Saltar ao contido

Bell OH-58 Kiowa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bell OH-58 Kiowa
OH-58D Kiowa Warrior
Tipohelicóptero de observación e recoñecemento
FabricanteBell Helicopter
Primeiro voo10 de xaneiro de 1966
Introducidomaio de 1969
Produción1966-1989
Unidades construídas2 200

A Bell OH-58 Kiowa é unha familia de helicópteros utilitarios militares dun motor usados para observación e apoio directo de fogo. Bell Helicopter fabricou o OH-58 para o Exército dos Estados Unidos baseándose no seu Model 206A JetRanger. O OH-58 estivo en servizo co Exército estadounidense dende 1969 ata 2017, cando foi substituído no seu rol polo Boeing AH-64 Apache.

O seu último modelo, o OH-58D Kiowa Warrior, úsase principalmente como helicóptero de recoñecemento armado en apoio a tropas de terra. O OH-58 exportouse a Austria, Canadá, Croacia, República Dominicana, Taiwán, Arabia Saudita e Grecia. Tamén foi fabricado baixo licenza en Australia.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Helicóptero de Observación Lixeiro (LOH)

[editar | editar a fonte]

O 14 de outubro de 1960 a Armada dos Estados Unidos solicitou a 25 fabricantes de helicópteros no nome do Exército propostas para un Helicóptero de Observación Lixeiro (LOH). Bell Helicopter entrou na competición xunto con outros 12 fabricantes, incluídos Hiller Aircraft e Hughes Tool Co., Aircraft Division. Bell presentou o deseño D-250, que sería designado YOH-4. O 19 de maio de 1961 Bell e Hiller foron anunciados como gañadores da competición de deseño.

Bell desenvolveu o deseño D-250 no helicóptero Model 206, redesignado como YOH-4A en 1962, e fabricou cinco prototipos para a fase de avaliación e probas do Exército. O primeiro fixo o seu voo de estrea o 8 de decembro dese ano.[1] O YOH-4A tamén foi coñecido como o Ugly Duckling (o parrulo feo) en comparación cos outros aparellos da competición.[1] Tras probar os prototipos de Bell, Hughes e Fairchild-Hiller, o Hughes OH-6 Cayuse foi escollido en maio de 1965.[2]

Cando o YOH-4A foi rexeitado polo Exército Bell resolveu o problema de comercializar o aparello. Ademais do problema de imaxe, o helicóptero carecía de espazo de carga e só tiña espazo reducido para os tres pasaxeiros planeados na parte de atrás. A solución foi redeseñar a fuselaxe para que fose máis elegante e estética, engadindo 0,45 m³ de espazo de carga no proceso. O aparello redeseñado foi designado como Model 206A e o presidente de Bell Edwin J. Ducayet chamouno JetRanger denotando unha evolución dende o popular Bell 47J Ranger.

En 1967 o Exército reabríu as ofertas para a competición LOH debido a que Hughes Tool Co. Aircraft Division non podería cumprir coa demanda contractual de produción.[3] Bell reenviou ao programa o Bell 206A. Fairchild-Hiller non puido volver a enviar o seu YOH-5A, que comercializara exitosamente como o FH-1100. Ao final Bell mellorou a oferta de Hughes para gañar o contrato e o Bell 206A pasaría a ser designado OH-58A. Segundo a convención de nomes do Exército o OH-58A foi bautizado como Kiowa, na honra da tribo nativa americana.[4]

Helicóptero de exploración avanzado

[editar | editar a fonte]

Nos anos 70 o Exército estadounidense comezou a avaliar a necesidade de mellorar as capacidades dos seus aparellos de exploración. Anticipando a substitución do venerable AH-1 por parte do AH-64A, o Exército comezou a barallar a idea dun Programa de Exploración Aérea para estimular o desenvolvemento de capacidades tecnolóxicas avazadas para un equipo de visión nocturna e navegación de precisión.

O Exército creou unha forza especial en Fort Knox para desenvolver os requisitos do sistema a principios de marzo de 1974,[5] e en 1975 a forza especial ideara os requisitos para un para un programa de Helicóptero de Exploración Avanzado (ASH). Os requisitos formuláronse en torno a unha aeronave capaz de actuar de día, de noite e con meteoroloxía adversa, e que fose compatible con todos os sistemas de armas avanzados planeados para ser desenvolvidos e despregados nos 80. O programa foi aprobado polo Consello de Revisión de Adquisición do Sistema e o Exército preparouse para un desenvolvemento competitivo que comezaría o seguinte ano.[6] Porén, cando o Exército intentaba de facer queo proxecto saíse adiante, o Congreso negouse a proporcionar financiamento no presuposto do ano fiscal de 1977 e a oficina do director do proxecto ASH pechouse o 30 de setembro de 1976.[7]

Aínda que non se produciu ningún desenvolvemento nos seguintes anos, o programa sobreviviu como un requisito sen financiamento. O 30 de novembro de 1979 tomouse a decisión de adiar o desenvolvemento dun helicóptero de exploración avanzada en favor de buscar a modificación de células existentes no inventario como unha opción de helicóptero explorador a curto prazo (NTSH polas súas siglas en inglés). O desenvolvemento dunha mira montada nun mastro sería o foco principal para mellorar a habilidade do aparello para realizar misións de recoñecemento, vixilancia e adquisición de brancos mentres permanecía oculto tras árbores ou o terreo. Tanto o UH-1 como o OH-58 foron avaliados como candidatos NTSH, pero o UH-1 foi eliminado debido ao seu tamaño máis grande e facilidade de detección. O OH-58 pola súa banda demostrou unha redución dramática na detectabilidade cunha mira montada nun mastro.

