Saltar ao contido

Bo Johnson Theutenberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBo Johnson Theutenberg
Biografía
Nacemento1942 Editar o valor en Wikidata (82/83 anos)
Trollhättan, Suecia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndiplomático, historiador, profesor universitario, politicólogo, militar Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Estocolmo Editar o valor en Wikidata
Premios

Bo Folke Johnson Theutenberg, nado o 14 de maio de 1942 en Trollhättan, é un xurista e antigo diplomático sueco.

Consulado Xeral de Suecia en Nova York, onde Thutenberg prestou servizo en 1969 aínda como Bo Johnson.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Bo Johnson Theutenberg fixo o servizo militar na Forza Aérea e despois de completar o foi para a Escola de Oficiais da Forza Aérea, onde se graduou co grao de alférez en 1965 e chegou a maior en 1986 [1] así como o conselleiro do comandante en xefe en dereito internacional. Asemade estudou dereito na Universidade de Uppsala onde se licenciou en 1966. Tras pasar á reserva, en 1966 pasou ao Ministerio de Asuntos Exteriores, ascendeu a tenente en 1967 na reserva.

En 1982 adoptou oficialmente o apelido Theutenberg. No estudo xenealóxico Mellan liljan och sjöbladet (2008-2009), que investiga a liña familiar ata o século XIII, parece que a familia tiña como forma orixinal Tysk (latín Theotonicus).

Carreira diplomática

[editar | editar a fonte]

O seu primeiro destino foi á representación diplomática sueca en Bagdad. En 1969 o seu destino foi o consulado xeral de Suecia en Nova York e na delegación sueca diante as Nacións Unidas [2]. En 1970 volveu a Suecia, como secretario de departamento de asuntos políticos do Ministerio de Asuntos Exteriores e en 1971 prestou servizo no Instituto de Investigación para a Defensa. Doutorouse en dereito na Universidade de Estocolmo en 1972 coa tese de dereito internacional Suveränitet i havet och luftrummet, tras a que chegou a ser docente de dereito internacional nesa universidade [3] e tamén nese ano promocionou a capitán, na reserva; e comezou a dar clases de dereito internacional como docente na Universidade de Estocolmo. En 1974 asignárono á embaixada sueca en Moscova. Durante varios períodos, Theutenberg foi membro do Estado Maior da Defensa e en 1986 ascendeu a maior na reserva.

Experto en dereito internacional no seo do Ministerio de Asuntos Exteriores

[editar | editar a fonte]
Palacio Arvfurstens, sede do ministerio de Asuntos Exteriores de Suecia

En 1976 Theutenberg converteuse en xefe da asesoría xurídica en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores (UD), co cargo de embaixador desde 1982. En 1980 e 1981 como experto en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores participou nas negociacións entre o goberno sueco e a Santa Sé para o reestablecemento de relacións diplomáticas formais entre Suecia e o Vaticano, o que aconteceu en 1982, 450 anos despois da ruptura con Roma tras da Reforma. Entre os anos 1984 e 1988, combinou o posto de experto en dereito internacional co posto de profesor adxunto e interino de dereito internacional na Universidade de Estocolmo.

Durante os seus máis de dez anos como experto en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores, Theutenberg impulsou en particular cuestións de política de seguridade, como a ampliación do mar territorial sueco (1979) de 4 a 12 millas náuticas e as chamadas normas IKFN máis estritas para protexer o territorio sueco contra da invasión de submarinos foráneos. Theutenberg tamén escribiu dúas notas de protesta de Suecia á Unión Soviética, o 5 de novembro de 1981 despois de aportar un U 137 no arquipélago de Karlskrona e o 26 de abril de 1983, despois dos incidentes submarinos en Hårsfjärden no arquipélago de Estocolmo en 1982. En artigos de debate expresou a súa firme convicción de seren os submarinos soviéticos os que violaron o territorio sueco reiteradamente nos anos 70 e 80 [4].

