Lanzarote do Lago
Lanzarote do Lago,[1] ou Lancelote do Lago[1] (Sir Lanzarote, Lancelot of the Lake ou Lancelot du Lac) é un dos cabaleiros da Mesa Redonda, pertencente ao conxunto de lendas artúricas.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Na maioría dos romances e escritos en prosa francesa, Lanzarote é caracterizado como o máis grande e confiábel de todos os cabaleiros do Rei Artur, desempeñando sempre unha parte importante en moitas das vitorias do rei, aínda que tamén a eventual caída de Artur se debe en parte ao propio Lanzarote, cuxo involucramento coa esposa do seu señor, a raíña Xenevra, destrúe a unidade da corte real.
Lanzarote é un personaxe popular, e aparece en poemas, contos, obras teatrais e películas como unha figura relevante do círculo das lendas artúricas. Para a gran maioría dos seguidores desta literatura, non hai outro cabaleiro máis coñecido, de entre todos os da mesa redonda, que Lanzarote. No recordo colectivo, sempre se lembra como o membro máis valente desa irmandade de cabaleiros e como o amante de Xenevra, aínda que Lanzarote non é un dos membros orixinais da mesa redonda e o desenvolvemento da súa historia é aínda obxecto de intenso debate entre os estudosos.
As fontes principais que describen a historia de Lanzarote son:
- O cabaleiro da carreta de Chrétien de Troyes
- Lanzarote en prosa, incluído no ciclo da Vulgata.
- A morte de Artur de Sir Thomas Malory.
Lanzarote en prosa
[editar | editar a fonte]É a parte máis extensa do Ciclo da Vulgata (c. 1230), que comeza co nacemento de Lanzarote e finaliza coa súa morte tras a caída do reino. Nela queda definitivamente perfilado o personaxe e a súa historia, e pódese considerar como a referencia máis completa da súa historia.
A familia de Lanzarote
[editar | editar a fonte]O pai de Lanzarote é o rei Ban de Benwick e o nome da súa mai é Elaine. Ten un medio irmán ilexítimo, de nome Heitor de Maris; o rei Borg é tío seu e Sir Bors e Sir Lionel son os seus primos. Tivo un fillo coa filla do rei Pelles, Helena, que tamén atinxiría fama e gloria: Sir Galahaz.
A Dona do Lago
[editar | editar a fonte]O rei Ban, seu pai, estaba en guerra co reino do rei Claudas, o seu veciño, que invadindo o reino de Ban, obrigou a fuxir o rei e a raíña. Na fuxida, o rei Ban sofre un desmaio ao ver ardendo o seu palacio e por socorrelo, a raíña Elaine deixou o seu fillo, chamado até entón Galahaz, só no campo. Nese momento, apareceu a chamada Dona do Lago e raptou o neno. Desde ese momento, tomará o nome de Lanzarote do Lago (ou Lancelote do Lago). O neno foi criado no palacio da Dona, onde mostrou destrezas na aprendizaxe normal dun neno de alta liñaxe da época e no uso das armas en particular.
Mais outra versión comenta que Lanzarote foi froito do Gran Matrimonio, unión entre a Dona do Lago, Sacerdotisa de Ávalon e o rei Ban. A raíña Elaine e este foron os que criaron a Galahaz (nome que obtivo en Ávalon) xunto cos seus dous irmáns de leite Balan e Balin.
Chegada a Camelot
[editar | editar a fonte]A unha idade entre os quince e os dezaoito anos, segundo o costume dos seus tempos, o novo Lanzarote sae a percorrer o mundo co debido equipamento para alguén do seu rango e sen coñecer a súa auténtica estirpe real. Viaxa, segundo algúns escritos, acompañado dunha escolta, en pos do reino de Artur, onde por influencias da Dona do Lago, agarda ser nomeado cabaleiro.
Artur e Xenevra
[editar | editar a fonte]Unha vez na corte de Artur, este encoméndalle a misión de traer a Camelot a súa noiva, Xenevra, para a voda real. No traxecto a Camelot, porén, Lanzarote e Xenevra namóranse e desde ese momento, a vida de Lanzarote converterase nun constante conflito coa súa conciencia, dilucidando entre o seu amor pola raíña e as súas obrigacións co seu rei.
Fazañas
[editar | editar a fonte]Entre as súas numerosas fazañas, conquistaralle ás forzas do mal un castelo chamado da Garda Dolorosa (Dolorus Garde). Tras convertelo no seu fogar, cambiaralle o seu nome polo de Garda Gozosa (Joyeux Garde). Após o seu regreso a Camelot, axudaralle a Artur a terminar revoltas na súa contra e a asentar a súa posición como leal cabaleiro da corte do rei.
Elaine
[editar | editar a fonte]Nunha dos seus maiores aventuras, Lanzarote escoita o rumor de que unha doncela vive secuestrada nun castelo, e que só o mellor cabaleiro do mundo podería rescatala. Lanzarote acomete a tarefa e logra sacar do castelo unha beleza incomparábel, que resultou ser a filla do rei Pelles, Elaine. Ela enamórase perdidamente de Lanzarote, que para a súa desilusión xa fixera votos de castidade en honra da súa raíña e por lealdade ao seu rei. Así, Elaine consegue mediante un feitizo levar a Lanzarote ao seu cuarto e pasar a noite con el. Ao día seguinte, libre xa do conxuro, Lanzarote dáse conta do que sucedera e deixa o castelo abandonando a Elaine en medio da vergonza e dunha debilidade crecente no seu corpo, pois segundo o seu entender, a súa forza derivábase do mantemento dos seus votos e promesas á raíña.
Pouco despois de regresar a Camelot, chega a nova de que Elaine dará a luz un neno, ao que chamou Galahaz, o primeiro nome de Lanzarote. Ao saber isto a raíña, chamou a Lanzarote perxuro e traidor, renegando da súa pasada amizade e amor.
Desterro e desenlace
[editar | editar a fonte]Cando Artur acaba sabendo da relación que houbo entre Lanzarote e a súa esposa, condena a esta á fogueira e desterra para sempre a Lanzarote. Este, porén, regresa a Camelot e rescata a Xenevra do seu destino, matando no afán algúns dos seus antigos camaradas da mesa redonda, polo que o rei marcha na súa contra. Na súa ausencia, o seu trono é usurpado polo seu fillo ilexítmo, Mordred, quen acabará matando o seu propio pai, o Rei Artur. Xenevra, ao saber da morte do seu esposo entra nun convento, polo que Lanzarote decide converterse en ermitán, situación na que pasa até o final das súas días, só seis semanas despois de saber da morte de Xenevra no convento.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lanzarote do Lago |