O 10 de xullo de 1980 o Exército decidiu que o NTSH sería un programa de modificación competitivo baseado nos desenvolvementos da industria de helicópteros comerciais, en particular no desenvolvemento de Hughes Helicopters do Hughes 500D que proporcionou importantes melloras sobre o OH-6.[8]

Programa de Mellora do Helicóptero do Exército (AHIP)

[editar | editar a fonte]

A decisión do Exército de mercar o NTSH resultou no Programa de Mellora do Helicóptero do Exército (AHIP). Tanto Bell Helicopter como Hughes Helicopters redeseñaron as súas aeronaves de exploración para competir polo contrato. Bell ofreceu unha versión máis robusta do OH-58 no seu modelo 406,[9] e Hughes ofreceu unha versión actualizada do OH-6. O 21 de setembro de 1981, Bell Helicopter Textron foi premiada cun contrato de desenvolvemento.[10][11] O primeiro prototipo voou o 6 de outubro de 1983 e o aparello entrou en servizo en 1985 como o OH-58D.[12]

Inicialmente destinado aos roles de ataque, cabalaría e artillaría, o Exército só aprobou un nivel baixo de produción inicial e dedicou o OH-58D a roles de observación de campo de artillaría. O Exército tamén ordenou que se realizase unha proba de seguimento para avialiar máis o aparello debido ás deficiencias detectadas. O 1 de abril de 1986 o Exército creou un grupo de traballo en Fort Rucker, Alabama, para arranxar as deficiencias do AHIP.[12] En 1988 o Exército planeara rematar co OH-58D e centrarse no LHX; porén, o Congreso aprobou 138 millóns de dólares para ampliar o programa, pedindo que o AHIP operase co Apache como un equipo de cazador/asasino; o AHIP localizaría obxectivos e o Apache acabaría con eles nun retorno á tradicional relación OH-58/AH-1.[13]

A Secretaría do Exército ordenou no seu lugar que os sistemas de armamento do aparello se actualizasen, baseándose na experiencia do rendemento operativo dos OH-58D armados da Task Force 118 no golfo Pérsico apoiando a operación Prime Chance, que foron usados principalmente para a observación e o recoñecemento armado.[14] A aeronave armada sería coñecida como o OH-58D Kiowa Warrior, denotando a súa nova configuración armada. Comezando coa produción do aparello 202 (s/n 89-0112) en maio de 1991, todos os OH-58D restantes foron fabricados na configuración Kiowa Warrior. En xaneiro de 1992 Bell Helicopter recibiu o contrato para converter os restantes OH-58D Kiowa á configuración Kiowa Warrior.

  1. 1,0 1,1 "Bell 206 JetRanger". www.1000aircraftphotos.com. Consultado o 2018-11-17. 
  2. Spenser, Jay P (1998). Whirlybirds, A History of the U.S. Helicopter Pioneers. University of Washington Press. ISBN 0-295-98058-3. 
  3. Holley and Sloniker, p. 8
  4. Holley and Sloniker, p. 90
  5. "Chapter XI: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1974". history.army.mil. Consultado o 2018-11-19. 
  6. "Chapter 10: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1975". history.army.mil. Consultado o 2018-11-19. 
  7. "Chapter 10: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1976". history.army.mil. Consultado o 2018-11-19. 
  8. "Chapter 11: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1980". history.army.mil. Consultado o 2018-11-20. 
  9. "Historic U.S. Army Helicopters". 2007-02-24. Archived from the original on 24 de febreiro de 2007. Consultado o 2018-11-23. 
  10. "The AHIP: Field Artillery Aerial Observer Platform of the Future" (PDF). Field Artillery Magazine. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de novembro de 2016. Consultado o 2018-11-23. 
  11. "Chapter 11: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1981". history.army.mil. Consultado o 2018-11-23. 
  12. 12,0 12,1 "Chapter 4: Modernizing and Equipping the Army - DAHSUM FY 1986". history.army.mil. Consultado o 2018-11-23. 
  13. "Chapter 4: Modernizing and Equipping the Army - DAHSUM FY 1988". history.army.mil. Consultado o 2018-11-23. 
  14. "Chapter 11 - 1989 DAHSUM". history.army.mil. Consultado o 2018-11-23. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Holley, Charles, e Mike Sloniker. Primer of the Helicopter War. Grapevine, Tex: Nissi Publ, 1997. ISBN 0-944372-11-2.