En 1986 participou en investigacións secretas coa Unión Soviética para unha solución á disputa de 15 anos entre Suecia e a Unión Soviética sobre a demarcación da fronteira na chamada Zona Branca ao leste de Gotland, disputa que finalmente se resolveu en 1988. Despois de asumir o cargo en 1976, activou a política polar sueca, con respecto ao Ártico e á Antártida. Colaborou na planificación da expedición científica sueca Ymer 80 ao Ártico e Svalbard. Nunha conferencia na Antártida, o 10 de xaneiro de 1985, plantou a bandeira sueca no Polo Sur.

En febreiro de 1987 renunciou á súa posición como experto en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores cando non conseguiu a atención do goberno socialdemócrata á súa liña, en moitos aspectos, significativamente máis dura contra a Unión Soviética comunista. A súa "dimisión en protesta" foi noticia de primeira plana en varios xornais. En escritos e libros, volveuse contra a chamada política socialdemócrata de acalmamento cara á Unión Soviética, contra o dobre xogo da Suecia neutral na política de defensa e as relacións excesivamente íntimas da Suecia neutral cos países comunistas e os movementos de liberación marxista-leninistas. Así, opúxose aos círculos máis radicais no Ministerio de Asuntos Exteriores, onde era o principal experto do ministerio en dereito internacional e política de seguridade. Tras renunciar ao seu posto no Ministerio de Asuntos Exteriores, tamén renunciou como membro da Real Academia Ciencias de Guerra de Suecia e da Real Academia de Ciencias Navais de Suecia, onde era membro desde 1984 e 1975, respectivamente.

Últimos anos de carreira

[editar | editar a fonte]

Tras a súa dimisión como experto en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores foi entre 1987 e 1988 embaixador sueco para asuntos polares. Dirixiu a delegación sueca na reunión dos estados consultivos en París en setembro de 1988, cando se admitiu a Suecia entre os estados consultivos no Tratado Antártico de 1959 [5]. A principios da década de 1990, axudou a Letonia como experto nas negociacións do país coa Unión Soviética comunista sobre a retirada das tropas soviéticas do país. Foi profesor de dereito internacional na Universidade de Xordania en 2001. O 29 de xuño de 2003 como emisario plenipotenciario da Orde Soberana de Malta asinou un acordo co ministro de Asuntos Exteriores de Xordania sobre o establecemento de relacións diplomáticas plenas entre a Orde Soberana de Malta e o Reino Haxemita de Xordania[6]. O 8 de marzo de 2004 no Palacio Real de Ragadan de Amán, presentou as súas credenciais como o primeiro embaixador da Soberana Orde de Malta en Xordania[7]. En 2002 e 2004 foi membro da delegación da Santa Sé no Foro Internacional de Estocolmo sobre o Holocausto[8] Bo Theutenberg traballou e promoveu de varias maneiras as actividades médicas, sociais e humanitarias da Orde Soberana de Malta e da Orde Ecuestre do Santo Sepulcro de Xerusalén, sobre todo en Oriente Medio. Tamén foi chanceler da Asociación Escandinava da Orde Soberana de Malta.

En 2003 dirixiu a fundación da primeira gobernación en Suecia da Orde Ecuestre do Santo Sepulcro de Xerusalén como o seu primeiro gobernador 2003–2007. En 2012 o Gran Mestre da orde, o cardeal Edwin Frederick O’Brien, nomeouno membro do Gran Maxistrado da Orde, a dirección da orde en Roma, que ten a súa sede no antigo Palazzo della Rovere xunto á Basílica de San Pedro. Durante 2016-2017 exerceu como rexente interino para a gobernación de Suecia. Anteriormente tamén foi Cabaleiro de Graza e Devoción e Chanceler da Orde da Asociación Escandinava da Orde Soberana de Malta.

Como autor, Bo Theutenberg escribiu sobre dereito islámico, dereito internacional e política de seguridade, dereito marítimo, dereito ambiental, cuestións polares, ordes de cabalería, así como sobre a historia medieval sueca con especial atención á historia e xenealoxía do cristianismo. No ámbito do dereito internacional, tratou as condicións suecas e as cuestións específicas de Oriente Medio, como en Folkrätten i svensk utrikespolitik(2002) e Folkrätt och säkerhetspolitik (1987), pero tamén investigou o Vaticano e o dereito internacional en The Holy See, the Order of Malta and International law (2003). A Idade Media sueca e os seus homes libres (frälseätter) son tema de libros como Från den heliga graven till Västergötland (2003 - nova edición ampliada baixo o título Folkungar och Korsriddare 2006), e a crónica xenealóxica Mellan liljan och sjöbladet (2008). Tamén colaborou con artigos xenealóxicos e ensaios en varias outras publicacións da sociedade histórica diocesana de Skara.

