Aliénor de Aquitania
Aliénor de Aquitania[1] ou Lionor de Aquitania (en francés Aliénor d’Aquitaine ou Éléonore de Guyenne; en inglés Eleanor of Aquitaine), nada contra 1122 ou 1124 en Belin ou en Bordeos[2][3] (Ducado de Aquitania) e finada o 31 de marzo ou o 1 de abril de 1204[4] en Poitiers,[5] [6] e non na Abadía de Fontevraud, como se cita en moitos textos,[7][8] foi condesa de Poitiers, duquesa de Aquitania e Güiena, duquesa de Gascuña por dereito propio, así como raíña consorte de Francia e raíña consorte de Inglaterra. Foi a nai de Ricardo Corazón de León e de Xoán sen Terra. Durante o seu primeiro matrimonio participou na Segunda Cruzada e, á súa volta da Terra Santa, Aliénor desempeñou un importante papel na política da Europa Occidental.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Nada no 1122, Aliénor foi descendente dos nobres gobernantes do gran territorio de Aquitania, situado ó sur de Francia. A pequena Aliénor creceu baixo o amparo de titores que a dotaron do amor polas belas artes e de inmediato mostrou dotes para a música e as linguas[9].
Os quince anos, finou o seu pai Guillerme X de Poitiers e Aliénor herdou o ducado de Aquitania, moi ansiado por Francia. A causa disto, a solución máis razoable foi a de ligar ambas as liñaxes e quedou deste xeito ligado o futuro de Aliénor ó do futuro Lois VII de Francia. A voda tivo lugar o 25 de xullo de 1137 en Bordeos e como era de costume na época, as celebracións duraron varios días. A parella estivo no palacio de l'Ombrière, preto de Bordeos ata a súa partida á París. A noite de vodas, os noivos foron coroados duques de Aquitania na catedral de Saint Pierre de Poitiers.[10]. Nese mesmo ano ascenderon ó trono francés, tras a morte do rei Lois VI.
Raíña de Francia
[editar | editar a fonte]No ano 1145, Aliénor de Aquitania tivo a súa primeira filla, María, futura condesa de Champaña. As tensións entre a parella comezaron moi cedo, cando a raíña apoiou o matrimonio ilexítimo da súa irmá Petronila co conde Raúl I de Vermandois, mentres que o rei enviaba o seu irmán Roberto a invadir o condado como castigo pola bigamia do conde.
Aliénor convenceu o seu marido de participar na Segunda Cruzada (1147-1149). Antes da partida promoveu torneos para recadar recursos, recolleu doazóns e foi a todas as abadías a pedir a bendición. Acompañou o seu marido na expedición, así como outras damas da nobreza, máis ela, contaba co título de líder feudal do exército de Aquitania en pé de igualdade con outros dirixentes.
Durante a expedición, as diferenzas entre Aliénor e Lois creceron pois mentres que Aliénor desexaba a loita para reconquistar o condado de Edessa, que pertencía ó seu irmán Raimundo de Tolosa, Lois consideraba máis importante acadar Xerusalén. A discusión rematou cunha rebelión por parte dos cabaleiros de Aquitania, e o exército quedou dividido.
No 1149, Lois e Aliénor regresan a Europa, pasando por Roma onde Uxío III promoveu a súa reconciliación. A segunda filla do matrimonio, Alicia Capeto, naceu pouco despois, pero a relación xa estaba esgotada. No 1152 o matrimonio é anulado por consanguinidade e Aliénor recuperou o control dos seus territorios.
Raíña de Inglaterra
[editar | editar a fonte]O 18 de maio de 1152, Aliénor casou na catedral de Santo André de Bordeos co que sería o rei Henrique II de Inglaterra, unindo os seus dominios en Francia cos que xa posuía o seu novo marido (Anjou, Maine e Normandía alén de Inglaterra e Gales). Deste xeito formábase o chamado Imperio anxevino, no cal os reis de Inglaterra sendo vasalos do rei de Francia, controlaban un territorio oito veces maior ó controlado por Lois VII.
Deste matrimonio naceron oito fillos, cinco homes e tres mulleres. Na súa corte, establecida principalmente en Poitiers, tivo un grande auxe a literatura cabaleiresca, sendo mecenas de moitos trobadores. A existencia dunha amante do seu marido provocou o enfrontamento entre Aliénor e Henrique, e a partir de 1173 Aliénor promoveu a rebelión de tres dos fillos do rei contra o seu pai. Tras reprimir a rebelión, Henrique encarcerou a Aliénor primeiro en Chinon e máis tarde en Salisbury, onde permaneceu en arresto ata a morte de Henrique en 1189.
Viúva
[editar | editar a fonte]Á morte de Henrique II de Inglaterra o 6 de xullo de 1189, Aliénor foi liberada por orde do novo rei, o seu fillo Ricardo Corazón de León. Viaxou por toda Inglaterra e liberou os prisioneiros do antigo rei ós que mandou xurar fidelidade a Ricardo. Ela gobernou no seu nome ata comezos de 1191[12]. Cando Ricardo partiu á Terra Santa durante a Terceira Cruzada, Aliénor vai buscar a Berenguela de Navarra e condúcea en pleno inverno ata Messine, onde Ricardo se dirixía para partir cara a Terra Santa[13]. Acadárono o 30 de marzo e a voda celebrouse o 16 de maio.
