Materia de Bretaña
A Materia de Bretaña, denominada ás veces ciclo artúrico ou ciclo bretón, é unha temática literaria que trata sobre o Rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda que van á busca do Santo Graal. É unha das temáticas que máis libros produciu na literatura universal. A Materia de Bretaña, xunto coa Materia de Francia (que se refire ás lendas de Carlomagno) e a Materia de Roma (que inclúe materiais da mitoloxía clásica), era un dos tres grandes ciclos literarios da literatura medieval. O poeta francés do século XII Jean Bodel creou o nome segundo as liñas do seu poema épico Chanson de Saisnes:
- Ne sont que III matières à nul homme atandant,
- De France et de Bretaigne, et de Rome la grant.
- Hai soamente tres materias que ninguén debería esquecer,
- a da Francia, a da Bretaña, e a da grande Roma.
Temas e elementos
[editar | editar a fonte]Historia lendaria de Bretaña
[editar | editar a fonte]Comunmente, crese que esta historia lendaria creouse para que servise de base para o patriotismo mitolóxico da illa británica.
A Historia Brittonum, a fonte máis antiga que se coñece da historia de Bruto de Bretaña, puido crearse para posuír unha xenealoxía de varios príncipes galeses do século IX. Considérase que foi Nennio o autor desta primeira fonte, mais non se sabe con seguridade porque existiron varias recensións. Esta historia logrou grande aceptación porque o seu autor creou unha unión entre Bruto e a diáspora dos heroes tras a Guerra de Troia, o cal foi un valioso material usado polos posteriores mitógrafos como Godofredo de Monmouth, Michael Drayton, e John Milton, autores que poderían utilizar isto para conectar as Illas Británicas coa era heroica da literatura grega. Así, por exemplo, Virxilio uniu a fundación mítica de Roma coa Guerra de Troia na Eneida. Godofredo de Monmouth tamén presentou a imaxinaria historia segundo a cal supostamente o nome da tribo celta dos Trinovantes proviña de Troi-novant, isto é, a "Nova Troia".
Outras versións máis especulativas unen a mitoloxía celta con varios gobernantes e incidentes narrados por Godofredo de Monmouth na súa Historia Regum Britanniae. Tamén se suxeriu que, por exemplo, Leir de Bretaña, quen posteriormente sería O rei Lear de Shakespeare, era orixinalmente o deus mariño irlandés Lir. Moitas deidades celtas foron identificadas con personaxes artúricos, como por exemplo a fada Morgana, que se identificou coa deusa irlandesa Mórrígan. Moitas destas identificacións viñeron das especulacións da comparación de relixións a finais do século XIX, algo que se cuestionou posteriormente.
Ao parecer, William Shakespeare estaba moi interesado na historia lendaria de Bretaña, así como tamén nas súas variantes máis escuras. As obras de Shakespeare conteñen varias historias relacionadas con estes reis lendarios, como o Rei Lear e Cimbelino. Crese que o mestre galés de Shakespeare, Thomas Jenkins, foi quen lle presentou este material, e tamén quizais o animou a ler a Godofredo de Monmouth. Estas historias tamén figuran n`As Crónicas de Inglaterra, Escocia e Irlanda de Raphael Holinshed, quen tamén parece ser fonte do Macbeth de Shakespeare. Un mestre galés aparece como o personaxe de Sir Hugh Evans n`As Alegres Comadres de Windsor.
Outros autores tamén usaron as primeiras historias de Artur e as fontes pseudo-históricas da Materia de Bretaña. Os escoceses, por exemplo, formularon unha historia mítica nas liñas reais dos Pictos e os Dalriada. A pesar de seren liñas veraces (a diferenza das de Godofredo), as orixes son pouco precisas e incorporan detalles tanto da historia mítica bretoa como da irlandesa. A historia de Gabhran, en especial, incorpora elementos de ambas as mitoloxías.
O Ciclo artúrico
[editar | editar a fonte]O ciclo literal artúrico é a parte mellor coñecida da Materia de Bretaña. O seu recoñecemento débese a que narra dúas historias entrelazadas que intrigaron a varios autores posteriores. Unha trata sobre Camelot, usualmente visualizada como unha utopía chea de virtude cabaleiresca, algo que posteriormente sería revertido polos erros do rei Artur e Sir Lancelot. A outra historia fala sobre das buscas do Santo Graal feitas por varios cabaleiros, algunhas que foron exitosas (como as de Galahad ou Percival), namentres que outros fallaron (como Sir Lancelot).
