase que Frederico II perseguiría tanto á Igrexa que no ano 1260 quedaría totalmente destruída. Para os protoespiritualistas italianos, o emperador era o Anticristo en persoa, e o seu Reino, a nova Babilonia. En Alemaña, en cambio, seguía sendo visto como o salvador ou Mesías, cuxa misión comprendía o castigo da Igrexa.[13]

Para sorpresa de todos, Frederico II morreu no ano 1250, dez anos antes do prognosticado fin do mundo, sen poder chegar a cumprir a súa misión escatolóxica. Pronto comezou a rumorearse que seguía vivo. Aínda máis, segundo algúns, resucitou, pois foi visto entrar nos cráteres do Etna, mentres un exército de cabaleiros descendía cara ao embravecido mar siciliano.

Tal lenda deu pábulo para que moitos anos despois aparecera un pretendido Frederico II resucitado, causando gran balbordo en Italia e Alemaña, sendo finalmente executado cando a farsa foi descuberta.[14]

Predecesor:
Henrique VI
Rei titular de romanos
1196 - 1198
Sucesor:
Filipe de Suabia
Predecesor:
Otón IV
Rei de romanos
1212 - 1215 Rei rival
1215 - 1220 Rei lexítimo
Sucesor:
Henrique VII
(1220-1235)
e Conrado IV
(1237-1254)
Predecesor:
Otón IV
Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico

1220 - 1250
Sucesor:
Henrique VII
Predecesor:
Constanza I
Rei de Sicilia

1198 - 1250
con Henrique II (1212–1217)
Sucesor:
Conrado
Predecesor:
Iolanda
(1212–1228)
Rei de Xerusalén

1225 - 1228
Sucesor:
Conrado II
Predecesor:
Otón IV
Duque de Suabia

12121216
Sucesor:
Henrique II
  1. "Frederico na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  2. Frederico II Arquivado 18 de decembro de 2012 en Wayback Machine., en Treccani (en italiano). Consultada o 11 de outubro de 2016.
  3. Cómpre ter en conta que toda a Crónica de Villani está chea de clamorosas inexactitudes: Constanza era tía de Guillerme e non irmá (serocchia); o matrimonio tivo lugar en Milán e non en Roma; Constanza casou aos 32 anos e non aos 50; pariu aos 40 anos e non aos 52; o nacemento tivo lugar na praza de Jesi e non en Palermo. Baséandose nestas inexactitudes, a crítica actual tende, por tanto, a considerar como produto da fantasía popular incluso as outras referencias de Villani relacionadas cos seus presuntos votos monásticos e o episodio da tenda de campaña de Iesi.
  4. Le leggi di Federico Arquivado 13 de outubro de 2016 en Wayback Machine., en Treccani (en italiano). Consultada o 11 de outubro de 2016.
  5. Lindberg, David C. (2002): Los inicios de la ciencia occidental. La tradición científica europea en el contexto filosófico, religioso e institucional (desde el 600 a.C. hasta 1450). Barcelona: Paidós Ibérica, capítulo 13. ISBN 978-84-4931-293-0.
  6. Constantinus Africanus (1983): Constantini Liber de Coitu: El tratado de andrología de Constantino el Africano. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. (Monografías da Universidade de Santiago de Compostela). ISBN 978-84-7191-309-8.
  7. Leonard D. Rosenman (2002): La cirugía de Roger Frugard.
  8. Guerra, Francisco (1089): Historia de la Medicina I. Madrid: Ediciones Norma S.A., páx. 221.
  9. 9,0 9,1 9,2 Norbert Kamp: Federico II, na Enciclopedia Federiciana, Vol I, Istituto dell'Enciclopedia Italiana Treccani en liña (en italiano). Consultada o 13 de outubro de 2016.
  10. “How Frederick II. was consecrated and made Emperor”, en Crónica de Giovanni Villani. Book VI, § 1. (en inglés). Consultada o 13 de outubro de 2016.
  11. José Oscar Frigerio (2000): "Profecías y temores del fin de milenio", en Historia, nº 79, Buenos Aires.
  12. Rodolfo Puigross (1969): La Cruz y el Feudo. Buenos Aires. Carlos Perez Ed. ISBN 978-98-7987-244-4.
  13. Felice Tocco (1884): L'eresia nel Medio Evo: Catari, Valdesi, Gioacchino da Fiore. Firenze: Sansoni.
  14. Norman Cohn (1981): En pos del milenio: Revolucionarios, milenaristas e anarquistas místicos de la Edad Media. Masdrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-2062-293-4. Reeditado en 2015 por Pepitas de calabaza Ed, Logroño. ISBN 978-84-1586-231-4.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Abulafia, David (1990): Federico II. Un imperatore medievale. Torino: Einaudi. ISBN 978-88-0613-197-5.
  • Wolfgang Stürner (2009): Federico II e l'apogeo dell'impero. Roma: Salerno Editrice. ISBN 978-88-8402-679-8.
  • Brando, Marco (2008): Lo strano caso di Federico II di Svevia. Un mito medievale nella cultura di massa. Bari: Palomar. ISBN 978-88-7600-286-1.
  • Horst, Eberhard (1981): Federico II di Svevia. Milán: Rizzoli. ISBN 978-88-1711-621-1.
  • Stürner, Wolfgang (2009): Federico II e l'apogeo dell'impero. Roma: Salerno Editrice. ISBN 978-88-8402-679-8.
  • Vessella, Daniele e Pierluigi De Iulio (2005): Federico II, stupor mundi. Cosenza: Le Nuvole. ISBN 978-88-8834-350-1.
  • Wies, Ernst Wilhelm (1997): Federico II: Messia o Anticristo? Genova: ECIG. ISBN 88-7545-747-6

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]