Cando Ricardo Corazón de León volvía da cruzada, foi capturado en Austria. Aliénor, indignada pola falta de reacción por parte do Papa (quen protexía normalmente os cruzados), escríbelle para recriminarlle a súa actitude e pedirlle axuda para rescatar o seu fillo. Ela mesma foi quen entregou o rescate a Henrique VI, fillo de Frederico I Barbarroxa no inverno de 1193.[14].
No 1200, con oitenta anos, dá mostras dunha gran fortaleza cando decide viaxar cara a Castela, cruzando os Pireneos para escoller entre as súas netas, as infantas de Castela - fillas da súa filla Aliénor e de Afonso VIII de Castela- a que sería a esposa do fillo de Filipe II de Francia, o futuro Lois VIII. A escollida foi Branca, unha das máis célebres raíñas de Francia, rexente do reino en tres ocasións e modelo de virtude e habilidade política.
Aliénor de Aquitania finou o 1 de abril de 1204 en Fontevrault ós 82 anos. Foi sepultada alí mesmo co seu esposo Henrique II e co seu fillo Ricardo Corazón de León.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-18.
- ↑ A data e o lugar exactos do seu nacemento non se coñecen. Varios cronistas sinalan que os señores de Aquitania xuráronlle fidelidade no seun catorce aniversario, en 1136. Algunhas crónicas dan 1120 como a súa data de nacemento, pero é case seguro que os seus pais non casaron até 1121. Finalmente, outras crónicas din que contaba con trece anos cando casou, en 1137.
- ↑ Jane Martindale sostén que naceu en 1122, en "Eleanor, suo jure duchess of Aquitaine (c. 1122–1204)", no Oxford Dictionary of National Biography, 2004, Oxford University Press. ISBN 978-0-1986-1411-1.
- ↑ Marie-Aline de Mascureau, en "Chronologie", primeiramente publicada en "Aliénor d'Aquitaine", Revue 303, fóra de serie nº 81, pp. 218-223, Nantes, 2004, en Edmond-René Labande, Pour une image véridique d'Aliénor d'Aquitaine [Véxase "Bibliografía"].
- ↑ Labande 1952, p. 26.
- ↑ Flori 2004, pp. 184-185.
- ↑ Labande, Edmond-René (1973): Histoire de l'Europe occidentale XIe - XIVe s., p. 233.
- ↑ Segundo Jean Flori e Martin Aurell, a localización da súa morte na Abadía de Fontevraud, tirada da Chronique de Saint-Martial, débese a unha mala lectura de Amy Kelly. Ver a reedición do artigo de Labande, op. cit., p. 26.
- ↑ Libro: Mis Favoritos. Autor: Juan Antonio Cebrián. Editorial: La esfera de los libros. Páxinas: 69-72. Capítulo: Leonor de Aquitania
- ↑ Mascureau, in Labande, p 122
- ↑ Bonnie Wheeler & John Carmi Parsons, eds. (2003): Eleanor of Aquitaine. Lord and Lady. London: Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-1370-5262-9.
- ↑ Labande,p. 96
- ↑ Labande, p. 96-98
- ↑ Labande, p. 100-104
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aliénor de Aquitania |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bernard, Katy (2015): Aliénor d'Aquitaine. Bordeaux: Éditions Confluences. ISBN 978-2-3552-7147-2.
- Duby, Georges (1996): Leonor de Aquitania, María Magdalena. Madrid: Alianza Editorial, S. A. Col. Alianza cien, nº 99. ISBN 84-2064-699-7.
- Flori, Jean (2005): Leonor de Aquitania. La reina rebelde. Barcelona: Edhasa. ISBN 978-84-3502-675-8.
- González-Arnao Conde-Luque, Mariano (2004): "Leonor de Aquitania. Hierro y seda". La aventura de la historia, abril: 76-79.
- Kaufman, Pamela (2006): Leonor de Aquitania. Montevideo: Editorial Byblos Ltda. ISBN 978-84-6662-946-1.
- Labande, Edmond-René (1952): "Pour une image véridique d'Aliénor d'Aquitaine", Bulletin de la Société des antiquaires de l'Ouest, pp. 175-234. Reeditado en 2005, cun prefacio de Martin Aurell e unha cronoloxíua de Marie-Aline de Mascureau, pola Société des antiquaires de l'Ouest, Geste éditions. ISBN 2-8456-1224-9.
- Minella, Alain-Gilles (2007): Leonor de Aquitania. Una figura de leyenda en la época de las Cruzadas y los trovadores. Madrid: La Esfera de los Libros, S. L. ISBN 978-84-9734-650-4.
- Pernoud, Régine (1969): Leonor de Aquitania. Madrid: Espasa-Calpe, S. A. Col. Austral, nº 1454. ISBN 84-2391-454-2.
- Piquer Otero, Andrés (1999): Leonor de Aquitania. Madrid: Alderabán Ediciones, S. L. ISBN 978-84-8867-668-9.
- Segura Graíño, Cristina (2004): "Una reina independiente, Leonor de Aquitania". Historia National Geographic, maio: 76-80.
- Serrano i Òssul, Marc (2002): "Leonor de Aquitania". Historia y Vida, nº 416: 12-13.
- Villar, A. (2006): "Leonor de Aquitania, una reina rebelde". Historia y Vida, nº 463: 68-75.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Guillerme X, duque de Aquitania
- Lois VII de Francia
- Henrique II de Inglaterra
- Ricardo Corazón de León
- Xoán sen Terra
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Oulipo Le Livre d’Aliénor (en francés), (en inglés).