As historias medievais de Artur e os seus cabaleiros están cheas de temas cristiáns, os cales tratan sobre a destrución dos virtuosos planos humanos debido ás fallas morais dos personaxes, e a busca dunha importante reliquia cristiá. Finalmente, as relacións de amor cortés entre os personaxes, como Lancelot e Xenevra, ou entre Tristán e Iseu. Posteriormente houbo unha tendencia de unir as historias do Rei Artur e os seus cabaleiros coa mitoloxía celta, en versións reconstruídas a principios do século XX, plenamente románticas.
Ademais, é posible considerar a literatura artúrica en xeral, e especialmente aquelas historias acerca do Graal, como unha alegoría do desenvolvemento humano e o crecemento espiritual (un tema explorado por Joseph Campbell, entre outros).
Fontes orixinais da materia de Bretaña
[editar | editar a fonte]Neste apartado inclúense as fontes orixinais a partir das cales se desenvolve a Materia de Bretaña ou, dito doutra maneira, a literatura artúrica.
- Geoffrey de Monmouth. Historia dos reis de Britania (Historia regum Britanniae). (c. 1135). Hai unha edición en español preparada por Luis Alberto de Cuenca publicada en Edicións Siruela, en 1992.
- Anónimo. Historia de Merlín (século XIII). Elaboración en prosa baseada na obra fragmentaria de Robert de Boron. Encaixa ben co resto da Vulgata. Hai edición en español elaborada por Carlos Alvar publicada en Edicións Siruela en dous volumes (1988).
- Gauter Map (Pseudo Map). Lanzarote en prosa (c. 1230). É a parte principal do ciclo da Vulgata. Componse de tres partes: Historia de Lanzarote do Lago, A procura do Santo Grial e A morte do rei Arturo. Vexámolas:
- Historia de Lanzarote do Lago. Narra a historia da corte do rei Artur desde a morte de Merlín até o comezo d´A demanda do Santo Graal. É a parte máis extensa (1700 páxinas). Hai edición en español elaborada por Carlos Alvar e publicada Alianza Editorial en 7 volumes:
- A raíña do gran sufrimento.
- O libro de Galahot.
- O val sen retorno.
- O libro de Meleagant. Madrid. 1988.
- O libro de Agravaín. Madrid. 1988.
- O bosque perdido. Madrid. 1988.
- A tolemia de Lanzarote. Madrid. 1988.
- Historia de Lanzarote do Lago. Narra a historia da corte do rei Artur desde a morte de Merlín até o comezo d´A demanda do Santo Graal. É a parte máis extensa (1700 páxinas). Hai edición en español elaborada por Carlos Alvar e publicada Alianza Editorial en 7 volumes:
- A procura do Santo Graal. Narra a demanda do Santo Graal. Xunto co Perceval e o Parsifal, son as tres fontes principais sobre o Santo Graal, aínda que ten pouca sintonía con elas. Hai unha edición en español preparada por Carlos Alvar para Alianza Editorial (Madrid, 1987).
- A morte do rei Arturo (c. 1230). A última parte do Lanzarote en prosa. Conta a decandencia e caída do universo artúrico. Non se confunda esta obra coa de Malory. Hai unha edición en español preparada por Carlos Alvar para Alianza Editorial (Madrid, 1987).
- Chrétien de Troyes: Yvain, o Cabaleiro do León (1177-1181) narra unha das aventuras do cabaleiro Yvaín. Hai edición en español preparada por Isabel de Riquer para Alianza editorial, Biblioteca artúrica, Madrid, 2000.
- Chrétien de Troyes: O cabaleiro da carreta (1177-1181) narra unha das aventuras de Lanzarote do Lago. Hai edición en español preparada por Luis Alberto de Cuenca e Carlos García Gual para Alianza editorial (Madrid, 1983).
