Blandín de Cornualla
Blandín de Cornualla (en occitano: Blandin de Cornoalha) é un relato anónimo do século XIII ou XIV, composto en verso en lingua occitana.
Trama
[editar | editar a fonte]Dous cabaleiros, Blandín de Cornualla e o seu amigo Guillot (ou Guiot) Ardit de Miramar, van á busca de aventura. Un can guíaos ata unha cova. Alí Blandín bate un xigante e rescata dúas doncelas reféns.
Os dous cabaleiros e as doncelas van ata un castelo onde a familia delas está retida por outros xigantes. Blandín e Guillot tamén os baten. Despois deste episodio, ambos os dous atópanse cun paxaro que fala e lles indica unha piñeira dende a que parte un camiño ancho e outro estreito. Guillot colle o camiño ancho e remata por loitar contra un Cabaleiro Negro, a quen mata. Porén, os homes deste cabaleiro atrapan a Guillot e encarcérano. Blandín, pola súa banda, colle o camiño estreito e atópase cunha doncela que lle troca furtivamente o cabalo. O animal lévao onda un tal Peitavín, que se converte no seu escudeiro, e condúceo ata un castelo onde está encerrada unha doncela cuxo nome é Brianda. O pai de Brianda fixéraa caer nunha especie de soño encantado. Blandín bate dez homes e entra no castelo.
Alí atópase co irmán da doncela durmida, quen lle explica que para desencantala débese apoderar dun azor branco. Para logralo Blandín vence unha serpe, un dragón e un sarraceno. Finalmente o azor, rozando a man de Brianda, libéraa do seu encantamento. Brianda revela a Blandín que a doncela que lle cambiara o cabalo era unha enviada súa para que el acudise para acorrela. Blandín deixa momentaneamente a Brianda e va á procura de Guillot. Despois de bater ao señor que o mantén encarcerado, libérao. Ambos os dous tornan ao castelo de Brianda. Blandín casa con ela. Irlanda, irmá de Brianda, casa con Guillot. Os dous cabaleiros deciden non emprenderen novas aventuras.[1]
Autor
[editar | editar a fonte]Basicamente existen tres hipóteses sobre a autoría do relato. Segundo a primeira, o comporía Aliénor da Provenza. Esta hipótese baséase en que Xoán de Nostradamus sostivo que esta señora o enviara a un integrante da casa real inglesa.[2] Claude Charles Fauriel máis tarde esaxerou esta afirmación, que xa era dubidosa,[3] convertendo a Aliénor na autora, e despois Agnes Strickland reafirmou esta aseveración.[4] Estudosos do presente século consideran improbable esta hipótese.[5]
A segunda hipótese despréndese do texto occitano: o autor é anónimo pero sería un provenzal. A presenza de elementos lingüísticos impropios do occitano é explicada por Camille Chabaneau, quen sostén que o texto foi elaborado por un occitano inculto.[6] A. Alart[7] e, en 1961, Pere Bohigas i Balaguer, tenden a reafirmar esta hipótese.[8]
Aínda que o autor segue sendo anónimo, considérase que podería pertencer ao dominio lingüístico catalán, xa que o texto está redactado nun occitano cheo de catalanismos. O occitano era unha lingua literaria con prestixio e é próxima ao catalán, o que fai máis plausible a hipótese dun poeta catalanófono que se esforzara por escribir en provenzal.[9] Neste século esta última é a hipótese máis aceptada.[10]
Datación
[editar | editar a fonte]A obra data do século XIII ou XIV.[11][12] A primeira mención do Blandín data de finais do século XVI, e áchase en Les vies des plus célebres et anciens poetes provençaux, de Xoán de Nostradamus.[13]
A copia máis antiga do Blandín dataría do século XVIII. É un manuscrito que o duque Vítor Amadeu II de Savoia doou á Biblioteca Nacional de Turín cando foi fundada en 1720.[14]
Xénero literario
[editar | editar a fonte]O Blandín é un texto narrativo composto en versos pareados octosílabos consoantes -ás veces irregulares- agrupados en series longas.[15] O autor, no propio texto, chama o seu relato un “dictat”. A clasificación segundo os estándares actuais é complexa, pero o Blandín foi considerado unha novela (roman) ou unha novela curta ou conto longo (nouvelle).[16]
Características do texto
[editar | editar a fonte]Tópicos e elementos folclóricos: É unha obra relacionada coa materia de Bretaña, elaborada baixo a concepción medieval do amor cortés. Contén diversos elementos folclóricos e clásicos, como o heroe que vai á procura de aventuras cun axudante de menor prestixio, antagonistas fantásticos (dragóns, serpes, xigantes, etc.), desenvolvemento da trama segundo un esquema de camiño ou itinerario, o motivo da dama encantada ou bela dormente, animais-guía (típicos do lai francés), a reunión final e o final feliz (con festa, xusta e voda). Contén tamén varios tópicos recorrentes, como o locus amoenus (os lugares onde adoitan descansaren Blandín e Guillot), o locus eremus, (bosques ou cavernas escuras onde existe un perigo latente), breves descriptio puellae (todas as mulleres, excepto unha xigante, son fermosas, graciosas, branquísimas, etc.).[17]
Relación coa materia de Bretaña: Amais da orixe cornuallesa de ambos os dous cabaleiros -dos cavaliers / de Cornoalha bons guerriers (v 3-4)-,[18] varios “motivos” máis vinculan o Blandín coa materia de Bretaña:[19]
- Lo Brächet (o can que guía aos heroes á aventura, común nos relatos artúricos).