O papel das relixións

[editar | editar a fonte]

Un dos temas principais nos seus escritos de dereito público e política de seguridade foi "O papel das relixións na política mundial", onde, coa experiencia do seu servizo na embaixada en Moscova en 1974-1976, sinalou o papel central da oposición da Igrexa católica en Polonia contra da ditadura comunista, que segundo o autor esencialmente contribuíu ao desmantelamento e á desaparición do comunismo tanto en Polonia como, finalmente, tamén na Unión Soviética e no Bloque do leste en xeral a principios dos anos noventa.

Tamén chamou a atención en libros e artigos de prensa, como o libro Islamisk rätt que publicou en 1975, sobre os cambios de política exterior e de seguridade na política mundial que se acentuaron pola transformación de Ruhollah Jomeini en 1979 de Irán nunha teocracia gobernada pola xaria. Dedicou varios libros e artigos á análise da xaria e das repercusións que este ordenamento xurídico ten no dereito internacional e nas relacións internacionais, así como os cambios que a súa aplicación poderían provocar nos distintos ordenamentos xurídicos internos nacionais. Incidiu na importancia dun maior coñecemento da estrutura da xaria e das diferentes posibilidades de interpretación, onde o Islam e Occidente tentarían aprender máis sobre os sistemas xurídicos do outro a través dun diálogo en profundidade e, así, achegarse mutuamente. Dende 1979 traballou de varias maneiras baixo o tema "Diálogo co Islam", incluíndo visitas e conferencias en varios países islámicos, como no Instituto Sueco de Alexandría, na Universidade Al Azhar do Cairo e en Cabul en Afganistán.

En decembro de 2012 publicou o primeiro volume [9] das súas memorias Dagbok från UD, que comprende un total de 5 volumes. Nesta serie reprodúcense as entradas do seu diario dende o servizo do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Defensa, así como na Universidade de Uppsala e de Estocolmo desde os anos 60 ata os 80, pero con varias perspectivas ata a primeiros do século XXI. O primeiro volume salienta, entre outras cousas, do aterramento do submarino U-137 en outubro-novembro de 1981 no arquipélago de Karlskrona, así como das violacións dos submarinos en Hårsfjärden no arquipélago de Estocolmo en outubro de 1982 e a posterior nota de protesta sueca á Unión Soviética. o 26 de abril de 1983, da que Theutenberg foi autor. Na serie tamén se abordan cuestións como o asasinato de Palme e os espías da Guerra Fría. En xullo de 2014 publicouse o volume 2 [10] da serie de memorias de Bo Theutenberg Dagbok från UD, que abarca o seu período en Defensa e Asuntos Exteriores nos anos 1962-1976, é dicir, o ano en que pasou á embaixada en Moscova como experto en Dereito Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores e desde 1982 como embaixador. No volume no 2, cóntase sobre o seu servizo na preparación para incidentes na Forza Aérea e sobre o seu servizo en Försvarsstabens Opl 2 durante a Guerra Fría, onde tivo lugar un gran traballo de intelixencia. O 20 de xuño de 2017 presentouse nunha rolda de prensa no Museo do Exército o volume 3 (810 páxinas) da serie de memorias de Bo Theutenberg Diario do Ministerio de Asuntos Exteriores, que abrangue os seus primeiros catro anos 1976-1980 como experto en dereito internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores, organizado pola asociación Öga & Öra. O primeiro capítulo deste volume 3 describe en detalle a infiltración e desinformación da KGB á que estivo exposta Suecia durante a Guerra Fría, que tivo consecuencias a longo prazo, sobre todo na forma do actual debate sobre a política de defensa e seguridade, onde a cuestión da pertenza de Suecia á OTAN aínda segue sendo hoxe, segundo Theutenberg, bloqueada polos impulsos da KGB da Guerra Fría. No segundo capítulo, descríbese o traballo de contraespionaxe co obxectivo de deter os continuos intentos de infiltración no goberno, incluído o Ministerio de Asuntos Exteriores.