- Wolfram von Eschenbach: Parsifal ou Parzival (c. 1220). Cuns vinte anos de diferenza co Perceval de Chrétien de Troyes. Ten a vantaxe de ofrecer a historia completa, con especial tratamento do Graal. Hai edición en español preparada por Antonio Regales e publicada en Edicións Siruela.
- Anónimo. O baladro do sabio Merlín (1498?). Reelaboración tardía da Historia de Merlín. Escrita en español. Hai edición en español publicada en Miraguano Ediciones (Madrid, 1988).
A Materia de Bretaña na literatura galega
[editar | editar a fonte]Consérvanse catro textos en prosa da literatura galego-portuguesa medieval que desenvolven as lendas en torno ao Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda:
- Xosé de Arimatea conta a orixe e significado do Santo Graal. O manuscrito é do século XVI, e resulta ser unha copia doutro anterior (Torre do Tombo, Lisboa).
- Livro de Merlin (fragmentos): Narra as profecías do mago Merlín. Procede da Suite de Merlin (Biblioteca de Cataluña) e consérvase nun manuscrito do século XIV.
- A Demanda do Santo Graal trata sobre a busca do Graal por parte dos cabaleiros da mesa redonda. O manuscrito, de fins do XIV ou comezos do XV, está na Biblioteca de Viena.
- Livro de Tristan (fragmentos): Trátase dunha narración dos amores tráxicos de Tristán e Iseu. O manuscrito é de fins do século XIV.
Amais, algúns textos líricos (lais e algunhas referencias noutras cantigas) e outros textos en prosa tamén presentan unha forte presenza da materia de Bretaña.
Xa na literatura galega contemporánea tamén aparece tratada a Materia de Bretaña, principalmente en narrativa. Na noite estrelecida (1926) é unha obra poética de Ramón Cabanillas, conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas. O mesmo autor publicou en 1922 a obra O cabaleiro do Sant Grial. Merlín e familia (1955) é un texto narrativo de Álvaro Cunqueiro que narra a estancia de Merlín nas terras de Miranda. Amor de Artur é unha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín. Outras novelas en lingua galega que falan da Materia de Bretaña son Irmán rei Artur (Carlos González Reigosa, 1987), Galván en Saor (Darío Xohán Cabana, 1989) e Morgana en Esmelle (Begoña Caamaño, 2012).
Noutras ocasións, a materia de Bretaña é tomada como pretexto para desenvolver novas tramas. Así acontece na novela negra A procura do falso Grial (Manuel Forcadela, 2006).
Personaxes e temas
[editar | editar a fonte]Reis lendarios e fundadores
[editar | editar a fonte]
|
|
Outras personaxes
[editar | editar a fonte]
|
Principais autores
[editar | editar a fonte]Medievais (do século VI ao XVI)
[editar | editar a fonte]Modernos e contemporáneos (dos séculos XVI ao XXI)
[editar | editar a fonte]Obras anónimas
[editar | editar a fonte]Obras | Século |
---|---|
L'Âtre Périlleux (on Gawain) | XIII |
Blandin de Cornouaille | XIV |
Le Chevalier à l'Épée | |
Le Chevalier au Papegau | |
La Demoiselle à la Mule | XII |
Gliglois (heroe que entra ao servizo de Galván) | |
Hunbaut | |
A vida de Caradoc | |
Ciclo de Lanzarote-Graal | XIII |
O Mabinogion (en galés medieval) | |
Ciclo Pos-Vulgata (posterior a Lanzarote-Graal) | XIII |
Les Merveilles de Rigomer (Lanzarote, Galván e 58 cabaleiros) | XIII |
Perlesvaus ou le Haut Livre du Graal | XIII |
Le Roman de Jaufré | |
Sir Gawain e o Cabaleiro Verde | |
O romance en prosa Tristán |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Derek Pearsall, Arthurian Romance: a short introduction, Blackwell, Oxford, 2005.
- D. H. Green, The Beginnings of Medieval Romance: Fact and fiction, 1150–1220, CUP Cambridge 2005.
- Carol Dover (ed), A Companion to the Lancelot-Grail Cycle, Boydell & Brewer, 2005.
- Lorenzo Gradín, P. e Souto Cabo, J. A.: Livro de Tristan e Livro de Merlin. Estudio, edición, notas e glosario. CRPIH, 2001.