- L'Ausel Parlant (o paxaro que fala aparece en Le chevalier au Papegau e en Les Merveilles de Rigomer).
- La Donzella d'Otra Mar (A doncela que troca furtivamente o seu cabalo polo de Blandín remata sendo unha enviada da dama dormente, e podería ser equiparada cunha fada; iso explicaría como Brianda, encantada, pode enviala: envíaa dende outro mundo; por iso a doncela é chamada así).
- Donselas Conquistadas (o rescate das dúas doncelas, e despois dos seus parentes, das mans de xigantes malignos, motivo xa empregado por Godofredo de Monmouth).
- Un Cavalier Armat de Negre (Na historia do enfrontamento entre o Cabaleiro Negro e Guillot aparecen máis trazos tradicionais da materia de Bretaña).
Por outra banda existen elementos claramente non artúricos, como o sarraceno contra quen Blandín se bate ou o xentilicio “de Miramar” de Guillot, que o fai parecer un pouco español. Amais, que sexan presentados como cabaleiros vidos de Oriente -cavaliers d'Orien/ sercans avantura veramen (v 515-16)- pode vinculalos tanto cunha tradición literaria hispánica (dous romances españois do mesmo período teñen heroes que afirman vir de Oriente: a Gran conquista de Ultramar, ambientada en Oriente Medio, e El Libro del caballero Zifar). Porén, tamén aparece esta orixe en Cligès de Chrétien de Troyes.[18]
Estrutura narrativa: A trama desenvólvese segundo un esquema de camiño ou itinerario.[20] O texto ten unha estrutura bipartita simétrica común nos romans medievais, segundo a que, excepto o prólogo (v. 1-25) e o epílogo (v. 2.389-2.394), os episodios pódense repartiren en dúas partes nas que os cabaleiros están, de maneira alterna, xuntos ou sós:[21]
Primeira parte (v. 26-542)
Episodio | Xuntos | Blandín | Guillot |
---|---|---|---|
Encontro co can guía (v. 26-75) | X | ||
Rescate das doncelas contra o xigante (v. 76-192) | X | ||
Reencontro e viaxe curta de Blandín e Guillot (v. 193-304) | X | ||
Ataque ao castelo dos xigantes e cadea para Guillot (v. 305-358) | X | ||
Intervención de Blandín, liberación de Guillot e vitoria de ambos (v. 359-542) | X |
Segunda parte (v. 543- 2.388)
Episodio | Xuntos | Blandín | Guillot |
---|---|---|---|
Encontro co paxaro que fala e a piñeira (v. 543-606) | X | ||
Guillot contra o Cabaleiro Negro e prisión de Guillot (v. 607- 982) | X | ||
Rescate da doncela dormente (v. 983-1.936) | X | ||
Reencontro de Blandín con Guillot e dobre matrimonio (v. 1.937-2.388) | X |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vicent Matines Peres. Blandín de Cornualla: versió al català actual i traducció al castellà. Curs 2011-2012. Dispoñible en http://www.ivitra.ua.es/EdicioBlandiin.pdf Arquivado 13 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Jehan Nostredame. Les Vies des plus célèbres et anciens poètes provençaux, eds C. Chabaneau e J. Anglade. París, 1913.
- ↑ Agnes Strickland. Lives of the Queens of England, from the Norman Conquest. Tomo II. Henry Colburn Publisher. Londres, 1840. P. 76-77. Dispoñible en liña en https://ia902704.us.archive.org/21/items/agnesstricklands02striiala/agnesstricklands02striiala.pdf
- ↑ M.A. Burrell. The classification of Blandin de Cornouailles: the romance within and without. Florilegium. Dispoñible en liña en PDF.
- ↑ M.A. Burrell. Op. cit. Páx. 15.
- ↑ Chabaneau, Camille. "Notes critiques sur quelques textes provençaux. Blandinde Cornouailles" Revue des langues romanes I e r série 8 (1877): 31-47.
- ↑ Alart, A. "Observations sur la langue du roman du Blandin de Cornouailles et Guillot Ardit de Miramar". Revue des langues romanes I. série 5 (1874): 275-304.
- ↑ Citado en The classification of Blandin de Cornouailles: the romance within and without, de M.A. Burrell. Florilegium. P. 16. Dispoñible en liña en PDF.
- ↑ Paul Meyer. "Le roman de Blandin de Cornouailles et de Guillot Ardit de Miramar, publié pour la première fois d'après le ms. unique de Turin" Romania 2 (1873): 170-202.
- ↑ Blandín de Cornualla. Introdución de Jordi Tiñena. Edicións Bromera. P. 14-15. Dispoñible en https://drive.google.com/file/d/0B2GFUgeXSgwjanlIX2hNTWpfaWs/edit?pli=1
- ↑ Zulema Jiménez Mola, Un género para «Un bel dictat»: «Blandín de Cornualles». Actas del VIII Congreso Internacional de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval. Santander 22-26 de septiembre de 1999. Palacio de la Magdalena. Universidad Internacional Menéndez Pelayo. Consejería de Cultura del Gobierno de Cantabria.
- ↑ Vicent Martines Peres. Op. cit.
- ↑ M.A. Burrell. Op. cit. P. 13.
- ↑ M.A. Burrell. Op. cit. P. 1.
- ↑ Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 4..
- ↑ Zulema Jiménez Mola. Op. cit.
- ↑ Prof. Dr. Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 3-4.
- ↑ 18,0 18,1 M.A. Burrell. Op. cit. P. 16.
- ↑ Zulema Jiménez Mola. Op. cit, P. 1037.
- ↑ Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 3.
- ↑ Zulema Jiménez Mola. Op. cit, P. 1035.