Bosque primario
Un bosque primario, primixenio ou virxe é unha extensión considerábel de masa forestal que permaneceu intacta: case nunca foi explotada (ou foi moi pouco explotada), fragmentada ou influída polo ser humano e as súas actividades,[1] polo tanto, ningún outro tipo de bosque ou plantación posúe a riqueza biolóxica ou a importancia ecolóxica dos bosques primarios. Este tipo de bosques representan un 65 % da diversidade terrestre, a pesar dos danos prexudiciais que sufriron.
Actualmente os bosques primarios están desaparecendo de forma rápida e irreversíbel. O 80 % destes ecosistemas xa foron destruídos ou alterados, e o 20 % restante está ameazado por diversas causas: explotación forestal ou petrolífera, minaría, construción de encoros e estradas, e a expansión da agricultura e a gandaría.[Cómpre referencia]
O bosque primario máis extenso do planeta Terra é a Selva Amazónica. Segundo Greenpeace, no Mioceno estes bosques cubrían case a metade da superficie terrestre, pero hoxe só queda unha quinta parte do bosque orixinal intacto (un 7 % de toda a superficie).[2]
Non todos os "bosques antigos" son primarios; son denominados bosques secundarios os rexenerados hai moito tempo sobre un bosque antes destruído, significativamente modificado ou explotado polo home. Estes non chegan a ter o grao de biodiversidade, é dicir, a riqueza de especies, dos bosques primarios.[1]
Para que un terreo forestal poida ser considerado como "primario" debe ser o suficientemente extenso como para garantir a supervivencia de poboacións viábeis de todos os seres vivos, incluídas especies migratorias, sen verse afectadas pola acción humana. Aproximadamente 150 millóns de persoas viven no día de hoxe en bosques primarios.[2]
Características comúns
[editar | editar a fonte]Ningún bosque primario é igual a outro, porén, todos teñen moito en común. Moitos funcionan como fogar de pobos indíxenas, e todos son imprescindíbeis para a supervivencia de numerosos tipos de plantas, animais ou outros organismos, e serven para a regulación do clima mundial. Unha vez destruídos, perden inexorabelmente estas condicións.
Tipos de bosques primarios
[editar | editar a fonte]Os sete grandes tipos de bosques primarios do planeta son os seguintes:
- O bosque tropical amazónico.
- A xungla do sueste asiático.
- As selvas tropicais de África Central.
- Os bosques primarios de Norteamérica.
- Os últimos bosques primarios europeos en Escandinavia, na península Balcánica e na Europa Oriental.
- Os últimos da taiga siberiana.
Localización
[editar | editar a fonte]Os tres grandes grupos de bosques tropicais primarios, que reúnen polo menos dous terzos de todos os bosques primarios do planeta, sitúanse en:
- A Amazonia (Suramérica).
- A Selva ecuatorial ou do Congo (África).
- A Selva de Malesia.
Cerca do Brasil, a Güiana Francesa, departamento francés de ultramar, con máis dun 90 % de bosques primarios, representa unha das zonas máis vastas.
Por outro lado, a Patagonia (Chile e a Arxentina), Tasmania (Australia), o Estado de Washington (Estados Unidos) e a Columbia Británica (Canadá) posúen os principais bosques primarios.
En Norteamérica
[editar | editar a fonte]En Norteamérica pódense observar algúns bosques que aínda se encontran en estado primario, como os bosques das montañas Lapachares e os bosques dos vales do río Hoh nos Estados Unidos. No Canadá, os bosques de coníferas (taiga) e algúns bosques de frondosas.
En Europa
[editar | editar a fonte]Sobre este continente, dos grandes bosques da antigüidade (Bosques das Ardenas, Bosque Hercínico), só subsisten algúns bosques tales como o de Białowieża en Polonia, Perućica en Bosnia e Hercegovina ou tamén no extremo Norte de Escandinavia.
Na Península Ibérica
[editar | editar a fonte]Na Península Ibérica non quedan bosques primarios.[5] Porén, existen pequenas superficies de bosque intacto en zonas dos Pireneos ou na cordilleira Cantábrica, pero estes reductos son demasiado pequenos para ser considerados bosques primarios.
En Galicia
[editar | editar a fonte]En Galicia, úsase a voz fraga para designar unha zona pechada de monte polo xeral illada e de difícil acceso, poboada por diversas especies de árbores caducifolias, caprifoliáceas, herbas, musgos, fentos e liques na que convive tamén unha gran diversidade de fauna. Son bosques que se conservan en estado case virxinal, pero que non son cientificamente considerados, por moitos botánicos, como bosques primarios, pero algúns considéranos así, porque foron moi pouco tocados pola man do home, e pouco explotados ou fragmentados.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Bosque Primario en EcuRed. Consultado o 28 de novembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Greenpeace denuncia la destrucción de los bosques primarios y de los océanos y pide su protección. Greenpeace. Comunicado de prensa. 21 de maio de 2015. Consultado o 28 de novembro de 2022.
- ↑ Potapov P. et al. (2008): "Mapping the World’s Intact Forest Landscapes by Remote Sensing". Ecology and Society 13 (2): 51.
- ↑ FAO 2020.
- ↑ "Salvemos nuestros bosques". Greenpeace.com. Consultado o 28 de novembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bosque primario |
Bibiliografía
[editar | editar a fonte]- FAO (2020): The State of the World’s Forests. Roma: FAO. ISBN 978-92-5132-707-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Intact Forest Landscapes. Category:Primeval forests