Roman de Brut
O Roman de Brut é unha historia lendaria de Inglaterra escrita en anglonormando polo poeta Wace contra o ano 1155. Dedicado á raíña Aliénor de Aquitania, relata a historia dos antepasados do rei Henrique II, que se remontarían a Brutus de Troia, e ao mesmo Eneas.
Características
[editar | editar a fonte]O material narrativo do Roman de Brut está sacado da Historia Regum Britanniae de Geoffroy de Monmouth, hábil obra de propaganda destinada a asentar a lexitimidade da dinastía Plantagenet retomando a historia da illa de Gran Bretaña e facéndoa remontar á época do mítico Bruto de Troia.
A obra, como a súa predecesora latina, que gozou de grande éxito, aspira á verdade histórica, e incide na sucesión xenealóxica, sendo un relato, segundo o seu autor, de rei en rei, e de eir en eir (de rei en rei, e de herdeiro en herdeiro).
Non obstante, á parte do uso da lingua francesa, introduce algunhas importantes innovacións con respecto ao seu modelo, sobre todo canto á técnica, que fan da obra unha etapa intermedia entre o estilo historiográfico e a novela artúrica[1]. Destaca a dramatización de certas pasaxes, a inclusión de diálogos e monólogos construídos en períodos anafóricos e que poden versar incluso sobre sentimentos.
Relevante é tamén a introdución de novos termos que acabarán designando e fixando as cualidades cabaleirescas: noblesse (nobreza), corteisie (cortesía), richesse (riqueza), largesse (liberalidade) e onor (honor).
Por outra parte, o personaxe do rei Artur é, como na obra de Geoffrey de Monmouth, un guerreiro e conquistador ante todo, lonxe da imaxe cortesá, de espléndido anfitrión xusticeiro, pero ocioso, que terá na novela cortés, a partir de Chrétien de Troyes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ García Gual, Carlos Los orígenes de la novela, Madrid. Istmo, 1972