  • Mare Clausum Et Mare Liberum, Comité arctique international 1981
  • Neutrality and modern technology, 1984
  • Folkrätt Och Säkerhetspolitik, Norstedt utgiven i samarbete med Kungl Krigsvetenskapsakademien, 1986, ISBN 91-1-867872-6
  • Evolution of the Law of the Sea: A Study of Resources and Strategy with Special Regard to the Polar Areas , Tycooly International 1984, ISBN 0-86346-041-0
  • The Holy See, the Order of Malta and International Law, Johnny Hagberg and Skara stiftshistoriska sällskap, ISBN 91-974235-6-4
  • Doktor Johannes Copp von Raumenthal: Ett livsöde i reformationens spår, Skara stiftshistoriska sällskap 2003
  • Från den heliga graven till Västergötland: en berättelse om korsriddarna i Forshem och Västra Tunhem, Skara stiftshistoriska sällskap 2003, ISBN 91-974235-7-2
  • Palestine, Iraq and International Law, B. J. Theutenberg 2003, ISBN 91-631-4097-7
  • Mellan liljan och sjöbladet: gamla släkter i Västergötland, Skara stiftshistoriska sällskap 2008, ISBN 91-977365-2-X
  • Mellan liljan och sjöbladet: källor, bilagor och register, Skara stiftshistoriska sällskap 2009, ISBN 91-977366-1-9
  • Dagbok från UD. Vol. 1 - Högdramatik i UD - Ubåtar, protestnoter och annat (1981-1983), Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2012
  • Dagbok från UD Vol. 2 Men hur började det då? : neutraliteten - NATO : i kommunismens Moskva - KGB (1962-1976), Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2014
  • Dagbok från UD Vol. 3 (1976-1980) : KGB-infiltrationen - ny polarpolitik - Palestina-Israel - dialogen med islam, Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2017
  • Mellan Liljan och sjöbladet: Om goter, geater, hunner och Göta rike, Skara stiftshistoriska sällskap, 2017
  • Dagbok från UD Vol. 4 (1981-1985) : Ryska björnens järngrepp om Sverige, Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2018
  • Dagbok från UD Vol. 5 (1986-1988), Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2020
  • Palme omvärderad? : dagbok från UD och mordet på Sveriges statsminister, Stockholm Institute of International Law Arbitration and Conciliation, 2023
  1. Bogdan, Michael (1987). "BO JOHNSON THEUTENBERG. Folkrätt och säkerhetspolitik. Norstedts i samarbete med Kungl. Krigsvetenskapsakademien 1986. 596 s.". Svensk Juristtidning. 1 (1987): 211. 
  2. P. A. Norstedt & Söners Förlag (1985). Vem är det: Svensk biografisk handbok. p. 566. 
  3. Sandgren, Claes (2007). Juridikavhandlingar vid Stockholms universitet 1957-2006. 
  4. Theutenberg, Bo Johnson (2012). Dagbok från UD 1. p. 85. 
  5. Ministry for Foreign Affairs/ Utrikesdepartementet (1988). Documents on Swedish Foreign Policy 1988. p. 185. 
  6. "Stabilite piene relazioni diplomatiche tra l’Ordine di Malta e la Giordania". Sovrano Ordine di Malta. 2 de xullo de 2003. 
  7. "Relations with Jordan". Embassy of the Sovereign Military Order of Malta to Jordan. 
  8. "BO THEUTENBERG – Member of the Grand Magisterium" (PDF). Newsletter OESSH (4/2012). 12 de xuño de 2012. 
  9. Bo J Theutenberg, Dagbok från UD, Volym1, Högdramatik i UD, Ubåtar, protestnoter och annat (1981-1983), Skara 2012, ISBN 978-91-980790-0-5.
  10. Bo J Theutenberg, Dagbok från UD, Volym 2 (1962-1976), - Men hur började det då? – Neutraliteten – NATO. I Kommunismens Moskva – KGB. Skara 2014, ISBN 978-91-980790-2-9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]