Benjamin Guggenheim
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de outubro de 1865 Filadelfia, Estados Unidos de América |
Morte | 15 de abril de 1912 (46 anos) océano Atlántico Norte |
Causa da morte | afogamento |
Educación | Peirce College (en) |
Actividade | |
Ocupación | emprendedor |
Familia | |
Cónxuxe | Floretta Seligman |
Fillos | Peggy Guggenheim, Hazel King-Farlow |
Pai | Meyer Guggenheim |
Irmáns | William B. Guggenheim Isaac Guggenheim Murray Guggenheim Solomon R. Guggenheim Simon Guggenheim Daniel Guggenheim |
Cronoloxía | |
10 de abril de 1912-15 de abril de 1912 | viaxe de inauguración do RMS Titanic |
Benjamin Guggenheim, nado en Filadelfia (no estado de Pensilvania) o 25 de outubro de 1865 e finado o 15 de abril de 1912 no océano Atlántico no afundimento do RMS Titanic, foi un empresario estadounidense, o quinto dos sete fillos do magnate adicado á minaría e metalurxia Meyer Guggenheim.
Carreira empresarial
[editar | editar a fonte]Aínda que Benjamin Guggenheim herdara unha considerable fortuna do seu pai, non tiña habilidade para os negocios, polo que a súa herdanza diminuíu considerablemente debido a un gran número de desastrosos investimentos.
Casou con Floretta Seligman, filla de James Seligman, un socio principal na firma J & W Seligman, e de Rosa Seligman, con quen tivo tres fillas unha delas, a mecenas Peggy Guggenheim. Porén, tiña unha coñecida fama de mullereiro, vivía habitualmente no seu apartamento de París lonxe da súa dona e as súas fillas, aparentemente por mor dos seus negocios, pero na realidade vivía con algunha das súas amantes.
RMS Titanic
[editar | editar a fonte]Cando o mércores 10 de abril de 1912 embarcou no RMS Titanic en Cherbourg (Francia), acompañábao a súa amante a cantante francesa Léontine Aubart, así como un gran número de criados, un chofer, unha doncela, un mozo e o seu mordomo e home de confianza Giglio, con quen posteriormente finaría.
Guggenheim e Giglio estaban durmindo cando o Titanic chocou contra o iceberg. Ningún deles lle deu importancia e non se molestaron en erguerse da cama. O tripulante encargado do seu camarote tratou de que o mordomo espertase o seu señor non consintíndoo este, posto que "só era un iceberg entre moitísimos icebergs". Máis tarde, vindo a cariz que comezaban a tomar os acontecementos, Guggenheim foi levantado e persuadido para que se vestise con roupa de abrigo e subise á cuberta do barco. Cando se despediu da súa amante e a súa criada díxolles que se verían pronto e que volverían a viaxar no "Titanic".
Ao comprobar o difícil da situación, cando Guggenheim se decatou de que o Titanic afundía sen remedio, baixou ao seu camarote e cambiou o salvavidas e o xersei por un frac. Cando regresou a cuberta anunciou que "xa que vou morrer, quero facelo como un cabaleiro". Engadindo que "ningunha muller quedará a bordo deste barco porque Benjamin Guggenheim se acovardou".
Tanto el coma os seus criados finaron e os seus corpos nunca foron recuperados.